O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de facer pública unha nota de prensa na que alerta sobre o feito que “a Senda do Trega esta cada dia máis lonxe de ser unha realidade” e lembra que o anterior goberno que presidia Antonio Lomba, tiña destinada unha partida para esta actuación. O PSOE fai fincapé que a traves do Plan de Turismo, “a través do que acadamos 1.000.000 € para diversas iniciativas en materia de turismo incluíase, entre outras, esta senda”.
E agora, “observamos con estupefacción como desde o Concello decídese que a cantidade coa que se pretendía dar inicio aesta obra, crucial para A Guarda e Camposancos tanto a nivel turístico como a nivel de seguridade viaria, se vai a destinar a facer unha obra que desde logo non ten a urxencia nin a importancia que pode ter a da senda arredor do Trega” apuntan as e os socialistas guardeses.
No seu comunicado o Grupo Municipal Socialista explica que dediciuse apostar por esta actuación porque a Xunta de Galicia, ente a quen realmente lle compete levar a cabo esta obra, “leva incumplindo ao longo dos últimos anos e de forma reiterada, as súas promesas de construíla”.
Xa en 2018 o Director Xeral de Infraestruturas de Xunta, aseguráballe a Antonio Lomba que sacarían unha liña de subvencións para sendas que nunca chegou a publicarse. En 2020 a Conselleira de Infraestruturas (Ethel Vázquez) comprometíase tamén, neste caso, a valorar incluír a senda nun Plan de Sendas do Baixo Miño a través de fondos europeos (FEDER 2021-2027), promesa que, afrima o PSOE guardés “volveu a incumprirse”.
En vista dos antecedentes, os socialistas decidiron reservar unha partida orzamentaria para a senda dentro do Plan de Turismo, para desta forma, dar inicio ás obras e forzar á Xunta de Galicia a destinar fondos para a mesma, replicando a mesma estratexia que se seguira coa reforma do Pavillón Municipal, para o que ao principio a Xunta non quixo destinar nin un euro, e logo, “unha vez o Concello e a Deputación puxeron fondos, viuse obrigada a facelo”, explican.
O Partido Popular publicaba unha nota de prensa en novembro de 2023 “sacando peito” porque Ethel Vázquez tamén lles prometera incluir a senda nos próximos fondos FEDER “sónanos esa resposta” afirman irónicamente os socialistas que engaden “o que polo de pronto nos di que, como mínimo, ata despois de 2027 a Xunta non prevé en ningún caso, abordar esta obra… se é que realmente a inclúe, cousa que, visto o visto, xa dubidamos”.
“Preto de cumprirse un ano deste novo goberno, non deixamos de asombrarnos coa falta de consideración cara á cidadanía e o pouco sentido común que aplican ás súas políticas”, conclúe o grupo municipal socialista da Guarda.