Grandísimo éxito de acollida da Festa da Crianza de Xoaninhas Crianza Respetuosa, que reuniu na área recreativa das Aceñas a nenos, nenas e maiores para celebrar un día en familia. As e os participantes desafiaron ao mal tempo para gozar dunha xornada chea de actividades e que contou tamén coa presenza de postos de artesanía e comida, así como do grupo local de apoio a Palestina, a cooperativa Miudinho e a Escola Semente de Vigo.
A mañá comezou con bo tempo e o obradoiro de ioga deu o pistoletazo de saída ao evento cunha ampla participación. Despois, mentres a organización preparaba un xantar popular composto por arroz vexetal cociñado con produtos ecolóxicos e de proximidade, Cé Orquestra Pantasma poñía a nota musical á festa animando a grandes e pequenos a bailar e cantar.
Aínda que o tempo comezou a mudar e unhas nubes ameazaron con empañar a festa, pola tarde celebrouse de forma paralela o obradoiro de arxila, no que a rapazada puido plasmar a súa imaxinación no barro, e a xuntanza sobre crianza, na que participaron diferentes representantes da propia asociación, así como membros da Escola Semente de Vigo, da cooperativa Miudinho e público xeral.
Xa durante o roteiro de exploración da natureza dirixido pola axencia ambiental Biophilia, a ameaza de choiva converteuse nun feito, obrigando ás persoas asistentes a refuxiarse e abandonar o lugar e a suspender a foliada con varios músicos de Trebón dos Xidos prevista para pechar a festa.
A pesar do inesperado final, a festa deixou ganas de máis e con idea de repetir en vindeiras edicións. Como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a pesar da choiva a xornada foi todo un éxito e demostrou o grande interese e compromiso de rosaleiros e rosaleiras coas iniciativas culturais e educativas”.