A número dous da candidatura socialista por Pontevedra, Isaura Abelairas, reclamou hoxe a Feijóo que “rectifique” a súa decisión de manter pechados os centros de día e de atención á discapacidade ata setembro, e que deseñe os protocolos necesarios para reabrir esas instalacións “con todas as garantías”.
“Ten que cumprir coas súas competencias”, recalcou, ao tempo que criticou que “Feijóo tiña moita présa por convocar as eleccións” e non tanta para atender á cidadanía máis vulnerable.
“Por que obriga aos maiores e ás persoas con diversidade funcional a seguir confinados cando toda a cidadanía está en fase de desescalada?”, inquiriu a socialista viguesa, consciente ademais do carácter terapéutico que teñen estes centros.
Ao fío disto, preguntouse como é posible que Feijóo xustificara a convocatoria electoral nun eventual rebrote da pandemia para setembro, e que esta sexa precisamente a data elixida por el para poñer en funcionamento os centros de maiores e de discapacidade.