21.8 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz mellora a mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano

    Mondariz mellora a mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano

    O Concello de Mondariz esta a desenvolver as obras denominadas de “Mellora de Mobilidade e Seguridade Viaria na Contorna do Centro Urbano e de equipamentos de Mondariz”, unha actuación coa que o Goberno local da continuidade ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible que permitiu as obras de mellora da seguranza Avenida Grupo Escolar, nas inmediacións do CPI Mondariz.

    Xoán Carlos Montes Bugarín, alcalde de Mondariz, subliña a importancia desta actuación ao incluír un amplo espazo comprendido entre o inicio da Praza Maior, a totalidade de Concepción Arenal, a rúa Merouces e a baixada cara a Avenida Grupo Escolar que rexistra unha grande circulación de vehículos e peóns dado que inclúe establecementos de comercio e hostalería, o Centro de Día, o Centro de Saúde, a Casa do Concello e enlaza coa zona escolar e do campo de fútbol de herba artificial. Os traballos suporán unha reordenación nas direccións do tránsito rodado, mellorando tanto os desprazamentos dos vehículos coma as condicións de seguridade dos peóns.

    Máis polo miúdo, a rúa Concepción Arenal, que nestes intres conta con beirarrúas dun ancho que oscilan entre os 75 centímetros e 1,10 metros e dobre dirección da circulación a 50km/h, pasará unha rúa de plataforma única, cun só sentido de circulación a 20 km/h e cun ancho dispoñible para o peón sempre superior aos 3,40 metros. A zona dotarase de arborado e mobiliario urbano de cara a fomentar o seu uso veciñal en detrimento do seu actual carácter que é case que de estrada.

    No que atinxe á rúa Merouces, esta divídese en tres treitos ben diferenciados, un da Casa do Concello ao Centro de Saúde, un segundo treito do Centro de Saúde á Baixada de Merouces e terceiro entre a Baixada de Merouces e a Avenida Grupo Escolar. Na primeira parte, ao igual que na rúa Concepción Arenal, optase por unha plataforma única con espazos reservados aos peóns superiores aos 4,50 metros, espazo necesario xa que se trata dunha zona que rexistra unha alta afluencia de usuarios e usuarias tanto do Centro de Día como do Centro de Saúde e, de cara a mellorar a seguridade, reforzarase a iluminación do paso peonil fronte ao Centro de Saúde.

    Doutra banda, o segundo treito –do Centro de Saúde á Baixada de Merouces– procederase á ampliación dunha das beirarrúas ata acadar os 2,50 metros libres para o peón e reducirase o desnivel entre as beirarrúas e a estrada pasando dos actuais 13 cm a 7 cm. Doutra banda, a redución da sección da calzada en 50 cm, favorece a redución da velocidade que pasará dos actuais 50km/h aos 20 km/h. Ademais, no entronque coa baixada de Merouces colocarase un redutor de velocidade en forma de paso alzado que conecta os percorridos peonís dos tres eixos que alí conflúen.

    Finalmente, no terceiro treito da rúa Merouces, o comprendido entre a Baixada de Merouces e a Avenida Grupo Escolar, e que comeza no antedito paso de peóns alzado, a rúa será de plataforma única con 3,40 metros de espazo para os peóns ao longo de todo o trazado e pasa, do actual dobre sentido de circulación a 50 km/a, a un único sentido de 20 km/h. Inclúe a obra algún pequeno ámbito verde para evitar o risco de deslizamentos dos peóns nos treitos de maior pendente.

    Xa por último, na Avenida Grupo Escolar, no treito comprendido entre a Praza de Merouces e o acceso ao campo de fútbol, melloraranse as condicións de seguridade especialmente nos momentos de chegada e saída de nenos e nenas ao colexio xa que se trata dun lugar onde se producen situacións de circulación complexas ao cruzarse os autobuses escolares que entran por esa vía ata a praza de Merouces, coa vehículos particulares de nais e pais.

    De entrada, amplíase a beirarrúa existente ata os 2,50 metros en todo o seu percorrido, delimitándose un espazo de estacionamento reservado para os autobuses escolares. Na marxe sur, suprimirase o estacionamento e crearase unha senda peonil de ancho variable –entre 90 cm e 3 metros– ao longo da vía. Esta medida obrigará a deixar aos cativos e cativas sempre na marxe do centro de ensino, tanto de vehículos privados como colectivos, reducíndose por tanto o número de nenos e adultos cruzando a vía e diminuíndo considerablemente o risco dun accidente.

    Resumindo, trátase de reordenar un espazo céntrico e permitir a correcta convivencia entre os vehículos e os peóns e, sobre todo, gañar espazo para a convivencia de veciños e veciñas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.