Luns, 12 Maio de 2025

Areeiro aconsella tratar as viñas contra o mildio ante a previsión de choivas que favorecerán o avance do fungo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que sinala que nos últimos días produciuse unha contención no desenvolvemento xeral do mildio nas viñas, favorecida polo tempo seco e con ventos do norte, pero o cambio na climatoloxía previsto para os vindeiros días, coa volta das choivas a partir de mañá xoves ou venres, favorecerá novamente a frutificación do fungo.

Por esta razón, Areeiro recomenda tratar o antes posible as viñas que xa teñan finalizada a protección anterior (ou que estean a punto de concluíla) e que presenten síntomas activos. Nas outras, as revisións deberán seguir sendo continuas, para poder actuar a tempo se fose necesario nos períodos de claros que, segundo as previsións, haberá na climatoloxía dos próximos días.A EFA lembra ás persoas viticultoras que o mantemento dun ambiente aireado na viña favorece a penetración dos produtos e reduce en si mesmo o risco de avance deste e doutros patóxenos.

O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio nas viñas. Areeiro comprobou que a enfermidade estendeuse na planta onde a semana anterior xa detectara o primeiro acio de albariño afectado e, neste senso, apunta a que o actual período é de moita sensibilidade das plantas a este fungo, polo que é recomendable continuar engadindo antioído a todos os tratamentos antimildio, ao menos mentres continúe o momento de risco.

No que atinxe ao black-rot, o actual período da fenoloxía da vide provoca que os acios sexan moi sensibles a este patóxeno. Aínda que co tempo seco dos últimos días non houbo avance na enfermidade nas plantas revisadas, a EFA sinala que as condicións climatolóxicas previstas serán favorables, e por iso recomenda que no caso de facer tratamentos antimildio e antioídio as persoas viticultoras elixan materias activas con acción fronte a este outro patóxeno, polo menos nas viñas onde haxa algún síntoma.

Respecto á botrite, non houbo condicións meteorolóxicas que favoreceran a este fungo, e pese as condicións de humidade previstas para os próximos días, Areeiro subliña que neste período do ano non se esperan danos debido a que, polo menos os acios secos por mildio procedentes das contaminacións pasadas, onde se podería instalar o fungo, xa se están desprendendo e tampouco hai apenas restos florais adheridos.

Detalle alimentacion Cydalima

Doutra banda, no que se refire ás avelaíñas do acio, a EFA sinala que as capturas de machos da primeira xeración de Lobesia botrana reducíronse esta semana, e o número de niños ou glomérulos das eirugas atopados nos controis aos acios é esporádico.

E no que respecta a outras pragas de artrópodos, Areeiro sinala que as trampas amarelas para a captura de cicadelidos permanecen en xeral bastante baleiras nestes momentos da campaña, e tampouco se atoparon apenas ninfas nos recontos realizados ás follas. Polo demais, segue a haber algo de erinose nalgunhas viñas e, nunha do Rosal, síntomas esporádicos de Janetiella oenophila, pero sen importancia.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre a bolboreta do buxo. Neste senso, recoméndase incrementar a vixilancia, xa que se atoparon algunhas postas máis na revisión desta semana aos buxos, e tamén, de xeito puntual, as primeiras eirugas neonatas alimentándose.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

‘A Guarda Diversa’, iniciativa que pretende dar visibilidade ao colectivo LGTBIQ+ mediante varias accións online

0

O Concello da Guarda, a través do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade coa colaboración de Sara Uris –responsable do proxecto Transformando Realidades–, pon en marcha este ano o proxecto ‘A Guarda Diversa’, de cara a visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ mediante varias accións, que terán lugar nas redes sociais e de xeito online, entre o 15 e o 27 de xuño de 2020.

Entre as accións programadas destacan a realización de 5 directos a través de redes sociais, dirixidos e coordinados por Sara Uris, nos que se contará coas experiencias de persoas moi vinculadas a este colectivo e que amosarán, dun xeito ameno e de proximidade, como é a realidade do colectivo LGTBIQ+ dende diferentes puntos de vista. Os directos realizaranse ás 19:30h, dende o perfil de Instagram de Transformando Realidades (@transformando.realidades)

Calendario

  • 15 de xuño: A realidade LGTBIQ+. Da teoría á rúa. Por María Torre: Periodista, sexóloga clínica, educadora sexual e creadora de ArsEroticas. Falaremos de como vivir sendo parte da comunidade LGTBIQ+ dende unha perspectiva práctica e real. Se pensabades que xa o tiñamos todo logrado, esperade a coñecer como é en realidade.
  • 17 de xuño: Orgullos e espazos LGTBI. Por Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz: Doctor en antropoloxía e investigador, autor de “Bifobia” e de “Cuando muera Chueca”, entre outros. Falaremos sobre diferentes espazos LGTBIQ+ e sobre o papel dos Orgullos, relacionando as grandes cidades e os municipios pequenos.
  • 18 de xuño: Formando unha familia. As expectativas da crianza. Por Soledad Fernández: Presidenta de Chrysallis Galicia. Falaremos sobre a influencia das normas e estándares da sociedade nas expectativas da crianza.
  • 22 de xuño: Son unha nena Trans, nin travesti, nin transformer. Por Alejandra e Pili: Familia TransOrgullosa. Falaremos das vivencias e experiencias dunha familia chea de cor.
  • 25 de xuño:  A realidade trans. Por Ada Otero: Licenciada en Dereito, Coordinadora do CIDES e activista LGTBIQ+.Falaremos do camiño e descubrimento dunha persoa trans, así coma das trabas que lle obrigan a converterse en “experta de todo”.
  • 26 de xuño: Contacontos Con Tango son tres. Impartido por Sara Uris, de Trans*formando Realidades, profesora de Educación Infantil, especialista en Xénero e Igualdade. Coa colaboración de Andrés Laguna.
  • 27 de xuño: Obradoiro infantil realizado por Sara Uris, de Trans*formando Realidades, coa colaboración de Maite Neves. Manualidades para toda a familia, facendo un guiño a festividade do Orgullo LGTBIQ+.

Entre as accións programadas e en colaboración coa Biblioteca Pública Municipal da Guarda, publicaranse en redes sociais diferentes informacións sobre libros e lecturas recomendadas sobre a temática LGTBIQ+.

Gonzalo Caballero asegura en Baiona que “o cambio é máis necesario que nunca. Hay que pasar páxina á etapa dos recortes de Feijóo”

0

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, estivo hoxe en Baiona, onde apelou á mobilización de “todos os galegos” o vindeiro 12 de xullo. “Xogamos o futuro. Non servirá arrepentirnos catro anos se o PP de Feijóo segue, con recortes e reducindo as posibilidades de futuro de Galicia”, advertiu o líder dos socialistas galegos, quen chamou a “pasar páxina á etapa dos recortes de Feijóo”. “O cambio é máis necesario que nunca”, arengou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero indicou que o 12 de xullo xógase “se Galicia avanza cara o progreso, o benestar, a igualdade real entre homes e mulleres, a defensa das persoas máis vulnerables” ou “se Galicia mantén a liña de Feijóo de deixar unha Galicia cada vez máis cativa”.

Neste senso, denunciou o recorte de Feijóo de máis de 2.000 millóns de euros na sanidade pública, o peche dun millar de camas hospitalarias, a destrución de 70.000 empregos en Galicia antes da chegada da covid… “O 12 de xullo é unha oportunidade para o futuro, e nós estamos preparados para un cambio con garantías”, profundou.

“Os socialistas queremos unha Galicia de oportunidades e de prosperidade, comprometida co estado do benestar”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, para facer un chamamento a que a maioría progresista que existe en Galicia “non quede na casa” o 12 de xullo. “As nosas receitas son máis necesarias que nunca”, concluíu.

Benestar e progreso

Ademais, Gonzalo Caballero recordou como sempre foron os gobernos socialistas os que tomaron medidas a prol da cidadanía, “a diferencia do que ocorre cando goberna a dereita”, e puxo en valor “o quinto piar” do estado do benestar que acaba de aprobar o goberno de España, o ingreso mínimo vital.

Do mesmo xeito, reivindicou a labor dos concellos progresistas e enxalzou a forza municipalista do PSdeG, que ten un alcalde ou alcaldesa en cinco das sete cidades galegas e un presidente ou presidenta en tres das catro deputacións. Por tanto, pediu “non ter medo á dereita” porque “somos máis e somos mellores”.

Ilusión e futuro

En paralelo, o secretario provincial do PSOE en Pontevedra, David Regades, destacou que Galicia “necesita a ilusión e o futuro” que representa Gonzalo Caballero, cuxo “único interese é mellorar a vida dos galegos e das galegas”. É por iso que augurou que será “o próximo presidente da Xunta”, do mesmo xeito que un ano atrás vaticinou no mesmo escenario que os candidatos de Baiona, Gondomar e Nigrán se converterían en alcaldes.

Ademais, amosou o seu “orgullo” pola candidatura socialista de Pontevedra, “formada por mulleres e homes que son grandes profesionais cada un no seu ámbito”, máxime en contraste coa lista que presenta o PP. “Candidatos que veñen e van, que un día son delegados da Xunta, ao día seguinte cesan para ir na lista, ao día seguinte retornan ao despacho e despois volven cesar… candidatos de chaqueta reversible”, resumiu.

“O cambio chegará a Galicia”

De paso, David Regades ironizou coa visita de Feijóo “para falar de industria” a unha instalación da Zona Franca “porque a Xunta carece de política industrial”. “Cando Gonzalo sexa presidente, cantas cousas poderemos facer pola industria galega da man do goberno galego colaborando co goberno de España”, finalizou.

Tamén interveu a número dous da candidatura de Pontevedra, Isaura Abelairas, quen puxo en valor “o entusiasmo e a paixón” de Gonzalo Caballero e o seu compromiso na defensa dos servizos públicos fronte á concepción de Feijóo de que o público é “negocio”.

Pola súa banda, o anfitrión do acto, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, augurou que “o cambio chegará a Galicia” o 12 de xullo liderado por Gonzalo Caballero e, con el, “a garantía dos dereitos e da prosperidade” e a conexión cos concellos aos que Feijóo “deixou de lado” durante a crise da covid.

A Biblioteca do Rosal reabre a zona de estudo en sala en mesas individuais

0

A Biblioteca Pública do Rosal inclúe novas medidas nesta terceira fase de desescalada. Dende este xoves 11 de xuño reábrese a zona de estudo en sala con catro mesas individuais separadas para garantir a distancia mínima de seguridade entre as persoas usuarias que queiran facer uso do servizo. As persoas interesadas poderán acudir á sala de estudo pola mañá de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde no horario habitual da biblioteca.

Para garantir todas as medidas de protección, todas as mesas serán de uso exclusivo para unha soa persoa e todas contarán con acceso a internet a través da rede wifi da Biblioteca. As mesas serán desinfectadas por persoal municipal despois de cada uso.

Horario de verán

O pasado 13 de maio a Biblioteca reactivou o servizo de préstamo de libros limitado a dous exemplares por persoa, xa que as medidas marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polos usuarios e usuarias.

Como en calquera outra instalación municipal, todas as persoas usuarias deberán cumprir os protocolos de prevención establecidos, cunha única entrada habilitada pola porta lateral, sen poder buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada e pedindo ao persoal municipal xéneros literarios ou títulos concretos, cuxa dispoñibilidade pode consultarse na plataforma da biblioteca.

Lémbrase ademais a todos os usuarios e usuarias que a partir do vindeiro luns 15 de xuño a Biblioteca Municipal pasará a ter horario de verán:

  • Do 15 ao 30 de xuño de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas.
  • Xullo e agosto de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas.
  • Do 1 ao 15 de setembro de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas.

Ponteareas destina 50.000 euros de subvencións para apoio á cultura

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, informa que a partir de hoxe mércores, 10 de xuño, xa se poden presentar as solicitudes de apoio á cultura logo da publicación, no Boletín Oficial da Provincia de onte, da convocatoria de subvencións destinada a casas e centros culturais do Concello de Ponteareas.

Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas “amosa o seu firme apoio á cultura e á iniciativa da veciñanza que a través das casas e centros culturais desenvolven un importante papel na dinamización da cultura, especialmente nas parroquias de Ponteareas”, sinala a Concellería de Cultura.

A través desta subvención dotada con 50.000 €, a concellería colaborará cos gastos de funcionamento e mantemento das casas e centros culturais incluídos na rede municipal contribuíndo no fomento e na posta en valor dos propios centros e da súa actividade cultural.

A partir de hoxe hai quince días para presentar a documentación e os impresos debidamente cumprimentados.

Esta liña de axudas subvenciona os gastos das actividades programadas por cada Casa ou Centro cultural así como os gastos xerais de mantemento, subministros e custes enerxéticos, entre outros derivados do uso e funcionamento de cada centro. Como noutros anos, a promoción da lingua galega, o número de actividades programadas ou o número de asociados serán algúns dos aspectos a ter en conta na valoración das solicitudes.

Fernando Groba salienta a convocatoria destas axudas en momentos tan complicados como os que estamos a vivir no que é preciso seguir apoiando á actividade cultural e o esforzo que rezalizan as persoas que asumen a responsabilidade de cada unha das xuntas directivas dos centros e casas culturais das parroquias do municipio.

As bases poden consultarse no botón ‘axudas e subvencións’ da páxina web do Concello ou premendo directamente nesta ligazón https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/

O alcalde de Ponteareas pide ao PP que “respecte o Corpus” e que “non enrede con mentiras e falsidades”

O alcalde de Ponteareas Xosé Represas, saíu ao paso das declaracións da portavoz do Partido Popular, Belén Villar, sobre o covenio coa Xunta de Galicia para o Corpus. Represas amosouse sorprendido coas afirmacións realizadas pola portavoz municipal do PP e a súa falta de respecto coa celebración do Corpus Christi que sempre estivo á marxe de partidismos.

“Pido ao PP e a Belén Villar que respecten o Corpus e que non enreden coas súas mentiras e falsidades” declarou Represas que non entende esta forma de facer oposición que pode “manchar a nosa seña de identidade como pobo”.

O alcalde de Ponteareas non quixo entrar en polémicas que cualificou de “irresponsables” sobre o Corpus e deu conta de forma detallada das xestións realizadas nestes meses para subscribir coa Xunta de Galicia o convenio para a promoción do Corpus Christi como Festa de Interese Turístico Internacional.

Despois das xestións previas realizadas, o Concello remitíu ao gabinete xurídico de Turismo da Xunta, para a tramitación do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, o Concello de Ponteareas e Abanca para a celebración da festa do Corpus Christi 2020 a seguinte documentación:

  1. Certificados de estar ao corrente coas obrigas tributarias do Estado, Galicia e Seguridade Social
  2. Informe do interventor de non estar incurso en ningunha das prohibicións do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia para ser beneficiario de subvencións
  3. Orzamento estimado para actuacións vinculadas ao apoio, promoción e difusión do Corpus Christi 2020

Con data 13 de marzo de 2020, ás 14:22 horas, recibimos por correo electrónico do gabinete xurídico de Turismo da Xunta, o texto do “CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A CELEBRACIÓN DO CORPUS CHRISTI 2020” no citado correo recollese textualmente:

“ Xunto o texto do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia, o concello de Ponteareas e Abanca, Corporación Bancaria, S.A. para a celebración das festas do Corpus Christi 2020, para que o revisedes e nos comuniquedes se está correcto para a súa firma, en especial ao que respecta ás obrigas”.

Despois de varios contactos por teléfono co departamento de Turismo da Xunta para reorientar o contido do convenio pola situación provocada polo Covid-19, con data 6 de maio de 2020, remítese un novo correo ao citado departamento no que se informa da reunión celebrada cos alfombristas e suxerindo celebrar o Corpus de xeito virtual e como “un acto de promoción do Corpus de cara ao 2021 que todavía está por definir, ligado ao ano Xacobeo” recollendo ademáis na mesma comunicación, “contactar telefónicamente con vostede a fin de poder aclarar algunhas dúbidas que temos de cara a poder encaixar este novo escenario deste ano no convenio pendente de asinar e posteriormente a súa xustificación”.

A resposta

“En relación ás cuestións formuladas, debo informarlle que non se tramitarán nin asinarán os convenios para festas de interese turístico para esta ano 2020, por mor da situación derivada da crise sanitaria pola COVID-19 e as medidas que se adoitaron neste contexto”.

Máis intentos de comunicación

Ademais das comunicacións citadas, realizaronse varias xestións telefónicas por parte das concelleiras de Eventos, Cristina Fernández, e da concelleira de Turismo, Eva Gil, propondo dende o Concello outras alternativas de promoción do Corpus durante o presente ano 2020 que agardamos poidan recibir finalmente o apoio da Xunta de Galicia mediante o convenio que se considere máis axeitado entre as dúas administracións nesta nova situación.

Polo tanto non se corresponden coa realidade as afirmacións de Belén Villar no sentido que o alcalde e o goberno local non solicitaron e renunciaron á axuda da Xunta para a promociòn do Corpus Christi 2020. Resulta tamén rechamante que o propio PP que utiliza o Corpus de forma partidista na súa comunicación acabe pedindo unidade e non confrontación.

Por respecto á tradición do Corpus e aos alfombristas, así como polo grave momento que estamos a pasar no que debemos buscar o entendemento e deixar de lado as confrontacións, Represas non quixo entrar en polémicas e tampouco quixo calificar este comportamento do Partido Popular, “Os feitos son ben claros e os veciños xa sacarán as súas conclusións”, rematou o alcalde

Tomiño pon a disposición do alumnado os recursos informáticos da Aula CeMIT para acceder a contenidos educativos

0

O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio ás Familias, pon a disposición do alumnado de Primaria e Secundaria os recursos informáticos da Aula CeMIT, co obxectivo de ofrecer unha atención específica aos nenos, nenas e adolescentes escolarizados nos diferentes centros do municipio, debido ás dificultades e necesidades que provoca a situación excepcional da crise do Covid-19.

O devandito servicio municipal toma esta decisión logo de comprobar “grandes atrancos en varias familias para acceder aos contidos educativos a través das ferramentas informáticas e internet, ben porque non dispoñen dos equipamentos necesarios, ben porque hai zonas que non teñen cobertura ou o sinal non é o suficientemente nítida, o que incrementa a desigualdade na adquisición e aproveitamento do material educativo”.

Para mitigar esta desigualdade e acortar os tempos na disposición dos servizos, propoñemos un espazo físico que conta con ordenadores e impresora (aula CeMIT).

Neste espazo os rapaces e rapazas terán dispoñibles 5 ordenadores, en horario de 11:30 a 14:00 horas de luns a venres, contando ademais coa tarde dos martes, de 17:00 a 20:00 horas. Cada ordenador será utilizado por un alumno/a en cada quenda, acompañado/a por un tutor, durante un tempo máximo de dúas horas.

O método para reservar unha quenda será chamar directamente ao teléfono da aula CeMIT (986 623 304) ou enviar un e-mail ([email protected]), indicando nome e apelidos, curso e centro educativo.

O servizo de ordenadores será utilizado exclusivamente para acceder aos contidos educativos e completar ou entregar as tarefas necesarias que se indiquen desde os centros escolares.

Esta iniciativa porase en marcha desde xa, para axudar a completar o vixente curso, e tamén servirá para comprobar a demanda e o manexo dos equipos telemáticos, e así anticipar posibles necesidades de cara ao vindeiro curso escolar.

En caso de que a familia carecera de recursos ou non puidese trasladar ao seu fillo ou filla até a Aula CeMIT, sita no Campo da Feira de Tomiño, e fose necesario o uso de transporte público, o Concello valorará a posibilidade de abonar o desprazamento en autobús, realizando unha solicitude previa.

A Xunta implanta unha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento da Guarda

0

A Xunta de Galicia vén de iniciar a execución dunha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento do concello da Guarda. A depuradora recibe as augas residuais deste municipio e do Rosal a través de dous colectores. Un deles, procedente da zona de Salcidos, ten unha pendente mínima, que fomenta que se depositen áreas nel, o que dificulta a circulación das augas.

Co fin de resolver estes problemas, a Xunta de Galicia está a colaborar con eses concellos a través da execución dunha arqueta areeiro na súa rede de saneamento.

[su_image_carousel source=”media: 16047,16049,16050″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Trátase da construción dunha estrutura que permite reter esas areas nun punto concreto do colector procedente de Salcidos, que se preparará para que o Concello da Guarda poida recollelas e posteriormente xestionalas, como parte dos labores de conservación e mantemento que levan a cabo na rede de saneamento.

Esta actuación encádrase como unha fase máis dentro do marco de colaboración que a Xunta de Galicia está a levar a cabo con estes concellos en materia de saneamento, no que tamén se traballa nun proxecto máis ambicioso, consistente nunha mellora integral do colector de saneamento do Rosal.

A actuación foi adxudicada á empresa Demain Obras y Servicios S.L., por preto de 50.000 euros, e ten un prazo de execución de 12 semanas.

A arte floral de Ponteareas, protagonista nos medios de comunicación

A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, convida a toda a veciñanza a adornar os seus balcóns e ventás nesta semana de Corpus na que serán moitos os medios de comunicación que comezan a achegarse para recoller o ambiente da vila de maior tradición de arte floral.

Cristina Fernández adianta que nestes días visitarán Ponteareas distintos medios de comunicación motivo polo que anima á cidadanía a adornar os exteriores dos seus fogares, “debido ás circunstancias non poderemos amosar ao mundo as nosas tradicionais alfombras de flores pero si podemos seguir agasallándolles a nosa tradición dende as nosas fiestras e balcóns”.

Pola súa banda, os comercios de Ponteareas xa comezan a preparar os seus escaparates con motivos florais que renderán homenaxe a unha tradición que pervivíu durante séculos e que levou o nome da nosa vila por todo o mundo.

“A pesar de todo Ponteareas está na súa semana de Corpus e non debemos deixar no esquecemento a nosa arte efémera pola que tantos milleiros de visitantes agardan cada ano. Que mellor que comezar esta nova normalidade cheos de folgos e ganas de amosarlle ao mundo algo tan fermoso como as flores”.

A través das redes sociais de facebook do Concello de Ponteareas e de Cultura e Turismo Ponteareas iránse amosando as fotografías dos balcóns e ventás que a veciñanza e comercio vaian enviando ao enderezo electrónico [email protected] ou ao número de teléfono 618 7056 35

Nas redes sociais, vídeos e fotografías xa nos recordan que esta semana Ponteareas rende homenaxe as súas alfombras florais e aos seus e súas alfombristas.

A concelleira Cristina Fernández quere lembrar que a través da canle de youtube do Concello poderán seguir en directo o acto de lectura do pregón que este ano corre a cargo do escritor pontearéa Alfonso Pexegueiro e que terá lugar o sábado día 13 ás 21 horas. A continuación, presentarase a revista PREGÓN e todos e todas as telespectadoras gozarán do concerto de CLARISAX.

A continuación, a partir das 22 horas, farase un percorrido polas rúas engalanadas coa participación dun grupo musical de ruada acompañando á actriz Isabel Risco que se dirixirá aos espectadores online e animando á veciñanza a saír ao balcón e a participar na emisión en directo intervindo a través dun micro-pértiga.

Ao remate do percorrido polas rúas do Corpus cos balcóns e fachadas engalanadas, emitiranse vídeos de arquivos históricos das alfombras das últimas décadas. Unha vez remate a emisión en directo, a programación estará dispoñible para que calquera persoa poida volver a visualizala.

O luns día 15, festivo local, celebrarase, con aforo limitado, a habitual homenaxe aos alfombristas falecidos, despositando un ramo de flores na escultura que os lembra.

As actividades programadas contan co apoio da Deputación de Pontevedra, mediante un convenio de 8.000 euros para a celebración do Corpus Christi, Festa Declarada de Interese Turístico Internacional

O Castelo de Soutomaior confírmase como “destino seguro” e avanza en excelencia

O Castelo de Soutomaior confírmase como un destino seguro, tras reabrir as súas portas o pasado martes, e avanza na aposta da Deputación de Pontevedra pola excelencia. A presidenta, Carmela Silva, supervisou hoxe todas as medidas de protección incluídas nos plans de continxencia que, de forma exhaustiva, garanten a seguridade e tranquilidade de visitantes e do persoal do Castelo.

A presidenta da Deputación mostrou a súa “satisfacción xa que o empeño e traballo por gañar en calidade turística nos dará novos froitos moi cedo”. Por unha banda, Carmela Silva confirmou o avance dos traballos para que o Castelo, que xa é destino Sicted, poida optar á Q de calidade. Por outro lado tamén avanzou que o Castelo camiña cara á obtención do prestixioso selo Observer, a primeira certificación europea especializada na posta en valor dos espazos de turismo científico, que no caso de Soutomaior subliñaría os seus valores históricos e botánicos. De feito este mesmo mércores persoal técnico do programa comezará a avaliar o recinto. Hai que lembrar que o de Soutomaior é Xardín de Excelencia Internacional, de máis de 15.700 m2, con 175 especies arbóreas diferentes, algunhas delas con máis de oitocentos anos de antigüidade, sendo especialmente relevante a colección de máis de 300 exemplares de camelias, de 22 tipos distintos.

En canto á seguridade, Carmela Silva sinalou que a visita de hoxe era “observar en primeira persoa todos os protocolos e medidas postas en marcha para garantir a saúde tanto das persoas que aquí traballan como das que o veñen a visitar”. Neste eido, a presidenta provincial comprobou na mesma entrada o punto de información dende o que persoal técnico do Castelo explica as medidas de hixiene e distanciamento que se teñen que cumprir durante a visita. Tamén neste espazo se toma a temperatura a todas as persoas que se achegan ao recinto.

[su_image_carousel source=”media: 16034,16036,16035″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

É obrigatorio o uso de mascarillas e o emprego de luvas xa que, tal e como explicou a presidenta, “se trata dun espazo museístico interactivo e cómpre evitar toda posibilidade de contaxio”. Precisamente, por este mesmo motivo desactiváronse de xeito temporal as pantallas táctiles, sobre todo de cara ao público infantil. Ademais, para minimizar os riscos, á entrada do castelo, hai dispostas xa fontes de hidroxel que permiten desinfectar as mans.

En canto ao percorrido das visitas mantense o habitual, con persoal de seguridade que se encarga de definir claramente a saída para evitar que haxa cruces entre as persoas. O que si varía é o aforo, tamén controlado polo persoal de seguridade, que estará limitado ao 50% o que supón aproximadamente a presenza de 160 persoas visitando simultaneamente o Castelo. Ademais, para recordar as medidas de distanciamento social, cada quince minutos escoitarase en bucle a través da megafonía unha mensaxe para manter a distancia de dous metros de seguridade. No marco do plan de continxencia do Castelo de Soutomaior, as medidas de limpeza e ventilación estanse extremando ao máximo. No que respecta ao persoal que atende o castelo, está equipado con equipos de protección individual: mascarillas e luvas e pantallas protectoras para as visitas guiadas, para garantir unha correcta explicación sobre todo de cara ás persoas con dificultades auditivas.

Actividade virtual no confinamento: “O Castelo foi visitar á xente ás súas casas. Agora lles pedimos que volvan presencialmente a visitalo”

A presidenta da Deputación recordou que durante o confinamento o Castelo de Soutomaior tivo unha importante actividade on line, chegando á cidadanía mediante actividades e xogos interactivos, campañas como #RíasBaixasenCasa ou #21Days21Destinantios, vídeos e fotografías sobre a floración de diferentes especies e tamén sobre as actividades que se realizan habitualmente, para manter “vivo” todo o que se pode facer neste espazo. Igualmente, celebráronse online efemérides como o Día do Libro (co sorteo do exemplar ‘María Vinyals. La mujer del porvenir’), Día de Europa (recordando o artigo ‘La Europa que yo vi’ de María Vinyals) ou o Día Internacional dos Museos. “O castelo foi visitar á xente ás súas casas, –destacou Carmela Silva– e agora lles pedimos que volvan presencialmente a visitalo porque é unha experiencia única, un lugar máxico con recunchos e relatos que falan da súa incrible historia dende o século XII”.

Luís Bará comprométese a aprobar unha nova Lei de Portos para rematar “co seu afán recadatorio”

O BNG, a través do seu cabeza de lista pola provincia de Pontevedra Luís Bará, comprometeuse hoxe en A Guarda a poñer en marcha unha nova Lei de Portos que remate co seu afán redacadatorio. O candidato realizou este anuncio logo de reuniuse hoxe co sector hostaleiro do municipio do Baixo Miño, que se verá afectado pola suba de taxas de veladores e terrazas en zona portuaria debido ao distanciamento obrigado entre mesas pola COVID-19, e criticou que a Xunta está a afogar ao sector nun momento de crise, “cando o que debería facer é axudar e non perxudicar máis”.

Bará, xunto ás tamén candidatas Montse Prado e Xosé Manuel Méndez Díaz e o voceiro municipal Anxo Baz, quixo reunirse coa hostalería de A Guarda para coñecer in situ a problemática que teñen coas taxas que lles obriga a pagar Portos de Galiza e tamén coa incerteza respecto da aplicación destas normas, xa que hai unha grande dificultade de interlocución directa con este organismo autonómico. A situación, segundo advertiu o cabeza de lista, é de máxima preocupación pola actividade económica e o espazo que van poder ocupar na tempada alta de verán, xa que prevense ingresos baixos e, a pesares de que dende Portos inicialmente se anunciou que se facilitarían as xestións para os veladores, agora anunciouse un incremento nos impostos a cobrar.

Unha vez analizada a problemática, o nacionalista amosou o apoio e colaboración do BNG para trasladar este problema á Xunta de Galiza e Portos de Galiza, ademais de tamén para poñer en contacto ao sector guardense cos doutras localidades da costa que teñen os mesmos problemas con Portos. “É preciso que se visibilice este problema, se faga presión ante a Xunta de Galiza para que dunha maneira inmediata se comunique ou ben a exención ou a redución das taxas”, subliñou Bará , quen asegurou que “trátase neste momento de axudar a un sector que ten moitos problemas derivados da COVID-19 e non de afogalo aínda máis cunhas taxas abusivas”. Estas roldan os 400 euros de media mensuais para cada establecemento a día de hoxe, pero veranse incrementadas pola ampliación da superficie ocupada ao ter que deixar distancias de seguridade por motivos sanitarios.

Bará explicou que a situación actual vén derivada da actual Lei de Portos, que cualificou como unha auténtica “caixa rexistradora”. Por este motivo, Bará puxo sobre a mesa o compromiso de modificación da Lei de Portos ou de creación dunha nova “para rematar dunha vez con esta lexislación privatizadora e claramente recadatoria que aprobou a Xunta do PP, que só procura o lucro do espazo público portuario”.

Bará destacou, ademais de esixir a condonación ou redución das taxas de veladores na actual crise, que tamén debe haber unha exención das taxas nos casos de eventos sen ánimo de lucro como os que fan asociacións en festas e os concellos, con actividades lúdicas, deportivas, culturais, “que entendemos non deben pagar ningún tipo de taxa”.

A maiores apostouse pola transferencia das zonas portuarias que están integradas na trama urbana –que son espazos públicos como prazas, parques, praias, rúas– aos concellos, xa que ao seu entender “non ten sentido que estean baixo a dependencia de Portos, senón que deben estar xestionados polos concellos, porque a súa conservación, mantemento e arranxo tamén está a ser feita polos concellos”.

Por último dende o BNG propuxeron a creación dun organismo de cooperación portuaria no que estean representados tanto Portos de Galiza como os concellos para unha mellor xestión e cooperación no desenvolvemento de actividades que se realizan nestas zonas.

Salvaterra de Miño presenta a súa nova páxina de Turismo

Baixo o lema ‘Salvaterra de Mińo un lugar para disfrutar, un lugar para vivir’, o Concello de Salvaterra de Miño presentou a súa nova páxina web de turismo concibida como espazo dinámico, sinxelo e moi intuitivo. A web www.turismo.concellodesalvaterra.org busca “ser un escaparate máis de todos os recursos que ofrece este Concello do Sur de Pontevedra, elaborada polo propio persoal da administración local”, explica a alcaldesa Marta Valcárcel.

A alcaldesa salvaterrense chama a atención sobre o feito de que Salvaterra “é unha das zonas máis visitadas do sur de Pontevedra” engadindo que “só o Parque público A Canuda atrae a miles de visitantes durante todo o ano; unido aos máis de 30km de sendas verdes polos diferentes ríos do Concello, ao Recinto amurallado, o Museo da Ciencia do Vińo, a propia maxia que conleva ser unha Vila transfronteiriza e ao Espazo Termal Lúdico de Teans fan que Salvaterra de Miño non sexa soamente un Concello estratéxico en termos de turismo, senón que sexa un dos Concellos que máis medra de toda a contorna”. 

Doutra banda, apunta Valcárcel, “a ubicación estratéxica, o seu clima e a súa calidade de vida fan que día a día sexan máis persoas as que veńen a vivir a este municipio da raia”.

A páxina está dividida en tres grandes bloques: Ven, cońece e visita, onde se presentan todos os recursos, a riqueza cultural, histórica e patrimonial, ademais de dar a cońecer os lugares onde durmir e gozar dunha esmerada  gastronomía.

Nace a plataforma cidadá ‘Vivir Ponteareas’

A recen creada plataforma ‘Vivir Ponteareas’, remitiu aos medios de comunicación un manifesto no que amosa, con claridade, o seu concepto de vila. Unha idea, por certo, que se segue dende hai tempo nos núcleos urbanos de Europa –independentemente do seu tamaño– que apostan pola máxima de “as cidades para as persoas”.

Transfórmanse dese xeito as vilas e urbes en lugares amables e de convivencia cidadá no que priman os espazos verdes e a calidade de vida. Un concepto polo que, sen ir máis lonxe, hai tempo que apostaron as vilas fronteirizas de Portugal.

O manifesto de ‘Vivir Ponteareas’ expresa, con rotundidade, o seu concepto de vila no que vivir. Precisamente pola importancia que ten e por esa claridade na exposición de conceptos, non nos resistimos a recollelo na súa integridade.

Por unha nova vila para as persoas

Ponteareas é a vila na que todos e todas nós decidimos vivir. Por iso aspiramos a que o lugar no que residimos, onde mercamos, onde traballamos, por onde paseamos ou no que criamos aos nosos fillos e fillas nos ofreza a maior a calidade de vida posible.

As persoas que temos ese desexo común decidimos organizarnos na plataforma “Vivir Ponteareas” para lograr un obxectivo: converter Ponteareas nunha nova vila sustentable, saudable e máis humana, na que as persoas sexan as protagonistas.

Durante décadas a vila concibiuse como un lugar pensado para os vehículos e non para as persoas. O coche apropiouse da maior parte do espazo público, mentres as persoas foron relegadas a espazos marxinais.

Case o 80 % do espazo público en Ponteareas está destinado aos vehículos, mentres as persoas deben camiñar por beirarrúas estreitas e cheas de atrancos ou incluso pola calzada cando aquelas nin existen. O pouco espazo para as persoas incluso é ocupado por vehículos que estacionan sobre pasos de peóns, sobre beirarrúas, en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida ou en zonas peonís.

É necesario cambiar por completo esta situación e recuperar o espazo público para as persoas, para a xente maior e os nenos e nenas, para as persoas con mobilidade reducida ou para os ciclistas. É urxente promover a mobilidade a pé e en bici en Ponteareas. É preciso cambiar os hábitos dos condutores e condutoras que saturan o centro usando o vehículo innecesariamente e por comodidade. Usar os aparcadoiros públicos e camiñar uns poucos minutos por unha vila tranquila ata o destino debe ser a nova forma de vivir Ponteareas.

Nos últimos tempos o Concello ven realizando algunhas accións nesa dirección, pero son claramente insuficientes. É moi necesario e urxente ir a máis, ser máis ambiciosos. Por iso demandamos diante do goberno local:

-A ampliación dos espazos para as persoas: máis zonas peonís e beirarrúas máis anchas, con mobiliario urbano para a estancia e o descanso das persoas e con zonas verdes sombreadas e axardinadas.

  • A eliminación das barreiras arquitectónicas que exclúen a numerosas persoas do acceso e desfrute do espazo público.
  • A mellora da seguridade, reducindo riscos en lugares como os pasos de peóns e reducindo a velocidade máxima permitida en zona urbana.
  • Maior vixilancia e actuación por parte da Policía Local para que os condutores e condutoras respecten os nosos dereitos como peóns ou como persoas con mobilidade reducida.
  • ncentivar e promover a mobilidade a pé e en bicicleta, ademais do transporte público. Levar a cabo estas medidas farán de Ponteareas unha vila mellor: máis accesible para todos e todas, máis humana e agradable, máis saudable e con menos contaminación acústica e atmosférica, máis confortable e máis sociable, favorecendo o encontro social, máis segura para as persoas, con máis e mellor actividade comercial e máis atractiva para todos e todas nós e para as persoas que nos visitan.

Ponteareas é un lugar ideal para vivir se cambiamos a actual situación.

Temos unha magnífica vila para camiñar ou para movérmonos en bicicleta: todo está moi preto, incluídos os aparcadoiros públicos, e apenas existen pendentes.

Vivir Ponteareas’ anima ao Concello a actuar con decisión e valentía no obxectivo de converter ás persoas nas protagonistas da vila. E para iso queremos achegar as nosas ideas e as nosas propostas e, polo tanto, que se conte con nós á hora de realizar proxectos de humanización ou de adoptar medidas de regulación do uso do espazo público polas persoas e os vehículos.

Compartimos as medidas tomadas nos últimos tempos de mellora dalgunhas rúas ou de redución do límite de velocidade no centro urbano dando prioridade na calzada aos peóns. Obras como a do Paseo Matutino, a nova praza do Mercado e Auditorio, que reclamamos como completamente peonil, e a rúa San Roque, pendente de finalización, son unha mostra do que Ponteareas necesita. Os proxectos de humanización xa aprobados como a Rúa Redondela, a Praza de Bugallal ou a contorna do complexo deportivo Álvaro Pino van na mesma dirección.

Pero non nos conformamos e queremos máis e para conseguilo facemos un chamamento a todas as persoas que comparten este desexo a unirse a ‘Vivir Ponteareas’. Xuntos poderemos facer de Ponteareas un lugar ideal para vivir.

A Guarda realizará a reforma das instalacións deportivas do Codesal

0

O luns día 8 de xuño tivo lugar a firma dun Convenio entre o Concello da Guarda e a Entidade Local Menor de Camposancos para a cesión das instalacións deportivas do Codesal ao Concello da Guarda por un período de 15 anos.

Esta cesión ven motivada pola necesidade de realizar a renovación e mellora dos vestiarios existentes e instalación dun alumeado exterior para as pistas de petanca, así como a adopción das medidas de seguridade, xestión de residuos, entre outras accións, de cara a mellorar estas instalacións para o servizo do común dos cidadáns.

[su_image_carousel source=”media: 16015,16016,16018″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As actuacións a realizar forman parte dun proxecto redactado polo concello da Guarda  que será presentado na Deputación de Pontevedra para a súa  financiación  dentro do Plan Concellos 2020.

O concello da Guarda encargarase do mantemento das instalación deportivas así como da súa posta en valor ao longo dos 15 anos de cesión.

Ponteareas implanta unha nova regulación do aparcadoiro da Praza de Abastos para facilitar as compras aos seus clientes

A concellaría de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, conxuntamente coa de Promoción Económica, da que é responsábel a concelleira Eva María Gil, puxeron en marcha unha nova regulación do aparcadoiro exclusivo da Praza de Abastos tras deseñala conxuntamente coa asociación de praceiros e praceiras.

Segundo os edís nacionalistas, coas novas normas que rexen desde hoxe no estacionamento “asegurarase que este cumpra o seu cometido, que é facilitar e promocionar o consumo no Mercado Municipal” que conta actualmente cuns trinta postos de venda activos.

O horario de funcionamento do aparcadoiro da Praza de Abastos é de 9:00 h a 15:30 horas. Nesa marxe horaria, poderase empregar o estacionamento durante un máximo de hora e media. Para iso é necesario retirar o correspondente billete no parquímetro situado na entrada do aparcadoiro. O billete consta de dúas partes que se deben cortar: unha debe colocarse no interior do vehículo en lugar visíbel mentres a outra será empregada polo cliente como resgardo do seu estacionamento. Para poder abandonar o aparcadoiro antes de esgotar a hora e media, o cliente deberá realizar un gasto total mínimo de 10 euros na Praza de Abastos e canxear o seu resgardo pola ficha que permite sair do aparcadoiro. Para realizar o canxe os clientes poden acudir a tres establecementos diferentes situados no interior da Praza de Abastos, autorizados para a entrega de fichas. No caso de incumprir estas normas de uso do aparcadoiro a sanción a impoñer é de 30 euros.

O aparcadoiro situado a carón do Mercado Municipal conta con 14 prazas, que ao rotar como mínimo cada hora e media, supón a dispoñibilidade de alomenos 56 prazas de estacionamento para os seus clientes ao longo da mañá. Aínda así, as concellarías de Mobilidade e Tráfico e de Promoción Económica prevén habilitar nas vindeiras semanas outro aparcadoiro de 7 prazas máis noutro espazo adxacente á Praza de Abastos.

En opinión de Mera e Gil, “o novo sistema supón gañar en eficacia no funcionamento do aparcadoiro, evitar usos fraudulentos que se viñan detectando e asegurar que o estacionamento serva para incrementar o consumo na Praza de Abastos, facilitando as súas compras ás persoas que apostan polo mercado local e de proximidade”.

Por outra banda, ambas as dúas concellarías, recolocaron os postos de venda de plantas, da coñecida como “A Carreira”, na nova praza acondicionada entre o Mercado Municipal e o Auditorio. Até agora eses vendedores e vendedoras compartían cos vehículos o aparcadoiro. “Deste xeito, dignificamos o labor destes produtores locais, instalándoos nun espazo humanizado e melloramos a seguridade no aparcadoiro”, sinalaron Roberto Mera e Eva María Gil.

Nigrán colaborará coa celebración das festas patronais do municipio co programa ‘Música nas parroquias’

0

O Concello de Nigrán ofrecerá este ano o programa ‘Música nas Parroquias’ para colaborar na celebración de todas as festas patronais do municipio, xa que este ano ou ben non se constituíron comisións organizadoras por mor da crise do Covid-19 ou estas tiveron totalmente limitada a posibilidade de recadar fondos. Deste xeito, o Concello investirá un total de 20.000 € con axuda do Plan Concellos 2020 da Deputación para que en cada unha das parroquias, coincidindo seu día grande, celebren o concerto dunha banda de música a mediodía (13:00 horas) tras a habitual procesión. A maiores, o Concello lles ofrece a cada unha a posibilidade de elexir unha pequena actuación entre os grupos ou charangas que elixan.

“Todas as entidades involucradas acolleron esta iniciativa con ledicia e como algo positivo para a parroquia. Este é un ano diferente e non se van poder celebrar as festas como tal, pero desde o Concello queremos que si se manteña a tradición de xuntarse a veciñanza ao mediodía, neste caso respectando as medidas de seguridade que sexan precisas pero sen deixar de celebrar o clásico concerto da banda de música tras a procesión”, indica o alcalde, Juan González.

Así, este programa arrancará o sábado 13 de xuño para celebrar San Antonio de Vilariño coa Banda de Música do Val Miñor, as seguintes citas serán San Xoan de Panxón o 24 de xuño coa Banda de Música de Vincios, San Pedro da Ramallosa o 29 de xuño coa Banda de Música do Val Miñor, Santiago de Parada o 25 de xullo coa Banda de Música de San Miguel, San Fiz de Nigrán o 1 de xullo coa Banda de Música de Vincios, Virxe do Carme de Lourido o 2 de agosto coa Banda de Música de San Miguel, Virxe das Angustias de Nigrán o 16 de agosto coa Banda de Música do Val Miñor e o mesmo día en Chandebrito, San Roque de Camos o 24 de agosto coa Banda de Música de San Miguel e, finalmente, Bo Xesús de Priegue o 6 de setembro coa Banda de Música de Vincios.

O blogueiro Alberto Rivas visita A Guarda para impulsar o turismo da vila

0

Dende este martes día 9 de xuño e ata o vindeiro xoves día 11 de xuño o blogueiro Alberto Ribas @Alvientoo atópase na vila da Guarda para impulsar o turismo dende as súas canles en redes sociais, unha acción promovida dende o Departamento de Turismo do Concello da Guarda e que está enmarcada nas accións de reactivación económica postas en marcha polo Covid-19.

Alberto Ribas @Alvientoo, xa visitou a vila da Guarda o ano pasado, participando no Proxecto «Maridando coas xentes do Camiño. Blog Trip de gastronomía e encontros 2019» e conta con máis de 21,000 followers en instagram, ademais de ser finalista dos «10 Blogs máis populares de Fitur», está especializado en viaxes e gastronomía, é xurado gastronómico e blogger invitado en campañas turísticas en México, Rumanía, Georgia, La Rioja ou Mallorca.

Ao longo destes días na Guarda contará as súas experiencias, destacando nas súas publicacións os diferentes espazos e infraestruturas turísticas da vila, visitando a lonxa, conversas cos percebeiros, visitas ao Monte Santa Trega, á Rede de Museos Municipal, á Praza de Abastos, ás praias, realizando tamén algunhas das ruta homologadas existentes no municipio, entre outras accións.

Ademais terá a oportunidade de facer chegar aos seus seguidores nas redes sociais o bo facer dos nosos hostaleiros, visitando varios establecementos da vila, onde degustará os pratos típicos da gastronomía guardesa, resaltando os produtos locais, como o caso da Rosca de Xema da Guarda. Do mesmo xeito terá a oportunidade de achegarse ao comercio local, visitando varios dos establecementos existentes, destacando a importancia do comercio de proximidade.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, María Elena Baz, lle deron a benvida esta mesma mañá no Porto da Guarda, onde comezou a súa visita, destacando a importancia que teñen hoxe en día os bloggers na promoción e difusión turística de destinos de relevancia como é o caso da Guarda, un municipio de interese turístico de Galicia.

O Concello de Ponteaeras restablece a atención presencial a partires do luns con cita previa

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou o restablecemento da atención presencial nos servizos municipais a partires deste luns. Para chegar a este punto foi necesario durante as últimas semanas adaptar os postos de traballo e os lugares de atención ás novas esixencias sanitarias: instaláronse mamparas e dispensadores de desinfectante, cartelaría ou cintas de separación, creáronse conserxerías nos accesos a edificios públicos, establecéronse os protocolos para o persoal municipal, entregándoselle material individual de protección, reconfiguráronse as oficinas para garantir a distancia entre os traballadores e traballadoras, creáronse salas de espera seguras e organizouse un operativo de limpeza e desinfección continua nos espazos de presenza e uso cidadá: pasamáns de escaleiras, portas ou cadeiras.

O traballo de readaptación á nova situación foi dirixido e coordinado polo Alcalde Xosé Represas e levado a cabo polos tenentes de alcalde Cristina Fernández -concelleira de Saúde-, Chus Garrote -concelleira de Vías e Obras – e Roberto Mera -concelleiro de Bo Goberno- así como polo edil de Recursos Humanos Benito Márquez. Ademais, participaron o resto de membros do goberno no ámbito das súas propias áreas de responsabilidade. O alcalde salientou que o traballo realizado “foi un reto sen precedentes ao que nos enfrentamos con rigor e eficacia”.

Represas explicou que a atención presencial directa, sen cita previa, limítase polo momento ao Rexistro Xeral e a Oficina de Recadación, ambas as

dúas na Casa do Concello. A maioría do resto dos servizos estarán tamén operativos e atenderán á cidadanía pero SÓ CON CITA PREVIA TELEFÓNICA. Por iso o alcalde pide encarecidamente á veciñanza que non acuda ao Concello sen antes contactar telefonicamente para realizar as consultas ou concertar a cita. Por seguridade para a cidadanía e para o persoal municipal só se permitirá o acceso aos edificios públicos a quen acuda con cita previa telefónica ou ao Rexistro Xeral e a Oficina de Recadación, onde non é necesaria esa cita. Ademais, ao acceder aos edificios públicos SERÁ OBRIGATORIA A DESINFECCIÓN DE MANS E O USO DE MÁSCARA.

Represas adiantou que “nos vindeiros días continuaremos co proceso de desescalada que conlevará grandes melloras na atención cidadán coa posta en marcha da Oficina de Atención Cidadán, a implementación de sistemas tecnolóxicos de xestión das quendas e das citas previas e a posta en marcha da nova páxina web municipal.

A Guarda ofrece os seus servizos e trámites en liña a través dunha APP móbil

0

Dende fai uns anos o Concello da Guarda, a través do departamento de novas tecnoloxías, implementou unha APP móbil, dispoñible para dispositivos Andoid e IOS que permite acceder dun xeito doado e simplificado a multitude de servizos e trámites que pode facer a cidadanía. 

Dende a súa posta en funcionamento xa foi descargada por máis dun milleiro de usuarios, atendendo preto de 900 incidencias, a maioría delas sobre mobiliario urbano, pavimentos e sumidoiros ou limpeza e xardinería.

A APP móbil do Concello da Guarda se pode descargar de xeito totalmente gratuíto dende o Google Play (Android) ou dende o APP store (IOS), unha vez instalada no dispositivo, conta con varias seccións con informacións de interese.

Entre as seccións dispoñibles permite coñecer as últimas novas, os eventos na axenda, as principais actividades, unha guía de empresas locais e outra de asociacións, avisos, rutas, directorio telefónico, horarios de servizos, información do tempo, entre outras.

Unha das seccións que ten unha gran utilidade é a de Incidencias, permitindo aos usuarios  dar aviso de incidencias sobre mobiliario urbano, tráfico e senalética, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas ou limpeza e xardinería, o usuario pode xeolocalizar nun mapa o lugar exacto da incidencia e explicar polo miúdo a descrición da incidencia en 3 sinxelos pasos. Unha vez rexistrada a mesma, e de xeito automatizado, o sistema envía este aviso ao departamento municipal encargado da súa xestión, o que permite a súa resolución á maior brevidade, dando un aviso cando a incidencia está resolta aos usuarios.

O sistema de avisos permite que a APP Móbil notifique aos usuarios cando xurda, por exemplo unha avaría de auga, ou avisos e alertas meteorolóxicas.

A APP Móbil do Concello da Guarda conta ademais cunha sección de Citas Previas, que permite xestionar a solicitude de citas para o SERGAS, a Seguridade Social, a ITV, renovación do DNI, portal do emprego de Galicia ou con Facenda.

A maiores a APP inclúe información sobre a historia e o patrimonio do municipio en galego, castelán, inglés e francés, así coma unha sección de Ocio, na que se inclúen informacións sobre Que ver?, onde durmir?, onde comer?, os museos ou as festas municipais.

Tamén se conta cunha sección de Rutas, onde aparecen as principais rutas dispoñibles no municipio, coma a Ruta da Desembocadura do Río Miño, Camiños do Trega… con mapas e informacións varias sobre distancias, desniveis ou dificultade de cada ruta.

Dende o Concello da Guarda se convida á cidadanía e visitantes a descargar e empregar esta ferramenta, de moita utilidade e con moitos recursos accesibles dun xeito doado dende un teléfono smartphone.

Nigrán cortará o subministro de auga mañá na zona de Lourido e A Ramallosa por obras de mantemento

0

O Concello de Nigrán informa da interrupción do subministro de auga programado para mañá martes 9 de xuño entre 8:30 horas e 13:00 nas contornas de Lourido e A Ramallosa por mor da realización de traballos de mantemento e mellora da rede pública de abastecemento no cruce entre Francisca Lago e Torrente Ballester. Concretamente, veranse afectadas as rúas subida Monte Lourido, Alto Lourido, Lourido Beiramar, Chans, Rúa da Foz, Tobeira, Escunchadas, Francisca Lago, Manuel Lemos, Torrente Balleste, Camiño Altamira, Camiño do Cocho, Rúa Ferrador, Camiño de Cotros de Abaixo e Camiño Cotros de Arriba.

O Concello de Nigrán e a concesionaria Aqualia lamentan as molestias que poida ocasionar o corte e inciden en que se trata de obras de renovación e substitución das válvulas e elementos de calderería no colector xeral de abastecemento de auga e nas bifurcacións que saen do mesmo co obxecto, precisamente, de mellorar o subministro nestes barrios.

Arbo abre a preinscrición de novas solicitudes para o Punto de Atención á Infancia no curso 2020/2021

0

O Concello de Arbo, para dar cumprimento ao Regulamento de Réxime Interno do PAI (Punto de Atención á Infancia), sito en Barcela, vén de poñer en coñecemento de todos os interesados e interesadas a apertura do prazo de prescrición para novas solicitudes cara ao comezo do curso 2020/2021 (de setembro a xullo).

O prazo de entrega destas novas solicitudes, que inicialmente debería ter comezao o pasado 16 de marzo, foi suspendido por motivo sanitarios derivados da crise da Covid-19, agora retómase de novo este procedemento e ábrese o prazo dende o día 2 ata o 16 de xuño de 2020.

Unha vez rematado o prazo, aplicaranse os criterios de admisión que aparecen no artigo 8 do Regulamento. A partir do 16 de xuño de 2020 farase público a listaxe provisional de nenas/os admitidas/os para o seguinte curso e a listaxe de agarda (se a houbese), e abrirase un período de 15 días para presentar reclamacións. A continuación publicarase a listaxe definitiva.

Os modelos de solicitude poden descargarse a través da páxina web do Concello (www.concellodearbo.es), ou ben, poden recollerse e presentarse nas dependencias de Servizos Sociais, 2º andar (mediante cita previa). A presentación tamén se poderá facer a través da sede electrónica do Concello de Arbo para aqueles que dispoñan de algún sistema de identificación electrónico (sistema clave, certificado dixital, …)

Para calquera dúbida, poden contactar telefonicamente chamando ao Concello de Arbo 986 66 50 00 ou no teléfono 627 459 808, en horario de 8:00 h a 15:00 h.

O PSdeG reclama a Feijóo que “rectifique” e reabra os Centros de Día e de discapacidade “con todas as garantías”

A número dous da candidatura socialista por Pontevedra, Isaura Abelairas, reclamou hoxe a Feijóo que “rectifique” a súa decisión de manter pechados os centros de día e de atención á discapacidade ata setembro, e que deseñe os protocolos necesarios para reabrir esas instalacións “con todas as garantías”.

“Ten que cumprir coas súas competencias”, recalcou, ao tempo que criticou que “Feijóo tiña moita présa por convocar as eleccións” e non tanta para atender á cidadanía máis vulnerable.

“Por que obriga aos maiores e ás persoas con diversidade funcional a seguir confinados cando toda a cidadanía está en fase de desescalada?”, inquiriu a socialista viguesa, consciente ademais do carácter terapéutico que teñen estes centros.

Ao fío disto, preguntouse como é posible que Feijóo xustificara a convocatoria electoral nun eventual rebrote da pandemia para setembro, e que esta sexa precisamente a data elixida por el para poñer en funcionamento os centros de maiores e de discapacidade.

Tui, Salceda, Arbo, Crecente, As Neves, O Porriño, Salvaterra e Mondariz acordan conxuntamente non abrir as piscinas este verán

Os Concellos de Salceda de Caselas, Arbo, Crecente, As Neves, Tui, Salvaterra de Miño, O Porriño e Mondariz veñen de emitir un comunicado conxunto anunciando a non apertura das instalacións das piscinas municipais este verán como medida ante a pandemia da COVID 19.

A decisión dos alcaldes e alcalsesas tómase, sinala o comunicado conxunto, “tras unha exhaustiva análise da situación, unha vez se recibiron os protocolos elaborados dende o Ministerio de Sanidad e, que establecen unhas condicións ás que a día de hoxe dificil mente poden acceder os diferentes Concellos pola multitude de normas que recollen”.

Dito protocolo establede contínuas labores de limpeza e desinfección, distancia de seguridade de dous metros establecida entre as persoas usuarias das piscinas, limitacións do tempo de permanencia nas instalacións ou limitación do aforo a un tercio como máximo “que fai que o acceso ás piscinas convértase case nun privilexio ao que pouca xente podería optar”.

Na decisión, tomada de xeito conxunto polos diferentes Concellos, primou ante todo a seguridade da veciñanza que acuda ás piscinas municipais. Tamén se tivo en conta o obxectivo fundamental destas instalacións de lecer: que as persoas vaian disfrutar dun momento de tranquilidade, “o cal tamén se vería interrumpido polas contínuas labores de desinfección e limpeza que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restriccións de usos de instalacións precisas como aseos, duchas e vestiarios”, sinalan alcaldesas e alcaldes.

Para estes Concellos é fundamental garantir a seguridade da veciñanza, polo que de abrirse as instalacións aplicaríanse con rigor as medidas establecidas, “o que imposibilitaría o desfrute por maior número de veciñas e veciños, que non pode rían usar as mesmas ou, de facelo, terían que observar as normas restrictivas de uso, por mor do Covid 19”.

O peche será aproveitado polos Concellos para acometer as melloras precisas para que as piscinas municipais poidan volver abrir cando a situación así o permita, e poidan facelo con tódalas garantías sanitarias precisas.

Redondela pon en marcha un programa pioneiro en España de concienciación en materia de prevención da COVID-19

0

O Centro Cultural de Cedeira foi o lugar elixido polo Concello de Redondela para presentar un programa de concienciación cidadá en materia de prevención contra a COVID-19. A iniciativa, pioneira en España e que se desenvolve ao abeiro do programa ‘Maiores Contaxiando Responsabilidade’, busca a formación de grupos de maiores –Equipos de Maiores de Concienciación Cidadá (EMCC)– en todo o relativo á prevención do coronavirus tanto dende o punto de vista sanitario coma de seguridade ou social.

A alcaldesa e concelleira da Terceira Idade, Digna Rivas presentou hoxe esta novedosa iniciativa acompañada polos concelleiros Daniel Boullosa e Vicente Lamas; a técnica da Terceira Idade, Alejandra Fernández; o especialista en xeriatría e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez Vázquez; os educadores sociais Ricardo Alfaya e Begoña Lusquiños e o policía local xubilado, José Ángel Veiga Martínez.

Tal e como explicou a alcaldesa ao grupo de maiores presentes, “Cedeira será a parroquia ‘piloto’ onde se desenvolva este programa para, posteriormente, levalo aos demais núcleos rurais do municipio”. Rivas subliñou a importancia desta iniciativa “porque o perigo non pasou e agora temos que ter máis coidado que nunca para evitar unha volta atrás que sería catastrófica”.

Este grupo de maiores recibirá explicacións polo miúdo da COVID-19 dende os aspectos sanitario, social, preventivo e de seguridade en clases curtas de entre 15 e 20 minutos cadansúa, de xeito que sexan o máis amenas posible. Unha vez rematada a preparación, este grupo de maiores terá a labor de explicarlles o aprendido ás súas amizades, veciñanza e familiares. “Trátase –apunta a alcaldesa de Redondela– de crear un ‘efecto dominó’ e que a concienciación sobre a necesidade de non baixar a garda e manter as medidas preventivas, cale entre toda a cidadanía”.

Doutra banda, o programa “Maiores Contaxiando Responsabilidade” é unha ferramenta de transformación do papel das persoas maiores na sociedade, un proxecto no que o Goberno local leva traballando dende a súa toma de posesión. As e os maiores abandonan o seu rol pasivo “e convértense en pezas útiles á sociedade, achegando os coñecementos e a experiencia adquirida ao longo de toda unha vida”, sinalouse na presentación da iniciativa.

Digna Rivas, Daniel Boullosa e Vicente Lamas, agradeceron “o interese e implicación” das veciñas e veciños de Cedeira presentes na reunión e que constituirán este “grupo piloto”. “Ninguén dixo que non, ninguén puxo pegas a estar hoxe aquí e esa é a mellor mostra de que as e os nosos maiores teñen ganas de ser útiles á sociedade, de aportar toda a súa experiencia para que sirva de guía aos que veñen detrás”.

O Concello de Salvaterra de Miño únese aos actos conmemorativos do Día do Orgullo LGTBI

O Concello de Salvaterra de Miño anunciou a modificación dos actos que tiñan previsto celebrarse con motivo do Día do Orgullo LGTBI, cambios motivados pola actual crise da COVID-19 e que obrigan a que as actividades programadas estean enfoncadas, principalmente, ás redes sociais.

No mes de xuño a bandeira LGBTI estará colocada no balcón da Casa do Consistorial, un xesto co que o Concello de preside Marta Valcárcel “quere dar visibilidade a estes colectivos e reafirmarse na súa loita por unha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa”.

Ademais a partires deste luns ábrese o prazo para que todas as persoas poidan ser participes desta data buscando unha frase conmemorativa para colocar, na última semana, nas redes sociais e na pantalla informativa do Concello como imaxe central.

As persoas interesadas so terán que enviar a súa frase ao enderezo de correo electrónico animació[email protected], do 8 ao 19 de xuño. As frases que se presenten non poderánexcecer os 30 caracteres.

O Departamento de Servizos Sociais será o encargado de escoller a frase gañadora que estará exposta do 22 ao 30 de xuño nas redes sociais do Concello de Salvaterra de Miño.

O Porriño abre a súa primeira Sala de Estudo

O vindeiro martes 9, o Concello do porriño abrirá a primeira Sala de Estudo Municipal situada nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno, 13. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira e que está chamada a ser un complemento da Biblioteca Pública Municipal.

Segundo explicou a concelleira, “esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite”, engadiu Cami Moreira.

A concelleira de Cultura sinalou que “en definitiva, pretendemos converter a Biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos”.

Esta nova experiencia abrirá as súas portas de 8:30 h a 14:30 horas de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria marcadas pola emerxencia da COVID-19.

SmartPeme pon en marcha esta vindeira semana outros sete obradoiros online

Ante a situación derivada polo COVID-19, a Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta a segunda semana de xuño sete novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.

Máis polo miúdo, este luns 8 de xuño o enxeñeiro informático José Luis Taboada falará sobre as ‘Consideracións á hora de crear o meu modelo de negocio’. Para o martes 9 de xuño SmartPeme ten programados dos talleres. O primeiro deles titúlase ‘Edita as túas fotografías co teu teléfono móbil: Snapseed’ e estará coordinado por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, mentres que o segundo, baixo o título de ‘Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing’, contará con Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas.

Será o mércores 10 cando Mariana Rosa, técnica superior en Axencias de viaxes e xestión de eventos, verse sobre ‘Redes sociais para establecementos turísticos’. O mesmo día tamén se realizará un obradoiro sobre ‘Google Analytics para a toma de decisións’ da man de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais. Chegados ao xoves 11 María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, tratará o uso de ‘LinkedIn para empresas’. Por último, o venres 12 o experto universitario en robótica Manuel Freire levará a cabo un taller sobre ‘Debuxo 3D con Onshape IV’.

O socialismo pontevedrés anuncia unha campaña do 12X con acento nas políticas públicas que fan posible a conciliación

O PSdeG-PSOE de Pontevedra cambia a velocidade e entra en campaña electoral para contribuír dende a provincia que é punta de lanza do socialismo en Galicia ao cambio na Xunta o próximo 12 de xullo, levando a Gonzalo Caballero ata a Presidencia dun Goberno galego que debe sumarse ao cambio que xa representan o Goberno de España, a Deputación de Pontevedra e 21 concellos pontevedreses.

O Comité Executivo Provincial celebrou hoxe unha xuntanza telemática, baixo a presidencia do secretario xeral, David Regades, para preparar un intenso mes de actividade no que os e as socialistas estarán en tódolos concellos da provincia para facer ver á cidadanía que o cambio non só é posible, senón necesario. “Seguimos sen estar de acordo con esta convocatoria electoral nun momento no que a Xunta de Galicia debería estar preocupándose pola saúde pública, pero unha vez feita, imos dar o máximo para mobilizar ao electorado progresista da nosa provincia que xa derrotou por cinco veces consecutivas ao Partido Popular”, afirma.

O socialismo pontevedrés está preparado e onte mesmo formalizou a candidatura diante da Xunta Electoral Provincial sen ningún cambio con respecto á lista presentada en abril con Gonzalo Caballero á cabeza. Ao tempo, David Regades, anunciou que estará moi atento na vixiancia das garantías democráticas deste proceso electoral. Neste senso, expresa as súas “enormes dúbidas” polo nomeamento a dedo de 133 “coordinadores”. Unha figura que apareceu, de repente, no protocolo sobre seguridade sanitaria publicado no DOG do pasado sábado e que está en proceso de formación nas Delegacións Territoriais da Xunta. “Quen son esas persoas? Como se escolleron?”, pregúntase Regades.

Centros de Día e Escolas Infantís pechados

A Executiva dos/as socialistas pontevedreses recalcou que hai amplos colectivos cabreados no Ensino, na Saúde e tamén nos servizos asistenciais galegos. Neste eido, indicaron a súa preocupación polo abandono dos Centros de Día e das Escolas Infantís, que permanecen pechadas amosando unha gran insensibilidade cara as persoas máis vulnerables, que precisan de atención e coidados, como son as persoas maiores e os nenos/as. E tamén, unha indiferencia absoluta pola conciliación, o que volve prexudicar gravemente ás familias e, moi especialmente, ás mulleres. “O mantemento do peche dos centros de día nos que persoas dependentes, con deterioros físicos e cognitivos graves, recibían atención é un problemón e a fenda dixital que impide que moitos nenos/as sigan as clases online, tamén”.

O secretario xeral pontevedrés anticipa que no PSdeG-PSOE xa se está a apretar o acelerador fronte a un PP que non quere campaña porque ten moito máis que agochar que amosar. “Imos apoiarnos moito nos nosos alcaldes e alcaldesas e na nosa presidenta da Deputación porque todos eles e elas porque son un valor e un exemplo perfecto de que cando gobernamos nós as cousas funcionan mellor”. “Estou moi orgulloso do que fixeron as nosas Alcaldías durante esta crise sanitaria e social”, explicou Regades, “porque estiveron sempre ao lado da veciñanza, pola mañá e pola noite, e viuse claramente que cando chega unha situación dífícil os/as socialistas damos a talla dende as institucións”. O secretario xeral concluíu que, a día de hoxe, todo o mundo nesta provincia sabe que os concellos son a resposta aos problemas e que a única institución que os apoiou con cartos e con medios foi a Deputación de Pontevedra. “Da Xunta nin un euro e tan só uns poucos paquetes de mascarillas do Goberno de España aos que Feijoo cambiou a pegatina”.

Gonzalo Caballero amosa o seu “compromiso” coa mocidade á que chama a “activarse” de cara ao 12X

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, amosou hoxe o seu “compromiso” coa xuventude a través dun encontro en Santiago con mozos e mozas, a quen chamou a “activarse” de cara ás eleccións autonómicas do 12 de xullo para seren “líderes da Galicia do futuro”.

“Desta crise económica e social hai que saír cun compromiso coa mocidade”, recalcou Gonzalo Caballero, posto que os 11 anos de Feijóo á fronte da Xunta deixaron tras de si, entre outras cousas, a destrución de 70.000 postos de traballo; unha cifra que se ve incrementada trala pandemia.

O goberno do PP, sinalou o líder dos socialistas galegos, deixou a Galicia “sen posibilidades de emprego”, o que supuxo a marcha cara “novos rumbos” de moitos mozos e mozas. “E nós temos o compromiso claro e férreo de apoialos, porque con eles se xoga o futuro de Galicia”, remarcou.

De feito, recordou que antes da chegada da covid, o programa do PSdeG ás eleccións autonómicas xa incluía medidas de apoio ao alugueiro e a emancipación, plans de impulso do emprego xuvenil e programas de retorno dos mozos emigrados. “E ese compromiso é máis necesario que nunca”, engadiu.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero apostou por “fortalecer a educación pública, gratuíta e de calidade”. En concreto, comprometeu a gratuidade da primeira matrícula nas universidades públicas galegas e a “mellora” tanto do ensino medio como da Formación Profesional.

Sumarse ao cambio con garantías

“A Galicia que queremos é unha Galicia comprometida co futuro do país”, recalcou o máximo dirixente dos socialistas galegos, para situar ao PSdeG como “a garantía” para os desexos de ter “unha vida digna na nosa terra” da mocidade.

É por iso que pediu aos mozos “que se comprometan, que nos acompañen” e que “contribúan con Galicia sumándose ao cambio con garantías”. “O cambio é posible cunha activación importante”, advertiu Gonzalo Caballero, partidario de construír “unha Galicia innovadora, con igualdade real e con prosperidade” a partir do 12 de xullo.

Reapertura Centros de Día

En paralelo, o líder do PSdeG requiriu a Feijóo que “rectifique inmediatamente” a súa decisión de manter pechados os centros de día ata o outono e que dispoña “todas as garantías” para reabrir estas instalacións cos protocolos necesarios e co reforzo de persoal que faga falla.

“Podemos estar nas cafeterías, saír á rúa ou ir ás praias, pero Feijóo prohibe abrir os centros de día ata o outono”, reprobou Gonzalo Caballero, e recordou que é “un dereito das persoas maiores” e que Feijóo “ten a obriga” de atendelos.

“Amosa que non ten ningunha sensibilidade social e que despreza ás persoas máis vulnerables ao negarse a abrir os centros de día”, incidiu, consciente de que milleiros de persoas estanse a ver privadas da súa rehabilitación e de actividades importantes para a súa saúde mental e física.

“Non podemos consentir este retroceso en dereitos para as persoas maiores”, concluíu o responsable do PSdeG, quen garantiu que “un goberno progresista a partir do 12 de xullo poñerá todas as garantías” para reabrir os centros de día.

A Policía Local de Redondela instrúe dilixencias ao Xulgado de Garda por un presunto delito contra a Seguridade Viaria

0

Axentes da Policía Local de Redondela procederon, procederon por segundo día consecutivo, a instruir dilixencias ao xulgado de Garda por un presunto delito contra a seguridadeviaria logo de deter a un vehículo cuxo condutor nunca tivera permiso de conducir.

Os feitos, aconteceron arredor das 22 h do pasado xoves cando na sala da Policia Local redondelá recibíanse varias chamadas de particulares que alertaban dun vehículo que ía realizando unha “condución chamativa”, con escape libre e sen luces tanto polo centro urbano como polas aforas de Redondela.

Grazas aos datos aportados polos alertantes sobre a marca e modelo do vehículo, así como algúns números da súa matrícula, os axentes puideron localizar e dar o alto ao vehículo na rúa José Regojo.

Unha vez identificados os dous ocupantes, a Policía Local comprobou que o dondutor nunca obtivera o permiso de conducir, motivo polo que foi investigado trasladandose as dilixencias ao xulgado de garda.

Ponteareas entre os concellos galegos que máis obras licitaron en 2020

O Concello de Ponteareas é un dos nove concellos galegos que lideran o ránking con licitación de obra pública superior ao millón de euros nos catro primeiros meses do ano. Ponteareas sitúase así por diante de grandes cidades e de varios concellos con maior poboación, segundo o informe realizado pola Federación Galega da Construcción sobre a actividade no primeiro cuadrimestre do ano, por diante de cidades como Vigo, Santiago e Ourense.

O Goberno do BNG-PSOE explica que entre as licitacións destaca polo importe do investimento a obra do entorno da piscina e centro de saúde por importe de 526.000 euros, financiada nun 80 % cunha subvención por concurrencia competitiva da Deputación provincial, Plan DepoRemse. Tamén figuran obras de abastecemento de auga a varios núcleos, licitadas por máis de 190.000 euros, obras de mellora de eficiencia enerxética na Escola Infantil por 104.000 euros ou a reforma integral da rúa Redondela por 520.000 euros.

Neste momento, os departamento de contratación e da estratexia ‘Ponteareas Hábitat Saudable’ están finalizando os expedientes para contratar unha serie de obras que superarán ampliamente os dous millóns de euros no seu conxunto, as de maior cuantía son as obras de renovación integral da praza de Bugallal por importe de 770.000 euros e a rede calor para os edificios públicos por importe de 837.000 euros.

“Son actuacións moi importantes que supoñen melloras nos espazos urbanos e en servizos básicos pero que ao mesmo tempo permiten relanzar a economía en sectores tan importantes na creación de emprego como a construción”, afirmou o alcalde, Xosé Represas, engadindo que “a pesares da crise do Covid-19 imos manter os investimentos previstos porque a execución das obras públicas sigue sendo unha prioridade porque ademais crean postos de traballo”.

Estas obras son financiadas con fondos propios do Concello, co apoio da Deputación de Pontevedra a través de distintos plans e co respaldo da Unión Europea mediante os fondos europeos de desenvolvemento rexional (FEDER), segundo explica a concelleira socialista Chus Garrote.

O AECT Río Minho reivindica que abrir pasos na fronteira para persoas traballadoras “e máis urxente que a apertura xeral para o turismo”

O AECT Rio Minho, a través do seu director Uxío Benítez, reivindicou hoxe novamente que a apertura de pasos na fronteira con Portugal para as persoas traballadoras transfronteirizas “é máis urxente que a apertura xeral para o turismo”. O nacionalista foi así de contundente logo do anuncio e corrección por parte do goberno central do adianto da data de autorización de fluxos de turistas vía terrestre entre España e Portugal.

Benítez, que manifestou está á espera dunha confirmación oficial de se se mantén o 1 de xullo ou o 22 de xuño para a libre circulación entre ambos países, destacou que ese anuncio, en calquera caso, non é suficiente para solucionar os problemas que vive a cidadanía da ‘raia’. Destacou que, independentemente de que se adiante ou non para o turismo a data de apertura das fronteiras entre España e Portugal, “a situación máis inxusta é a do persoal laboral transfronteirizo”.

“Hai unha serie de traballadores e traballadoras que non poden acceder aos seus postos de traballo, teñen que percorrer distancias quilométricas e iso é prioritario da apertura xeral que se está a valorar por parte dos estados. Iso é máis urxente, atende a unha realidade imperiosa, que é a do rio Miño transfronteirizo, onde hai Eurocidades nas que hai relación comercial, económica e social a ambos lados moi intensa”, insistiu.

O director do AECT subliñou que a apertura dos pasos para as e os traballadores debe facerse de maneira inmediata e gradual e, en ningún caso, pode agardar nin ao 22 de xuño nin ao 1 de xullo. Puxo sobre a mesa a posibilidade de que os estados español e portugués habiliten incluso a apertura da fronteira en franxas horarias que faciliten a mobilidade laboral, marcando horas no primeiro momento da mañá, no mediodía e a última hora da tarde.

“Precisamos unha solución inmediata. Traballadoras e traballadores téñense que mover por obriga e estase a cargar sobre eles o custe de non habilitar uns xendarmes e gardas civís por parte do Estado. É unha situación inxusta”, insistiu, lembrando que alcaldes e alcaldesas do Alto e Baixo Miño continuarán as mobilizacións se non se dan solucións á situación que se leva reivindicando dende o mes de abril.

En calquera caso, e de confirmarse o adianto da apertura xeral de fronteiras, dende o AECT valórase positivamente porque en certa medida os gobernos percibiron a indignación da fronteira polas protestas realizadas. “Agardamos confirmación oficial”, subliñou Benítez.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica confirma un investimento de máis de 14 millóns de euros para ampliar a depuradora da Moscadeira

A sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (ACUAES), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de anunciar a contratación dos servizos de asistencia técnica para a elaboración do estudo de alternativas, dos estudos ambientais e a redacción do anteproxecto de mellora da EDAR da Moscadeira e do proxecto dos interceptores xerais de Ponteareas.

Sete empresas presentaron as súas respectivas ofertas, sendo finalmente seleccionada a UTE EIC, ESTUDO DE ENXEÑERÍA CIVIL, S.L. – TRAZAS ENXEÑERÍA, S.L. por un importe de 74.882 euros e un prazo de execución de 5 meses.

A adxudicación deste contrato supón un paso adiante no desenvolvemento da actuación que permitirá solucionar un problema que padece o concello de Ponteareas desde hai máis de dúas décadas, que ten a súa orixe na existencia dunha estación depuradora, deseñada para 13.000 habitantes.

A capacidade da actual depuradora é insuficiente para tratar os caudais que lle chegan, especialmente en época estival, e que non alcanza os parámetros de calidade esixibles pola Directiva 91/271/CEE para cumprir as condicións de vertedura ao medio receptor, neste caso o río Tea.

O obxectivo da actuación é ampliar e reformar a EDAR de Ponteareas, así como a mellora e optimización do sistema de saneamento, reducindo as infiltracións que se producen na rede de colectores, e propiciando a captación e separación das augas non contaminadas, procedentes de escorrentías superficiais e fontes, do sistema de saneamento.

O proxecto de colectores inclúe a remodelación de conducións existentes e a execución duns 2.500 metros de novos colectores con diámetros comprendidos entre 500 e 1.500 mm, conseguindo con iso que o sistema de saneamento funcione de forma óptima.

O proxecto da depuradora amplía a instalación para unha poboación equivalente de 20.000 habitantes, adecuando as liñas de auga e de lodos e incorporando unha desinfección final do efluente.

A actuación, que foi declarada como obra de interese xeral do Estado, prevé un investimento de 14,1 millóns de euros (IVE/IVE incluído), que serán cofinanciados polo programa operativo FEDER Plurirregional de España (POPE) 2014-2020.

O Concello de Redondela e Artelixo ‘en pé polo planeta’

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente e o colectivo Artelixo veñen de facer un chamamento á participación da cidadanía nun acto que promovido a nivel mundial pola entidade Hope! quere ser unha chamada á reflexión sobre o cambio climático.

A actividade enmárcase na campaña ‘En pé polo planeta’ e convida a traer zapatos de nenos/as (bebés e crianzas pequenas ou non tan pequenas) para simbolizar a necesidade de deixarlles aos nosos fillos e fillas un mundo habitable e sostible.

Nesta acción tratarase de reflexionar sobre a crise climática e como se tratan outras crises como a do COVID-19. Que podemos aprender? Como nos pode axudar a cooperación e a concienciación?

Neste acto cada neno e cada nena deixarán zapatos na rúa Alfonso XII que estará cortada entre as 16:00 h e as 22:00 horas deste venres 5 de xuño. Ás 18:00 h haberá un espazo de expresión para a rapazada, nel os pequenos e pequenas terán voz para dicir o que pensan sobre o coidado do planeta e do seu futuro… Coidémonos coidando do medio ambiente. 

O Concello da Guarda apela “á responsabilidade” da cidadanía para cumprir as medidas de prevención e o medio ambiente

0

Dende o inicio do estado de alarma declarado pola crise sanitaria do Covid-19, tivemos que ir adaptando as nosas costumes e tomar medidas de hixiene e seguridade que fixeron extensible o uso de luvas ou máscaras de protección á case totalidade da poboación. Afortunadamente, a maioría da veciñanza está a cumprir coas novas medidas impostas, e dende o concello apelamos a que continúe así esta dinámica, para evitar calquera tipo de novo contaxio.

Unha das caras negativas da pandemia do Covid-19, e que está estreitamente vencellada ao medio ambiente, e que desafortunadamente, moitos dos elementos que se están a empregar para a prevención e protección como luvas ou máscaras, son depositados sen control en rúas e fincas, arrastrados despois polo vento, o que fai moi difícil o seu tratamento coma residuo e pasan directamente a contaminar de xeito irremediable o noso entorno, moitas veces espazos dunha gran importancia medioambiental.

É por elo que dende a concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda se fai un chamamento, a empresas e á cidadanía en xeral, a que se realice un correcto tratamento deste tipo de elementos de prevención e protección para que rematen nos contedores do lixo e non no medio ambiente.

Nigrán agasalla un póster de recordo a toda a infancia e maiores aos que lle celebrou o aniversario durante o confinamento

0

O Concello de Nigrán regalará a todos os nenos e maiores aos que lle celebrou o aniversario durante o confinamento un póster conmemorativo onde se reúnen nun mosaico todas as imaxes dos homenaxeados que autorizaron fotos e o debuxo dun corazón coroado co lema ‘Que a vida continúe achegando os corazóns’. O Concello tratará de levar durante este mes un a cada casa, pero estará tamén a disposición das familias na Oficina de Información Cidadá (cita previa no 986 365 000). O mesmo deseño lucirá tamén en dous mupis das paradas do autobús de Nigrán.

Click para ampliar

“Trátase simplemente dun recordo feito con todo o cariño polo Concello para todas aquelas persoas coas que compartimos emocións durante o confinamento”, resume o alcalde, Juan González.

O Concello sumou desde o 2 de abril ata o 10 de maio 167 celebracións de confinamento e unha voda, consistindo en convocar a través das redes sociais á veciñanza máis próxima para cantarlles e en desprazar a Protección Civil ao domicilio para entregarlles un agasallo. A maiores, para os de 5 a 16 anos, o Concello lles ofreceu unha videochamada en directo do Mago Rei Midas para realizar un pequeno show.

Alternativa por Mondariz denuncia o abandono do mantemento das praias fluviais

0

Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz de AporM vén de censurar o estado das praias fluviais do Val e de Cernadela por parte do goberno municipal. “A contorna de ambas praias fluviais atópase nun estado lamentable: vexetación sen rozar desde hai meses, fochancas de grande tamaño que impiden o desfrute das praias provocadas polas cheas invernais, etc.”, asegura.

A situación de abandono contrasta co nivel de ocupación recreativa de praias como O Val, “á que acoden a diario ducias e ducias de persoas na procura de baño e de sombra, ao tempo que aproveitan para tomar algo na cantina que abriu as súas portas hai un par de semanas”.

Con todo o dato máis grave procede das autoridades sanitarias, xa que os inspectores de Saúde Pública veñen de facer os resultados do control realizado na última semana medio centenar de praias, 39 delas marítimas e 11 fluviais. En todos os casos resultaron aptas para o baño, agás nunha das tres existentes en Mondariz, coñecida como Praia do Val e situada á beira do río Tea.

AporM, que é coñecedor desta deficiencia ambiental desde hai varios anos, preguntará no próximo pleno acerca das iniciativas que o alcalde prevé levar a cabo ante as distintas administracións para intentar solucionar este grave problema de contaminación.

O noso grupo –afirma Xoán Carlos Montes– “tamén proporá a alta no censo de Saúde Pública da praia fluvial do Curuxón (parroquia de Riofrío), sita a carón de Mondariz Balneario, para que os usuarios e usuarias poidan coñecer, en todo momento, cales son as súas condicións sanitarias”.

O Museo da Carabela Pinta reabre este xoves as súas portas con aforo limitado e estritas medidas de seguridade sanitaria

0

Este xoves 4 de xuño, o Museo da Carabela Pinta volverá a abrir as súas portas co que Baiona da un paso máis dentro da nova normalidade imposta pola crise sanitaria da COVID-19. A reapertura deste museo flotante engádese á da Casa da Navegación, hai xa semanas, co que a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, que xestiona Miriam Costas, pon a disposición do público dous dos seus máis importantes elementos histórico-culturais.

A apertura do museo da Carabela Pinta estará marcada por estritas medidas de seguridade sanitaria, como xa é habitual en todas as instalacións que, de xeito paulatino, vai abrindo ao público o Concello de Baiona.

Así, o aforo estará reducido a un máximo de 12 persoas e as rutas a seguir polos e polas visitantes, tanto no pantalán coma na propia carabela, estarán debidamente marcadas para manter, na medida do posible, a distancia de seguridade recomendada.

No interior da carabela será obrigatorio o uso de máscara de protección e haberá hidroxel para a desinfección das mans. Asemade, lémbrase a prohibición de tocar as pantallas explicativas e o atrezo do barco. Todas estas recomendacións estarán debidamente expostas ao público en carteis indicadores.

Con todas estas medidas “unidas á responsabilidade individual de cada quen –explica a concelleira de Cultura, Miriam Costas– garántese que se poida gozar dun dos elementos históricos máis demandados polos visitantes”.

Horarios

O Museo da Carabela Pinta abrirá de martes a domingos en horario de mañá e tarde. Así os martes, mercores, xoves e venres poderá visitarse entre as 10:00 h e as 11:30 horas e de 12 h a 13:30 horas reservándose a media hora comprendida entre as 11:30 h e as 12 h para traballos de limpeza e desinfección. Polas tardes, o horario será de 16:00 h a 17:30 horas e de 18:00 h a 19:30 horas incluíndo tamén un peche de 30 minutos entre quendas para limpeza.

Os sábados e domingos os horario serán de 10:30 h e as 11:30 horas e de 12 h a 13:30 horas e de 16:30 h a 17:30 horas e de 18:00 h a 19:30 horas.

Finalmente, Miriam Costas, fixo un chamamento “á colaboración de todos e todas á hora de respectar as normas de visita” que, lembrou, “adóptanse para a seguridade tanto dos e das visitantes como do persoal que traballa nesta dotación cultural”.

A Feira de Redondela retoma a súa actividade o sábado 6 de xuño con preto de 160 postos

0

O vindeiro día 6 de xuño, a Feira de Redondela retomará a súa actividade logo dunha suspensión de case que dous meses provocada pola crise sanitaria da COVID-19 e pola declaración do estado de alarma e volverá a celebrarse, como era habitual, os días 6 e 21 de cada mes.

O concelleiro de Feiras e Mercados, adiantou que o Concello “ampliará a súa extensión habitual da feira para que, mantendo o número de postos –preto de 160– estes poidan manter a distancia de seguridade establecida”. Para iso, explicou Lamas, a Avenida de Mendiño quedará ese día cortada ao tráfico e utilizarase en toda a súa extensión para a Feira”.

Cómpre salientar que, coas novas medidas de seguridade, os postos terán que contar cun mínimo de 4 metros de distancia entre eles por cada lado, mentres que a distancia frontal entre posto e posto terá, como mínimo, 6 metros coa recomendación engadida de non situalos un fronte a outro.

O mercado semanal de Redondela é un elemento dinamizador de primeira orde, explica o Goberno local, “xa que nel conflúen persoas chegadas dende todos os puntos, non só do municipio, senón tamén dos municipios limítrofes, veciñas e veciños que tamén aproveitan para utilizar os servizos do comercio local”.

A alcaldesa Digna Rivas salientou a importancia do reinicio desta actividade “que un elemento dinamizador da economía e o comercio local e un paso mais no camiño desta nova normalidade” aínda que subliñou a necesidade de facelo “con todas as medidas de seguridade necesarias para salvagardar a saúde tanto das persoas participantes coma das e dos ambulantes”.

Alternativa por Mondariz solicita ao Goberno local o incremento das axudas para material escolar “por un previsible incremento da demanda”

0

Alternativa por Mondariz vén de solicitar ao Goberno local o incremento da partida económica destinada a axudar a adquisición de material escolar ás familias con menos recursos económicos e que teñan nenos e nenas cursando primaria e ESO.

Xoán Carlos Montes, portavoz de AporM, lembra que no pasado mandato e estando a súa formación no Goberno, “estas axudas xa foran incrementadas de xeito significativo”. Agora, engade, “a crise propiciada pola pandemia da COVID-19 fará que a demanda deste tipo de axudas se incremente, polo que o Concello ten que ter previsto o incremento destas axudas”.

Os concellos, lembra o voceiro de Alternativa por Mondariz, “son as administracións máis próximas á cidadanía e, como tal, teñen que dar respostas rápidas e áxiles ás necesidades da mesma, sobre todo, daquelas que atinxen ás persoas e familias máis vulnerables”.

Asemade, AporM pide a posta en marcha de tres iniciativas, directamente relacionadas co ensino e a infancia, que consideran “de extraordinaria importancia”

Así, solicítase do Goberno local a posta en marcha dun curso de Alfabetización Dixital dirixido a nais e pais, iniciativa que cumpriría un dobre obxectivo. Por unha banda, explica o Xoán Carlos Montes, “nais e pais adquirirían coñecementos básicos de informática para axudar aos nenos e nenas na xestión de tarefas escolares, xestión de datos na nube ou buscas seguras en internet”.

Por outra banda, e non menos importante, “contribuiríase á protección e defensa dos nosos fillos e fillas do ‘lixo dixital’, cada día máis abundante, que circula polas redes como mentiras ou fakes, pornografía ou ciberdelincuencia en xeral”.

Clases de reforzo e campamento de conciliación

Outra das peticións que Alternativa por Mondariz formula ao Goberno local, é a de explorar alternativas que permitan organizar “clases de reforzo e recuperación” dirixidas aos nenos e nenas que “tiveron máis dificultades académicas nos últimos meses de crise sanitaria”.

Finalmente, AporM chama a atención sobre a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar co verán as portas, polo que solicita a creación dun campamento de verán dirixido a nenos e nenas menores de 16 anos, en horario de mañá.