O Concello de Ponteareas lanza a primeira edición do concurso Balcóns Floridos, unha competición na que se valorarán as distintas decoracións florais dos balcóns da vila para incentivar a decoración das vivendas e recibir ao Corpus Christi. O certame xorde como unha iniciativa coa que poder reforzar o lazo entre a veciñanza e os espazos da vila mediante unha ornamentación acorde ás tradicións locais.
No acto de presentación do concurso, participou a alcaldesa, Nava Castro; a edil de Medio Ambiente, Silvia Fernández e o director da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Ambas institucións asinaron un convenio para este concurso no salón de plenos.
O xurado estará formado por un total de sete persoas: dous representantes do movemento Vilas en Flor de Galicia; o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega; un profesor experto en materia paisaxística da USC; a alcaldesa, Nava Castro; a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández e un técnico medioambiental do concello.
Haberá tres premios e un específico para os balcóns das vivendas situadas nas parroquias da vila. O primeiro estará dotado de 200 € máis un vale para produtos de xardinería por valor de 50 €; o segundo terá unha dotación de 150 €, e un vale para produtos de xardinería tamén por 50 €; o terceiro recibirá unha cea para dúas persoas nun restaurante da vila, así como un vale en produtos de xardinería con valor de 25 €. Pola súa banda, o balcón gañador na categoría de parroquias recibirá o mesmo recoñecemento que aquel que acade o primeiro posto.
Para participar, abonda con ser propietario ou arrendatario dunha vivenda que conte cun balcón ou unha ventá con vistas á rúa. Para gañar, teranse en conta varios criterios estilísticos e ornamentais, como o deseño, a orixinalidade ou o cromatismo, pero tamén serán de relevancia variables relacionadas coa sustentabilidade.
As inscricións estarán abertas ata o próximo día 30 de maio, e poderán facerse a través dun formulario dispoñible na web do Concello ou tamén nesta ligazón. Tamén será posible apuntarse de maneira presencial no rexistro do Concello en horario de 09:00 h a 14:00 horas de luns a venres.