O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, convocará nos vindeiros días aos grupos políticos a unha comisión informativa na que se abordará o PXOM “adaptado ás esixencias da Xunta de Galicia” como paso previo a súa aprobación. Con esta convocatoria o goberno municipal enfila a fase final do PXOM para lograr a aceptación e aprobación definitiva por para da Xunta. Cómpre lembrar que en febreiro de 2016 o Pleno resolveu as alegacións presentadas polos cidadáns e aprobou provisionalmente o PXOM que se remitíu á Xunta para a súa aprobación.
Tras un ano de espera a a decisión da administración autonómica decidíu en 2017 rexeitar o Plan aprobado no Concello esixindo cambios profundos e relevantes. A decisión da Xunta obrigou ao equipo redactor do Plan, a empresa GOC, a realizar unha revisión total do documento que foi entregada no Concello en novembro de 2018.
O goberno local decidíu entón expoñelo publicamente para revisar e correxir erros técnicos. Segundo explica a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, dita revisión foi realizada polos técnicos municipais que atenderon á cidadanía nas 87 citas a particulares e 21 citas cos representantes das parroquias, recibindo nalgún caso a tres colectivos por parroquia, isto deu como resultado 49 solicitudes de correcións que foron trasladadas ao equipo redactor para o seu estudo por se se tratase dun erro.
Ademais, de 120 peticións que non concretan ningunha problemática. Nos últimos meses o goberno local convocou aos colectivos de todas as parroquias a reunións técnicas para informalos dos cambios realizados por imposición da Xunta.
Segundo o goberno local “o traballo está na fase final seguindo as directrices da administración autonómica cumprindo as súas esixencias, polo que agora toca analizar toda a documentación para a aprobación do PXOM, envialo á Xunta e que esta o aprobe de forma definitiva nos tres meses que lle concede a Lei”.
Os responsables municipais son optmistas ao sinalar que “non hai dúbida de que agora por fin teremos plan despois de 17 anos” ao mesmo tempo que aseguran que “a Xunta xa non terá excusas para rexeitalo, está feito como esixiron e para Ponteareas é mellor ter este PXOM, aínda que non sexa o que máis nos gustaría, que seguir sen un Plan Urbanístico”.