12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasNace a plataforma cidadá 'Vivir Ponteareas'

    Nace a plataforma cidadá ‘Vivir Ponteareas’

    A recen creada plataforma ‘Vivir Ponteareas’, remitiu aos medios de comunicación un manifesto no que amosa, con claridade, o seu concepto de vila. Unha idea, por certo, que se segue dende hai tempo nos núcleos urbanos de Europa –independentemente do seu tamaño– que apostan pola máxima de “as cidades para as persoas”.

    Transfórmanse dese xeito as vilas e urbes en lugares amables e de convivencia cidadá no que priman os espazos verdes e a calidade de vida. Un concepto polo que, sen ir máis lonxe, hai tempo que apostaron as vilas fronteirizas de Portugal.

    O manifesto de ‘Vivir Ponteareas’ expresa, con rotundidade, o seu concepto de vila no que vivir. Precisamente pola importancia que ten e por esa claridade na exposición de conceptos, non nos resistimos a recollelo na súa integridade.

    Por unha nova vila para as persoas

    Ponteareas é a vila na que todos e todas nós decidimos vivir. Por iso aspiramos a que o lugar no que residimos, onde mercamos, onde traballamos, por onde paseamos ou no que criamos aos nosos fillos e fillas nos ofreza a maior a calidade de vida posible.

    As persoas que temos ese desexo común decidimos organizarnos na plataforma “Vivir Ponteareas” para lograr un obxectivo: converter Ponteareas nunha nova vila sustentable, saudable e máis humana, na que as persoas sexan as protagonistas.

    Durante décadas a vila concibiuse como un lugar pensado para os vehículos e non para as persoas. O coche apropiouse da maior parte do espazo público, mentres as persoas foron relegadas a espazos marxinais.

    Case o 80 % do espazo público en Ponteareas está destinado aos vehículos, mentres as persoas deben camiñar por beirarrúas estreitas e cheas de atrancos ou incluso pola calzada cando aquelas nin existen. O pouco espazo para as persoas incluso é ocupado por vehículos que estacionan sobre pasos de peóns, sobre beirarrúas, en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida ou en zonas peonís.

    É necesario cambiar por completo esta situación e recuperar o espazo público para as persoas, para a xente maior e os nenos e nenas, para as persoas con mobilidade reducida ou para os ciclistas. É urxente promover a mobilidade a pé e en bici en Ponteareas. É preciso cambiar os hábitos dos condutores e condutoras que saturan o centro usando o vehículo innecesariamente e por comodidade. Usar os aparcadoiros públicos e camiñar uns poucos minutos por unha vila tranquila ata o destino debe ser a nova forma de vivir Ponteareas.

    Nos últimos tempos o Concello ven realizando algunhas accións nesa dirección, pero son claramente insuficientes. É moi necesario e urxente ir a máis, ser máis ambiciosos. Por iso demandamos diante do goberno local:

    -A ampliación dos espazos para as persoas: máis zonas peonís e beirarrúas máis anchas, con mobiliario urbano para a estancia e o descanso das persoas e con zonas verdes sombreadas e axardinadas.

    • A eliminación das barreiras arquitectónicas que exclúen a numerosas persoas do acceso e desfrute do espazo público.
    • A mellora da seguridade, reducindo riscos en lugares como os pasos de peóns e reducindo a velocidade máxima permitida en zona urbana.
    • Maior vixilancia e actuación por parte da Policía Local para que os condutores e condutoras respecten os nosos dereitos como peóns ou como persoas con mobilidade reducida.
    • ncentivar e promover a mobilidade a pé e en bicicleta, ademais do transporte público. Levar a cabo estas medidas farán de Ponteareas unha vila mellor: máis accesible para todos e todas, máis humana e agradable, máis saudable e con menos contaminación acústica e atmosférica, máis confortable e máis sociable, favorecendo o encontro social, máis segura para as persoas, con máis e mellor actividade comercial e máis atractiva para todos e todas nós e para as persoas que nos visitan.

    Ponteareas é un lugar ideal para vivir se cambiamos a actual situación.

    Temos unha magnífica vila para camiñar ou para movérmonos en bicicleta: todo está moi preto, incluídos os aparcadoiros públicos, e apenas existen pendentes.

    Vivir Ponteareas’ anima ao Concello a actuar con decisión e valentía no obxectivo de converter ás persoas nas protagonistas da vila. E para iso queremos achegar as nosas ideas e as nosas propostas e, polo tanto, que se conte con nós á hora de realizar proxectos de humanización ou de adoptar medidas de regulación do uso do espazo público polas persoas e os vehículos.

    Compartimos as medidas tomadas nos últimos tempos de mellora dalgunhas rúas ou de redución do límite de velocidade no centro urbano dando prioridade na calzada aos peóns. Obras como a do Paseo Matutino, a nova praza do Mercado e Auditorio, que reclamamos como completamente peonil, e a rúa San Roque, pendente de finalización, son unha mostra do que Ponteareas necesita. Os proxectos de humanización xa aprobados como a Rúa Redondela, a Praza de Bugallal ou a contorna do complexo deportivo Álvaro Pino van na mesma dirección.

    Pero non nos conformamos e queremos máis e para conseguilo facemos un chamamento a todas as persoas que comparten este desexo a unirse a ‘Vivir Ponteareas’. Xuntos poderemos facer de Ponteareas un lugar ideal para vivir.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.