Mércores, 13 Novembro de 2024

Redondela pon en marcha un programa pioneiro en España de concienciación en materia de prevención da COVID-19

O programa ‘Maiores Contaxiando Responsabilidade’ terá un dos seus eixos nos ‘Equipos de Maiores de Concienciación Cidadá’ que esta mañá presentáronse no Centro Cultural de Cedeira

O Centro Cultural de Cedeira foi o lugar elixido polo Concello de Redondela para presentar un programa de concienciación cidadá en materia de prevención contra a COVID-19. A iniciativa, pioneira en España e que se desenvolve ao abeiro do programa ‘Maiores Contaxiando Responsabilidade’, busca a formación de grupos de maiores –Equipos de Maiores de Concienciación Cidadá (EMCC)– en todo o relativo á prevención do coronavirus tanto dende o punto de vista sanitario coma de seguridade ou social.

A alcaldesa e concelleira da Terceira Idade, Digna Rivas presentou hoxe esta novedosa iniciativa acompañada polos concelleiros Daniel Boullosa e Vicente Lamas; a técnica da Terceira Idade, Alejandra Fernández; o especialista en xeriatría e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez Vázquez; os educadores sociais Ricardo Alfaya e Begoña Lusquiños e o policía local xubilado, José Ángel Veiga Martínez.

Tal e como explicou a alcaldesa ao grupo de maiores presentes, “Cedeira será a parroquia ‘piloto’ onde se desenvolva este programa para, posteriormente, levalo aos demais núcleos rurais do municipio”. Rivas subliñou a importancia desta iniciativa “porque o perigo non pasou e agora temos que ter máis coidado que nunca para evitar unha volta atrás que sería catastrófica”.

Este grupo de maiores recibirá explicacións polo miúdo da COVID-19 dende os aspectos sanitario, social, preventivo e de seguridade en clases curtas de entre 15 e 20 minutos cadansúa, de xeito que sexan o máis amenas posible. Unha vez rematada a preparación, este grupo de maiores terá a labor de explicarlles o aprendido ás súas amizades, veciñanza e familiares. “Trátase –apunta a alcaldesa de Redondela– de crear un ‘efecto dominó’ e que a concienciación sobre a necesidade de non baixar a garda e manter as medidas preventivas, cale entre toda a cidadanía”.

Doutra banda, o programa “Maiores Contaxiando Responsabilidade” é unha ferramenta de transformación do papel das persoas maiores na sociedade, un proxecto no que o Goberno local leva traballando dende a súa toma de posesión. As e os maiores abandonan o seu rol pasivo “e convértense en pezas útiles á sociedade, achegando os coñecementos e a experiencia adquirida ao longo de toda unha vida”, sinalouse na presentación da iniciativa.

Digna Rivas, Daniel Boullosa e Vicente Lamas, agradeceron “o interese e implicación” das veciñas e veciños de Cedeira presentes na reunión e que constituirán este “grupo piloto”. “Ninguén dixo que non, ninguén puxo pegas a estar hoxe aquí e esa é a mellor mostra de que as e os nosos maiores teñen ganas de ser útiles á sociedade, de aportar toda a súa experiencia para que sirva de guía aos que veñen detrás”.