Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Gonzalo Caballero amosa o seu “compromiso” coa mocidade á que chama a “activarse” de cara ao 12X

O secretario xeral avanza que “un goberno progresista” porá, a partir do 12X, “todas as garantías” para reabrir os centros de día que Feijóo mantén pechados

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, amosou hoxe o seu “compromiso” coa xuventude a través dun encontro en Santiago con mozos e mozas, a quen chamou a “activarse” de cara ás eleccións autonómicas do 12 de xullo para seren “líderes da Galicia do futuro”.

“Desta crise económica e social hai que saír cun compromiso coa mocidade”, recalcou Gonzalo Caballero, posto que os 11 anos de Feijóo á fronte da Xunta deixaron tras de si, entre outras cousas, a destrución de 70.000 postos de traballo; unha cifra que se ve incrementada trala pandemia.

O goberno do PP, sinalou o líder dos socialistas galegos, deixou a Galicia “sen posibilidades de emprego”, o que supuxo a marcha cara “novos rumbos” de moitos mozos e mozas. “E nós temos o compromiso claro e férreo de apoialos, porque con eles se xoga o futuro de Galicia”, remarcou.

De feito, recordou que antes da chegada da covid, o programa do PSdeG ás eleccións autonómicas xa incluía medidas de apoio ao alugueiro e a emancipación, plans de impulso do emprego xuvenil e programas de retorno dos mozos emigrados. “E ese compromiso é máis necesario que nunca”, engadiu.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero apostou por “fortalecer a educación pública, gratuíta e de calidade”. En concreto, comprometeu a gratuidade da primeira matrícula nas universidades públicas galegas e a “mellora” tanto do ensino medio como da Formación Profesional.

Sumarse ao cambio con garantías

“A Galicia que queremos é unha Galicia comprometida co futuro do país”, recalcou o máximo dirixente dos socialistas galegos, para situar ao PSdeG como “a garantía” para os desexos de ter “unha vida digna na nosa terra” da mocidade.

É por iso que pediu aos mozos “que se comprometan, que nos acompañen” e que “contribúan con Galicia sumándose ao cambio con garantías”. “O cambio é posible cunha activación importante”, advertiu Gonzalo Caballero, partidario de construír “unha Galicia innovadora, con igualdade real e con prosperidade” a partir do 12 de xullo.

Reapertura Centros de Día

En paralelo, o líder do PSdeG requiriu a Feijóo que “rectifique inmediatamente” a súa decisión de manter pechados os centros de día ata o outono e que dispoña “todas as garantías” para reabrir estas instalacións cos protocolos necesarios e co reforzo de persoal que faga falla.

“Podemos estar nas cafeterías, saír á rúa ou ir ás praias, pero Feijóo prohibe abrir os centros de día ata o outono”, reprobou Gonzalo Caballero, e recordou que é “un dereito das persoas maiores” e que Feijóo “ten a obriga” de atendelos.

“Amosa que non ten ningunha sensibilidade social e que despreza ás persoas máis vulnerables ao negarse a abrir os centros de día”, incidiu, consciente de que milleiros de persoas estanse a ver privadas da súa rehabilitación e de actividades importantes para a súa saúde mental e física.

“Non podemos consentir este retroceso en dereitos para as persoas maiores”, concluíu o responsable do PSdeG, quen garantiu que “un goberno progresista a partir do 12 de xullo poñerá todas as garantías” para reabrir os centros de día.