8.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro aconsella tratar as viñas contra o mildio ante a previsión de...

    Areeiro aconsella tratar as viñas contra o mildio ante a previsión de choivas que favorecerán o avance do fungo

    O centro dependente da Deputación lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén recomenda engadir antioídio aos tratamentos antimildio para previr a enfermidade

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que sinala que nos últimos días produciuse unha contención no desenvolvemento xeral do mildio nas viñas, favorecida polo tempo seco e con ventos do norte, pero o cambio na climatoloxía previsto para os vindeiros días, coa volta das choivas a partir de mañá xoves ou venres, favorecerá novamente a frutificación do fungo.

    Por esta razón, Areeiro recomenda tratar o antes posible as viñas que xa teñan finalizada a protección anterior (ou que estean a punto de concluíla) e que presenten síntomas activos. Nas outras, as revisións deberán seguir sendo continuas, para poder actuar a tempo se fose necesario nos períodos de claros que, segundo as previsións, haberá na climatoloxía dos próximos días.A EFA lembra ás persoas viticultoras que o mantemento dun ambiente aireado na viña favorece a penetración dos produtos e reduce en si mesmo o risco de avance deste e doutros patóxenos.

    O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio nas viñas. Areeiro comprobou que a enfermidade estendeuse na planta onde a semana anterior xa detectara o primeiro acio de albariño afectado e, neste senso, apunta a que o actual período é de moita sensibilidade das plantas a este fungo, polo que é recomendable continuar engadindo antioído a todos os tratamentos antimildio, ao menos mentres continúe o momento de risco.

    No que atinxe ao black-rot, o actual período da fenoloxía da vide provoca que os acios sexan moi sensibles a este patóxeno. Aínda que co tempo seco dos últimos días non houbo avance na enfermidade nas plantas revisadas, a EFA sinala que as condicións climatolóxicas previstas serán favorables, e por iso recomenda que no caso de facer tratamentos antimildio e antioídio as persoas viticultoras elixan materias activas con acción fronte a este outro patóxeno, polo menos nas viñas onde haxa algún síntoma.

    Respecto á botrite, non houbo condicións meteorolóxicas que favoreceran a este fungo, e pese as condicións de humidade previstas para os próximos días, Areeiro subliña que neste período do ano non se esperan danos debido a que, polo menos os acios secos por mildio procedentes das contaminacións pasadas, onde se podería instalar o fungo, xa se están desprendendo e tampouco hai apenas restos florais adheridos.

    Detalle alimentacion Cydalima

    Doutra banda, no que se refire ás avelaíñas do acio, a EFA sinala que as capturas de machos da primeira xeración de Lobesia botrana reducíronse esta semana, e o número de niños ou glomérulos das eirugas atopados nos controis aos acios é esporádico.

    E no que respecta a outras pragas de artrópodos, Areeiro sinala que as trampas amarelas para a captura de cicadelidos permanecen en xeral bastante baleiras nestes momentos da campaña, e tampouco se atoparon apenas ninfas nos recontos realizados ás follas. Polo demais, segue a haber algo de erinose nalgunhas viñas e, nunha do Rosal, síntomas esporádicos de Janetiella oenophila, pero sen importancia.

    O aviso fitosanitario advirte tamén sobre a bolboreta do buxo. Neste senso, recoméndase incrementar a vixilancia, xa que se atoparon algunhas postas máis na revisión desta semana aos buxos, e tamén, de xeito puntual, as primeiras eirugas neonatas alimentándose.

    Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.