O Concello de Baiona organiza por terceiro ano consecutivo o Mercado Antigo de Sabaryz coa intención de dar a coñecer a historia duns dos mercados máis antigos de Galicia. A cita será o vindeiro mércores 1 de maio de 2019 na Praza Vitoria Cadaval e en practicamente toda a Avenida Julián Valverde.
Este ano como novidade haberá unha demostración do xogo de birlos celta e do xogo da chave por parte do Club de Birlos A Rega de Sabarís, na cal exhibirán como se desenvolven estes tradicionais xogos e animarán ao público a que participe neles. O xogo de birlos é, probablemente, a máis antiga modalidade deportiva das que se practican no municipio, cunha antigüidade de ao redor de dous séculos, por iso “pareceunos interesante tela presente nesta edición do antigo mercado”, sinalan dende a organización.
A primeira noticia histórica deste mercado remóntase a 1736 onde aparece escrito nun documento antigo, que na ponte de Sabaryz producíanse asentamentos de mercadores e comerciantes, que burlando a Real Provisión que os Reis Católicos concedéranlle a Monte Real en 1497, tentaban vender os seus produtos nos camiños de acceso a Baiona ou agrupándose en lugares como San Antón, El Burgo, a Rúa Real e a ponte de Sabarís, onde eran reiteradamente dispersados e sancionados pola autoridade local.
Non é ata 1838 no que se autoriza e permítese a venda ambulante no devandito emprazamento e o verdadeiro mérito do Mercado de Sabarís está en que desde entón e ininterrompidamente veuse celebrando puntualmente todos os luns ata os nosos días no mesmo lugar.
O Concello de Baiona en homenaxe ao Mercado de Sabarís, organizará anualmente unha edición especial de época, rememorando a feira e poñendo en valor a historia, costume e tradición dunha das súas parroquias máis importantes. Do mesmo xeito, o Concello quere agradecer “a colaboración dos comerciantes de Sabarís que fan posible a posta en escena dun variado mercado con oficios antigos, artesanía e mercadurías da época, postos de comida, música, teatro , maxia, talleres, etc. coa intención de rememorar un dos asentamentos de mercadores con máis historia de Galicia”.