Do 29 de maio ao 2 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca, onde a tradición e a mellor oferta musical van da man. A concellería de Cultura, que xestiona Rita Pérez Táboas, ofrece unha ampla programación con cinco días de festexos onde as tradicional Danza das Espadas e as Penlas serán as protagonistas xunto coas alfombras florais.
Rita Pérez, sinala que a esta tradición secular “súmase unha potente programación musical, cunha ampla oferta de grupos e estilos que van desde a música tradicional galega, ata o pop e o rock, con grandes apostas como Revólver ou Reincidentes, pasando polas grandes orquestras e verbenas”. O programa completo pode descargarse dende esta ligazón.
O mércores os concertos correrán a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela e o grupo América de Vigo. O xoves, festividade da Coca en Redondela, as citas serán co grupo folclórico Anaquiños e a orquestra Cinema. O venres, como vén sendo tradición nos últimos anos, a noite está reservada para os amantes do rock co programa Rock Redondela e as actuacións dos grupos locais Chocolate Sexy, Volvoreta e RMS e o peche cos sevillanos Reincidentes, autores de grandes éxitos do punk rock como “Vicio”, “Grana y oro” ou “Ay Dolores”.
O sábado o público poderá gozar do concerto de Revólver, liderado polo artista Carlos Goñi. A banda fará unha parada en Redondela dentro da súa xira “Playlist Tour” cun concerto no que os asistentes vibrarán ao ritmo de grandes éxitos como “El roce de tu piel”, “Si es tan solo amor” ou “Faro de Lisboa”, xunto cos temas do seu último disco, no que presentan versións de grandes éxitos da música en español con temas de Pereza, Amaral e Elefantes, entre outros.
A orquestra Galilea e o pica discos Rodri Vegas completarán a oferta musical da noite. Xa o domingo as festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela e a orquestra La Fórmula, cunha espectacular posa en escena cos seus 24 integrantes que prometen un gran show.
A alcaldesa salienta tanto a calidade da programación musical como “a aposta decidida deste goberno polos grupos e artistas locais, que estarán presentes en toda a programación, xa que Redondela ten moito talento e é a nosa obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como as novos valores da música local”.
Homenaxes a alfombristas, bailaríns e relevo das Penlas
A Festa da Coca comezará o mércores, día 29, ás 17.45 co desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila xunto ao grupo de gaitas Airiños de San Simón. A orquestra de Saxos actuará ás 19:30 na Praza do Concello e a inauguración oficial da festa será ás 20:00 coa lectura do pregón a cargo de Sonia Carrera Piedras, unha veciña que durante anos bailou como “burra” na tradicional danza das Penlas. A continuación celebrarase o acto solemne de relevo das Penlas, con Elena Iglesias Estévez e Leire Piñeiro Lalín. Celebrarse tamén a homenaxe ás persoas que traballaron nas alfombras florais: Cristina Rodríguez Miñán, Gerardo Fernández, Claudina Barros Vázquez, Mari Luz Iglesias López, María Ricón Tomé, Nieves Fernández Pazos, Maritina Lores e Jose Carlos Balea Rodríguez. A homenaxe aos bailaríns da Danza das Espadas será para Olimpio e Pablo Giráldez Río, e realizarase tamén a homenaxe ao mordomo Benito Dosantos Gómez antes de proceder ao acendido da iluminación da festa.
Danza das Espadas e as Penlas
Os actos do xoves, festividade da Coca, comezarán ás 11.00 co traslado da Virxe “A Gabacha” da Igrexa de Vilavella á Igrexa de Santiago de Redondela, acompañado pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Redondela.
Ás 12:00 será o desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas Son do Castro. A Misa Maior será tamén ás 12:00 na Igrexa de Santiago de Redondela. Ás 13:00 horas será a procesión polas rúas, decoradas con alfombras florais, acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza da Constitución.
O domingo, día 2 de xuño, o desfile da Coca será tamén ás 12.00 cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas do Carballo das Cen Pólas. Tamén ás 12:00 será a misa na Igrexa de Vilavella, coa posterior procesión polas rúas de Vilavella decoradas con alfombras florais e acompañada pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Chapela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia.
Balonmán na rúa
O deportes tamén estará presente na programación coa competición “Balonmán na rúa” o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao.