Luns, 9 Decembro de 2024

Areeiro advirte do “elevado risco” de aparición do mildeu

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu aviso fitosanitario semanal que á primeira mancha de mildeu detectada nunha parcela do Rosal o pasado martes, hai que sumarlle xa dúas máis en sendas parcelas do Salnés. Os técnicos da EFA indican que, aínda que no resto de fincas non se detectaron de momento síntomas desta enfermidade, espérase que aparezan nos próximos días.

Esta previsión realízana atendendo á meteoroloxía pasada e á prevista para os vindeiros días con subida das temperaturas mínimas. Ante esta situación, o persoal técnico de Areeiro recomenda que naquelas viñas onde aínda non se aplicase ningún tratamento, se debe incrementar a vixilancia e revisar minuciosamente as plantas na procura da primeira mancha.

No caso de que non se fagan revisións, a recomendación é a aplicación de tratamento para evitar problemas futuros. No caso de viñas nas que xa se aplicase un primeiro tratamento, insisten na necesidade de vixiar o estado das plantas, aínda que, en principio, non se espera que presenten síntomas. Desde a EFA tamén indican que como nestes primeiros tratamentos se están aplicando funxicidas sistémicos ou tamén penetrantes que soen ir acompañados cunha materia activa de contacto, para aproveitar ben a acción desa materia activa é necesario asegurarse de mollar ambas caras das follas.

Segundo explican desde a EFA, desde a emisión do anterior aviso fitosanitario semanal, do 17 de abril, houbo unha variedade de condicións climáticas que incluíu, dunha banda, algunhas xornadas, como a pasada fin de semana, con temperaturas medias e máximas moi elevadas e ausencia de choivas e humidade foliar; e doutra, como case toda a semana, choivas máis ou menos intermitentes acompañadas dun descenso notorio nas temperaturas, especialmente as nocturnas, que se mantiveron na contorna dos 6-8 ºC. Aseguran que esta situación deu lugar, tamén, a un diferente nivel de risco de infección por mildeu segundo o período. Tamén indican que no momento de emisión deste aviso, as axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden estritamente no seu prognóstico para os próximos días pois, aínda que todas falan dunha melloría na climatoloxía, algunhas aínda manteñen períodos con probabilidade de precipitación maior do 60% algún día.

En canto á botrite, indican que en moitas zonas houbo diferentes episodios de sarabia e ventos fortes que produciu roturas de follas e gromos o que fará que, co transcurso do tempo desde que se producen esas lesións, vaian aparecendo tecidos necrosados sobre os que se pode instalar este fungo. Aseguran que nesta semana xa se observaron necroses nalgunhas fincas, pero non esperan que teñan incidencia debido a que a maioría das previsións meteorolóxicas apuntan para a próxima semana unha climatoloxía máis seca. En todo caso, explican que se se aplica un produto que leve folpet na intervención fronte ao mildieu, diminuirá aínda máis o risco de botrite.

Á marxe da viña, o aviso fitosanitario tamén inclúe recomendacións salientables como renovar o tratamento fronte á lepra das árbores froiteiras de óso; renovar o tratamento fronte ao mildeu da pataca, sobre todo despois destes días de humidade e ante a previsión do incremento de temperaturas; e a aplicación de tratamento para o fungo ‘Phytophthora spp’ dos cítricos –só no caso de que a enfermidade estea confirmada–, e controlalo evitando acumulacións de auga na zona radicular e, se hai froitos afectados, retirándoos e eliminándoos.