7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas implanta unha nova regulación do aparcadoiro da Praza de Abastos para...

    Ponteareas implanta unha nova regulación do aparcadoiro da Praza de Abastos para facilitar as compras aos seus clientes

    A concellaría de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, conxuntamente coa de Promoción Económica, da que é responsábel a concelleira Eva María Gil, puxeron en marcha unha nova regulación do aparcadoiro exclusivo da Praza de Abastos tras deseñala conxuntamente coa asociación de praceiros e praceiras.

    Segundo os edís nacionalistas, coas novas normas que rexen desde hoxe no estacionamento “asegurarase que este cumpra o seu cometido, que é facilitar e promocionar o consumo no Mercado Municipal” que conta actualmente cuns trinta postos de venda activos.

    O horario de funcionamento do aparcadoiro da Praza de Abastos é de 9:00 h a 15:30 horas. Nesa marxe horaria, poderase empregar o estacionamento durante un máximo de hora e media. Para iso é necesario retirar o correspondente billete no parquímetro situado na entrada do aparcadoiro. O billete consta de dúas partes que se deben cortar: unha debe colocarse no interior do vehículo en lugar visíbel mentres a outra será empregada polo cliente como resgardo do seu estacionamento. Para poder abandonar o aparcadoiro antes de esgotar a hora e media, o cliente deberá realizar un gasto total mínimo de 10 euros na Praza de Abastos e canxear o seu resgardo pola ficha que permite sair do aparcadoiro. Para realizar o canxe os clientes poden acudir a tres establecementos diferentes situados no interior da Praza de Abastos, autorizados para a entrega de fichas. No caso de incumprir estas normas de uso do aparcadoiro a sanción a impoñer é de 30 euros.

    O aparcadoiro situado a carón do Mercado Municipal conta con 14 prazas, que ao rotar como mínimo cada hora e media, supón a dispoñibilidade de alomenos 56 prazas de estacionamento para os seus clientes ao longo da mañá. Aínda así, as concellarías de Mobilidade e Tráfico e de Promoción Económica prevén habilitar nas vindeiras semanas outro aparcadoiro de 7 prazas máis noutro espazo adxacente á Praza de Abastos.

    En opinión de Mera e Gil, “o novo sistema supón gañar en eficacia no funcionamento do aparcadoiro, evitar usos fraudulentos que se viñan detectando e asegurar que o estacionamento serva para incrementar o consumo na Praza de Abastos, facilitando as súas compras ás persoas que apostan polo mercado local e de proximidade”.

    Por outra banda, ambas as dúas concellarías, recolocaron os postos de venda de plantas, da coñecida como “A Carreira”, na nova praza acondicionada entre o Mercado Municipal e o Auditorio. Até agora eses vendedores e vendedoras compartían cos vehículos o aparcadoiro. “Deste xeito, dignificamos o labor destes produtores locais, instalándoos nun espazo humanizado e melloramos a seguridade no aparcadoiro”, sinalaron Roberto Mera e Eva María Gil.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.