9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO auditorio de Nigrán acolleu a gala dos 'Premios Nigrán 2019'

    O auditorio de Nigrán acolleu a gala dos ‘Premios Nigrán 2019’

    O Concello de Nigrán celebrou onte sábado no Auditorio Municipal, a gala dos ‘VIII Premios Nigrán’, logo de que a Xunta Electoral comunicara ao Concello o arquivo da denuncia de UCN que pedía a suspensión do acto por celebrarse no día de reflexión. A Gala contou coa actuación musical de Dous , un recoñecido dúo instrumental nigranés formado por Fernando Abreu e Pablo Carrera.

    Nesta oitava edición os homenaxeados foron, no eido cultural, a Asociación Cultural Breogán Valle Miñor; no educativo a Escola Infantil ‘A Galiña Azul’ de Nigrán; no empresarial Rodosa; no deportivo o Club de xadrez Laroca e no social o Club Polideportivo Juan María. O xa consolidado acto institucional é un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados. “Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a pór en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

    Cultural: Asociación Cultural Breogán Valle Miñor
    A Asociación Cultural Breogán Valle Miñor foi fundada en 1976 polo matrimonio nigranés Gloria Costas Pérez e Teodoro de la Peña Barbosa. Hoxe en día a integran máis de trinta persoas de todas as idades (dende 5 ata 75 anos). Comezou como grupo de Baile Tradicional e pouco a pouco engadíronse outras actividades para complementalo como o grupo de Gaitas e Percusión, o de Canto e Pandeireta, o de Música con flautas e guitarras, o de Teatro e Mediometraxes, o de Danza-jazz e o de Bailes de salón, sete en total, nas que participa case todo o alumnado. A Asociación, nestes 43 anos ininterrumpidos de existencia, percorreu moitas cidades e pobos de Galicia, Portugal, Sevilla, Madrid, Toledo, Asturias, Valencia, Barcelona e Tenerife. A base de Breogán Valle Miñor é o estudio, o achegamento e difusión da cultura galega, concretamente da zona de Vilariño. As súas danzas expresan tamén momentos e costumes dos nosos antergos como as malladas, a pesca, a cavada das terras, os zapateiros, os afiadores que chegaban ao pobo, as leiteiras, as romerías…. Na nosa filosofía está o ofrecer a maior aprendizaxe posible e a accesibilidade. Actualmente, as fillas do matrimonio fundador, May e Glori de la Peña Costas, son as encargadas de manter e expandir o noso folclore e estilo tanto aquí en Nigrán, como en España; Eibar, en Europa; Basilea e Lausanne, e tamén en América; La Habana, Caracas, Valencia, Maracaibo, Montevideo, Santos, Río de Janeiro, etc

    Educativo: Escola Infantil ‘A Galiña Azul’
    A Escola Infantil ‘A Galiña Azul’ de Nigrán, aberta no ano 2008 na rúa do Panasco, é a única pública de 0 a 3 anos do municipio e forma parte da rede de escolas infantís do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Dende o seu inicio no curso 2008/2009, máis de 800 nenos e nenas de Nigrán pasaron os seus primeiros anos de vida neste centro no que traballan 16 mulleres, doce delas no eido estrictamente educativo. A Escola, que conta con cociña propia e atende a unha media de 75 crianzas por curso, destaca pola súa constante innovación pedagóxica e a súa apertura á comunidade e ás familias, proba delo e a realización de moitas actividades conxuntas e a existencia dun ANPA volcada no proxecto educativo. Así, unha parella de profesoras por aula traballa cos cativos co obxectivo fundamental de estimular o desenvolvemento de todas as súas capacidades, tanto físicas como afectivas, intelectuais e sociales dos nenos nun ambiente de respeto máximo, rico en estímulos e de apego para criar a persoas empáticas, tolerantes, intelixentes, divertidas, creativas… “Non somos unha gardería porque non gardamos nenos, somos unha escola que traballa cuns obxectivos pedagóxicos moi definidos para facer nenos felices e autónomos”, insisten dende o centro.

    Empresarial: Rodosa
    Rodosa naceu en 1971 da man do seu fundador e actual xerente, D. Prudencio Romeu. Por entón era un taller de mecánica e chapa situado no centro de Vigo. A partir de 1973 instálase en Priegue, Nigrán, pero non foi ata 1986 cando se vincula a Renault como axencia. Posteriormente, faríao como concesionario oficial en 1990 e, en 2002, faise cargo da instalación de Vigo, na Avda. de Madrid, e en 2011 das de Cangas do Morrazo, tamén ten presencia en Ponteareas. O Concello de Nigrán quere premiar a Rodosa pola súa gran disposición a colaborar en tódolos eventos que se lle require, demostrando o seu compromiso firme con Nigrán, e pola estabilidade laboral que ven ofrecendo a moitos veciños do municipio. A firma destaca polo seu sólido prestixio no sector, tanto pola súa traxectoria empresarial como polo respaldo das marcas que representa, Renault e Dacia. Hoxe día a actividade de Rodosa desenvólvese na venda de vehículos novos, vehículos de ocasión de todas as marcas e comerciais, así como en servizos de mantemento, mecánica, carrocería, e venda de pezas de recambio e boutique Renault e Dacia.

    Social: Club Polideportivo Juan María
    O Club Polideportivo Juan María naceu no ano 1992 ligado ao Centro de Educación Especial Juan María, situado en Parada (Nigrán). Actualmente reúne a 50 deportistas, principalmente de futbol sala e baloncesto, pero tamén doutros deportes minoritarios como o ciclismo, e participan en diferentes competicións adaptadas, como os Special Olympics. Manuel González ‘Chapela’, presidente do clube dende hai 14 anos, encárgase de adestrar a estes rapaces e rapazas que compiten en equipos mixtos e con de idades comprendidas dende os 16 anos en diante. “Temos deportistas de ata case 50 anos, de máis idade xa é complicado porque soen padecer problemas físicos asociados que lles acurta a vida deportiva”, explica Manuel. A práctica de exercicio xera grandes beneficios para todas as persoas e, neste caso en concreto, o Concello quere destacar o esforzo e entrega do clube para achegar o deporte as persoas con diversidade, xa que a súa práctica dende a infancia é un método incuestionable para obter unha integración social, unha autonomía e un afán de superación persoal maior.

    Deportivo: Club de Xadrez Laroca
    O Club de Xadrez Laroca naceu hai 25 anos da man dun grupo de afeccionados que se reunían a xogar nunha cafetería de devandito nome situada nas galerias de A Ramallosa e que xa non existe. Tres deses primeiros integrantes continúan activamente: Carlos Carreira, Tomás Bernárdez, Rafael Simoes e José Manuel Araújo. Actualmente está formado por 50 xogadores federados dende os 6 ata os 55 anos que disputan a liga galega, tendo a súa sede nas dependencias municipais de Cotros (A Ramallosa, nas antigas escolas). Entre as súas estrelas figuran Mireya Represa, cinco veces campiona de España en distintas categorías e novena no campionato europeo; ou Ana Fernández, campiona provincial feminina sub-16 e subcampiona femenina galega sub-18. Con especial atención á formación dos máis novos, o Club de Xadrez Laroca organiza cada ano diferentes torneos, destacando o memorial infantil ‘Dani Da Rocha Prol´, evento que rende homenaxe ao seu compañeiro Dani da Rocha, falecido en 2011, e que reúne a centos de mozos e mozas de toda Galicia no Pavillón de Panxón. A gran participación neste torneo netamente infantil é unha mostra máis do notable e crecente interese polo xadrez en Galicia. A aparición nos últimos anos de novos clubs e escolas de xadrez que promoven esta disciplina, o incremento da oferta de torneos por todo o territorio e a posibilidade de que o xadrez sexa materia de libre configuración son froito do convencemento dos beneficios que ten a práctica do xadrez na mente de pequenos e maiores. Por todo elo, o Concello considera ao Laroca merecedor deste premio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.