10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta presenta a empresariado e sindicatos o Plan de Reactivación e...

    A Xunta presenta a empresariado e sindicatos o Plan de Reactivación e Dinamización para relanzar a actividade económica

    O conselleiro de Facenda e o de Economía, Emprego e Industria reuníronse onte con representantes da CEG e das centrais sindicais

    A Xunta de Galicia presentoulle onte a responsables da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e dos sindicatos UGT e CC.OO. o Plan de Reactivación e Dinamización de 2020, dotado con máis de 3.000 millóns de euros e que ten como obxectivo recuperar a actividade económica de Galicia, xerar emprego nos sectores máis golpeados pola covid-19 e fortalecer os servizos públicos. Foi nunha reunión da Mesa de Diálogo Social na que participaron o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

    Durante o encontro, os titulares de Facenda e de Economía explicáronlle a patronal e organizacións sindicais que a meirande parte da dotación deste plan (1.741 millóns) procederá de recursos públicos que achegará a Xunta. Estes recursos supoñen a armazón financeira de que dispón Galicia para facer viables todos os proxectos sectoriais prioritarios, que desenvolve cada departamento autonómico.

    En todo caso, o conselleiro de Facenda destacou que os recursos públicos que activará a Administración autonómica permitirán mobilizar outros 1.302 millóns do sector privado, sobre todo na parte da dinamización económica.

    Impulso á implantación do teletraballo para pemes e autónomos

    Na reunión, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou os 5 millóns que este plan destina a axudas para impulsar o teletraballo, co obxectivo de que as pemes e os autónomos teñan a oportunidade de adaptar as súas infraestruturas tecnolóxicas así como ampliar as capacidades dos seus empresarios para poder traballar a distancia, unha medida que foi apoiada polos integrantes da Mesa de Diálogo Social.

    Tal e como explicou, é necesario promover medidas como o teletraballo para estar preparados ante a nova era tecnolóxica, onde a dixitalización xoga un papel fundamental no desenvolvemento da actividade empresarial e das relacións laborais. “A dixitalización será unha das principais ferramentas do novo contexto laboral”, subliñou Conde, que engadiu que este apoio ao teletraballo dá resposta a unha demanda real como é a necesaria protocolización da volta á normalidade nas empresas e a adopción de medidas organizativas que incentiven o desenvolvemento de plans de formación en novas tecnoloxías.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.