O vindeiro martes 9, o Concello do porriño abrirá a primeira Sala de Estudo Municipal situada nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno, 13. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira e que está chamada a ser un complemento da Biblioteca Pública Municipal.
Segundo explicou a concelleira, “esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite”, engadiu Cami Moreira.
A concelleira de Cultura sinalou que “en definitiva, pretendemos converter a Biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos”.
Esta nova experiencia abrirá as súas portas de 8:30 h a 14:30 horas de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria marcadas pola emerxencia da COVID-19.