A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar a súa 32 edición cunha morea de actividades para todos os públicos e con máis horas que nunca. Do 12 ao 14 de xullo a Praza do Calvario aglutinará boa parte da actividade dunha feira que de novo maridará a enoloxía coa música, actividades para desfrutar en familia, exposicións e actividades didácticas, gastronomía e moita diversión co sector vitivinícola como eixo central.
“O viño forma parte da nosa idiosincrasia, da nosa identidade, da nosa orixe, pero tamén é un sector estratéxico que non só imprime calidade a cada un dos seus produtos, senón que tamén xera emprego e riqueza no Rosal”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Como novidade, a feira abrirá as súas portas o venres 12 de xullo cun acto inaugural que se celebrará ao mediodía na propia Praza do Calvario e que dará o pistoletazo de saída a tres días cunha morea de actividades programadas e dirixidas a todos os públicos. Xunto a concertos, actividades para nenos e nenas e outra relacionadas cos viños, este ano cobrará especial relevancia o escape room que se celebrará no Calvario ao abeiro do proxecto Eureka Reto Rural, unha iniciativa de EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que busca ofrecer experiencias turísticas diferenciais coas que ir descubrindo os segredos do territorio.
Ambientado no sector vinícola, esta actividade será o venres 12 ás 19.30 horas e ofrecerá unha inmersión interactiva na riqueza cultural e histórica rosaleira deseñada para todos os públicos e totalmente de balde. Pensada para facer en grupo ou de forma individual, con nenos menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta, as e os participantes percorrerán os arredores da Praza do Calvario móbil en man resolvendo retos, enigmas e probas que irán atopando ao longo de todo o percorrido circular. O equipo que complete o desafío en menos tempo gañará unha experiencia para seis persoas para desfrutar de produtos e vivencias únicas noutro dos municipios do territorio de EuRurale do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse na web.
En breve publicarase máis información relativa á programación detallada da XXXII Feira do Viño do Rosal.