Martes, 6 Maio de 2025

Areeiro advirte do “elevado risco” de aparición do mildeu

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu aviso fitosanitario semanal que á primeira mancha de mildeu detectada nunha parcela do Rosal o pasado martes, hai que sumarlle xa dúas máis en sendas parcelas do Salnés. Os técnicos da EFA indican que, aínda que no resto de fincas non se detectaron de momento síntomas desta enfermidade, espérase que aparezan nos próximos días.

Esta previsión realízana atendendo á meteoroloxía pasada e á prevista para os vindeiros días con subida das temperaturas mínimas. Ante esta situación, o persoal técnico de Areeiro recomenda que naquelas viñas onde aínda non se aplicase ningún tratamento, se debe incrementar a vixilancia e revisar minuciosamente as plantas na procura da primeira mancha.

No caso de que non se fagan revisións, a recomendación é a aplicación de tratamento para evitar problemas futuros. No caso de viñas nas que xa se aplicase un primeiro tratamento, insisten na necesidade de vixiar o estado das plantas, aínda que, en principio, non se espera que presenten síntomas. Desde a EFA tamén indican que como nestes primeiros tratamentos se están aplicando funxicidas sistémicos ou tamén penetrantes que soen ir acompañados cunha materia activa de contacto, para aproveitar ben a acción desa materia activa é necesario asegurarse de mollar ambas caras das follas.

Segundo explican desde a EFA, desde a emisión do anterior aviso fitosanitario semanal, do 17 de abril, houbo unha variedade de condicións climáticas que incluíu, dunha banda, algunhas xornadas, como a pasada fin de semana, con temperaturas medias e máximas moi elevadas e ausencia de choivas e humidade foliar; e doutra, como case toda a semana, choivas máis ou menos intermitentes acompañadas dun descenso notorio nas temperaturas, especialmente as nocturnas, que se mantiveron na contorna dos 6-8 ºC. Aseguran que esta situación deu lugar, tamén, a un diferente nivel de risco de infección por mildeu segundo o período. Tamén indican que no momento de emisión deste aviso, as axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden estritamente no seu prognóstico para os próximos días pois, aínda que todas falan dunha melloría na climatoloxía, algunhas aínda manteñen períodos con probabilidade de precipitación maior do 60% algún día.

En canto á botrite, indican que en moitas zonas houbo diferentes episodios de sarabia e ventos fortes que produciu roturas de follas e gromos o que fará que, co transcurso do tempo desde que se producen esas lesións, vaian aparecendo tecidos necrosados sobre os que se pode instalar este fungo. Aseguran que nesta semana xa se observaron necroses nalgunhas fincas, pero non esperan que teñan incidencia debido a que a maioría das previsións meteorolóxicas apuntan para a próxima semana unha climatoloxía máis seca. En todo caso, explican que se se aplica un produto que leve folpet na intervención fronte ao mildieu, diminuirá aínda máis o risco de botrite.

Á marxe da viña, o aviso fitosanitario tamén inclúe recomendacións salientables como renovar o tratamento fronte á lepra das árbores froiteiras de óso; renovar o tratamento fronte ao mildeu da pataca, sobre todo despois destes días de humidade e ante a previsión do incremento de temperaturas; e a aplicación de tratamento para o fungo ‘Phytophthora spp’ dos cítricos –só no caso de que a enfermidade estea confirmada–, e controlalo evitando acumulacións de auga na zona radicular e, se hai froitos afectados, retirándoos e eliminándoos.

Alfombristas de Ponteareas deseñarán e participarán na elaboración da ‘Flower Carpet’ de Bruxelas

A Asociacion de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas vén de conseguir que o Concello de Bruxelas aprobe o proxecto sobre o ‘Camiño de Santiago’ presentado pola asociación ponteareá para o deseño da alfombra floral de 1.800 m2 que cubrirá a Grand Place de Bruxelas entre os días 13 e 16 de agosto de 2020, cun deseño elaborado por Andrea Estévez Fernández e Miguel Angel Garcia Correa.

O deseño plasma elementos típicos do Camiño de Santiago, pois o ano 2021 será Ano Santo Xacobeo, e o Camiño de Santiago percórreno todos os anos centos de miles de peregrinos chegados de todas as partes do mundo. Isto supón unir a Bruxelas, capital de Europa, e a Santiago de Compostela, capital espiritual de Europa. Dúas cidades que viven ao redor dun praza, a Grand Place e a Praza do Obradoiro, e un camiño que as une.

O Ano Santo Xacobeo inaugúrase coa cerimonia de apertura da Porta Santa o 31 de decembro do 2020. “Queremos pois, que a Brussels Flower Carpet 2020 sexa esa porta simbólica que inaugure o próximo Ano Santo Xacobeo en toda Europa”, apuntan dende a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas que subliñan o feito de que, con esta iniciativa, “tamén unimos dúas tradicións de alfombristas, a Brussels Flower Carpet, o soño de Etienne Stautemas, e a tradición bicentenaria das alfombras que para o Corpus Christi fanse en Ponteareas”.

A Asociacion de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas quixo agradecer “o apoio incondicional da Xunta de Galicia e do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González; da directora de Turismo de Galicia, Maria Nava Castro Domínguez; a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón; a directora da Fundación Galicia Europa, con sede en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa; do parlamentario galego, Francisco Millan Mon, e do Concello de Ponteareas por crer todos no noso proxecto”.

Finalmente a Asociación ten hoxe unha especial lembranza para “Xiana Vilar Sopeña, bolseira da Fundación Galicia Europa, tristemente falecida, quen nos axudo e orientou na consecución deste soño”.

Olga Alonso e Modesto Pose apoian a Lomba na procura dunha solución á Lamiña

0

Olga Alonso e Modesto Pose participaron este mércores nun encontro organizado pola agrupación municipal socialista da Guarda na que brindaron o seu apoio ao actual alcalde e candidato á reelección, Antonio Lomba, para buscar unha solución á praia da Lamiña. 

Como expuxo o alcalde, que se mostrou agradecido pola visita de Alonso e Pose á vila, “solemos facer alegacións aos Orzamentos xerais” ao ter o Estado competencias en diferentes ámbitos que afectan á vila. Un destes temas refírese á situación do litoral da Lamiña, na desembocadura do Miño, dependente de Costas do Estado ao tratarse de territorio fronteirizo.

“Nós reclamamos unha actuación de emerxencia que aínda non se produciu”, defendeu Lomba. “Temos claro o que hai que facer alí, unha escollera permanente que evite o continuo deterioro do litoral e que rexenere a praia”, sinalou, mostrándose seguro de que con un Goberno socialista “que gañe con suficiente folgura como para gobernar” haberá colaboración entre ambas administracións para axilizar este proxecto. Lomba quixo recordar ademais que este deterioro que sufre o litoral “pode rematar provocando unha modificación da liña de fronteira entre España e Portugal” debido á perda de territorio.

“Desde aquí mostramos o noso compromiso a trasladar as reivindicacións da veciñanza ás institucións do Estado”, asegurou a cabeza de lista ao Congreso. Alonso explicou que manter o goberno socialista de Pedro Sánchez votando socialista o próximo domingo asegura “máis apoio desde Madrid para as demandas desta vila, porque alí estaremos as e os deputados socialistas para asegurarnos dilo”.

“Queremos que o cambio siga durante catro anos máis”, sentenciou Alonso, que puxo como exemplo a figura de Antonio Lomba e as transformacións levadas a cabo polos gobernos socialistas na Guarda. Unha afirmación que apoiou o actual senador e candidato á Camara Alta, Modesto Pose. “Lomba é un magnífico alcalde”, sentenciou.

“A Guarda é un pobo co que as e os socialistas sempre estivemos comprometidos”, defendeu o candidato ao Senado, que puxo como exemplo os investimentos levados a cabo polo goberno de Emilio Pérez Touriño. Pose apelou ao “namoramento” mutuo entre as e os guardeses e o Partido Socialista, “un partido imprescindible” para entender a historia deste país. “Esperemos que o próximo domingo e dentro dun mes, nas eleccións municipais, siga sendo así”, finalizou.

Mozos e mozas de Oia, protagonistas dun videoclip contra o acoso escolar

0

Mozos e mozas de Oia protagonizan o videoclip da canción You’re not Alone, no que se aborda a problemática do bullying. Este vídeo musical, de recente lanzamento, é o resultado da colaboración dos DJs e produtores baioneses Ludwig Van Brothers en e a cantante Annie Rose. A canción quere enviar a mensaxe de que, ante calquera dificultade debemos seguir a nosa forza interior, porque non estamos sos.

Partindo desta reflexión, o videoclip céntrase na problemática do acoso escolar e ten como protagonistas a un mozo e a unha moza de diferentes idades.

Realizado e producido por Samaín Producións, o audiovisual é froito de varias sesións de gravación desenvolvidas durante o pasado mes de marzo en diversos puntos de Oia e Baiona. Entre as localizacións escollidas para a rodaxe destaca o CEIP Mestre Manuel García (situado na parroquia de Santa María de Oia), así como varios puntos da costa de ambos municipios.

“Non estás só/soa”
Cun estilo musical electro house de festival, o tema You’re not Alone (non estás só/soa) xorde da colaboración de Ludwig Van Brothers e a cantante Annie Rose, quen tamén é responsable da letra. O videoclip foi lanzado o pasado venres 19 en plataformas dixitais.

Ponteareas da por rematado o acondicionamento do aparcamento de Granitos de Galicia

O Concello de Ponteareas vén de dar por rematados os traballos de acondicionamento do novo aparcamento municipal ubicado no solar da antiga empresa Granitos de Galicia e Aceros del Tea. O estacionamento, inicialmente, contará con 61 prazas, dúas delas para persoas con mobilidade reducida e catro para motos. A concelleira de Vías e Obras e tenente de alcalde, Chus Garrote, adiantou xa que a instalacion ampliarase próximamente duplicando o número de prazas iniciais.

Este novo equipamento é unha realidade tras lograr o Concello a cesión de 7.300 m2 do solar das empresas, que pasará a ser propiedade municipal no intre da aprobación do PXOM. A cesión inclúe tamén o antigo edificio de Aceros del Tea. Esta actuación axudará a desconxestionar o centro de Ponteareas ofrecendo unha alternativa de estacionamento nun lugar estratéxico.

A tenente de alcalde, Chus Garrote, lembrou que “no futuro o espazo poderá albergar un aparcamento soterrado e, na superficie, zonas verdes, destinándose o edificio de Aceros a uso público”.

Máis de 800 participantes de tódalas idades daranse cita na VII Corre X Salceda

O vindeiro domingo 6 de maio Salceda de Caselas acollerá a VI edición da carreira popular que cada ano percorre o municipio, organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coas Escolas Deportivas. Baixo o nome ‘Corre X Salceda’, a proba servirá para que os participantes poidan coñecer os espazos naturais de Salceda, así como os diferentes tramos de sendas polos Ríos Caselas, Lagoela e Landres. A concelleira de Deportes, Carla Pérez, quixo agradecer “especialmente” a colaboración de Luis Manuel Rodríguez Cabaleiro, “figura fundamental na organización deste evento”.

Para a categoría absoluta, con saída ás 10:30, os/as participantes poden elexir entre facer 5 ou 10 km. Os/as nacidos/as entre 2004 e 2006 terán un circuito de 2.500 metros, 1.000 metros para os/as nacidos/as entre 2.007 e 2.009, 500 metros para os/as nacidos/as entre 2.010 e 2.012, 150 metros para a categoría “Pitufos A”, que engloba aos nenos e nenas nacidos entre 2.013 e 2.015, e 100 metros para os “Pitufos B”, nacidos en 2.016 e 2.017 . Todas as categorías realizarán a súa saída dende a Praza do Concello. Ademáis, no caso das categorías inferiores, todas elas contan con un percorrido accesible para persoas con mobilidade reducida.

Atletas chegados/as dende toda a xeografía galega teñen confirmado xa a súa presenza nesta proba, que cada ano está contando con máis de 800 participantes. Para poder inscribirse pódese facer a través da páxina www.deportesalceda.gal, aboando unha cuota de 7 euros para as categorías absolutas, e coa aportación de productos de desaiuno para o Programa de Alimentos Municipal as categorías inferiores. Os dorsais poderanse recoller o venres 3 no Decathlon de Puxeiros, o sábado 4 no Pavillón de Deportes de Altamira e o mesmo domingo 5 no Auditorio Municipal.

Os/as participantes recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba, así como a opción de conseguir os trofeos que se entregarán en cada unha das categorías.

Máis de 40 persoas voluntarias garantirán o correcto desenrolo da proba baixo a dirección da Policía Local, encargándose da loxística, control de cruces, avituallamento, entrega de dorsais, etc. Así mesmo, o Concello conta tamén coa colaboración de diversos clubes da localidade e con persoal de Protección Civil de diversos Concellos.

Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, amosába a súa satisfacción polo feito de que, “un ano máis Salceda acolle a deportistas chegados dende todo o País” ao mesmo tempo que subliñaba a importancia dunha iniciativa na que “ademáis de medir as forzas dos e das participantes, servirá tamén para seguir a dar a coñecer o noso Concello e, sobre todo, a enorme hospitalidade da nosa xente”.

ACiP presenta un ‘Plan Estratéxico’ para impulsar o turismo de Ponteareas

Alternativa Ciudadana de Ponteareas, ACiP, presentou dentro das súas propostas para as vindeiras eleccións municipais o seu Plan Estratéxico de Turismo, unha iniciativa que busca non so poñer en valor os moitos recursos turísticos cos que conta Ponteareas, senón tamén “potenciar o comercio e a hostalería de Ponteareas”. Para Juan Carlos González Carrera, a potenciación do sector turístico “aporta importantes beneficios para a economía local”.

O Plan tería como eixo central o río Tea e, dende esa perspectiva, a proposta de Alternativa Ciudadana de Ponteareas incide especialmente nas distintas praias fluviais do termo municipal. Logo de chamar a atención sobre o “estado de abandono” da Freixa, González Carrera adianta a creación dunha zona de lecer nun terreo de 25.000 metros cadrados, alén de recuperar as ruínas da primeira central hidroeléctrica do Condado”.

O plan estratéxico tamén contempla intervencións de recuperación nas praias de San Roque, A Moscadeira, unha das máis importantes por estar preto do casco urbano e onde tamén “se contempla habilitar un terreo de 20.000 metros cadrados”.

A proposta de ACiP abrangue tamén a creación de “diferentes roteiros para a práctica deportiva, con percorridos que, segundo os estudios médicos de referencia e para as distintas prácticas deportivas, roldarán entre os 45 e os 60 minutos de duración e que ben poderían denominarse “ruta do colesterol”.

Estes roteiros deportivos complementaríanse con roteiros turísticos, principalmente cerca do río e atravesando lugares de interese no concello. Neste sentido, unha das apostas máis fortes de ACiP é, segundo o seu portavoz e candidato á alcaldía, Juan Carlos González Carrera, “a que se coñece como ruta das cinco irmás, percorrido de case que 80 quilómetros de lonxitude que percorre tres concellos: Ponteareas, A Cañiza e Salvaterra. Chámase así porque pasa por cinco altos montañosos dende onde podes ver sempre os outros catro. Aquí temos que levar nós a iniciativa, pois o roteiro comeza en Ponteareas, na Ponte das Partidas, e trátase dunha aposta clara polo turismo que mestura natureza e deporte”.

Ligado ao anterior, o Plan Estratéxico de ACiP aposta tamén pola recuperación e reapertura do Cámping de A Freixa, de titularidade municipal, ou a habilitación dun aparcadoiro para autocaravanas; “un tipo de turismo crecente nos últimos anos e do que están a sacar proveito outros concellos como Mondariz, Salvaterra, As Neves ou Arbo e que aquí en Ponteareas no hai”, asegura González Carrera. Segundo o candidato de ACiP, a proposta contempla “a creación dun aparcadoiro para 25 autocaravanas, preto de Angoares e A Moscadeira, do centro urbano e da senda verde”.

Incorpórase un novo axente ao cadro de persoal da Policía Local de Ponteareas

A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanesa Fernández, vén de dar conta da incorporación dun novo axente da Policía Local que pasará a engrosar o cadro de persoal da Policía local ponteareá. O novo axente iniciará agora a súa formación na Academia Galega de Seguridade. A responsable de seguridade cidadá adiantou que abrirase o prazo para cubrir duas prazas de mobilidade “de xeito que calquera Policía Local de outros concellos que queira vir desprazado para prestar os seus servizos en Ponteareas, pode solicitalo”.

A concelleira adianta tamén que no último ano ampliouse a oferta de emprego público ao convocar catro prazas máis para a Policía Local. Unha vez que a academia proceda a selección, pasarán unha fase de formación para logo incorporarse á plantilla de Ponteareas que, na actualidade, conta con trece axentes.

Vanesa Fernández explica que a ampliación da plantilla da Policía Local é un proceso lento que require moita previsión, “ao longo de moitos anos non se fixo unha planificación da plantilla da Policía Local nin se foi tendo en conta as posibles xubilacións polo que agora cando un policía se xubila temos que agardar máis dun ano para poder cubrir a plaza”.

A Casa dos Alonsos da Guarda acolle unha exposición sobre o Desenvolvemento Sostible

A Casa dos Alonsos da Guarda acolle, dende onte 24 de abril, a mostra ‘Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá’, que reune un total de 17 viñetas, unha por dada ODS, de 15 debuxantes, tanto de Galicia coma de países africanos da lusofonía como Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau. A exposición está promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 

Os municipios teñen un papel chave no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030. O primeiro paso é dalos a coñecer, de aí esta exposición na que cada ODS está representado por unha viñeta dunha autora ou autor de Galicia ou da África lusófona.

[ngg src=”galleries” ids=”16″ display=”basic_thumbnail” template=”default”]

A través da mostra preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Tamén se busca concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

Así o Concello da Guarda convida a toda a cidadanía a visitar a exposición que estará na Casa dos Alonso en horario de 8:00 h a 15:00 h.

Nigrán declina seguir colaborando coa empresa privada responsable das ‘Bandeiras Azuis’

0

O Concello de Nigrán anunciou a súa intención de non seguir colaborando coa empresa privada ADEAC, responsable de conceder os distintivos ‘Bandeira Azul’. Trátase –segudo explica o alcalde Juan González– dunha decisión moi meditada tras catro anos detectando falta de rigor e arbitrariedade en ADEAC”. González insiste en que a decisión “non afectará a calidade dos servizos que se veñen ofrecendo nos areais nin a máxima protección medioambiental”.

A decisión do Concello de Nigrán non sorprende moito. De feito, o concello que preside Juan González engádese a outros municipios como O Grove, Pontecaldelas, Barreiros ou Llanes en Asturias (a praia con máis bandeiras do Principado), á hora de declinar solicitar estas enseñas “porque supoñen máis constraprestacións que beneficios para as praias”.

Unhas Bandeiras ‘baixo sospeita’
Dende hai tempo, as ‘Bandeiras Azuis’ están baixo sospeita. De feito, independentemente de que as organizacións ecoloxistas non sexan precisamente ‘fans’ deste distintivo, hai catro anos este ‘suposto galardón medioambiental’ era protagonista nos medios de comunicación ao serlle concedida ao concello coruñés de Laracha unha bandeira azul para a praia de Caión, cousa que non sería de estrañar se non fora polo feito de que Caión era, naquel momento e a pesar de estar en mar aberto, unha das praias máis contaminadas de Galicia con vertedura de purines de agricultura, veteduras das vivendas da contorna e químicos da cetárea anexa.

O certo é que, dende o ano 1999 a Unión Europea desmarcouse deste organismo e deixou de financialo “por serias discrepancias cos procedementos no outorgamento das bandeiras” así como pola “falta de rigor nas súas concesións”.

Que Llanes, un dos concellos asturianos con máis bandeiras azuis, decidira non solicitar este distintivos, é ben significativo. Segundo recollía o diario ‘El Comercio’ o pasado ano facéndose eco dunha nota de prensa do Concello, este renunciaba a solicitar as bandeiras “al considerar las decisiones de Adeac como ‘arbitrarias’. Así, Llanes indicaba “no de acuerdo con la metodología que se sigue” poñendo como exemplo a concesión da Bandeira Azul a Aula del Mar, “un edificio cerrado sin actividad alguna” ou a esixencia de que o concello de Llanes actuase “sobre propiedades privadas o la exigencia de plazas para ambulancias en los aparcamientos de las playas, en vez de en el mismo acceso a la arena para facilitar la evacuación”. O concello do Principado denunciaba tamén “la instalación de carteles o aparcabicicletas que ya estaban instalados”.

“Simplemente é un produto comercial”
“Ningunha organización ecoloxista apoia o certificado, pese a ser supostamente o culme do respeto medioambiental, simplemente é un producto comercial co que non desexamos traballar porque xera unha presión totalmente inxustificada e carente de rigor en aspectos cos que non concidimos, como por exemplo a súa presión cada ano para que anulemos a festa patronal do Carme en Praia América baixo ameaza de perder a enseña”, sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen insiste en que “isto non repercutirá en absoluto na calidade dos servizos que vimos ofrecendo e polos que seguimos apostando firmemente: praias accesibles, cardioprotexidas e medioambientalmente sostibles”

De feito, dende o Concello insisten en que, ao marxe de ADEAC e por iniciativa do goberno local, o ano pasado instaláronse por vez primeira desfibriladores portátiles nos tres postos de socorrismo de Praia América, Patos e Panxón; ou tamén o ano pasado o Concello adquiriu material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade (5.000 € en tres andadores e tres xogos de muletas especialmente deseñados para o uso na area e unha nova cadeira anfibia que se suma á xa existente).

No ano anterior, 2017, –lembra o rexedor local– o Concello investiu 45.000 euros na construción de aseos adaptados en Praia América, Patos, Area Fofa e A Madorra, así como na instalación de ramplas de acceso para cadeiras de rodas en Praia América.

“A nosa política con respecto aos areais é clara e firme e seguiremos nesta liña pero sen a presión de ADEAC, que chega ao extremo de cuestionar a estética da nosa cartelería na praia”, explica González, quen recalca a aposta do Goberno local pola máxima protección medioambiental dos areais, especialmente do sistema dunar Praia América-Panxón.

Baiona celebra, o 1 de maio, o ‘III Mercado Antigo de Sabaryz’

0

O Concello de Baiona organiza por terceiro ano consecutivo o Mercado Antigo de Sabaryz coa intención de dar a coñecer a historia duns dos mercados máis antigos de Galicia. A cita será o vindeiro mércores 1 de maio de 2019 na Praza Vitoria Cadaval e en practicamente toda a Avenida Julián Valverde.

Este ano como novidade haberá unha demostración do xogo de birlos celta e do xogo da chave por parte do Club de Birlos A Rega de Sabarís, na cal exhibirán como se desenvolven estes tradicionais xogos e animarán ao público a que participe neles. O xogo de birlos é, probablemente, a máis antiga modalidade deportiva das que se practican no municipio, cunha antigüidade de ao redor de dous séculos, por iso “pareceunos interesante tela presente nesta edición do antigo mercado”, sinalan dende a organización.

A primeira noticia histórica deste mercado remóntase a 1736 onde aparece escrito nun documento antigo, que na ponte de Sabaryz producíanse asentamentos de mercadores e comerciantes, que burlando a Real Provisión que os Reis Católicos concedéranlle a Monte Real en 1497, tentaban vender os seus produtos nos camiños de acceso a Baiona ou agrupándose en lugares como San Antón, El Burgo, a Rúa Real e a ponte de Sabarís, onde eran reiteradamente dispersados e sancionados pola autoridade local.

Non é ata 1838 no que se autoriza e permítese a venda ambulante no devandito emprazamento e o verdadeiro mérito do Mercado de Sabarís está en que desde entón e ininterrompidamente veuse celebrando puntualmente todos os luns ata os nosos días no mesmo lugar.

O Concello de Baiona en homenaxe ao Mercado de Sabarís, organizará anualmente unha edición especial de época, rememorando a feira e poñendo en valor a historia, costume e tradición dunha das súas parroquias máis importantes. Do mesmo xeito, o Concello quere agradecer “a colaboración dos comerciantes de Sabarís que fan posible a posta en escena dun variado mercado con oficios antigos, artesanía e mercadurías da época, postos de comida, música, teatro , maxia, talleres, etc. coa intención de rememorar un dos asentamentos de mercadores con máis historia de Galicia”.

Baiona ultima os preparativos do ‘BaideTapas 2019’

0

Hai oito anos, o Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios (Aceba), poñían en marcha a ruta de tapas ‘BaideTapas, unha iniciativa que tiña case un triple obxectivo, dinamizar a hostalería, amosar o extraordinario nivel ao que se atopa a gastronomía de Baiona e utilizar esta actividade como un elemento desestacionalizador do turismo. Hoxe, anos despois e coa oitava edición as portas, os obxectivos están máis que conseguidos como o demostra o éxito de participación que ten esta ruta.

O éxito do BaideTapas, fai que este ano participen na convocatoria un total de 23 establecementos de todo o municipio –dous máis que no pasado ano– que elaborarán un total de 23 tapas diferentes que se servirán ao prezo de 2,5 euros ou 3,90 combinado cun dos viños patrocinadores desta campaña. Nesta oitava edición, os consumidores poderán degustar catro tipos de viño: aos xa habituais Albariño, Rioxa e Mencía, engádese un Ribeira do Douro.

Entre os consumidores que voten as tapas, e consigan un mínimo de 6 selos, sortearanse máis de 23 premios tales como ceas, estancias, lotes de viño,… ademais dun primeiro premio que será unha ‘Estancia con experiencias nas Vilas Mariñeiras –Asturias e Cantabria–” para dúas persoas. www.villasmarineras.es

A tapa que consiga unha puntuación media máis alta levará o ‘Premio á Mellor Tapa 2019’, que o ano pasado conseguiu a denominada Cañita Brava, elaborada por Mesón Fonte de Zeta.

Os establecementos participantes nesta edición son os seguintes: A De Sabas, Agora De Nyx, Bar Elysées, Bar Kchote, Bar Xacoba, Bay One, Cafetería Anunciada, Camu Camu, Central , Park, Ecoadega, Estación Marítima Baiona, Jaqueyvi, La Crep, La Mini, La Taberna Del Pintor, Mesón Fidalgo, Olivando, Parador De Baiona, Pub Coctelería Bibendum, Queimada Gastrobar, Recuncho , Mariñeiro, Restaurante-Cafetería Monterrey e Tapería O Rincón.

Ponteareas afronta a fase final do PXOM “adaptado ás esixencias da Xunta”

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, convocará nos vindeiros días aos grupos políticos a unha comisión informativa na que se abordará o PXOM “adaptado ás esixencias da Xunta de Galicia” como paso previo a súa aprobación. Con esta convocatoria o goberno municipal enfila a fase final do PXOM para lograr a aceptación e aprobación definitiva por para da Xunta. Cómpre lembrar que en febreiro de 2016 o Pleno resolveu as alegacións presentadas polos cidadáns e aprobou provisionalmente o PXOM que se remitíu á Xunta para a súa aprobación.

Tras un ano de espera a a decisión da administración autonómica decidíu en 2017 rexeitar o Plan aprobado no Concello esixindo cambios profundos e relevantes. A decisión da Xunta obrigou ao equipo redactor do Plan, a empresa GOC, a realizar unha revisión total do documento que foi entregada no Concello en novembro de 2018.

O goberno local decidíu entón expoñelo publicamente para revisar e correxir erros técnicos. Segundo explica a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, dita revisión foi realizada polos técnicos municipais que atenderon á cidadanía nas 87 citas a particulares e 21 citas cos representantes das parroquias, recibindo nalgún caso a tres colectivos por parroquia, isto deu como resultado 49 solicitudes de correcións que foron trasladadas ao equipo redactor para o seu estudo por se se tratase dun erro.

Ademais, de 120 peticións que non concretan ningunha problemática. Nos últimos meses o goberno local convocou aos colectivos de todas as parroquias a reunións técnicas para informalos dos cambios realizados por imposición da Xunta.

Segundo o goberno local “o traballo está na fase final seguindo as directrices da administración autonómica cumprindo as súas esixencias, polo que agora toca analizar toda a documentación para a aprobación do PXOM, envialo á Xunta e que esta o aprobe de forma definitiva nos tres meses que lle concede a Lei”.

Os responsables municipais son optmistas ao sinalar que “non hai dúbida de que agora por fin teremos plan despois de 17 anos” ao mesmo tempo que aseguran que “a Xunta xa non terá excusas para rexeitalo, está feito como esixiron e para Ponteareas é mellor ter este PXOM, aínda que non sexa o que máis nos gustaría, que seguir sen un Plan Urbanístico”.

O PP de Salceda presenta un equipo “comprometido que une mocidade e experiencia”

O PP de Salceda de Caselas fixo público o equipo que conformará a súa candidatura nestas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. A candidatura estará encabezada polo actual portavoz popular no Concello de Salceda, Santiago Rodríguez Davila, que asegura que presenta unha lista que combina “mocidade e experiencia” e composta por persoas formadas e “comprometidas co seu pobo”.

Ademais, “entre as 23 persoas que a conforman hai representantes de todas as parroquias” e que, afirma Davila, “traballará para o centro urbano coa mesma intensidade que para as parroquias e quen mellor que os seus veciños para buscar solucións as súas necesidades”.

A xuízo do seu candidato “é hora da Salceda con ilusión”, polo que a súa lista busca dar voz aos sectores da poboación “a través de veciños de Salceda de diferentes idades e situacións persoais”, así “gobernaremos para todos porque teremos moi presentes as demandas das familias, dos mozos, dos nosos maiores e tamén dos diferentes sectores económicos e sociais que forman parte do día a día do noso pobo, en definitiva dos veciños de Salceda”.

Neste sentido, agradeceu a “xenerosidade” de todas as persoas que lle acompañaron ao longo dos últimos catro anos, tanto formando parte da corporación local como tamén no comité local, por “confiar no meu proxecto e por manterse ao meu lado todo este tempo”.

Rodríguez Davila tamén recoñeceu a quen se integra por primeira vez na súa candidatura, son nove, o que significa unha renovación do 40%, deles, dentro dos dez primeiros postos van tres, e á súa vez, cinco persoas da candidatura van por vez primeira nos dez primeiros postos. Aínda que para o candidato popular “todos, independentemente do posto no que vaian, son igualmente importantes porque o que importa é o equipo e non o número, só así conseguiremos ser eficientes para os cidadáns”.

Juan González por unha lista de continuidade “para un futuro cheo de retos”

0

O alcalde socialista de Nigrán e candidato ás municipais de maio, Juan González, aposta pola continuidade na súa lista para concurrir ás eleccións do 26 de maio despois de catro anos nos que, como goberno, traballaran arreo conforme ao ‘Nigrán para todos’ que sempre buscaron conseguir.

“Teño claro que nos quedan moitas cousas por facer, moitas cousas por facer xunto aos veciños e veciñas. Somos un equipo unido e solvente cun proxecto en marcha dende 2015 que non se pode parar, temos por diante un futuro prometedor e cheo de retos que cumprir “, sinala Juan González, alcalde socialista de Nigrán e que, novamente, se compromete “cen por cen” co municipio. “O noso xeito de gobernar e xestionar xa quedou reflexado neste tempo e seguirá así, situando ás persoas por riba de todo. Agora buscamos a maioría suficiente que nos permita axilizar tódolos proxectos que temos en marcha e os que queremos iniciar xa”

Así, nesta lista que concorre as elección do 26 de maio repiten nos mesmos postos Raquel Giráldez Armas, actual teniente de alcalde, concelleira de Facenda, Desenvolvemento Local e Contratación no número 2; Diego García Moreira, concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Persoal no número 3; Rubén Rial Sánchez, concelleiro de Vías, Obras, Limpeza, Servizos Urbanos e Seguridade no número 4; José Luis Sanromán Román, concelleiro de Educación e Deportes no número 6; e Alfonso Vázquez, concelleiro de Sanidade, Relacións Veciñais e Comercio no número 7. Como novidade, incorpórase no número 5 Nuria Lorenzo, veciña de Chandebrito catedrática de Canto, solista e directora coral. Os seguintes postos o conforman persoas tamén moi comprometidas socialmente e que pertencen as filas do PSOE, como as mestras Bibiana Peixoto e Marina Vidal no número 8 e 9 respectivamente. Patricia Diego Travieso, de San Pedro; Cristina Dosil  Valverde de Parada e María Mayán Areal de Priegue ocuparán os postos do 10 ao 12.

A lista a completan Ladislao Alonso Valverde (13) de San Pedro; 14, Mariluz Pérez Vidal de Camos; 15, José Fernández Rodríguez, de Nigrán; 16, Luciano Iglesias Costas de Chandebrito; 17, Auri Brión Toucedo de Panxón; 18, Jesús Costas Grabín de Nigrán; 19, Joaquina Barros Sanromán de Panxón e no 20 Rafael Castro de la Cruz de San Pedro.

“Nigrán está en marcha, un Nigrán para as persoas está en marcha e buscamos a maioría suficiente para poder continuar construíndoo”, sinala González, quen sitúa novamente “a transparencia e participación veciñal como eixo transversal da acción política nos vindeiros catro anos”.

A Eurocidade achega a arte a máis de 400 estudantes de Tomiño e Cerveira

Diversión, convivencia e achegamento ao mundo da arte. Eses son os piares das cinco sesións de actividades artísticas organizadas pola Escola Superior Gallaeciade Cerveira en colaboración coa Mesa de ANPAs de Goián e a ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos ao abeiro dun dos proxectos gañadores na votación do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2018.

Máis de 400 estudantes de 6º de Primaria e de 3º da ESO de Tomiño e de 6º e 9º ano en Cerveira participan nestas actividades que arrancaron en outubro e que rematarán o vindeiro mes de maio cunha última xuntanza nas instalacións da escola artística Gallaecia á que asistirá alumnado do CEIP de Sobrada e do CEIP Plurilingüe de Tebra, ademáis de estudantes de diversos centros cerveirenses.

O proxecto ten como obxectivo principal achegar á poboación infantil e xuvenil de Primaria e Secundaria ao mundo da arte, facilitando que dean os primeiros pasos na súa formación artística ofrecéndolles espazos para a experimentación e a creación, así como novos coñecementos das artes plásticas e da arquitectura. Ademais, búscase promover as interaccións e experiencias interculturais entre a mocidade de Cerveira e Tomiño e fomentar a convivencia creando grupos de traballo con alumnado galego e portugués.

[ngg src=”galleries” ids=”15″ display=”basic_thumbnail” template=”default”]

Tres actividades claves
Baixo a supervisión de profesorado especializado, os e as estudantes exploran diversas técnicas artísticas que lles axudan a experimentar coa súa creatividade e a entender os diferentes usos e concepcións do espazo. Por un lado, o alumnado traballa co modelado e a simulación en 3D, aprendendo conceptos relacionados coa arquitectura e o espazo tridimensional para poder despois crear unha maqueta de edificios, obxectos e elementos de recheo.

Por outro, os rapaces e rapazas exploran o debuxo de ilustracións a partir do deseño de sólidos e outras formas gráficas, creando formas e contrastes a través de puntos de luz, variación de tonalidades e gradación de sombras.

Estas dúas actividades compleméntase cun obradoiro dedicado á técnica do collage, na que o estudantado pode desfrutar dunha exposición de traballos realizados con collage de recoñecidos artistas como Miró, Braque ou Dalí, entre outros. Despois deste primeiro achegamento a esta técnicas, os rapaces e rapazas crean as súas propias composicións e narrativas con diversos elementos, conformando a súa propia historia feita con esta técnica.

Orzamento Participativo
Estas actividades enmárcanse no Orzamento Participativo Transfronteirizo 2018, unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea.

Ponteareas organiza cursos intensivos para potenciar o tecido comercial, empresarial e hostaleiro

A concellería de Comercio, Hostalaría e Consumo, que dirixe Inés Vidal, vén de poñer en coñecemento de todos e todas as comerciantes, hostaleiros, empresarios e emprendedores de Ponteareas que se abre o prazo de inscrición para os cursos de formación que se ofrecerán totalmente de balde ao longo do mes de abril e maio. Baixo o nome ‘Caixa de Ferramentas’, impartiránse cursos prácticos e necesarios para o desempeño do traballo diario dirixidos a empresas, profesionais e autónomos que permitan profesionalizar estes sectores.

Os participantes poderán asistir a todos os cursos ou somentes aos que decidan. Co obxectivo de apoiar ao comercio, empresario e hostaleiro local e de facelos máis competitivos, o vindeiro luns día 29 de abril haberá un curso intensivo de catro horas de ‘Enxeñería ilusionista’ a cargo do enxeñeiro José María Maroto da Universidade Pontificia de Comiñas. Neste curso definiránse dous ou tres obxectivos concretos imposibles e deseñaránse estratexias viables para acadalos.

O 6 de maio José María de la Torre Maroto baixo o título ‘A mellor ferramenta para vender’ ofrecerá un curso de 16:30 h a 20:30 horas con exemplos prácticos de consecución de obxectivos e traballo grupal.

O 24 e 31 de maio Patricia Maquieira asesora de imaxe comercial impartirá o curso ‘Maxia para vender’ de 20 a 22:30 horas con contidos como fidelización de clientes, planificación de marqueting, posicionamento de marca, formación de persoal, coordinación de actividades no punto de venta ou o redeseño do establecemento entre outras temas.

O 27 de maio o avogado Alberto Viejo Puga falará da nova lei de protección de datos de 19:30 h a 21:30 horas deixando claro as obrigas cunha metodoloxía práctica moi amena e útil. Xerar ideas, acadar obxectivos, promover o comercio ou incentivar as vendas son algúns dos propósitos destes cursos nos que os e as interesadas poden inscribirse dende hoxe no número de teléfono 682 82 46 05 en horario de 9 h a 14 horas.
Organizado e financiado pola concellería de Comercio en colaboración con Banastra que será a encargada da recoller a inscrición, estes cursos serán intensivos impartidos nunha soa tarde para que os asistentes tan só teñan que dispor de media xornada laboral para a súa formación.
“A intención é dotalos de recursos para incrementar as vendas e ofrecer máis calidade aínda no servizo. Para facilitarlles a súa formación os cursos desenvólvense na súa vila de xeito que non teñan que invertir tempo en desprazamentos. Dispor de formación ao pé do seu negocio é imprescindible para ocasionar o menor trastorno no seu día a día”, engade a concelleira Inés Vidal.
Os talleres impartiránse para vinte alumnos/as e inclúen o material necesario para o seu correcto desenvolvemento, ademais do diploma acreditativo.
Os obradoiros desenvolveránse no auditorio municipal Reveriano Soutullo, na sala multiusos.

Ponteareas renegocia as condicións de cesión do parque Ferro-Ucha

O convenio asinado a finais de 2012 conlevaba a cesión dos terreos sen custe durante un período máximo de catro anos, coa obriga do Concello de aprobar definitivamente o PXOM. Unha vez superados os catro anos, de non estar aprobado o Plan Urbanístico, o Concello tería que abonar 2.000 euros mensuais pola ocupación do terreo co parque público. Agora, o Goberno local vén de abrir o diálogo cos propietarios para tentar chegar a un acordo e renegociar os termos do convenio. 

A cesión aprobouse cando aínda non se realizara a aprobación inicial do PXOM e a correspondente exposición pública do mesmo. A pesares desa incertidume inicial, o actual goberno municipal logrou aprobar provisionalmente o PXOM en febreiro de 2016 remitíndoo á Xunta, que dispuña de 3 meses para a aprobación definitiva ou para o seu rexeitamento. De terse aprobado o Plan pola Xunta, os terreos terían pasado a ser propiedade do concello antes de ter concluido o prazo de catro anos e sen penalización algunha. Sen embargo, a decisión da Xunta, en febreiro de 2017, de rexeitar o plan e obrigar a redactar un novo documento, conlevou o incumprimento do pactado cos propietarios dos terreos, ao superarse os catro anos.

Aquel convenio urbanístico tiña como obxecto principal a construción dunha nova escola infantil. Esta construción tampouco se puido realizar porque a criterio da Xunta non é posible acometela mentres non se aprobe o PXOM.

Para o goberno local, “esta é unha máis das consecuencias negativas que para Ponteareas tivo a decisión da Xunta de rexeitar o PXOM aprobado en 2016 obrigando a refacelo de maneira substancial retrasando a súa aprobación definitiva”. O executivo local ten como prioridade aprobar o PXOM en breve, unha vez revisados os cambios esixidos pola Xunta, para poñer fin aos prexuizos que esta situación causa ao interese público e aos particulares.

A legalización definitiva do cemiterio de Priegue pon fin a tres anos de trámites

0

A ampliación do Cemiterio de Priegue xa é definivamente legal despois de 35 anos sen regularizar. O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou a semana pasada a resolución tras recibir o visto bo definitivo da Consellería de Sanidade despois de tres anos de trámites para adaptalo á Lei de Sanidade Mortuoria de Galicia. O camposanto, non municipal, estaba operativo dende 1987 pero sen ter os permisos necesarios, polo que a petición da propia comunidade de propietarios, o Concello tomou a decisión no 2016 de mediar coa Xunta para solventar este asunto.

Esta legalización súmase á obtida no ano 2016 co Cemiterio de Nigrán e Parada, ambos municipais e que arrastraban o mesmo problema.

Tal e como recolle a resolución, a regularización foi posible despois de que o Concello actuase de conformidade co previsto na Disposición Adicional Primeira do Decreto 151/2014 do 20 de novembro de sanidade mortuoria de Galicia. Ademais, entre outros aspectos, foi necesario crear unha nova entidade de xestión do camposanto que recibe oficialmente o nome de ‘Novo Cemiterio de Priegue’.

“Foi unha tramitación longa porque houbo que obter primeiro o visto bo de Patrimonio e os propietarios tiveron que realizar pequenas obras para adaptalo a lei de Sanidade, pero o importante é que ao fin se acadou a legalización e con elo os conflictos veciñais que se rexistraran no pasado”, declara o alcalde, Juan González.

Mos homenaxea a ‘Xiramos’ polo segundo posto no ‘Trofeo Don Quijote’

0

Os 14 rapaces e rapazas integrantes do grupo ‘Dentro del tiempo’ do club patinaxe ‘Xiramos’ de Mos, foron recibidos esta tarde no salón de sesións do Concello de Mos que, con esta recepción, quería recoñecerlles o magnífico traballo realizado no ‘Trofeo Don Quijote’ onde acadaron o segundo posto. As patinadoras e patinadores estiveron acompañados pola acaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo e demais membros da Corporación Municipal.

O pasado 6 de abril, sábado e tal e como dabamos conta en Comarcas na Rede, os rapaces da agrupación mosense de patinaxe Xiramos participaron no II Trofeo Don Quijote en Santa Cruz de la Zarza (Toledo) con tres grupos: ‘Welcome’, ‘Miradas en la noche’ e ‘Dentro del tiempo’. Foi con este último co que obtiveron o segundo posto na súa categoría.

Arranca a cuarta edición de DepoRúArte, a aposta da Deputación pola arte urbana

A iniciativa, anual e programada, da Deputación de Pontevedra dirixida á mocidade da provincia ‘DepoRúArte’ chega á súa cuarta edición centrada nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Deste xeito, no CPI Toural de Vilaboa, IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, IES Chapela en Redondela, IES Monte da Vila no Grove e IES Indalecio Pérez Tizón en Tui, vanse desenvolver sesións teóricas e prácticas nas que se propón á mocidade unha actividade artística e lúdica para potenciar movementos de participación e cooperación social ao redor dos ODS.

Nesta cuarta edición de ‘DepoRúArte’ a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo implicar á mocidade de cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato nos ODS, para que sumen propostas encamiñadas á adopción de medidas para poñer fin á probreza, protexer o planeta, loitar contra a desigualdade e asegurar a prosperidade. Deste xeito, a iniciativa propón unha sesión formativa, na que se presenta ao alumnado o proxecto e se abordan os detasete ODS, e outra práctica encamiñada a plasmar nun mural- graffiti as súas reflexións.

Na sesión formativa, que xa se desenvolveu no CPI Toural de Vilaboa e IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, unha pedagoga especializada en escolar, social e xestión cultural presenta ao alumnado o proxecto e configura grupos de traballo para abordar os dezasete ODS entre os que se atopan o fin da pobreza, fame cero, saúde e benestar, educación de calidade, igualdade de xénero, auga limpa e saneamento, enerxía asequible e non contaminante, traballo decente e crecemento económico, industria e innovación, reducaión das desigualdades, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo responsables, acción polo clima, vida submarina, vida de ecosistemas terrestres, paz xustiza e institucións sociais e alianzar para lograr os obxectivos.

Trala parte formativa terá lugar a sesión práctica, na que o alumnado vai elaborar o mural-graffiti. Neste eido, as mozas e mozos terán a oportunidade de plasmar as súas reflexións pintando unha superficie coa axuda dun graffiteiro.

O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño busca relevos

0

O Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’ de Tomiño, celebrou esta semana un pleno no Concello, co fin de artellar a estratexia de difusión da campaña de adhesión de novos socios e socias que comezará nestes días, e lograr deste xeito suplantar aos membros que se darán de baixa en breve, por cumprir os 18 anos.

A mencionada campaña de difusión e adhesión de novas persoas levarase a cabo, fundamentalmente, a través das redes sociais, xa que son estas as que utiliza a maioría da poboación moza. Para formar parte do consello Voces Novas, hai que escribir un correo electrónico a [email protected], ou ben, mandar unha mensaxe por Instagram (@vocesnovas).

Tras o pleno do Consello da Infancia e Adolescencia, os mozos e mozas aproveitaron para falar coa alcaldesa da vila, Sandra González, e dúas representantes de Unicef Galicia, Gloria Del Río (vicepresidenta) e Marisé Pérez Mariño (vogal). Asemade, procederon a descubrir a insignia de Cidade Amiga da Infancia, en cuxo proceso de recoñecemento, xogaron un papel fundamental.

“Eles teñen unha visión do mundo moi diferente á nosa e é necesario que o interese por intervir nas decisións dos adultos, se contaxie á poboación moza”, recoñeceu Gloria Del Río.

A alcaldesa, pola súa banda, explicou que o distintivo do Selo CAI colocarase en breve na rotonda de entrada á nova rúa que permitirá, por unha parte, sortear o centro da localidade aos vehículos e, por outra, acceder andando ás zonas máis céntricas.

Tomiño forma parte, por catro anos, da rede Cidades Amigas da Infancia xunto a outras 273 localidades de España, cuxos gobernos locais situaron á infancia no centro das súas políticas públicas.

O Porriño adquire un local para aula da UNED

O Concello de Porriño vén de adquirir esta semana un local de 260 metros cadrados na rúa Fernández López, nº 2 para radicar a aula da UNED nesta vila, dando cumprimento ó acordó plenario adoptado pola Corporación Municipal en maio de 2018. Pola súa banda, o Partido Popular cualificou de “arbitraria” a adquisición deste local comercial por máis de 276.000 euros, cando, sinala o seu portavoz e candidato á alcaldía, Alejandro Lorenzo, “existen outros locais que reunirían as condicións requiridas pola UNED, incluso o Concello dispón de instalacións que poderían ser acondicionadas a tal fin”.

A alcaldesa Eva García de la Torre asinaba nunha notaría da vila a escritura de compra-venda o pasado martes 16, por importe de 276.342 euros. O Concello afrontou ese desembolso a través dunha operación de tesorería despois de vender varias parcelas municipais. “A opción do aluguer dese local desestimouse pola previsible permanencia no tempo das actividades que vanse desenrolar nese local e ademáis fronte á posibilidade de adquirir patrimonio para o Concello”, manifestou a alcaldesa de Porriño.

“A elección deste local en rúa Fernández López responde a a súa ubicación estratéxica, ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca o que permite un mellor aproveitamento e sinerxias entre eles e tamén ó mandato do acordo plenatio que demandaba que fose un local no centro do cosco urbán” suliñou Eva García.

Conforme ás xestions realizadas polo Concello coa dirección da UNED e cos presidentes dos Polígonos Industriais de Porriño, a futura aula comprenderá o curso de acceso a maiores de 25 anos á Universidade así como o establecemento de cursos de formación e capacitación para prácticas en empresas.

Unha compra “arbitraria”
O portavoz do PP e candidato á alcaldía, Alejandro Lorenzo, asegurou que “é inxustificable” que a un mes das eleccións, “o goberno local peche de maneira totalmente arbitraria, unha operación de tesourería por un elevado importe sen dar opción ás inmobiliarias e particulares de Porriño a propoñer as súas ofertas”.

Lorenzo pide á rexedora que dea “unha explicación convincente” á compra deste inmoble e ao importe por que pechou a adquisición. E é que, o citado local, segundo afirma o PP, “continúa anunciado a día de hoxe nun coñecido portal inmobiliario ao prezo de 151.405 euros (587 euros/ m2) , menos da metade do montante pechado pola Alcaldía”. Os populares aseguran ter constancia que este local “sería vendido hai pouco máis dun ano por 110.000 euros”.

“As explicacións son máis que necesarias, cara o resto da corporación e sobre todo, cara as veciñas e veciños do Porriño”, insiste Lorenzo, “Nós somos partidarios da apertura da Aula UNED no Porriño, dende o principio respaldamos en pleno a iniciativa e así o faremos sempre que se trate de dotar ao municipio das maiores ofertas educativas. Pero esta operación, ao noso entender, non responde ao interese da veciñanza senón a outros”.

Por outra banda, os populares cuestionan a idoneidade destas instalacións, ao non cumplir este as condicións requeridas pola UED , “requírese que conte polo menos cun aula con capacidade para 70 persoas. Como é posible que dende o Concello se xustifique a idoneidade deste local, que non cumple este requisito, por atoparse preto do Centro Cultural que conta cun auditorio que suple esa carencia?”, cuestiona Lorenzo.

A elección de este local, que segundo Alejandro Lorenzo “non reúne ás esixidas pola UNED, supondrá un desembolso de más de 600.000 euros ao sumar una partida de 261.800 euros destinados a adecuar e reformar as instalacións”. 

Xosé Represas recupera a Roberto Mera para a política municipal

O alcalde e candidato do BNG á Alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou a inclusión de Roberto Mera no terceiro posto da candidatura do Bloque para as vindeiras eleccións municipais. O segundo posto será ocupado pola actual concelleira Cristina Fernández Davila, edil de educación, persoal e participación cidadá, quen xa acompañou a Represas nese lugar nas eleccións de 2015.

O BNG conta na actualidade con cinco edís, polo que a presenza de Roberto Mera no terceiro posto supón con toda probabilidade o seu regreso á política activa despois dunha ausencia de case 12 anos. Mera é avogado e politólogo, e foi candidato e portavoz municipal do BNG entre 1995 e 2007, ano no que logrou ser a forza máis votada. Un pacto in extremis entre o PP de González Solla e a UCPA de Nava Castro impediu ao nacionalista ser o alcalde de Ponteareas e supuxo o seu abandono da política para centrarse na súa carreira profesional.

Ademais, naquela etapa, Mera ocupou diferentes responsabilidades comarcais e nacionais no BNG, entre elas membro da Executiva Nacional da formación nacionalista. A súa traxectoria social iniciouna como cofundador en 1990 do Grupo Ecoloxista Adenco, do que foi máximo responsábel até 1995, cando con 23 anos foi elixido concelleiro do BNG en Ponteareas. Na súa traxectoria destaca ter logrado mediante unha querela a inhabilitación do alcalde José Castro e sete edís máis do PP. Foi ademais tenente alcalde no fugaz goberno bipartito do ano 2003. Vencellado durante estas décadas ao movemento veciñal da súa parroquia natal, Arcos, na actualidade é o presidente da súa Casa Cultural e secretario da Comunidade de Montes.

Represas amosouse moi satisfeito pola presenza de Mera nun posto de saída. “É unha persoa moi apreciada en Ponteareas e cun recoñecido prestixio político e profesional que aportará ao goberno nos vindeiros catro anos toda a súa indiscutíbel capacidade e experiencia”, asegurou. O actual alcalde sinalou que “a volta de Roberto Mera ao Concello para gobernar non é só unha boa noticia para o BNG, en realidade é unha moi boa noticia para Ponteareas”.

Pola súa banda, Roberto Mera agradeceu a Represas e ao BNG a confianza depositada nel, sinalando que “aceptei o ofrecemento do alcalde porque creo que estamos nun intre crucial para Ponteareas onde todos debemos arrimar o ombro. Represas fixo un traballo titánico, logrou recuperar economicamente o Concello e agora é fundamental continuar gobernando os vindeiros catro anos para levar adiante a transformación que Ponteareas precisa. Non podemos voltar atrás nin regresar a un pasado de corrupción, despilfarro e abandono que tanto dano causou a Ponteareas”.

Roberto Mera contextualizou o seu regreso na situación política actual explicando que “estamos nun momento complicado no que os novos discursos antidemocráticos, do machismo ou do odio nos obrigan a dar un paso ao frente. Por iso decidín tamén asumir esta responsabilidade”.

Ponteareas aposta por dar espazo á creación de empresas e fomento de negocio

O Alcalde de Ponteareas asinou este venres a compra do segundo e do terceiro andar do edificio da Seguridade Social na praza Maior para dedicar este novo espazo á promoción de emprego e de negocios que potencien a economía local, a apoio aos e ás emprendedoras con iniciativas empresariais e as pequenas e medianas empresas. Segundo o alcalde Xosé Represas, “simboliza a nova situación económica do Concello pois había décadas que, como consecuencia da ruina e bancarrota da administración municipal, non se adquirían propiedades”.

As dúas plantas do edificio destinaranse a novos servizos para os cidadáns. A previsión do goberno municipal é aproveitar os fondos europeos de desenvolvemento rexional para acondicionar as novas instalacións e adicalas á promoción de emprego e de negocios. Entre outros servizos contémplanse un smart lab e un espazo para o coworking, oficinas compartidas para autónomos ou empresarios, ofrecendo aos emprendedores un espazo tecnolóxicamente eficiente, así como a ubicación do centro de asesoramento SmartPeme.

“Trátase de ofrecer espazos nos que poder traballar, nos que poder interactuar tendo acceso ás últimas tecnoloxías que nos fagan competitivos” explican Xosé Represas e Chus Garrote. Con esta iniciativa, engaden o alcalde e a tenente de alcalde, “axudamos a que a mocidade e os emprendedores atopen un lugar para poñer en marcha as súas iniciativas empresariais e de emprego e contribuir así a xerar máis riqueza e oportunidades de traballo en Ponteareas”, explican Garrote e Represas, engadindo ademáis que con esta iniciativa darase moita máis vida ao entorno da Praza Maior.

O goberno prevé abrir un proceso de participación sobre o modo de xestión deste espazo.

O ‘Okofen’, vencedor da liga de Inverno de J80

Okofen de Javier de la Gándara volveu deixar a súa marca unha vez máis no territorio dos J80 en Galicia, no que desde hai anos é, sen dúbida, un dos barcos máis destacados e con máis premios na súa traxectoria. Tras recibir hai uns días o título de ‘Mellor J80 da tempada 2018’, outorgado pola Federación Galega de Vela, a tripulación do Okofen recolleu esta tarde en Baiona un novo galardón para a súa colección, o de vencedor da liga de Inverno de J80.

Fíxoo, ademais, con contundencia, ao lograr sacarlle unha gran marxe aos seus competidores máis directos. 8 puntos de distancia co segundo clasificado e 12 co terceiro levantáronlle todo o máis alto do podio do campionato organizado polo Monte Real Club de Iates desde o pasado mes de xaneiro.

Das seis xornadas de competición previstas no programa deportivo do trofeo, a meteoroloxía unicamente permitiu celebrar tres delas, e o Okofen levou a vitoria de dúas. Só deu tregua aos seus rivais nunha das xornadas, na que o Cansino logrou roubarlle momentaneamente o podio provisional.

[ngg src=”galleries” ids=”12″ display=”basic_thumbnail” template=”default”]

Foi precisamente este barco, patroneado polo comodoro do Monte Real Club de Iates, Fernando Yáñez, o que se fixo finalmente co segundo posto da clasificación, con 15 puntos. A terceira posición, con 19 puntos, ocupouna o Miudo de Carlos Hernández.

A xornada deste sábado, que se disputou cun vento do oeste-noroeste de entre 15 e 20 nós, deixou uns resultados moi variados, con subidas e baixadas sorprendentes nas diferentes probas. Foi o caso do Okofen, que asinara ata agora todos os resultados con primeiros e segundos postos, e que hoxe caeu ata a sexta posición nunha das probas; e doutros barcos como o Luna Nueva ou o Mondo, que non puideran coarse nos postos de honra, e que hoxe lograron dous segundos postos.

Finalmente, tras as posicións de ouro, prata e bronce do Okofen, Cansino e Miudo,e a entrada en xogo dun descarte, o Namasté de Luís de Mira quedou cuarto; o Luna Nueva de Juan Luís Tuero, quinto; e o Mondo de Bernardo Macedo, sexto.

[ngg src=”galleries” ids=”14″ display=”basic_thumbnail”]

O sétimo posto foi para o Pazo de Cea patroneado por María Campos, e o Cunichánde Javier Martínez Valente quedou oitavo. Pechando a clasificación, o Cormorán II,Ferralemes e o Virazón, que non puideron disputar todas as probas disputadas.

Tras a celebración desta última xornada esta tarde en Baiona e a posterior entrega de premios aos gañadores, o Monte Real Club de Iates puxo o punto e final á que foi a primeira competición da súa tempada deportiva de 2019.

A próxima cita no seu calendario de regatas é o Trofeo Comunica, para o que o club xa lanzou o Anuncio de Regata e abriu o prazo de inscrición. Celebrarase o próximo 20 de abril, coincidindo coa Semana Santa, e volverá contar, un ano máis, coa colaboración do Real Club Náutico de Vigo, desde onde se dará saída á proba.

Convocatoria dunha praza de técnico forestal en Oia

0

O Concello de Oia convoca unha praza de técnico forestal con carácter de persoal laboral temporal. Debido a gran cantidade de requirimentos relativos á limpeza de fincas tramitados nos últimos anos, o Concello vén de iniciar este procedemento co obxectivo de poder axilizar estes trámites e así contribuír na mellora da prevención de incendios forestais.

Do mesmo xeito, a Administración local destaca a obriga de manter limpas as fincas, especialmente este ano que está sendo moi seco, e lembra o prazo da Xunta que obriga a ter limpas as fincas antes do 31 de maio.

O contrato será de 4 meses, con xornada parcial de 21 horas semanais (7 horas en luns, xoves e venres). Ademais, crearase unha bolsa de emprego cos aspirantes que superen o proceso de selección. As bases da convocatoria, que é por oposición libre, poden consultarse na sede electrónica do Concello de Oia (tanto no taboleiro de anuncios da sede como no portal de transparencia) www.oia.sedeelectronica.es.

A convocatoria foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) do venres 29 de marzo e o prazo para a presentación de solicitudes será de 8 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio.

As solicitudes poderán entregarse no Rexistro do Concello de Oia en horario de 9.00 a 14.00 horas ou por calquera outra das opcións establecidas na Lei 39/2015 de procedemento común das Administracións Públicas.

Tarefas a realizar

Segundo consta nas bases da convocatoria, a persoa que resulte seleccionada desenvolverá as seguintes tarefas:

-Xestionar as denuncias relacionadas coa Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios e a lei 7/2012 de Montes de Galicia.
-Comprobación do cumprimento ou non das obrigas de limpeza das parcelas.
-Demandas de información sobre autorización de cortas e queimas.
-Tramitación dos expedientes de corta ou queimas en núcleos e sobre denuncias de vertidos incontrolados.
-Información sobre a Lei de prevención e defensa contra incendios, fundamentalmente sobre distancias do arborado ás vivendas e obrigas dos propietarios forestais.
-Dar charlas informativas sobre cuestións relacionadas coa prevención de incendios, as obrigas de limpeza das parcelas, etc.

Nigrán reúne a veteranos do Celta na presentación do documental ‘El fútbol por dentro’

0

O Concello de Nigrán reuníu no serán do venres a xogadores veteranos do Real Club Celta vinculados á comarca como Jorge Otero, Javier Maté, Gustavo Loureiro, Luis Villar ou o mozo Kevin Vázquez (na plantilla do Celta actualmente) nunha xornada de futbol adicada especialmente a eles na presentación do documental ‘El fútbol por dentro’, elaborado polo mítico cancerbeiro Ramón Allegue ‘El Tigre’ Padrón.

Ramón Allegue ‘El Tigre’ Padrón –que no documental exerce de guionista, narrador e mesmo cámara con imaxes inéditas súa época (1954-1962) grabadas cun 8 mm que mercou co primeiro soldo– foi o encargado, xunto ao alcalde de Nigrán, Juan González, de presentar este traballo, estrea no Val Miñor, no que figuran imaxes de compañeiros de Padrón como Hermidita ou Alvarito ou anteriores como Nolete,todos eles míticos xogadores de Gondomar xa falecidos, polo que o resultou especialmente emotivo para as súas familias, que asistiron ao acto.

“Todos os que vestiron a camiseta do Celta son parte da miña familia, para min o Celta non é un clube, é a historia da miña vida, é a miña familia”, arrancou un emocionado Padrón no coloquio posterior cos demais xogadores. No mesmo non faltaron as risas coas suas divertidas anécdotas, como cando recordou que, debido a ausencia de televisores na súa época, os cancerbeiros se telefoneaban entre sí para saber por onde lanzara o último penalti un determinado xogador contrincante. “Din que na nosa xeración xogábamos un fútbol prehistórico, pero non é certo; nin Ronald Koeman lanzaba penaltis con tanta forza como Hermidita, él deixoume torto este dedo”, amosou a un entregado público. Padrón, sinalou o presidente da Peña Alvelo, foi o primeiro cancerbeiro do Celta en ter o escudo da camiseta “porque a súa muller se preocupaba de tecerlle en lá a casaca e logo a bordaba”. O seu amor polo Celta non o fixo dubidar en rexeitar propostas do mesmo Barcelona ou Atlético de Madrid.

[ngg src=”galleries” ids=”11″ display=”basic_thumbnail”]

Exposición
Aproveitando esta proxección, o Concello inaugurou no propio Auditorio Municipal unha exposición fotográfica con imaxes de xogadores do Celta en toda súa historia, con especial atención aos vinculados ao Val Miñor (ben nacidos ou “adoptados”). Esta foi posible gracias a Antonio Arca, presidente da Peña AlVelo e quen facilitou as imaxes. “Queríamos recoñecer a pegada dos ‘miñoranos’ no Real Club Celta adicándolle esta exposición. Gondomar deu na orixe do clube a grandes como Hermida, Hermidita ou Nolete; pero Nigrán é igual de importante con xogadores como Jorge Otero, internacional coa selección, ou actualmente con Kevin Vázquez; ademais, Nigrán é o fogar dende décadas de veteranos como Luis Villar ou Javier Maté”, sinalou o alcalde, Juan González. Esta exposición estará aberta no Auditorio Municipal ata finais de mes en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Eva García reúnese cos traballadores de ‘Levantina’ e levará o problema ante a Xunta

O comité de personal e traballadores de ‘Levantina’ acudiron onte ao Concello de Porriño para expoñer a súa preocupación polo inminente ERE que a empresa granitera quere aplicar e solicitar a intercesión da alcaldesa. Eva García de la torre, que abriu as portas do salón de sesions para celebrar a reunión e acoller a todolos asistentes, comprometeuse con eles a facer chegar á dirección da empresa “a preocupación do Concello polo impacto negativo que tería ese ERE para 33 familias de Porriño”.

Delfín Pensado, traballador e presidente do comité de empresa de ‘Levantina’ en Porriño fixo unha exposición da situación e instou esa mediación da alcaldesa perante “unha urgencia xa que o vindeiro mércores 10 remata o prazo para negeociar unha saída ó ERE plantexado pola dirección de Recursos Humans da firma”. Outros membros do comité de personal que integran delegados de UXT, CCOO e CIG tamén interviron para engadir que o plantexamento da dirección de ‘Levantina’ “é moi duro coa planta de Porriño que tén amosada a súa eficiencia e rentabilidade”.

“Se fose preciso viaxar ata Alacant –onde se atopa a sede central da firma– fariamolo con tal de botarvos unha man e evitar esa perda de postos de traballo” manifestou a alcaldesa porriñesa ós presentes.

A tal fin este mesmo serán, ó remate da reunión, dende a Alcaldía realizabanse xestions para establecer contacto coas oficinas principais da empresa na Comunidade Valenciana para instar información do ERE e facer chegar a preocupación do Concello. Namentres a alcaldesa aproveitará mañana venres unha cita na Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia –por unha reunión previamente establecida por outro asunto– para exponer á administración autonómica a preocupación dos traballadores de ‘Levantina’ e do Concello de Porriño por este caso.

ACiP “lamenta” o estado da Estación de Autobuses

O portavoz de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, Juan Carlos González Carrera, lamentou hoxe o estado no que se atopa a Estación de Autobuses de Ponteareas que evidencia, sinala, “falta de mantemento diario e asemella que o goberno local busca excusas para pechar definitivamente esta instalación”. A situación desta instalación é, para o portavoz de ACiP “unha deixación de funcións do Concello que está obrigado ao correcto mantemento dos servizos municipais”. 

Á suciedade, abandono e falta de mantemento, afirma González Carrera, “a instalación nin sequera conta cun servizo de información aos usuarios”. A pouca importancia que, segundo o portavoz de ACiP lle presta o goberno a esta instalación, queda amosada en que “nin sequera o concello habilitou na súa páxina web un apartado destinado á estación de autobuses e a información para os usuarios”.

González Carrera lembra que diariamente son moitos os usuarios de Ponteareas e de fóra da vila que fan uso dos servizos de transporte colectivo por razóns sanitarias, educativas ou de traballo, por iso, “dende ACiP cremos que é necesario un plan de rehabilitación e mantemento adecuado da estación de autobuses, porque é un servizo prioritario. Ten que haber persoal atendendo esta instalación e así o faremos si os veciños nos dan a responsabilidade de gobernar”, asegura González Carrera.

Mariano Rajoy asistirá ao xantar dos populares do Baixo Miño e Louriña

0

O expresidente Mariano Rajoy arroupará en Mos a Ana Pastor no xantar dos populares do Baixo Miño e Louriña que se desenvolverá o sábado 13 de abril ás 13:30 horas en Sanguiñeda, Mos. Así o anunciaron hoxe os candidatos e candidatas destas comarcas no acto de presentación que tivo lugar na sede dos populares porriñeses.

Os interesados e interesadas en asistir a este xantar, poden recoller a súa entrada nas sedes locais do PP no Porriño, Mos, Salceda, Tui, Oia, Tomiño, A Guarda ou O Rosal. O prezo do menú é de 15 euros por persoa.

Os candidatos e candidatas ás alcaldías da comarca –Alejandro Lorenzo polo Porriño, Nidia Arévalo por Mos, Santiago Rodríguez por Salceda, Roberto Carrero por A Guarda, Esteban González por Tomiño, María del Carmen Alonso polo Rosal, e Cristina Correa por Oia– aproveitaron a presentación para convidar aos simpatizantes e militantes a participar desta xornada.

O Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz estrea horario

0

A partires desta fin de semana o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz da Guarda abre novamente as súas portas todas as fins de semana e festivos en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:00 h. Este sábado entrada gratuíta por ser o primeiro sábado do mes. Este horario manterase ata o 14 de xuño, a partires do 15 de xuño, e ata o 15 de setembro o horario de verán será de 11:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h.

O Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz conta con paneis informativos que facilitan a comprensión do contexto histórico e o papel desempeñado pola fortaleza de A Guarda no sistema de fortalezas abaluartadas transfronteirizas. As tarifas de acceso, case que simbólicas, son de 1 € adultos e 50 céncimos os menores de 14 anos, amais, o primeiro sábado de cada mes e o Día dos Museos –o 18 de maio– o acceso é gratuíto.

‘O Mar das Mulleres’, proxecto para a visibilización das mulleres do mar

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á profesora universitaria, María Álvarez Lires, deu a coñecer hoxe a novidosa iniciativa ‘O mar das mulleres’ froito da colaboración entre a institución provincial e a Universidade de Vigo e no marco do proxecto ‘Mar en Feminino’, que lidera a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra. Silva destacou que se trata dun paso máis, o terceiro, trala creación da web marenfeminino.campusdomar.gal e a posta en marcha da exposición itinerante ‘Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar’.

‘O mar das mulleres’, segundo Silva, “naceu das anteriores iniciativas xa que foi unha demanda dos propios centros educativos que con motivo da mostra ‘Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar’ nos formularon a necesidade de contar con contidos educativos para traballar nas aulas”. En liñas xerais, tal e como explicou a presidenta provincial, o ‘Mar das mulleres’ fai fincapé no papel das mulleres na conservación dos océanos e uso sustentable dos recursos mariños. Así, da man dunha rapaza chamada Emma, “moi curiosa e comprometida”, vanse dar a coñecer diferentes elementos relacionados co mundo mariño como ‘Os océanos’, ‘Océanos en perigo’, ‘Redeiras, salga e conserva’, ‘O marisqueo a pé’, ‘Investigadoras mariñas’, e ‘Educación para a sustentabilidade’.

Na web marenfeminino.campusdomar.gal estarán dispoñibles os seis recursos educativos abertos protagonizados por Emma con información temática e propostas de actividades. Así, a través de ‘Océanos’ Emma explica a cor azulada da terra dende o espazo, afonda na súa importancia para a estabilidade climática e no liderado das mulleres en proxectos de conservación dos océanos; ‘Océanos en perigo’ fai fincapé nas principais ameazas que existen para os océanos; ‘Redeiras, salga e conserva’ repasa os oficios femininos centenarios relacionados co mar; en ‘O marisqueo a pé’ Emma visita o mercado e coñece o traballo de marisqueo; en canto a ‘Investigadoras mariñas’ preséntanse a mulleres como Silvia Earle, Ángeles Alvariño, Aida Fernández Ríos, Elisabeth Mann e Josefina Castellví, repasando os principais fitos que alcanzaron; e ‘Educación para a sustentabilidade’ afonda nas achegas das mulleres á sustentabilidade.

Os seis recursos educativos abertos, amais de información e documentación sobre os eixos temáticos que abranguen, inclúen propostas de actividade para realizar nos centros educativos como o emprego de ferramentas como Google Maps ou MedclickKids; a procura de información e investigación sobre oficios femininos relacionados co mar, sobre o cambio ambiental ou sobre mulleres oceanógrafas ou do campo mariño; tamén a realización de entrevistas, clips de vídeos ou blogs; recompilación de fotografáis; visitas a Museos; elaboración de paté de peixe e ata experimentos para determinar as variacións do pH.

V Xornada ‘Bo Uso e Mal Uso do Mar’
Estas infografías e recursos educativos abertos que compoñen ‘O mar das mulleres’ van ser protagonistas da ‘V Xornada sobre bo uso e mal uso do mar’, que terá lugar o vindeiro xoves, 11 de abril, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra e coa que está a colaborar a Deputación de Pontevedra.

As xornadas ‘Bo uso e mal uso do mar’ teñen como obxectivo principal a comprensión, uso sustentable e protección do medio mariño e para elo, ano tras ano, achéganse aportacións e propóñense materiais didácticos axeitados para levar a cabo intervencións nas aulas, como é o caso de ‘O mar das mulleres’. Amais, tamén se aproveita a ocasión para promover o papel das mulleres no mar, recoñecendo a súa contribución á xestión sustentable do mar desde todos os ámbitos. Neste caso, tal e como avanzou María Álvarez Lires, este ano participará a oceanógrafa do Instituto Español de Oceanografía Ana Morillas que falará do proxecto ‘Oceánicas’, onde se visibiliza ás mulleres que investigaron e están a investigar sobre os océanos.

‘Degusta Europa’ chega á Praza de Abastos da Guarda o 11 de abril

0

O programa Degusta Europa, con degustacións culinarias en distintos mercados da provincia, vinculado á campaña ‘Fame de Experiencias’ da Deputación de Pontevedra, estará na Praza de Abastos da Gaurda o xoves, 11 de abril, en horario de 11 h a 12 h. A iniciativa que que potencia a enogastronomía; pretende, dinamizar os mercados municipais dándolles un toque de innovación e vangarda. O alumnado do CIFP Manuel Antonio, traballará con produtos das nosas rías e da nosa terra para elaborar unha serie de tapas inspiradas na temática europea.

‘Degusta Europa’ naceu en 2016 con motivo do Día de Europa, que conmemora os principais valores da UE: a paz, a estabilidade, a solidariedade e a unidade do continente. A Deputación de Pontevedra defende a súa necesaria reivindicación para manter o proxecto europeo común e, ao mesmo tempo, revalorizar a gastronomía e impulsar os mercados provinciais e a materia prima da provincia de Pontevedra.

A través de Degusta Europa preténdese promover e potenciar o local e autóctono: os mercados municipais e os excelentes produtos da nosa terra, que se deben converter tamén nun polo de atracción para as e os turistas. Este programa dá a coñecer, ademais, o labor do alumnado de dúas das escolas de hostalería máis importantes da nosa provincia: os centros Manuel Antonio, de Vigo, e Carlos Oroza, de Pontevedra.

Belén Villar presenta o seu proxecto ‘Pontecan’ para “mellorar a convivencia cos cans”

A portavoz e candidata do Partido Popular á Alcaldía de Ponteareas, Belén Villar, presentou, onte outra das propostas que levará no seu programa electoral e que se engade á zona lúdica con piscinas xa presentada. Desta volta trátase dun proxecto que baixo o nome de ‘Pontecan’ va dirixida ás persoas que posúen cans “e que axudará á convivencia entre todos”, afirmou Villar na presentación da iniciativa.

Segundo a candidata popular, o ‘Pontecan’ constaría de tres eixos fundamentais, por unha banda, a construción dun parque canino de gran extensión na Moscadeira para que as mascotas non interfiran coa vida das persoas que non teñen cans. Esa zona, sinalou Belén Villar, “contará cun novo circuíto agility, de adestramento para cans”.

Doutra banda, o proxecto inclúe a instalación de “parques caninos de menor dimensión” repartidos polo pobo. “Delimitamos o centro urbano en 11 zonas e o obxectivo é colocar, en cada unha, un parque para cans”, sinalou Villar, así os donos “non terán que desprazarse máis de 150 metros das súas casas para que os cans fagan as súas necesidades. Son parques caninos de proximidade”. Contarán, ademais, cun E-can. Un dispositivo no que o can se coloca encima da rejilla do urinario e despois de facer as súas necesidades o aparello dá ao seu propietario a oportunidade de premialo cunha lambetada. “Este feito creará –segundo Belén Villar– un hábito no animal e axudará a manter limpa nosa vila. Tres veces ao día, uns aspersores programados desinfectarán a base e a rejilla do E-Can. É totalmente autónomo, grazas á enerxía solar pode instalarse en calquera parte sen necesidade de subministración eléctrica, tamén dispón dun depósito de auga que grazas a dúas rociadores que instalados no perímetro do aparello limpa e desinfecta a base regularmente. 100% ecolóxico”. Ademais, tamén se instalarán outros dispositivos denominados Urbandog, que recollen os ouriños do can e os seus nutrientes son reutilizados nos xardíns, de forma que se mellora o compost.

Por último, o terceiro eixo fai referencia ás sancións e unha nova brigada de limpeza. Crearase unha nova ordenanza para sancionar a aqueles propietarios de mascotas que non recollan os excrementos dos seus animais. Tamén se creará unha brigada específica para manter estes parques limpos.

Diego Giráldez, «Hotel para coleccionistas discretos»

Diego Giráldez xa nos sorprendeu fai un par de anos co seu libro de relatos «Galería de saldos», descubríndonos un autor con personalidade propia e cun xeito moi peculiar de narrar. Agora pasa do relato curto á novela para presentarnos este «Hotel para coleccionistas discretos», unha historia delirante, por veces grotesca, pero moi divertida, na que se infiltra entre as máis altas esferas do poder para amosarnos a un grupo de auténticos psicópatas que xogan con todos nós ao seu antollo. Unha especie de Club Bildelberg, por poñer o exemplo más coñecido, que xira arredor do coleccionismo de trapalladas como coartada dos seus enredos.

A trama nace logo da morte de Amalia Valverde, unha empresaria de éxito que formou parte do núcleo duro dun grupo de coleccionistas, no que se centra o relato. Amalia encárgalle á súa filla, relacións públicas dun hotel, e a un amigo que tamén formou parte do devandito grupo, a misión de xuntar aos seus membros nunha especie de congreso que se verá revestido de homenaxe á falecida. Nesa xuntanza, os coleccionistas amosarán o peor das súas facianas e participarán nun xogo no que a súa falla de empatía e o seu carácter psicopático quedarán en evidencia e no que ningún deles será capaz de medir as consecuencias dos seus actos.

O relato está impregnado dun punto de irrealidade, sen apenas referencias espaciais alén dunha imaxinada Patria non identificada e da súa cidade principal, Capital Sur. Ambos espazos son adobiados con elementos singulares que, partindo da realidade máis palpable, desdebúxana ata rematar por convertila en algo diferente e por transformar o relato nunha especie de fábula sobre o noso tempo. E todo iso fai da novela un texto transgresor e con momentos delirantes, traballado cunha fina retranca que transforma a lectura en algo áxil e ameno. Porque amparándose no escudo do humor, Diego Giráldez reflicte a realidade como o farían os espellos da rúa do Gato, que diría Valle-inclán, referente lóxico da narración.

Estructuralmente dividida en tres partes, as dúas primeiras son relatadas por distintos narradores, todos eles personaxes desta historia semicoral. O emprego deste recurso apórtalle dinamismo e axilidade á trama, amais de facérnola vivir dende dentro, pensando o que eles pensan e vivindo o que eles viven. Na terceira parte toma a palabra o narrador omnisciente para arrastrarnos cara a un desenlace frenético do que prefiro non dar máis pistas.

Pero o máis destacable desta novela vén sendo, outra volta, ese xeito peculiar que Giráldez ten de narrar, ese emprego de recursos estilísticos e figuras retóricas tan seu que semella que cada frase é toda unha declaración de intencións. As imaxes que é quen de crear son desgarros no noso entendemento, ideas que nos perturban, que nos divirten, que nos entenrecen ou que nos asombran, pero que nunca nos deixarán indiferentes.

Diego Giráldez
Hotel para coleccionistas discretos

 

Editorial: Galaxia
116 páxinas

 

Baiona abre a inscrición para a oitava edición do ‘Bai de Tapas’

0

Os establecementos de Baiona que desexen participar nesta nova edición poderán realizar a inscrición ata o vindeiro luns, 8 de abril, nas oficinas da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA). O Concurso, organizado pola Concellería de Turismo de Baiona en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona ( ACEBA), celebrarase desde o 9 de maio ata o 2 de xuño.

Poden solicitar as bases de participación e ficha de inscrición na oficina de turismo ou nas oficinas de ACEBA ( C/ Ramón e Cajal, 9 Baiona). Para máis información, os establecementos interesados en participar poden solicitar máis información na Oficina de Turismo de Baiona ou no teléfono 986 38 59 24.

Escolares ingleses aprenden a navegar en augas de Baiona

0

Escolares da localidade británica de Manchester navegaron este luns pola baía de Baiona grazas ao ofrecemento do Monte Real Club de Iates. Os alumnos e alumnas, de entre 10 e 11 anos de idade, atópanse estes días de visita no Val Miñor con motivo dun intercambio lingüístico co Colexio de Educación Infantil e Primaria Humberto Juanes de Nigrán. ‘From Manchester to Nigrán’ é unha actividade que ambos os municipios consolidaron co paso do tempo, e que neste 2019 cumpre a súa décimo quinta edición.

Nesta ocasión, ademais de manter algunhas das actividades que viñan realizando en anos anteriores, como xogos populares, unha marcha ciclista ou unha escapada ás Cíes, os alumnos puideron achegarse por primeira vez ao deporte da vela.

Fixérono da man dos adestradores do Monte Real, que lles ofreceron tanto a eles como aos alumnos de Nigrán que participan no intercambio, unha serie de coñecementos básicos para poder navegar a vela. Acompañáronlles, ademais, na 
súa primeira experiencia náutica, da que gozaron a bordo dos veleiros do club.

[ngg src=”galleries” ids=”10″ display=”basic_thumbnail”]

A praia da Barbeira e as augas máis próximas ao club foron o escenario da yincana de probas que se lles preparou aos pequenos nunha mañá na que a meteoroloxía lles acompañou, brindándolles unha xornada de sol e moi boas temperaturas.

CEIP Humberto Juanes, próximo á Casa Consistorial de Nigrán, é o colexio máis numeroso do municipio, con preto de 400 estudantes. Neste intercambio cos nenos e nenas do Saint John’ s Primary School de Manchester participan os alumnos de quinto e sexto de primaria.

Tras a actividade de vela realizada no Monte Real, os participantes no intercambio despediranse esta tarde no cámping de Baiona, onde os estudantes británicos durmirán a súa última noite no Val Miñor antes de regresar, mañá martes, a Manchester.

Completarase así unha nova edición, a décimo quinta xa, do ‘From Manchester to Nigrán’, unha actividade que se desenvolveu cunha gran implicación por parte da comunidade educativa de ambos os centros escolares, na que sumaron tamén o seu granito de area os concellos de Nigrán e Baiona, a Xunta de Galicia e entidades como o Monte Real Club de Iates.

Tres estudantes inician as súas prácticas no Concello de Baiona

0

Tres estudantes do IES Escolas Proval, iniciaron o pasado luns as prácticas das titulacións de formación profesional de Técnico Superior en Administración e Finanzas e Técnico en Xestión Administrativa. A duración das mesmas será de 380 e 410 horas respectivamente.

Trátase de 1 alumna e 2 alumnos que estarán a desenvolver o seu labor nos departamentos de tesourería e biblioteca municipal, poñendo en práctica a formación que adquiriron nos seus estudos durante os dous últimos anos, para así poder mellorar o seu empleabilidad nun futuro.

As prácticas comezaron o pasado 1 de abril e terminarán o 17 de xuño e estarán tutorizadas por persoal do Concello e dos propios ciclos formativos do IES Proval.

Cos programas de prácticas que o concello leva a cabo en colaboración con centros formativos búscase que os estudantes teñan a súa primeira toma de contacto co mundo laboral e que os mesmos adquiran esa experiencia e coñecementos que lles permita seguir a súa carreira laboral ou continuar cos seus estudos dunha forma máis alcanzable.

Desde o Concello considérase que “é unha etapa moi importante” e anímaselles “a que aproveiten ben estes dous meses e medio de formación práctica, xa que é unha oportunidade de adquirir novos coñecementos que lles axudarán a crecer profesionalmente e completar a súa formación”.

A Deputación abre a inscrición para os cursos gratuítos de español para persoas inmigrantes

A Deputación de Pontevedra publicou este luns no BOPPO as bases reguladoras e o extracto dos Cursos de Español para inmigrantes para a preparación do DELE A2 2019. Este proxecto, que xa se levou a cabo o ano pasado, está formado por un total de tres cursos gratuítos que se impartirán no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e na sede de Vigo entre maio e novembro deste ano.

Estes cursos están orientados á obtención do nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social.

Os cursos que promove a Deputación pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE. Para acadalo, a institución provincial organiza tres cursos de español gratuítos, no Edificio Administrativo da Deputación e na sede de Vigo, dirixidos ata un máximo de 60 persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen preparar o exame do DELE para a obtención da nacionalidade española.

Os cursos, que serán integramente subvencionados pola Deputación incluíndo o custe de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.

A primeira edición terá lugar no Edificio Administrativo en horario de 09:30 a 12:30 horas, do 20 de maio ao 4 de xuño; e as datas de repaso serán de 09:30 a 11:30 horas, os días 10 e 11 de setembro. A segunda edición será na sede de Vigo tamén do 20 de maio ao 4 de xuño, en horario de 16:00 a 19:00 horas; e os días 9 e 10 de setembro, de 16:00 a 18:00 horas, terá lugar o repaso. A terceira e última edición, tamén na sede de Vigo, celebrarase entre os días 11 e 26 de setembro, en horario de 09:30 a 12:30 horas; e as datas de repaso serán os días 18 e 19 de novembro, de 09:30 a 11:30 horas.

Unha vez finalizadas estas edicións, o alumnado dos cursos presentarase ao exame do DELE que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, o 13 de setembro para as persoas candidatas da primeira e segunda edición, e o 23 de novembro para as da terceira edición. As persoas interesadas en acceder a esta preparación gratuíta terán que presentar o formulario de solicitude, a disposición na web www.depo.es e nas oficinas do Rexistro da Deputación, nun prazo de 15 días hábiles dende o martes 2 de abril.