14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán completa o abastecemento a toda a parroquia de Parada tras ampliar...

    Nigrán completa o abastecemento a toda a parroquia de Parada tras ampliar en 6.500 metros a rede

    O Concello dará subministro aos barrios de O Con, Cartas, Laxe, Rúa, Igrexa e Carrasca en canto a Xunta outorgue a preceptiva autorización sanitaria, completándose así toda a parroquia en menos de 5 anos

    O Concello de Nigrán rematou as obras que permitirán achegar o abastecemento de auga a 947 persoas dos barrios de O Con, As Cartas, A Laxe, A Rúa, A Igrexa e A Carrasca, completándose así toda a Parroquia de Parada en menos de 4 anos. O Concello solicitou o 29 de abril a preceptiva autorización sanitaria á Xunta de Galicia para poder subministrar auga e agarda que o goberno autonómico lle dé a maior celeridade para que nos vindeiros días sexa efectiva, xa que no verán os problemas de seca agravan a situación dos veciños, que están a expensas dos seus pozos individuais.

    As obras supuxeron máis de 314.000 € de investimento e máis de 3 meses de traballos tras ampliar a rede de abastecemento en 5.125 metros desde Nandín (a este barrio chega a auga tras investir a concesionaria Aqualia 374.809 € no 2019 froito dun acordo co Concello) e engadir outros 1.239 metros desde o depósito de distribución construído polo Concello no 2018 no monte Eiró de Parada (esta obra permitíu levar auga a parte da zona da Carrasca e outros barrios, onde xa estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución desde hai anos pero que carecía de presión suficiente para funcionar). Así, o Concello realizou unha ampliación total de 6.435 metros de tubería de polietileno e, ao mesmo tempo, reparou outras tubaxes xa pre-existentes pero que nunca chegaran a funcionar (foran construídas hai anos, cando se dotou de saneamento a parte da parroquia en previsión de que algún día puidese haber abastecemento de auga).

    “Cando chegamos ao goberno no 2015 o fixemos co compromiso de levar a auga a todas as parroquias e en menos de 4 anos conseguimos non só achegar o servizo a Parada, se non que dar cobertura ao 100%. Agora traballamos para facer o mesmo en Camos e chegar por vez primeira a Chandebrito, xa que existe unha clara demanda social ao respecto, como é lóxico”, sinala o alcalde, Juan González, quen indica que a situación de Parada era a máis complexa das tres porque os veciños, a diferencia de Camos e Chandebrito, non gozan de traídas comunáis que se surtan de mananciais no monte. “En Parada os veciños dependían exclusivamente dos seus pozos, cos conseguintes problemas de seca nos meses de verán, situación que agora se ve solventada”, indica González, quen precisamente por iso pide celeridade á Xunta de Galicia para informar da autorización sanitaria.

    Na parroquia veciña de Camos o subministro público chegou a finais de 2019 grazas, precisamente, á nova rede de abastecemento municipal de auga que fornece aos barrios de Nandín, parte de Con e A Reboreda e que permite en Camos chegar aos barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos. A maiores, nas obras de humanización da rúa San Roque achegouse o abastecemento ata aí ao ser colindante coa rúa dos Pazos, desde onde se ampliou. “Queda pendiente a parte alta de Camos e Chandebrito na súa totalidade, ese é o noso compromiso de goberno para estes anos”, finaliza González.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.