16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela ‘tira de imaxinación’ para celebrar, este xoves e domingo, a súa...

    Redondela ‘tira de imaxinación’ para celebrar, este xoves e domingo, a súa Festa da Coca máis virtual

    O Concello chama á cidadanía a adobiar os balcóns con carteis anunciadores da Festa da Coca dende 1967 ata 2019 que poden recollerse no Multiúsos da Xunqueira

    Ao igual que aconteceu cos Maios, a Festa da Coca, a cita máis tradicional de Redondela, terá que adaptarse as circunstancias extraordinarias que marca a pandemia da COVID-19 e optar pola adopción de iniciativas imaxinativas que permitan que, aínda que de xeito diferente, veciñas e veciños poidan gozar desta celebración tradicional.

    Así, as concellerías de Cultura e Eventos que xestionan Daniel Boullosa e Marta Alonso, respectivamente, veñen de elaborar un amplo programa de iniciativas que, por unha banda adáptanse ás restricións sanitarias vixentes e, ao mesmo tempo, permiten que Redondela viva os seus días grandes.

    Dentro das iniciativas a desenvolver nesta Festa da Coca 2020, está a de poñer a disposición de veciños e veciñas carteis anunciadores das edicións da festa dende 1969 ata o 2019, para colgalos nos balcóns e facer que, pese á pandemia a as restricións sanitarias, a Coca de Redondela estea máis presente que nunca. Os carteis para adobiar ventás e balcóns, poden recollerse no Multiúsos da Xunqueira de xeito totalmente gratuíto.

    Os videos ‘A Coca Confinada’, outro “A COCA non falta a súa cita” e un terceiro sobre o percorrido histórico de alfombras florais, serán unha das iniciativas pioneiras que se poñerán en marcha. Os vídeos serán proxectados, no facebook do Concello de Redondela e nunha pantalla na praza do Concello. En ‘A Coca Confinada’, a veciñanza poderá gozar dunha marabillosa reportaxe resumo da Coca no que participan alfombristas, burras e Danza das Espadas, que conforman os tres eixos fundamentais da festa. Nesa mesma liña, o vídeo da ‘A COCA NON FALTA A SÚA CITA’ permitiranos mergullarnos na visión da coca neste ano, mentres que o terceiro reportaxe permitirá admirar, polo miúdo, as alfombras florais que todos os anos confeccionan as veciñas e veciños de Redondela e que constitúen un sinal de identidade tanto do municipio coma da propia festa.

    O mércores, véspera do Día da Coca, festivo local de Redondela, os cabezudos outro dos elementos tradicionais da festa, estarán presentes nos balcóns da Casa Consistorial para goce de grandes e pequenos.

    O xoves, Día da Coca propiamente dito, a música encherá todos os recunchos de Redondela. Literalmente. As bandas de Música de Arcade e Redondela percorrerán todas as rúas do casco urbano para levar a festa aos fogares a través da música e transmitir, con eses sons, que pese ao coronavirus, o confinamento e as restricións, a Coca está aí e que todos e todas os veciños e veciñas, son partícipes da súa festa máis senlleira.

    “Todas e cada unha destas iniciativas non son máis que un xeito de adaptarse ás actuais circunstancias que marca a COVID-19”, sinala o Concello de Redondela que amosa a súa determinación de que “se non se pode celebrar como se viña facendo tradicionalmente, teremos que reinventarnos, buscar novas fórmulas para que a Festa da Coca siga a ser o que sempre foi, a festa emblemática de Redondela e un símbolo da identidade do municipio”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.