Xiramos, de Mos, segundo posto no Trofeo Don Quijote disputado en Toledo

O pasado 6 de abril, sábado, os rapaces da Agrupación de Patinaxe 'Xiramos' de Mos participaron no 'II Trofeo Don Quijote' en Santa Cruz de la Zarza (Toledo), obtendo un magnífico segundo posto na súa categoría do grupo 'Dentro del tiempo'. 'Xiramos' competía, amais, con outros dous grupos: 'Welcome' e 'Miradas en la noche'.

O 'Trofeo Don Quijote' é unha competición promocional de exhibición a as patinadoras e patinadores de Mos acadaron medalla de prata con 'Dentro del tiempo' na categoría de Grupo Grande Promocional.

A coreografía Dentro del tiempo está formada por un total de 14 compoñentes, 11 nenas e 3 nenos, con idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos e, con este segundo posto en Toledo, acadaban o seu primeiro podio.

Tras este logro deportivo xa teñen programadas novas citas de competición. O vindeiro sábado 13 de abril participarán no Trofeo Internacional de Vigo; o 27 de abril no Trofeo Condado de Salvaterra e o primeiro sábado do vindeiro mes de maio no 'Trofeo Cid Campeador' en Burgos.

A Agrupación de Patinaxe Xiramos, que preside Beatriz Rodríguez Álvarez e que foi fundada no ano 2012, está integrada por un total de 27 patinadores e patinadoras de entre 11 e 18 anos de idade. Adestran dous días por semana en instalacións deportivas municipais, concretamente os martes no Pavillón 'Patricia Martínez' e os venres no Pavillón 'Óscar Pereiro'.