7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizOs centros de compostaxe comunitaria de Mondariz, xa operativos

    Os centros de compostaxe comunitaria de Mondariz, xa operativos

    Mondariz xa ten instalados os 13 centros de compostaxe comunitarios previstos para este concello, dos cales 2 xa están en funcionamento e 3 máis comezarán a operar a partires da vindeira semana. A paulatina posta en marcha destes centros de compostaxe vén sumarse á compostaxe individual que xa está realizando a veciñanza –a Deputación xa leva repartidos preto de 800 composteiros individuais por todas as parroquias–, e que persegue o obxectivo de tratar os biorresiduos no mesmo lugar de orixe no que se producen, evitando que sexan depositados nos colectores verdes.


    No caso da compostaxe comunitaria, as mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza están realizando unha formación por fases segundo a zona na que está previsto que se vaian poñendo en funcionamento os centros. Esta formación xa foi realizada entre os veciños e veciñas das zonas dos dous centros comunitarios que están funcionado, situados na Avenida do Grupo Escolar, e no aparcadoiro da rúa Cooperativa San Gregorio.

    Os tres que está previsto poñer en funcionamento para a semana son os situados en Estromil, na rúa Lino Troncoso e na Praza da Pedreira. Nos vindeiros días, o persoal do Plan Revitaliza visitará os domicilios das persoas residentes nestas áreas para convocalos a candansúa xuntanza de formación, na que lles explicarán todo o que precisen sobre compostaxe, aclarando as dúbidas que poidan xurdir sobre o funcionamento do centro comunitario e o proceso que pasa o lixo orgánico para converterse en compost. Ademais, a medida que comezan a funcionar estes centros, as mestras e mestres composteiros distribúen cubos para as vivendas que participen na compostaxe comunitaria.

    En canto á compostaxe individual que se está a realizar en todas as parroquias, o persoal técnico informa que aqueles domicilios que aínda carezan de composteiro e que desexen sumarse a esta modalidade de xestión dos biorresiduos, poden achegarse ata o Concello e solicitalo –en horario de atención ao público polas mañás–.

    Ademais, cada parroquia dispón dun punto verde no que a veciñanza pode deixar os restos de podas para, posteriormente, recoller estruturante para utilizar nos seus propios composteiros individuais. Para este proceso, o concello dispón dunha trituradora que dará servizo a estes puntos verdes e que será utilizada tamén para triturar a poda propia do concello. O obxectivo é utilizar e aproveitar todos os restos de poda para devolverlle materia orgánica ó chan, evitar queimas, e contribuír a facilitar o proceso de compostaxe da veciñanza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.