Luís Bará comprométese a aprobar unha nova Lei de Portos para rematar “co seu afán recadatorio”

O candidato do BNG reuniuse hoxe co sector hostaleiro de A Guarda, ao que a Xunta aumentará as taxas de veladores na zona portuaria por ocupar máis espazo polo distanciamento obrigado pola COVID-19

O BNG, a través do seu cabeza de lista pola provincia de Pontevedra Luís Bará, comprometeuse hoxe en A Guarda a poñer en marcha unha nova Lei de Portos que remate co seu afán redacadatorio. O candidato realizou este anuncio logo de reuniuse hoxe co sector hostaleiro do municipio do Baixo Miño, que se verá afectado pola suba de taxas de veladores e terrazas en zona portuaria debido ao distanciamento obrigado entre mesas pola COVID-19, e criticou que a Xunta está a afogar ao sector nun momento de crise, “cando o que debería facer é axudar e non perxudicar máis”.

Bará, xunto ás tamén candidatas Montse Prado e Xosé Manuel Méndez Díaz e o voceiro municipal Anxo Baz, quixo reunirse coa hostalería de A Guarda para coñecer in situ a problemática que teñen coas taxas que lles obriga a pagar Portos de Galiza e tamén coa incerteza respecto da aplicación destas normas, xa que hai unha grande dificultade de interlocución directa con este organismo autonómico. A situación, segundo advertiu o cabeza de lista, é de máxima preocupación pola actividade económica e o espazo que van poder ocupar na tempada alta de verán, xa que prevense ingresos baixos e, a pesares de que dende Portos inicialmente se anunciou que se facilitarían as xestións para os veladores, agora anunciouse un incremento nos impostos a cobrar.

Unha vez analizada a problemática, o nacionalista amosou o apoio e colaboración do BNG para trasladar este problema á Xunta de Galiza e Portos de Galiza, ademais de tamén para poñer en contacto ao sector guardense cos doutras localidades da costa que teñen os mesmos problemas con Portos. “É preciso que se visibilice este problema, se faga presión ante a Xunta de Galiza para que dunha maneira inmediata se comunique ou ben a exención ou a redución das taxas”, subliñou Bará , quen asegurou que “trátase neste momento de axudar a un sector que ten moitos problemas derivados da COVID-19 e non de afogalo aínda máis cunhas taxas abusivas”. Estas roldan os 400 euros de media mensuais para cada establecemento a día de hoxe, pero veranse incrementadas pola ampliación da superficie ocupada ao ter que deixar distancias de seguridade por motivos sanitarios.

Bará explicou que a situación actual vén derivada da actual Lei de Portos, que cualificou como unha auténtica “caixa rexistradora”. Por este motivo, Bará puxo sobre a mesa o compromiso de modificación da Lei de Portos ou de creación dunha nova “para rematar dunha vez con esta lexislación privatizadora e claramente recadatoria que aprobou a Xunta do PP, que só procura o lucro do espazo público portuario”.

Bará destacou, ademais de esixir a condonación ou redución das taxas de veladores na actual crise, que tamén debe haber unha exención das taxas nos casos de eventos sen ánimo de lucro como os que fan asociacións en festas e os concellos, con actividades lúdicas, deportivas, culturais, “que entendemos non deben pagar ningún tipo de taxa”.

A maiores apostouse pola transferencia das zonas portuarias que están integradas na trama urbana –que son espazos públicos como prazas, parques, praias, rúas– aos concellos, xa que ao seu entender “non ten sentido que estean baixo a dependencia de Portos, senón que deben estar xestionados polos concellos, porque a súa conservación, mantemento e arranxo tamén está a ser feita polos concellos”.

Por último dende o BNG propuxeron a creación dun organismo de cooperación portuaria no que estean representados tanto Portos de Galiza como os concellos para unha mellor xestión e cooperación no desenvolvemento de actividades que se realizan nestas zonas.