19.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Xullo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasLópez Campos resalta a “máxima protección” do Corpus de Ponteareas no seu...

    López Campos resalta a “máxima protección” do Corpus de Ponteareas no seu primeiro ano como BIC

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste á ofrenda floral en homenaxe aos alfombristas falecidos

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe nun dos actos do Corpus Christi de Ponteareas, a ofrenda en homenaxe aos alfombristas falecidos, na que é a primeira edición que se celebra como festa declarada Ben de Interese Cultural, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de maio. 

    O responsable de Cultura da Xunta, José López Campos, resaltou a “máxima protección desta festa polo seu valor artístico e cultural, que vai máis alá do ámbito relixioso e se vincula coa cultura popular”. Nesta liña, engadiu, “a declaración como BIC vén recoñecer, ademais dos rituais e cerimonias, todo un conxunto de técnicas artesanais e sabedoría popular sobre a natureza e o campo que temos a responsabilidade de conservar”.

    Ademais, o conselleiro de Cultura tamén asistiu no auditorio Reveriano Soutullo ao acto de entrega das medallas do Corpus Christi, que contou coa actuación do cantautor Amancio Prada, e co que vai finalizando unha programación que comezou o sábado pasado con 29 alfombras florais na rúa.

    Sobre a festividade

    O Corpus Christi é unha festividade católica medieval baseada no culto á eucaristía, unha tradición que foi adoptando elementos populares folclóricos e do ciclo agrario, e que en Ponteareas adquire elementos diferenciables do carácter popular galego. As alfombras de flores son o seu punto máis representativo e recoñecible.

    Nesta declaración como Ben de Interese Cultural, valórase o proceso de creación do conxunto ornamental, alfombras florais, cruceiros vexetais ou altares que conforman todo un conxunto de arquitecturas efémeras.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.