Mércores, 19 Marzo de 2025

Galicia Laica denuncia a vulneración de dereitos en materia de liberdade relixiosa durante o confinamento

A Asociación Europa laica-Galicia laica vén de denunciar diante da Administración educativa o que consideran “unha nova vulneración dos dereitos fundamentais das familias en materia de liberdade relixiosa”. Se no tempo da escola presencial a relixión invadía os espazos comúns con Beléns e Festivais de Nadal ornados con panxoliñas católicas –afirma a asociación– “no tempo do confinamento e do ensino virtual igualmente os contidos relixiosos invaden o espazo común”.

Galicia laica afirma que máis da metade (69%) dos Centros públicos de Primaria da provincia de Pontevedra “exiben nos seus blogs en aberto (accesible a todo o alumnado) contidos relixiosos” e lembran que “as familias que non solicitaron estes contidos teñen dereito a que non sexan impostos aos seus fillos no espazo común virtual. Estes contidos deben ser de acceso restrinxido para as familias que os solicitaron”.

O artigo 16 da Constitución Española define ao Estado Español como aconfesional e o decreto sobre o currículo de educación primaria, “establece que as familias decidirán se a crianzas reciben ou non materia relixiosa”. Revisadas as páxinas web de todos os centros de primaria da provincia “constatamos cómo as autoridades educativas desprezan os dereitos da cidadanía unha vez máis”, afirma Europa laica-Galicia laica.

A través da denuncia presentada perante a Consellería de Educación (aínda sen resposta algunha pola sua parte), Europa Laica confía en que os Centros que incumplen co mandato de neutralidade relixiosa para a administración pública “depoñan a súa actitude e rectifiquen para o enriquecemento da convivencia, a democracia e a igualdade”.