Xoves, 27 Marzo de 2025

A Alameda da Guarda acolle o 11 de maio a III Mostra Asociativa

Colectivos e asociacións da vila apuran os preparativos da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila son protagonistas, dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades, que este ano terá lugar o vindeiro sábado día 11 de maio na Alameda da Guarda.

Despois de varias reunións de traballo, serán máis de 30 colectivos participantes, que amosaran o seu traballo na Alameda da Guarda entre as 16:00 h e as 21:00 h cunha programación de actividades para todos os públicos e idades.

Así, no programa, ás 16:00 h recolle a actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta; ás 16:30 h exhibición de danza Centro Do-Majó, de 18:00 h a 18:45 h haberá un bloque de actuacións conxuntas entre a asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamarainja e o coro Arpegios-Cantábile. Ás 18:45 h, actuación da Agrupación Musical da Guarda; ás 19:15 h, serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro. Ás 20 horas actuación das pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa e, finalmente ás 20:30 horas, actuación de Xerock.

Ao longo da tarde haberá diferentes stands de información de cada colectivo, así coma actividades paralelas nas que se inclúen a realización dunha alfombra floral, práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de skate, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall e moito máis.

Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á participación da cidadanía, para por manifesto unha vez máis a importancia do asociacionismo, a colaboración e a implicación da sociedade en diferentes colectivos, para levar a cabo accións asociativas de interese xeral con diferentes temáticas e fins.