Paco Nogueiras actuará hoxe martes, 21 de maio, ás 18.30 na Biblioteca Pública Municipal de Tui nunha novas actividade de animación á lectura dirixidas aos rapaces e rapazas dende 5 a 10 anos. Este evento forma parte daprogramación de “Tui en letras” que promove a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade.
Con “Extra!” chega un dos últimos traballos, un “xornal musical”, que Paco Nogueiras (Premio Martín Códax da música infantil) ideou para compartir cos rapaces e as familias. En EXTRA! os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. Como subliña na súa presentación PacoNogueiras: “EXTRA! convídate a conectar co mundo e transformar a realidade en canción. Quen dixo que non se poden cantar as noticias? E bailalas? En EXTRA! pódese. E cantos/as máis sexamos, moito mellor. Melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que convidan á participación do público. EXTRA! é alegría, diversión, imaxinación e información”.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, indica que con esta nova actividade vaise completando o programa de “Tui en Letras” que promove diversas actividades de achegamento ao libro, a lectura e o idioma galego para os distintos segmentos de idade. A vindeira cita será este sábado, 25 de maio, coa celebración no céntrico Paseo da Corredoira da XXV edición da “Feira do Libro galego” que tivo que ser aprazada da súa data tradicional, o 17 de maio – Día das Letras Galegas, polas inclemencias do tempo.