Martes, 22 Xullo de 2025

Os informes técnicos avalan a viabilidade da recuperación do cargadoiro de Coto Wagner

0

Os traballos de reparación estruturais do cargadoiro de Coto Wagner, “son técnicamente viables” e a estrutura principal metálica e os elementos de formigón armado “poden rehabilitarse co fin de darlle un uso ao marxe do inicial do cargadoiro”, así o sinala o informe técnico encargado polo Concello de Redondela que busca impedir a destrución “dun elemento importante do patrimonio industrial do municipio”, afirma o Goberno local.

O informe encargado e elaborado por un arquitecto e un enxeñeiro industrial, avala as teses mantidas polo Goberno que preside Digna Rivas de que “o cargadoiro pode ser recuperado e con el recupérase parte importante da memoria industrial de Redondela” e de feito, nas súas conclusións, o informe técnico subliña que “como en calquera intervención sobre o Patrimonio, dende o punto de vista económico, estes traballos están perfectamente xustificados”.

En todo caso, apunta a alcaldesa Digna Rivas, este informe, “minucioso e detallado”, contrasta co presentado no seu momento pola Autoridade Portuaria de Vigo no Consello de Administración deste organismo, “que era simplemente, un dossier dunha empresa de arquitectura” e sobre o que se pretendía votar a necesidade de derrubar a estrutura sen que, en ningún lugar de dito dossier, “fixérase referencia a que era un ben incluído dentro do catálogo patrimonial da Xunta de Galicia”.

A viabilidade da recuperación desta estrutura explica, ao entender do Concello de Redondela, “os continuos atrancos postos polo Porto de Vigo á hora de que os técnicos contratados polo concello puideran acceder á estrutura para realizar un detallado análise da situación”.

O informe encargado polo Concello de Redondela salienta a necesidade de “retirar con urxencia todos os elementos secundarios da instalación que se atopan parcialmente desprendidos ou con posibilidade de desprenderse a urdo prazo” e, segue nesa liña cando subliña que “deberase actuar de xeito urxente na totalidade da estrutura para evitar que continúe a súa degradación por patoloxías de corrosión”.

É dicir, sinala Digna Rivas, “que o Porto de Vigo non pode eludir máis a súa responsabilidade no mantemento deste elemento patrimonial de Redondela”.

Finalmente, a alcaldesa redondelá reafírmase na súa postura, expresada de forma reiterada no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, de non consentir que se destrúa parte da historia industrial do municipio. “Non imos quedar de brazos cruzados nin mirar para outro lado, mentres á veciñanza de Redondela se lles priva de parte da súa historia industrial” e insiste en que a solución ao cargadoiro, “pasou e pasa pola súa rehabilitación, conservación e posta en valor e nunca polo seu derrubo”.

Ponteareas reabre hoxe á circulación as rúas Vidales Tomé e Santa Ana

A Concellería de Mobilidade e Tráfico informou da reapertura ao tráfico das rúas Vidales Tomé e Santa Ana hoxe mércores durante a mañá. Ambas as dúas rúas estiveron durante tres semanas cortadas ao tráfico rodado, como consecuencia das obras da rede de calor, aínda que se garantíu o acceso a garaxes, residentes e servizos.

Co restablecemento da normalidade nestas dúas rúas, tan só se manteñen cortadas ao tráfico a rúa Domínguez Benavides e un tramo da rúa San Roque, ambas as dúas de treito curto, sen usos comerciais e sen incidencia no tráfico de paso. Tamén se mantén restrinxido o paso pola rúa Redondela, por onde poden circular residentes, servizos e comerciantes.

A Concellería de Mobilidade e Tráfico lembra que todas as rúas de acceso a Ponteareas están abertas con normalidade ao igual que as de saída, agás a Avenida de Galicia. Neste caso a saída cara a N-120 realízase pola rúa Castañal.

Nigrán ofrece hoxe o concerto de D’Lider na Praza do Concello

0

O Concello de Nigrán ofrece hoxe mércores 23 ás 19:00 horas na Praza do Concello o concerto de D´Líder e, en caso de choiva, será no Auditorio Municipal. O grupo de Nigrán ofrecerá un espectáculo moi especial adaptado a estas datas e no que non faltarán grandes éxitos da música.

A programación cultural do Concello está 100% formada por artistas do municipio despois de que abrise unha liña de contratación específica como axuda ao sector. No mesmo lugar terá o día 30 o concerto de Backup Souls e en Panxón o grupo de batucada ‘Latexos’ (26 de decembro).

“É unha programación 100% feita por artistas de Nigrán, centrada sobre todo nos cativos e, como non pode ser doutro xeito, adaptada á realidade sanitaria coas máximas garantías de seguridade”, incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que “máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio”.

Tomiño realizou 239 baleirados de fosas sépticas a través do seu servizo este 2020

0

O Concello de Tomiño ofrece desde febreiro de 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas para aquelas familias que aínda non puideron conectarse á rede de saneamento, que supoñen preto do 40% da poboación do municipio, un problema agravado pola dispersión da poboación nun territorio moi extenso (106 km2).

Neste servizo están censados actualmente un total de 244 persoas, das cales 130 o utilizaron durante o presente ano. En total foron realizados 239 baleirados en 2020 fronte aos 167 do ano anterior, un 43% máis. O custo promedio que ten contratar unha empresa de baleirado adoita superar os 100 euros, pero coas bonificacións que o Concello ofrece aos usuarios adheridos a este servizo o custe do primeiro baleirado do ano cífrase en tan só 20 euros, pasando a 40 nos baleirados seguintes. No caso daqueles fogares que polas súas circunstancias non poidan facer fronte ao pago está contemplada a exención do pago do primeiro baleirado se así o estipulan os servizos sociais do Concello.

O tempo de demora medio desde que o usuario demanda a limpeza ata que se produce é de 4,5 días. Este tempo pode verse dilatado en función da demanda do servizo —que se leva a cabo os martes e xoves—, especialmente nas épocas de chuvia, onde é frecuente que a EDAR de Tomiño traballe ao límite da súa capacidade e sexa necesario empregar a EDAR de Guillarei.

Aumento da demanda polo confinamento

O confinamento domiciliario decretado durante os meses de marzo e xuño tivo como consecuencia un aumento da demanda do servizo debido ao maior tempo que as persoas pasaron nas súas vivendas, chegando a concentraren estes catro meses case o 50% do total de baleirados.

Para solicitar o Servizo de baleirado de fosas sépticas, o titular da vivenda debe dirixirse primeiro á empresa AQUALIA e pedir un certificado de non estar conectado á rede de saneamento, ou ben estar situado a máis de 50 metros da mesma (se está a menos é obrigatorio conectarse). Do mesmo xeito, debe pasar polo Concello para inscribirse no Rexistro de Fosas Sépticas e Pozos Negros do Concello e cubrir unha solicitude (de autorización para o baleirado) a primeira vez que se solicita o servizo. Toda a información para a solicitude do servizo pode consultarse na páxina web do Concello de Tomiño no apartado de “Medio Ambiente”: https://tomino.gal/medio-ambiente/.

Xantares especiais e productos navideños para todos grazas ao Nadal Solidario de Mos Axuda

0

Hoxe comezaron a repartirse, na sede de Mos Axuda, sita en Puxeiros, os lotes de alimentos e tarxetas agasallo para compra de alimento fresco en supermercados da Campaña Mos Axuda no Nadal entre as 99 familias mosenses beneficiarias das mesmas. Onte pola tarde recollíanse do último punto de recollida, o Belén Solidario do Pazo de Mos, as derradeiras doazóns antes de iniciar o reparto de hoxe. Estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, voluntarios/as municipais e de Mos Axuda, e representantes da Fundación Pazo de Mos.

A pesares de que este ano non se realizou campaña de recollida nos supermercados, grazas á colaboración de empresas e particulares recaudouse tanto ou máis que en anos anteriores. Detectouse unha especial solidariedade por parte de veciñanza e colaboradores.

Entre ditos colaboradores atopáronse a Escola Infantil Trastes, Reciclajes Avi, Afamsa, Noribérica, Pesca Puerta, Autos Rivada, Tecdisma, Rodicut, Copo Ibérica, Frioya, Tesis Galicia, Frutas Sol, IES de Mos, Colexio de Atín, Fundacion Pazo de Mos (Belén Solidario), Aemos, Dover, Combustibles Peinador, Industrias Afines, S.L, e doazóns particulares, entre outros.

O Nadal Solidario de Mos Axuda permitirá que preto de 100 familias mosenses poidan gozar tamén das datas navideñas. Nadal Solidario é unha campaña anual de recollida de alimentos que o Concello de Mos organiza para que ningunha familia mosense quede sen celebrar as festas navideñas. En total son preto de 100 familias usuarias dos Servizos Sociais municipais, que en número de persoas pode alcanzar preto de 250.

Mos Axuda é un proxecto do Concello de Mos nacido en 2015 como unha organización de reparto directo de alimentos entre as persoas máis desfavorecidas do municipio e apoiado polos Servizos Sociais municipais.

As empresas Noribérica, Reciclajes Avi e Afamsa son tres empresas que ademáis de colaborar todos os anos nas campañas de Nadal, véñeno a facer de xeito habitual desde o mes de marzo, cando comezou a pamdemia, volcados completamente en axudar ao Concello a paliar as necesidades das familias. Ao longo de 2020 repartíronse 40 toneladas de alimentos e tarxetas para compra de producto fresco nos supermercados de Mos valoradas nun total de 21.000€.

Ademais da doazón por parte destas tres empresas, cóntase tamen coa incondicional colaboración da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, e moitas outras empresas tales como Pesca Puerta, Autos Rivada, Tecdisma…

Seguindo coa traxectoria e perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, desde o Concello repártese hoxe o recadado nesta campaña de nadal 2020 que ademais é unha campaña especial, debido á situación que viven moitas familias provocada pola crise sanitaria do COVID-19. Grazas a todas as aportacións as familias beneficiarias poderán celebrar o Nadal como merecen.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, declararon esta mañá que “desde o Concello estamos moi agradecidos e satisfeitos da campaña de doazón de alimentos deste ano xa que recaudouse tanto ou máis que en anos anteriores. Detectouse unha especial solidariedade por parte de veciñanza e colaboradores”, e aproveitaron a ocasión para “agradecer a colaboración cidadá dos veciños e veciñas de Mos que, edición tras edición, veñen a demostrar que Mos é un pobo solidario”.

A rexedora local mosense e a edil de Política Social explicaron que “para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todas as familias de Mos poidan gozar destas festas contamos coa axuda dun pilar fundamental; os voluntarios e voluntarias, tanto de Mos Axuda como de Protección Civil, que son un orgullo para o municipio”.

O adro da igrexa de Albeos, en Crecente, xa conta coa escultura da Escola de Cantería da Deputación

0

A deputada delegada de Centros Educativos, Noemí Outeda, acompañada do alcalde de Crecente, Julio César Luengo, e do cura párroco de Albeos, asistiu esta mañá á descuberta da escultura dedicada a San Paio, unha das últimas creacións da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, e que foi instalada no adro desta igrexa do século XII.

A deputada provincial subliñou que “estamos encantadas e encantados de colaborar, sempre na medida do posible, coas peticións que nos chegan e de poñer a Escola de Cantería ao servizo da provincia e de por en valor o patrimonio que ten a nosa provincia”.

A escultura é obra de Cristian Jabóis e Víctor Casada, ex-alumnos da Escola da Deputación. Foi elaborada a partir dun bloque de granito silvestre galego e está composta polo elemento figurativo e unha base que, en total, superan os 2 metros de altura. Para a súa execución, que se desenvolveu durante un período de 4 meses, empregouse a técnica de ampliación; deseñando primeiro unha maqueta de 0,50 metros que se ampliou ata acadar 1,60 metros finais (sen contar a base).

O Consorcio de Augas do Louro finaliza as obras de reparación da estrada na Veiga do Louro

O Consorcio de Augas do Louro, ven de rematar as obras de reparación do afundimento da rúa Loureiro na Veiga do Louro, que xa están abertas novamente para que así poida circular o tráfico como ven sendo habitual.

As obras consistiron na reconstrución da pendente, beirarrúa e calzada caídas a consecuencia das intensas choivas e o desbordamento do río Louro producidas durante o temporal Cecilia en novembro de 2019.

Como parte das actuacións, tense limitado o peso dos vehículos que poden circular a 3,5 toneladas e se ten limitado a velocidade máxima a 30 km/h. Ademais, tense instalados lombos na calzada para reducir a velocidade, reposto a sinalización horizontal e mellorado a drenaxe da calzada.

O alcalde de Nigrán recibe aos responsables de Lugove, nova UTE concesionaria do transporte na comarca

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, reuníuse onte con responsables da UTE concesionaria do novo servizo de transporte no Val Miñor, Lugove, para coñecer de preto todas as novidades ante o comezo do seu funcionamento este mércores 23 de decembro. Así, o rexedor puido corroborar a través deles mesmos que o 100% da flota será accesible a partir do mes de xuño, cando reciban os vehículos recén mercados, e contarán con unha aplicación móbil especialmente pensada para persoas con discapacidade.

“O servizo está en mans de ATSA ata o día 23 e pasada a medianoite xa é de Lugove, todo se resolveu moi rápido e é inmediato, polo que os usuarios poderán apreciar as verdadeiras melloras dentro de 6 meses”, incidiron desde a UTE, onde confirmaron que inicialmente operarán con vehículos de segunda man ata que no mes de xuño reciban os recén mercados, todos accesibles. Asimesmo, destacaron a posta en funcionamento tamén nos vindeiros meses da aplicación móbil Navilens que funcina en cidades como New York, accesible  para persoas cegas, e que ofrece información xeolocalizada das paradas. Inicialmente, os usuarios recibirán a información de horarios e percorridos a través de pdf pendurados na web www.lugove.gal.

“Recibimos moi boas noticias con respecto á accesibilidade, que nos preocupaba moito ao non ter resposta da Xunta, e ao mesmo tempo lle ofrecemos toda a colaboración do Concello de Nigrán para que o servizo mellore a calidade da información nas paradas con respecto a ATSA, xa que era deficitario e nada accesible para persoas con discapacidade sensorial”, explicou o rexedor, quen pedíu aos usuarios “un prazo de 6 meses para apreciar as melloras na flota”, finalizou.

Novas liñas

O Concello de Nigrán celebra que coa posta en marcha o día 23 do novo plan de transporte se resolvan certas cuestións que o propio Concello alegara, como son:

  • Mellora da comunicación de Chandebrito coa creación dunha liña por Fragoselo pero, sen embargo, o Concello lamenta a oportunidade que este plan supuña para comunicar mellor parroquias do interior como Camos, onde se reducen as frecuencias pese a petición expresa de aumentalas. A conexión con Chandebrito verase mellorada porque se crea por vez primeira unha liña Nigrán-Vigo que vai por Fragoselo, con dúas frecuencias diarias, e ademais tamén se contemplou a alegación do Concello para instaurar unha lanzadeira desde Chandebrito a Nigrán pola rúa dos Pazos (Camos) ás 7:00 e 12:00 horas.
  • Respetar todas as ubicacións actuais das paradas (no anteproxecto eliminábase a do Pazo da Touza ou Copena, en Camos, ou Florida, en Vigo) e a creación dunha nova á altura de Povisa, cuestión que desde hai anos reclamaba o Concello ao ser o hospital de referencia para a maioría dos nigraneses.
  • Aumentar as frecuencias ao CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro, puntos actualmente incomunicados por transporte metropolitano.
  • Unha das principais alegacións do Concello de Nigrán e que fora consensuada tamén cos rexedores de Baiona e Gondomar é a creación dunha liña circular que une os tres municipios e que pasa por Porto do Molle (non contemplado ata realizar alegacións). Este percorrido de 1 hora de duración parte do centro de saúde de Baiona e prosigue cara o mercado de Sabarís, centro da Ramallosa, ambulatorio de A Xunqueira, Panxón, Casa do Concello de Nigrán, Porto do Molle, Vilaza, estación de autobuses de Gondomar e IES Proval. Continúa cara Baredo (Baiona) para regresar polo IES 1º de Marzo ao punto de partida. As saídas serán ás 6:45, 7:30, 13:15, 14:15 e 21:15.

A Guarda avanza na recuperación do Patrimonio Histórico con “Cada palabra conta”

0

O Concello da Guarda ven de instalar no antigo salón de plenos e as antigas dependencias de alcaldía o mobiliario específico para albergar o novo Arquivo Municipal, que se atopa arestora repartido en dous edificios, o Centro Cultural de A Guarda e a antiga Casa Consistorial, o que permitirá unificar nun so espazo todos o documentos que o concello ten arquivados, mellorando e optimizando á súa vez o servizo de consulta, tanto para o persoal municipal coma para o público xeral que precise consultar datos do arquivo.

A idea de dotar ao concello da Guarda dunha insfraetructura onde albergar o arquivo  municipal non resulta novidosa, nace do historiador guardés Joaquín Miguel Villa Alvarez, doutor en Historia Contemporánea. A súa motivación inicial xunto coa do persoal do propio concello vai dar resposta á demanda cidadá de contar cun   espazo  onde albergar  o patrimonio  histórico da  Guarda.

Nestes dous últimos anos, dende o concello de A Guarda e xunto coa estreita colaboración da Deputación de Pontevedra, recopilamos diferente material e en especial, dixitalizáronse libros e fotografías antigas de diferentes fondos privados que foron e son cedidas ao concello para a súa salvagarda. Non solo nos encargamos de custodialas nos nosos fondos, senón que son vertidas na plataforma ATOM da Deputación de Pontevedra para uso e desfrute da curiosidade da cidadanía.

O Arquivo Histórico Municipal debe desenvolverse como unha institución pública en beneficio de toda a poboación, ademais de que esta seguiría sendo a principal depositaria de documentación. Sen embargo, este arquivo terá una actitude proactiva ao estar aberto a recibir documentación de natureza privada ou semiprivada (arquivos familiares, de asociacións, colectivos, etc.). En calquera caso, este estara adscrito á rede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, seguindo as súas pautas e empregando a normativa estándar na plataforma ATOM.

Estes novos módulos, cun orzamento total de 39,159.61€, foron instalados con cargo a unha subvención para o Equipamento e mellora das instalacións locais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A nova ubicación do arquivo conta con armarios equipados con estantes e bastidores para poder soportar as carpetas, reforzados para garantir una carga por estante de 100 Kg/m uniformemente repartidos, dispoñen de tope posterior e regulables en altura, con accesorios varios como suxeita libros, carpetas colgantes, etc.

Os armarios dispoñen de sistema de bloqueo xeral e elemento para evitar o acceso pola parte frontal, todos os paneis de peche e acabado teñen chapa de aceiro.

O Apalpador inicia mañá, da man da Deputación, a súa xira de Nadal polos concellos da provincia

Ao berro de “Traio castañas asadas para os nenos e nenas que comen san!” o Apalpador, o seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor iniciarán mañá na Illa de Arousa, Cambados e Barro a súa xira de Nadal pola provincia da man da Deputación de Pontevedra. Esta tradicional figura do Nadal galego visitará ata o 31 de decembro 22 concellos da provincia realizando pasarrúas ao abeiro do programa ‘Nadal en galego’ do departamento de Lingua que dirixe a nacionalista María Ortega. Podes consultar toda a xira de Nadal do Apalpador na seguinte ligazón.

A dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudable e a igualdade, serán os valores que se pretenden fomentar coas actuación, levando a música, o baile e as anécdotas ás comarcas por sexto ano consecutivo, nesta ocasión nun formato diferente, o pasarrúas, por mor da Covid-19.

As actuacións do Apalpador repartiranse entre mañá día 23 e o 31 de decembro –a excepción do día de Nadal- en diferentes horarios e localizacións, sempre ao aire libre e en movemento, para evitar aglomeracións de nenos e nenas. Na comarca de Pontevedra serán tres as visitas (Barro, Poio e Cerdedo-Cotobade), na comarca de Vigo outras catro (Soutomaior, Baiona, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés serán dúas (Illa de Arousa e Cambados), na comarca do Deza-Tabeirós dúas (Silleda e Rodeiro), tres na comarca do Condado Paradanta (As Neves, Covelo, e Ponteareas), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña, Cangas, e Vilaboa), e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).

O programa ‘Nadal en Galego’ tamén deseñado para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o bandullo das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.

Vídeos para os colexios, na web e en redes sociais

Dado que o número de visitas pola provincia reduciuse este ano en número por mor da COVID-19, ademais dos pasarrúas que realizará nos 22 concellos, o Apalpador tamén gravou 36 vídeos en localizacións naturais e contornas patrimoniais singulares e “marabillosas” da provincia para difundir entre os centros de ensino. Estes vídeos organizados polo departamento de Lingua da Deputación foron entregados aos concellos para que, á súa vez, os trasladasen aos colexios de Infantil e Primaria para proxectar no día de hoxe, no que tradicionalente a rapazada goza dun día de actividades lúdicas antes das festas. Os vídeos están tamén a disposición na páxina web da Deputación e serán difundidos a través das redes sociais provinciais.

A Xunta actualiza o Plan de Nadal de acordo á situación epidemiolóxica de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa dos diferentes axustes acordados polo Comité clínico de expertos sobre o Plan de Nadal galego, elaborado de cara ás xuntanzas navideñas dos próximos días.

Na compaña do secretario xeral técnico de Sanidade, Alberto Fuentes, o xerente do Sergas, José Flores; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; García Comesaña precisou que entre as 00:00 horas do día 23 de decembro e as 23:00 horas do día 25, permitirase a mobilidade de persoas con motivos das visitas familiares, incluso naqueles concellos que se atopan perimetrados.

Esta mobilidade adicional tamén será extensiva para aquelas persoas que visiten a nosa comunidade durante estas datas, e polo mesmo motivo.

Entre as modificacións anunciadas tamén se inclúe a ampliación da mobilidade nocturna na xornada de Noiteboa pois, nesa data, o retorno aos domicilios poderá ampliarse até as 1:30 horas, no lugar do horario máximo das 23:00 horas que rexerá nos restantes días.

Composicións dos grupos familiares

Sobre as xuntanzas familiares, a principal recomendación da Xunta de Galicia é que estas reunións se integren unicamente por persoas que pertenzan á mesma unidade familiar, sendo esta unha modalidade na que non existiría límite no número de persoas.

Nun segundo chanzo, o Executivo galego recomenda que as xuntanzas se cingan a un máximo de dúas unidades familiares, introducindo como límite a cifra de 10 persoas, para respectar o establecido no Plan elaborado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Por último, a terceira opción proposta pola Xunta, fai referencia as xuntanzas compostas por máis de dúas unidades familiares, unha situación na que non se debe exceder a cifra de 6 persoas adultas, e  un máximo que 4 nenos con idade non superior aos 10 anos.

O conxunto destas medidas pode ser obxecto de novas modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica de Galicia na vindeira semana, así, o próximo 28 de decembro o Comité clínico voltará reunirse para avaliar os datos dos festexos do Nadal.

Ponteareas agasalla á veciñanza co seu Calendario Galego

O Concello de Ponteareas, como cada ano, agasalla á veciñanza co seu Calendario Galego que a partir de hoxe martes día 22 estará disponíbel para todas e todos na Casa do Concello e na Biblioteca Pública Municipal.

Neste ano tan atípico non é posíbel xuntarnos no salón de plenos para presentalo por iso as persoas interesadas poderán recollelo na entrada destes dous edificios municipais no horario habitual de apertura ao público, agás os días 24 e 31 de decembro.

Cinco mil exemplares que serán o testemuño da beleza que agochan moitos dos recunchos de Ponteareas e que acompañarán a cada mes do ano.

As casas e centros culturais contarán tamén con exemplares desta publicación do Concello de Ponteareas.

Fernando Groba, concelleiro de Lingua, convida a veciñanza a recoller o seu calendario. “O Calendario Galego de Ponteareas é moito máis ca unha enumeración de meses, é un documento no que promovemos a nosa lingua e o coñecemento dunha parte do noso patrimonio cultural e paisaxístico”.

O Concello de Nigrán aproba no pleno 120.000 € en axudas directas ao sector hostaleiro e do taxi

0

O goberno de Nigrán aprobou coa unanimidade da Coporación no pleno desta mañá as bases para establecer axudas directas de 120.000 € ao sector hostaleiro afectado polo peche sanitario do 4 de novembro e ao sector do taxi da localidade prexudicado polas restrición de mobilidade. A cantidade da subvención finalmente incrementouse sobre o acordado inicialmente co sector para incluír tamén a bonificación na hostalaría do recibo trimestral da auga e a parte proporcional do lixo (un mes) e, no sector do taxi, a axuda será de 70 € para compensar o 75% do imposto de Rodaxe. Igualmente, para os desempregados da restauración por mor do peche e sen dereito a prestación establecéronse 750 €, sendo Nigrán a primeira administración en ter en conta a situación destas persoas.

“Tramitamos estas bases en tempo record e sen agardar aos informes do interventor para poder acelerar ao máximo o pago aos hostaleiros, asumimos esa responsabilidade legal que vai implícita porque somos consicientes da urxencia”, explicou o alcalde, Juan González, antes de que tomase a palabra o propio interventor para ratificar os seus reparos suspensivos. “A situación é complicadísima, a Xunta foi quen decretou o peche e non vou a entrar en críticas, pero desde o goberno local non miramos a un lado e tomamos a iniciativa de aprobar as primeiras axudas ao respecto en toda a comarca nun tempo record e sen esquecer aos desempregados sen prestación”, incidíu González.

As bases deberanse publicar no Boletín Oficial da Provincia e, a partir de aí, abrirase o prazo dun mes para presentar a documentación, polo que previsiblemente será a inicios de ano cando se poidan tramitar as solicitudes.

A maiores, o propio rexedor confirmou publicamente que manterá para o ano 2021 a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitida por lei) e, adicionalmente, mentres duren as restricións, continuará co servizo de reparto gratuíto para os hostaleiros con delivery, medida que tomou con gran éxito o goberno local tras o peche decretado o 4 de novembro.

Ambulatorio de Panxón

O Concello de Nigrán desbloqueou a semana pasada a situación administrativa do antigo ambulatorio de Panxón que impedía, ata agora, a cesión da Tesorería General de la Seguridad Social a favor do consistorio. Paralelamente, o PP presentou unha moción no pleno para instar ao goberno a tramitar a transferencia do mesmo incidindo o seu voceiro en que non pode ser un Centro de Día (como defende o goberno xunto coas entidades veciñais) e sí un centro de formación ao non ser o último unha competencia municipal e manifestando dudas da súa posible xestión. “Estamos xa na recta final para acadar a cesión, a partir de aí traballaremos para facer un Centro de Día”, zanxou González.

Comunidades de augas

Durante o turno de rogos e preguntas o voceiro popular criticou duramente as axudas que o consistorio está prestando actualmente ás comunidades de augas de Camos e Chandebrito para regularizase por consideralas “entidades privadas sen un fin social”, polo que subliñou en que “a forma do Concello non é válida”, tachándoa de “chiringuito”. “As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a continuidade e seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias e que vostede considera privado”, explicou o alcalde, quen ratificou esta colaboración ante o fin das concesións que precisan renovarse. Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investirá preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea e Piñeiros.

O número de casos activos por coronavirus en Galicia superan os 5.600

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.603, deles 866 son da área da Coruña, 360 da de Lugo, 519 da de Ourense, 922 da de Pontevedra, 1.242 da área de Vigo, 1.248 da de Santiago, e 446 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 51 están en UCI, 306 en unidades de hospitalización e 5.246 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 52.658 persoas curadas, rexistrándose 1.346 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.052.713. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Redondela celebra unha “Despedida Interxeracional” do 2020

0

Despedir un 2020 atípico e facelo de xeito conxunto entre a mocidade e as persoas maiores, era o obxectivo da ‘Despedida interxeracional’ que onte desenvolveuse en Redondela organizada polas concellería de Servizos Sociais e Persoas Maiores, xestionadas pola alcaldesa Digna Rivas.

Os actos tiña lugar no Multiúsos da Xunqueira, cunha presencia de público mínima e cinguida, case que exclusivamente, as persoas imprescindibles para a realización da actividade, motivo polo que esta ‘despedida’ foi retransmitida en directo a toda a cidadanía a través do Facebook do Concello de Redondela.

A presentación e animación desta xornada correu a cargo de Troula Animación, nunha clara aposta do Concello por seguir apoiando aos profesionais do espectáculo e á cultura, sectores que, ao igual que outros moitos, foron duramente golpeados por esta crise e tiveron a necesidade de reconverterse aproveitando as novas tecnoloxías.

[su_image_carousel source=”media: 27581,27582″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Tai Chi para maiores, que en Redondela sempre tivo unha extraordinaria aceptación, tiña tamén o seu espazo nesta despedida interxeracional e virtual do 2020. Teresa, Fermina, Milabros, Obdulia, Rosa e Pilar, alumnas dos cursos, facían unha exhibición baixo a dirección do monitor Fran Tilve que, ao longo de moitos anos, foi monitor destes cursos e que agora pasará a gozar dunha máis que merecida xubilación.

Fran Tilve e as súas alumnas na exhibición de Tai Chi

Foi precisamente este o momento que protagonizou o punto máis emotivo da xornada. Primeiro as flores e o agradecemento do Concello de Redondela, entregadas pola alcaldesa Digna Rivas, coas que se quería recoñecer o traballo de Fran Tilve ao longo dos anos. Logo, chegaba a sorpresa: unha das súas fillas, Naza Tilve, entregáballe outro ramo de flores e, de seguido, as súas alumnas, en nome de todos e todas os que ao longo do tempo recibiron as súas ensinanzas, dedicábanlle unhas palabras enchidas de emoción.

Homenaxe a Fran Tilve, un momento cheo de emoción

Finalmente, a alcaldesa Digna Rivas, agradecía na súas palabras, a colaboración de todos os centros educativos participantes, dos centros de día do municipio e das asociacións Afaga, Andaina e Lenda non só nesta iniciativa “senón en todo o que dende o Concello organizouse ao longo do ano para poñer freo a esta pandemia e que sempre contou co apoio unánime de todas e todos vós”.

Digna Rivas recalcou que, incluso en tempos duros como estes “hai que mirar o lado positivo das cousas e, nese sentido, a COVID conseguiu unirnos máis, traballar a prol dun obxectivo común, reafirmar a solidariedade e a xenerosidade de todas e todos”. A alcaldesa rematou desexando que “con esa responsabilidade que a veciñanza amosou ao longo deste 2020, non teño ningunha dúbida que o vindeiro ano recuperaremos a tan ansiada normalidade”.

Nesta ‘Despedida interxeracional’ participaron as escolas de educación infantil A Marisma, Ventosela e San Pedro Cesantes; o CEP Santa Mariña; os CEIP Laredo, Porto Cabeiro, Quintela Cedeira e Igrexa-Chapela e o alumnado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do IES Chapela; os centros de Día Redondela-Cesantes, Os Cortizos, Galeón e Arela e as asociacións AFAGA, Andaina e Lenda.

Cantos de Reis do alumnado do IES Primeiro de Marzo ás persoas usuarias do Centro de Día de Baiona

0

Este luns, 21 de Decembro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e  Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona, acudiron ao Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís coa intención de alegrar, polo menos durante unha xornada, aos seus usuarios e usuarias, que desfrutaron da  experiencia amosando a súa ledicia e agradecemento por esta iniciativa. 

Os efectos da pandemia sobre o colectivo das persoas maiores en institucións son múltiples, dende a limitación das posibles visitas a recibir, á redución da tipoloxía das actividades a realizar, sempre co obxectivo de garantir a súa seguridade fronte os perigos da COVID-19. Por esta razón, e ligado ó traballo que están a desenvolver no IES Primeiro de Marzo de recuperación e difusión dos Cantos de Reis, así como no seu empeño por abrir o seu centro á comunidade na que se atopa inmerso, xurdiu a idea de ofrecer un pequeno recital con algúns destes Cantos de Reis que conseguiron reunir.

Na organización de esta iniciativa tivéronse en conta todas as medidas de seguridade necesarias, polo que a actuación realizouse co alumnado no exterior do Centro de Día, e as persoas usuarias desfrutando dende o interior, a través da gran cristaleira coa que conta o edificio que alberga este servizo. A chuvia non foi quen de impedir que se levase a cabo esta actuación, preparada con moito cariño por parte do alumnado deste ciclo superior.

A recuperación do patrimonio cultural, a organización e xestión de eventos, así como o traballo, entre outros, co colectivo das persoas maiores, son elementos propios da formación dos profesionais da Animación Sociocultural, polo que a actividade resultou moi enriquecedora para todas as partes implicadas.

O Apalpador abre o programa de Nadal das Neves que terá á infancia como gran protagonista

0

O pasado venres, día 18, deu comezo a ‘Programación de Nadal das Neves’, marcada pola pandemia da Covid-19. A mesma comezou coas visitas do Apalpador ás escolas unitarias de Rubiós e Taboexa e ao patio de Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.

Xa ata o 7 de xaneiro, haberá actividades de lecer xuvenil na Casa da Xuventude, que abrirá de martes a domingo de 17:00 h a 22:00 h (agás os días 24 e 31, que pechará ás 21:00 h).

Entre os días 23 de decembro e 8 de xaneiro, desenvolveranse as ludotecas de Nadal para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos en horario de mañá e de tarde. Actividade previa inscrición que xa foi pechada.

Na seguinte fin de semana haberá un pasarrúas do Apalpador polo Centro Urbano, o sábado 26 de decembro a partir das 12:00 h. E, o domingo 27 ás 18:30 h, no Auditorio Municipal, haberá unha sesión de teatro familiar coa obra Carabela da compañía Galeatro.

Para finalizar, e debido a que este ano non é posible realizar a Cabalgata de Reis, os agasallos para os máis pequenos e pequenas van deixarllos nos centros de ensino; a Galiña Azul, a Escolas de Unitarias de Rubiós e Taboexa e o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.

Cambio de horarios no Museo do Mar, MASAT, biblioteca e Oficina de Turismo da Guarda

0

Coa chegada das vacacións de Nadal o Concello da Guarda informa do cambio de horarios dalgúns servizos municipais coma o Museo do Mar, o Museo Arqueolóxico de Santa Trega ou a Biblioteca Pública Municipal. Deste xeito dende o 24 de decembro e ata novo aviso o Museo do Mar e o MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega) estarán pechados.

Centro Cultural da Guarda no que se atopa a Biblioteca Pública Municipal

Pola súa banda, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda estará pechada os días 24 e 31 de decembro, así coma os sábados 26 de decembro e 2 de xaneiro e a semana do 4 de xaneiro ao 9 de xaneiro, abrindo novamente o día 11 de xaneiro no seu horario habitual.

Oficina de Turismo da Guarda

En canto á Oficina Municipal de Turismo estará pechada do xoves 24 ao domingo 27 de decembro e do 31 de decembro ao 17 de xaneiro.

Un home faleceu despois de saírse da vía o coche no que circulaba en Tui

0

Un home perdeu a vida esta tarde tras sufrir unha saída de vía en Tui.

O sinistro produciuse na A-55, concretamente no punto quilométrico 26, ao fío das 17:20 horas de onte.

Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para alertar da gravidade da situación na que se atopaba o condutor do coche accidentado e, acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia deron conta do sinistro a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Baixo Miño, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui e ao servizo de mantemento da autovía.

Desafortunadamente, segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos sanitarios, o condutor do turismo faleceu no traslado antes da chegada ao centro hospitalario.

O Palco de San Benito, en Arbo, recupera a súa estética

0

O Palco de San Benito, atopase nun lugar privilexiado, na contorna da Igrexa de Santa María de Arbo, uns dos altos do municipio dende onde se poden gozar dunhas extraordinarias vistas parte do territorio de Arbo e o veciño Melgaço. As obras buscaban devolver a este elemento arquitectónico unha cuberta digna, conservando os seus elementos orixinais e reparando os que estaban afectados por algunha patoloxía. Aqueles elementos que non puideron ser recuperados, substituíronse por outros de igual deseño que os orixinais, e sobre todo eliminando os engadidos ou transformacións sufridas que desvirtúan a súa imaxe, para garantir a súa durabilidade e mantemento.

As actuacións, centráronse sobre todo na parte máis dañada, que se atopaba totalmente atacada pola corrosión, polo que foi necesaria a retirada completa para a súa posterior restauración, seguindo o esquema da sustentación orixinal.

O importe das obras ascenderon a 10.151,30 € financiadas coa achega da Deputación de Pontevedra de 4.031,77, así como pola Diocese de Tui-Vigo de acordo ao convenio asinado o día 28.09.2020 onde esta última comprométese á colaboración no financiamento da actuación por importe de 3.500,00 euros e o Concello que achegou 2.619,53 euros de fondos propios. Unha empresa local foi a encargada destes traballos de restauración.

Ponteareas amplia a máis do dobre o aparcadoiro de Granitos de Galicia

O Concello de Ponteareas anunciou a apertura provisional da ampliación do actual aparcadoiro público de Granitos de Galicia, sobre unha superficie duns 3.000 m2. O novo espazo de estacionamento está dispoñíbel desde hoxe e supón un incremento de 80 prazas de aparcadoiro, pasando das 58 actuais ás 139.

Durante a última semana a empresa adxudicataria do acondicionamento do aparcadoiro traballou intensamente para poder habilitalo provisionalmente antes das datas do Nadal. Os traballos consistiron na pavimentación de amplas superficies e na instalación dun peche perimetral provisional á espera da colocación do definitivo que se realizará no mes de xaneiro. Ese peche definitivo separará a propiedade cedida ao Concello do resto do solar que ocupaban as instalacións industriais da empresa.

Deste xeito, durante as datas do Nadal, e grazas a colaboración da propiedade da parcela, poderase empregar como aparcadoiro non só a zona municipal ampliada, senón tamén outra parte importante do solar, de tal maneira que as prazas dispoñíbeis durante as vindeiras semanas superarán con creces as 250. En consecuencia, durante o Nadal o acceso e saída do aparcadoiro poderase facer tanto desde a Avenida de Galicia como desde a N-120.

A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, xunto ao concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera e á concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, supervisaron as obras antes da súa apertura. Fdez. Davila salientou que “esta actuación é un paso máis que damos na creación de novos aparcadoiros ben pavimentados e acondicionados”. A alcaldesa engadíu que “nas vindeiras semanas se acondicionará o grande aparcadoiro de Sarmiento Rivera, fronte ao cuartel da Garda Civil, que acollerá alomenos uns 250 vehículos”. Pola súa banda Roberto Mera sinalou que “estes novos aparcadoiros dentro do centro urbano axudan a deixar o coche, favorecendo a mobilidade a pé con

percorridos de moi poucos minutos a calquera destino”. A edil de Vías e Obras, Chus Garrote, salientou que “esta actuación contribúe a paliar a redución temporal de prazas por causa das obras e facilita as compras no comercio local”.

Ademais, o Concello sinalou que o colexio La Inmaculada tamén habilita un aparcamento de 120 prazas nas súas instalacións ubicadas na rúa Amado Garra dende o día 23 de decembro ata o 7 de xaneiro todos os días laborábeis e sábados de 9 h a 14:30 horas.

Redondela recupera a contorna da antiga industria téxtil de Regojo reconvertida nun parque público

0

Redondela conta cunha nova zona de esparexemento público situada nunha áreas máis novas do casco urbano, a denominada urbanización Regojo que ocupa boa parte dos terreos que, no seu tempo, albergou a unha industria téxtil de renome nacional e internacional.

No acto de inauguración deste espazo, a alcaldesa Digna Rivas e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias estiveron acompañadas por Pedro Regojo –representante da familia Regojo e que durante anos estivo ao fronte do Clúster Textis Moda de Galicia (Cointega) amais de ser un dos principais artífices da unificación das distintas asociacións galegas da moda e confección–, a directora do curso e concelleiros e concelleiras do Grupo de Goberno e da Corporación Municipal.

Os novos xardíns foron presentados ao público nun acto que, ao mesmo tempo, marcaba o fin do obradoiro de emprego ‘Redondela Vila Bela III’ cuxo alumnado-traballador das especialidades de cantería e xardinaría foi o encargado de darlle forma a este parque.

As amplas zonas verdes están salpicadas de elementos en pedra relacionados coa industria téxtil Regojo mentres que panéis informativos –realizados polo alumnado do obradoiro de garantía xuvenil ‘Redondela Sostible’, xa rematado– explican a historia da fábrica de xeito rápido, ilustrativo e ameno.

O novo parque é un amplo espazo –ao redor de 3.000 metros cadrados distribuído ao redor da cheminea da antiga fábrica– que pola súa distribución en socalcos ofrece numerosas vantaxe á hora de distribución tanto dos espazos coma dos distintos elementos que irán dentro dos mesmos.

Todos os elementos, realizados polos alumnos da especialidade de cantería do ‘Redondela Vila Vela III’, están directamente relacionados coa industria téxtil da que Regojo foi un referente a nivel nacional e internacional. Así, veciñanza e visitantes poderán ver, con excepcional mestría, agullas, máquinas, carretes de fío ou as míticas ‘camisas Dalí’.

Un rápido percorrido polos paneis achega á cidadanía á importancia que tivo unha industria como a de Regojo que, nos anos 70, era a fábrica de camisas máis importante de España, facendo 12.000 camisas diarias, exportando 30.000 unidades a Alemaña mensualmente e cunha rede de máis de 15.000 tendas en toda España.

A maiores dos xardíns, os laterais aproveitáronse para establecer dúas zonas de xogos para nenos e adultos, tamén elaborados en pedra e que contribúen a darlle un novo valor a todo o espazo. Finalmente, a cheminea, que preside toda a zona, testemuña da historia da fábrica, será dotada de alumeado.

O Concello de Redondela, tal e como explicou a alcaldesa Digna Rivas, busca con esta iniciativa, manter o dobre compromiso de “dotar de zonas verdes e de esparexemento para goce da veciñanza e, ao mesmo tempo, poñer en valor a importancia dunha industria como a de Regojo, que foi quen de situar Redondela no mapa de Europa”.

Pedro Regojo, cualificaba de “fundamental para o futuro do municipio facer cursos e formarse”. A formación que acabades de recibir –asegurou– “é vital para o voso futuro”. Regojo quixo tamén agradecer “tanto á Xunta como a alcaldesa esta obra que será un recordo para toda a vida. O agradecemento é unha cousa escasa neste mundo e cando un pobo ou a Xunta lembran, con este parque, a obra da miña familia, é de agradecer”.

Digna Rivas agradeceu “aos alumnos/as traballadores/as así como a dirección do obradoiro “o extraordinario traballo realizado e que tiña a complexidade de, nunha mesma actuación, crear un novo espazo para a cidadanía e ao mesmo tempo resaltar e manter para coñecemento das futuras xeracións a importancia que a fábrica Regojo tivo no desenvolvemento de Redondela”.

A Deputación concede subvencións para actividades de Lingua a Tomiño e Oia no Baixo Miño e a Ponteareas, Mondariz, A Cañiza e Covelo no Condado-Paradanta

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións do Departamento de Lingua aos concellos de Tomiño e Oia no Baixo Miño e Ponteareas, Mondariz, Cañiza e Covelo no Condado-Paradanta. A deputada responsable da área, María Ortega, subliñou que as axudas entregáronse a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de “dar prestixio ao galego”, tendo unha partida inicial de 100.000 euros.

O Concello de Tomiño destinou a súa subvención de 4.482 euros á conmemoración do día das letras galegas coa convocatoria do ’Concurso de deseño da camiseta do día das Letras Galegas 2020’. Un deseño en cor vermello coa cara da poeta e escritora galega Rosalía de Castro, rodeada dos nomes das parroquias de Tomiño, e co lema ‘Únete á resistencia’, en alusión á loita pola supervivencia do idioma galego, fíxose co galardón.

No Concello de Oia a subvención e 5.000 euros destinouse á edición do libro “Historia da banda de música Unión Musical de Mougás”, proxecto que buscaba recompilar toda a historia da banda de música e recuperar e impedir que se perda o patrimonio inmaterial oral e, deste xeito o recordo dos e das máis maiores, transmisores importantes da cultura, coñecementos, historias, e anécdotas  quede gravado.

Pola súa banda, o Concello de Ponteareas realizou unha homenaxe a Rosalía no seu traballo de potenciar a lingua galega, tanto literaria como audiovisual, e fomentar o coñecemento da figura de Rosalía de Castro entre toda a poboación. Puxéronse en marcha varias iniciativas como a convocatoria do Concurso de Poemas Ilustrados e de Vídeos “Día de Rosalía de Castro”, o recital poético da obra da autora ou un concerto de música. Por estas actividades o concello recibiu 3.098 euros.

No caso de Mondariz, púxose en marcha o programa ‘Mondariz coa lingua’ co obxectivo principal de promocionar e incrementar o uso da lingua galega mediante a programación, elaboración e posta en marcha de actividades culturais e integradoras dirixidas á veciñanza a través de actuacións teatrais, para o que se desetinaron 2.635 euros.

O concello de A Cañiza recibiu 312 euros para o Concurso de debuxo ou caricatura de Ricardo Carvalho Calero. A actividade, que estivo dirixida a crianzas e mocidade de 3 a 17 anos foi moi sinxela e contou cunha alta participación. Consistiu en realizar un debuxo ou unha caricatura, tanto do propio autor ferrolán como dalgunha das súas obras. Moitas e moitos rapazas e rapaces acompañaron os seus debuxos con algún fragmento dos seus libros.

Finalmente, o Concello de Covelo puxo en marcha ‘Parroquia a parroquia’, un proxeto que pretende poñer en valor a microtoponimia do seu amplo territorio municipal de 154, 63 km cuadrados, dividido en 14 parroquias, a través doutras tantas publicacións multimedia, nos formatos de libro e de audiovisual. Este proxecto foi precedido do traballo de campo (recollida e sistematización) da toponimia de distintas parroquias do municipio realizado polo historiador e investigador Alberte Reboreda, en colaboración co proxecto da Real Academia Galega da Lingua ‘Galicia Nomeada’. Recibiu 4.350 euros.

Para a concesión das subvencións, dende a Deputación valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

O espazo cedido polo Concello das Neves ao Sergas funciona xa como unha sala máis do centro de saúde

0

Continúan as melloras no Centro de Saúde coa colocación de dúas alfombras mixtas de desinfección e secado anti-Covid para as dúas entradas do centro (a principal e o novo espazo habilitado), que serán substituídas mensualmente, e desinfectadas diariamente.

Tamén se instalou unha ducha para a desinfección e limpeza do persoal do centro nun espazo que xa estaba reservado para a mesma, pero na que nunca chegara a poñerse. Ademais, a zona que antes ocupaba a Galiña Azul, cedida polo Concello, xa se atopa totalmente acondicionada e en funcionamento como unha sala máis do Centro de Saúde.

O Concello das Neves mantén así o seu compromiso cun servizo fundamental como a sanidade, que tamén manifestou na reunión mantida o 30 de novembro no Concello co xerente da Área Sanitaria ao que trasladou a necesidade de activar a atención presencial. Necesidade que xa fora manifestada no pleno do 3 de novembro, a raíz dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG, aprobada co apoio do PSOE, a abstención de Eduardo Mariño, e os votos en contra do PP.

A Xunta licita as obras dunha nova senda peonil e ciclista na estrada PO-411 en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411,  en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, cun investimento de máis de 876.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio da contratación desta actuación, cun prazo de presentación de ofertas que remata o vindeiro 25 de xaneiro.

Trátase da execución dunha senda de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 e os 2,30 metros.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias desenvólvese en tres treitos: un na marxe dereita da vía de acceso ao IES Pedras Rubias; outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985; e o terceiro, tamén pola marxe dereita, entre os puntos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas.

Nas obras tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención, que facilitará os desprazamentos dos veciños en condicións máis seguras e sustentables, será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.

Actividades culturais e de Nadal para rematar o ano na Guarda

0

Continúa a programación de actividades do Nadal 2020 na Guarda e, coa chegada das vacacións de Nadal para os mais cativos, incorporaranse novas propostas, como “Os carteiros de Nadal”,  que recollerán as cartas dos nenos o martes 22, mércores 23 e xoves 24 decembro.

“Os carteiros do Nadal” estarán polas diferentes rúas da vila para que os nenos e nenas entreguen as súas cartas (22 e 23 en horario: 17:00h a 20:00h horas e 24 en horario: 10:30h a 13:30h). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.

O derradeiro evento do ano terá lugar o sábado 26 de decembro co Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público. O evento terá lugar no Centro Cultural ás 17:30 horas. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 21:00h) ou no enderezo electrónico [email protected].

ACTIVIDADES PARA COMEZAR O ANO

E no mes de xaneiro, o sábado día 2 de xaneiro o Centro Cultural acolle ás 17:30h a obra de Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola. Unha representación teatral infantil e familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela.

Os “carteiros do nadal” regresarán o sábado 2, luns 4 e martes 5 xaneiro ás rúas da Guarda(2 e 4 en horario: 17:00h a 20:00h e o 5 en horario: 10:30h a 13:30h). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.

O Martes 5 xaneiro terá lugar a Visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartirán entre os nenos os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, xa se repartiron polos diferentes centros educativos da vila, para que os reis magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que teñen que deixalas colocadas nas fachadas das casas.

Máis actividades na Programación do Nadal 2020 na Guarda

•         MERCADO DE NADAL

Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal, en horario de 10:00h a 13:30 e de 16:00h a 19:00h

•         VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS 

Os días 3 e 4 de Xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen, para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade dende o 15 de decembro acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 1850 en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/  unha vez alí poderán concretar as súas citas cos reis magos.

PROGRAMACIÓN AXENDA DE NADAL

DECEMBRO

MARTES 22, MÉRCORES 23 e XOVES 24 DECEMBRO

“Os carteiros do Nadal”

22 e 23 en horario: 17:00 a 20:00 horas

24 en horario: 10:30 a 13:30 horas

SÁBADO 26 DE DECEMBRO

Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas

No Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

XANEIRO

SÁBADO 2 DE XANEIRO

Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola.

No Centro Cultural ás 17:30. (inscrición previa)

SÁBADO 2, LUNS 4 e MARTES 5 XANEIRO

“Os carteiros do Nadal”

2 e 4 en horario: 17:00 a 20:00 horas

5 en horario: 10:30 a 13:30 horas

MARTES 5 XANEIRO

Visita dos Reis Magos.

Os reis magos visitaran durante o día as diferentes rúas da vila.

Mos aforra un 40% en gasto corrente tras a licitación de todos os contratos de servizos e subministros municipais

0

Fai uns meses anunciábase desde o Concello de Mos unha medida de aforro consistente en sacar a concurso público a contratación de todos os servizos e subministros municipais. Este procedemento xa se atopa rematado e permite no novo orzamento municipal para 2021 un aforro do 40% en gasto corrente.

Así o explicaban a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Facenda e Contratación, Alberto Méndez. Todas as contratación atópanse xa licitadas, destacando importantes exemplos de aforro nalgúns contratos como os de mantemento de ascensores, climatización, subministro de material de limpeza e subministro de material de vías e obras.

Neste último, antes da adxudicación do contrato de subministro de material gastábanse uns 41.000 euros anuais, fronte aos 25.000 euros con contrato; supoñendo un aforro de 16.000 euros.

En mantemento de ascensores sin contrato gastábase un importe de 10.000 euros, fronte aos 3.467,38 euros con contrato; o que supón un aforro anual de 6.532,62 euros.

En servizo de conservación de equipos de climatización o gasto sen contrato era de 22.901,58 euros e con contrato de 12.577,35, aforrando 10.324,23 euros.

E en subministro de material de limpeza gastábase anualmente sen contrato 22.059,2 euros e tras a contratación 13.365 euros. O que supón un aforro de 8.694,20 euros.

Outros dos contratos adxudicados foron os dos servizos de limpeza viaria e desbroce de cunetas, mantemento de zonas verdes, mantemento de alumeado público, mantemento de instalacións (calefacción, climatización, instalación contra incendios, etc.), subministros de material de oficina, subministro de combustible para a Piscina Municipal, subministro de aglomerado, renting de vehículos municipais, servizo de prevención de riscos laborais, aluguer de maquinaria de obras, mantemento de alarmas nas instalacións municipais, punto limpo, seguros municipais, asistencia técnica informática, telefonía, etc. A maioría destes contratos son por un prazo de duración de 2 anos prorrogables outros 2, ata un máximo de 4 anos.

A este respecto a alcaldesa explicou que “esta medida supón unha importante reducción de gasto para as arcas municipais, e con este sistema de contratación prodúcese un cómputo do 40% de aforro anual en gasto corrente respecto a anos anteriores”.

O número de casos activos por coronavirus en Galicia mantéñense estables en torno aos 5.600

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.596, deles 882 son da área da Coruña, 369 da de Lugo, 489 da de Ourense, 917 da de Pontevedra, 1.246 da área de Vigo, 1.235 da de Santiago e 458 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 301 en unidades de hospitalización e 5.242 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 52.421 persoas curadas, rexistrándose 1.341 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.045.856.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Cañiza gana unha estrada más segura pola estrada de Crecente e accesos peonís á contorna do campo de fútbol do Vieiro e do cemiterio

0

A Cañiza xa desfruta dunha nova entrada ao centro urbano, máis funcional, moderna e segura, dende a estrada de Crecente (EP-5005). A avenida loce cun novo aspecto tralo remate das obras acometidas pola Deputación de Pontevedra para construír itinerarios peonís ata a contorna do campo de fútbol do Vieiro e do cemiterio, así como ordenar o tráfico rodado e os aparcamentos.

Os traballos, cun importe próximo aos 100.000 euros, desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 0+700 e 1+100 e dotan á capital da Paradanta dunha vía periurbana con coidados acabados estéticos e prestacións peonís de alta calidade, tendo en conta a súa proximidade ao centro e a condición de zona mixta, con intenso tránsito local e de paso. Este treito de 400 metros queda agora acondicionado tendo en conta as necesidades de tódalas persoas usuarias da vía, sen esquecer aos peóns, como sucedía anteriormente.

As obras consistiron no fresado e reposición do firme da calzada entre  a saída da autovía A-52 e a rotonda situada no punto quilométrico 1+100 para dotala dun novo pavimento de 6 centímetros de grosor que pon fin a tódalas deficiencias anteriores. Sen embargo, a principal actuación foi a ordenación e urbanización dos sobreanchos existentes a ambos lados do campo de fútbol e o cemiterio, espazos que ata o de agora utilizábanse como aparcamento libre, o que supuña un perigo para os peóns. Con estas obras creáronse itinerarios peonís de 0,50 metros de anchura, marcados con separadores de carril dende as novas bandas de aparcamento en liña de 2,5 metros de ancho. A carón do cemiterio, a nova beirarrúa está executada en formigón e na fronte do campo de fútbol fíxose en aglomerado. As obras respectaron as árbores e os alcorques ornamentais existentes.

A maiores limpouse e desatascouse o colector de augas pluviais e asegurouse os eu correcto funcionamento, executando o novo firme coas pendentes necesarias. Finalmente, a obra completouse coa sinalización horizontal para ordenar adecuadamente os tráficos rodados.

As obras, executadas pola empresa Construcciones Taboada y Ramos, están enmarcadas no Decálogo de Criterios de actuación nas vías provinciais da Deputación, o modelo de mobilidade segura e sostible do século XXI, que a institución provincial aplica a toda a súa rede de estradas.

O Club Bádminton Tui felicita aos seus deportistas

0

O Club Bádminton Ponteareas organizou o último campionato galego federado o sábado no complexo deportivo Álvaro Pino. Participaron preto de sesenta deportistas das catro provincias galegas, un total de 10 equipos.

O evento celebrarouse sen público na grada e co mínimo persoal imprescindíbel para o seu bo desenvolvemento, seguindo un estrito protocolo de seguridade anti Covid-19, marcado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O evento estivo organizado tamén pola Federación Galega de Bádminton en colaboración co Concello de Ponteareas, Protección Civil Ponteareas, Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e as casas comerciais Frutas Santi, Deportes Carlos Miguel, Bizebike, Repuestos Ojea e Empresa Raul S.A.

Desde o Club Bádminton de Tui, queren felicitar a todos os deportistas, destacando aos do seu propio equipo, xa que quedaron no quinto posto, composto por Andrea Pérez Vila, Sonia Navas Castiñeira, Lía Salvado Areal, Telmo Portela Otero, Emilio González Jiménez e Roque Fernández Varela

Unha persoa queda atrapada baixo o cadro de mandos dun vehículo fóra da vía en Covelo

0

Os recursos de emerxencias acudiron esta noite a Covelo para axudar ao copiloto dun vehículo que quedou atrapado baixo o cadro de mandos despois de saírse da vía e dar unha volta de campá.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistros produciuse preto das dez de onte na N120, entre Mondariz e Covelo.

Así o explicou unha persoa particular que chamou ao 112 para informar da situación dun vehículo fóra da vía e un ocupante con dificultades para saír. Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros-GES de Ponteareas, así como dos voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea, quen confirmaron que a persoa que viaxaba no asento do copiloto necesitaba axuda para abandonar o coche sinistrado, pero, aínda con todo, sen necesidade de aplicar os equipos de excarceración. Igualmente, confirmaron que a persoa quedou encaixada baixo o cadro de mandos tras dar o coche unha volta de campá.

Pola contra, o piloto saíu do vehículo polos seus propios medios e, xunto co copiloto, recibiu asistencia médica e mesmo foron trasladados ao centro hospitalario de referencia. 

A Deputación distingue o compromiso coa perspectiva de xénero de catro universitarias na quinta edición do Premios Sofía Novoa

Catro estudantes da Universidade de Vigo, tres delas veciñas de Bueu e unha de Moaña, son as distinguidas na quinta edición dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra recoñece cada ano a inclusión da perspectiva de xénero nos Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster dos campus de Pontevedra e Vigo. O xurado decidiu galardoar os TFG elaborados por María Tenorio Solla, Judit Cerviño Malvido e Patricia Torres Ferradas, as tres veciñas de Bueu, e o TFM de Andrea López Pastoriza, de Moaña.

No caso dos Traballos de Fin de Grao, María Tenorio e Judit Cerviño gañaron os dous premios dotados con 1.000 euros cada un. No primeiro caso, o TFG de Tenorio, graduada en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, leva por título “Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista trala irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e Folha de Sao Paulo (2017-2018)”. Pola súa banda, Judit Cerviño, graduada en Educación Infantil na Facultade de Ciencias de Educación de Pontevedra, foi recoñecida pola obra “Traballar con perspectiva de xénero a publicidade en educación infantil”. Amais, Patricia Torres Ferradas, graduada en Educación Primaria, gañou o accésit de 600 euros polo traballo “As saídas didácticas na Educación Primaria para o ensino das ciencias con enfoque coeducativo”.

No que atinxe aos Traballos de Fin de Máster, Andrea López Pastoriza foi galardoada cun premio de 1.000 euros por “Trazos de xénero na configuración da identidade e orientación do alumnado na Educación Secundaria Obrigatoria”. López, que xa gañara na edición de 2018 dos Sofía Novoa outro premio por un TFM, realizou o traballo deste 2020 para o Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social que cursou na Facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo do campus de Vigo.

Con esta nova edición dos premios Sofía Novoa a Deputación de Pontevedra continúa apostando por apoiar traballos e iniciativas que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade. Amais estes galardóns poñen en valor e visibilizan a figura histórica de Sofía Novoa, unha muller silenciada e esquecida nos libros. Amais da deputada de igualdade Victoria Alonso, integraron o xurado Noemí Outeda, deputada de Centros Educativos; María Lorenzo Rial, didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (campus Pontevedra); Silvia Pérez Freire, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra); Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación e Ana Isabel Amoedo, técnica do citado Servizo. A entrega dos galardóns está prevista para o vindeiro mes de xaneiro.

Extraordinario balance da Escola de Ciclismo Avanza na Copa de Galicia de Ciclocross, catro ouros, un bronce e premio ao mellor equipo

Fin de semana cargada de emocións con catro maiots de líder en xogo nas filas do Avanza que organizaba a antepenúltima proba da Copa Galicia de Ciclocross disputada na xornada do sábado. Como ben se sabe no Porriño respirase ciclismo por todos os costados e como xa ven sendo tradición a Asociación Deportiva Avanza fixo estremecer os cimentos dun velódromo cunha nova proba do ciclocross galego onde, os amantes do barro, atopáronse  as condicións idóneas para amosar as súas habilidades sobre estes terreos. 

No remate da xornada os riders do Avanza conseguían manter no seu poder os maiots de lideres un día mais, maiots que se ían volver a  poñer en xogo en menos vintecatro horas no concello ourensá de Maceda.

André Martínez, medalla de ouro

O velódromo despedía un intenso día de ciclocross cun André Martínez imparable de cara a gañar o liderato da copa o impoñerse con autoridade na categoría cadete masculino. Na categoría cadete feminino Uxía Soto, a pesar de non poder coa corredora do Caimáns de Betanzos e despois de varias caídas, a prata acadada no Porriño case lle garante o liderato final da Copa, acompañada no terceiro lugar do podio pola súa compañeira de filas Ároa Otero.

 Laura Mira,  a Júnior Fémina do Avanza, conseguía gañar na proba local e sumar puntos de cara o clasificación xeral e David Fernández, a pesar de varios atrancos mecánicos que lle obrigaron a entrar en meta coa bicicleta da man, conseguía a terceira posición mantendo o maiot de líder cunha pequena marxe de puntos de cara a xornada do domingo.

Uxía Soto Medalla de Ouro e Marta Estévez Bronce

Na xornada do domingo  Maceda poñía o broche final a Copa Galicia de Ciclocross, nun circuíto mais ‘corredor’ que o da xornada anterior, amosaba un escenario similar o da xornada do día anterior. Na categoría cadete masculino André Martínez gañaba a proba. Uxía Soto conseguía entrar na segunda posición na categoría Cadete feminino seguida por Ároa Otero. Laura Mira, unha vez mais, cruzou o arco de meta en primeira posición na categoría Júnior Feminino e David Fernández que despois do mal sabor de boca do día anterior conseguía gañar na proba de Maceda.

David Fernandez. medalla de Ouro

Despois dun duro ano sen adestramentos, onde compre agradecer que os patrocinadores mantiveran firmes o seus acordos pese a falta de probas e actividade case todo ano, a dura labor das directivas adaptándose os protocolos COVID e as novas actualidades que se ían dando derivadas da evolución da pandemia, a escola de Ciclismo Avanza consegue endulzar o peche de ano con catro medallas de ouro, unha de  bronce e o premio o mellor Club da Copa Galicia de Ciclocross. 

Laura Mira, medalla de ouro

André Martínez, Uxía Soto, Laura Mira e David Fernández campións da Copa Galicia De Ciclocross, Marta Estévez medalla de bronce. A asociación deportiva Avanza comeza a ser unha escola referente no ciclismo galego, galardoada co premio o mellor equipo da Copa Galicia de Ciclocross. Dende o seu inicio contou cun plantel de técnicos inigualable: Luís Fernández Oliveira unha peza clave na aprendizaxe dos alumnos e riders da escola; Abel Maceira, un gran estimulo de garra e nervio para os alumnos da escola e un gran estimulo para todos os pequenos ciclistas do Avanza; Xacob Agra que aínda que xa non esta nas filas do corpo técnico do Avanza tiveron o pracer de compartir e poñer en práctica os consellos e coñecementos aportados por Xacob logo de moitos anos nos deportes de dúas rodas, primeiro no mundo do motocross e nos últimos anos un referente no ciclocross galego, ocupando o seu lugar Aarón Mariño no corpo técnico o corredor do Club Ciclista Froiz.

O plan de ‘Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo’ ignora as demandas de Redondela

0

O Concello de Redondela presentou unha serie de suxestións ao plan de Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUP) ao considerar que “unha vez máis ignora as demandas de Redondela e a súa realidade patrimonial e medioambiental”.

Tanto a alcaldesa Digna Rivas coma o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, salientaron que o Plan, no que fai referencia á documentación ambiental presentada “ten unha certa simplicidade que non pode responder máis que a unha falta de profundidade dos traballos realizados”.

Así o Concello de Redondela destaca o feito que o DEUP só ten en conta as necesidades propias da actividade comercial do porto “sen ter en consideración os criterios ambientais, paisaxísticos, territoriais, culturais e socioeconómicos do municipio”.

Nesa liña, o Goberno redondelán considera necesario que este Plan recolla temas importantes como “evitar a ocupación innecesaria de solo e os efectos negativos sobre a Rede Natura 2000 e concretamente a enseada de San Simón, favorecer a actividade vinculada aos valores e potencialidades ambientais como garantía para manter a paisaxe e, nesa liña, maximizar a protección de espazos ou elementos de interese natural”, cousa que o actual documento non fai.

Non deixa de ser curioso, apunta o Concello, que o Plan non faga referencia algunha sobre os potenciais efectos sobre a conectividade ecolóxica cando o certo é que “o ámbito portuario é unha extensa barreira entre o ámbito terrestre e o marítimo”.

Nas súas suxestións e no que fai referencia á explanada de Duchess, o informe técnico do Concello é claro ao sinalar que “deberíanse estudar actividades diferentes á terminal de contedores” xa que no análise realizado non da resposta a temas importante como “configurar unha fachada marítima de calidade, mellorar os elementos naturais da costa, ou procurar o ‘esponxamento’ do borde marítimo como lugar de contacto co mar e lugar de encontro e cohesión social” entre outras moitas consideracións.

A falta de rigor no aspecto medioambiental ten a súa continuidade no eido patrimonial e o Plan amosa un absoluto esquecemento do patrimonio do municipio, tanto material como inmaterial. Así, nas alegacións recóllense unha vintena de elementos patrimoniais, recollidos no Plan Básico Autonómico e que se verían afectados polo DEUP.

De feito o Plan de Espazos e Usos Portuarios obvia “pese as reiteradas e insistentes reclamacións do Concello nese sentido” elementos recollidos no Plan Básico Autonómico sendo o máis destacado o BIC Illa de San Simón, que non se atopa dentro da zona de servizo do porto “pero que debe ser tido en conta no análise ambiental e patrimonial en canto aos efectos derivados das futuras actividades no ámbito portuario”.

Do mesmo xeito, obviase o cargadoiro de mineral de Coto Wagner, elemento do patrimonio industrial redondelán que o Concello considera “imprescindible recuperar e poñer en valor” e que o Plan obvia totalmente.

O Concello redondelán considera “inadmisible” que “as demandas de Redondela, debidamente argumentadas, sexan ignoradas sen ningún motivo obxectivo”. Digna Rivas lembra que, dende que chegou á alcaldía, “a protección do noso municipio, globalmente falando, foi unha das miñas prioridades” e amosou a súa intención de “seguir defendendo Redondela, os intereses da veciñanza e o seu patrimonio histórico, industrial e medioambiental por todos os medios posibles”.

Máis de medio cento de atractivos naturais do río Miño transfronteirizo, a golpe de clic

As persoas que queren visitar os concellos á beira do Miño contan agora cun mapa dixital que lles facilita a localización dos principais puntos de interese do territorio tranfronteirizo.  A través desta ferramenta, creada polo AECT Rio Miño, pódense elixir diferentes posicións e acceder a unha breve interpretación dalgún dos elementos do patrimonio natural dos concellos galegos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente e dos portugueses de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço. Picando en cada unha das iconas do mapa aparece a posición dos elementos e a opción de ‘como chegar’.

Tanto no territorio galego como pno ortugués, dende a súa parte máis alta ata a desembocadura do río, veciñanza e visitantes poden identificar numerosos espazos que este mapa dixital vai sinalizando e describindo. Reservas naturais como o Parque Nacional da Peneda-Gerês ou a reserva fluvial do Río Troncoso, observatorios ornitolóxicos como O Forno do Duque ou o de Salcidos no Baixo Miño, paisaxes tradicionais ou puntos de observación astronómica son tan só algúns dos atractivos naturais que se atopan á beira do río, aínda que tamén se inclúen espazos moi singulares como puntos de observación de libeliñas, xardíns, árbores senlleiras, formacións xeolóxicas ou outros elementos de interese ata os 55 totais.

Segundo lembra o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez , o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á ‘Rede Natura 2000’. Subliña que é preciso poñer en valor e dar a coñecer o territorio e o seu patrimonio natural, e aproveitar a súa potencialidade, agora tamén a través deste mapa que permitirá ás persoas visitantes localizar os puntos máis singulares e tamén descoñecidos, así como elaborar rutas. “Temos un espazo de grande valor identitario, cunha protección máxima pola súa singularidade en canto á paisaxe, á flora e á fauna, que podemos desenvolver co ecoturismo. O río é estratéxico para o desenvolvemento de toda a área transfronteiriza”, subliñou. O mapa interactivo, que se pode consultar en https://cutt.ly/5hZUl9T, é unha iniciativa do proxecto VISIT RIO MINHO, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg España-Portugal (POCTEP) 2014-2020′, que nace coa intención de poñer en valor o potencial turístico e natural do territorio transfronteirizo.

O Concello recupera a Fonte de Martín, no Camiño do Souto

0

O Concello do Rosal continúa coa recuperación de elementos patrimoniais históricos espallados por toda a localidade. Os operarios municipais acaban de rematar os traballos de recuperación da Fonte de Martín, unha instalación data de 1917 situada no Camiño do Souto, no antigo camiño de acceso aos Muíños do Folón.

A fonte permanecía oculta á vista debido á gran cantidade de maleza que a recubría. Os operarios municipais levaron a cabo nos últimos días os traballos de eliminación de toda a herba e plantas que a recubrían, así como a limpeza da propia fonte e dos tanques de auga.

Xunto con estas tarefas tamén restaurou o firme da fonte, garantindo a seguridade de todas as persoas que se acheguen ata ela, e recuperouse un banco que estaba derruído e que permitirá á veciñanza desfrutar deste espazo.

Todas estas tarefas enmárcanse no plan posto en marcha polo goberno municipal para poñer en valor aquelas construcións singulares coas que conta O Rosal, como fontes e lavadoiros, e que xa comezaran coa recuperación da fonte de Marzán, un lavadoiro histórico situado na zona coñecida como o Campo da Fonte e datado do ano 1891.

Suspendida a feira do día 21 ao manterse o municipio con peche perimetral e no nivel de restrición máxima pola Covid-19

0

O Concello de Redondela vén de anunciar a suspensión da feira que se tiña que celebrar o vindeiro 21 de decembro, ao continuar o municipio en situación de peche perimetral pola pandemia da Covid-19 e en nivel de restrición máxima.

Os datos aportados por Sanidade apuntan a unha lixeira diminución dos casos activos aínda que non o suficiente para eliminar as restricións vixentes no municipio. Redondela será novamente obxecto de análise esta vindeira semana na que, de seguir na actual tendencia, poderían rebaixarse o nivel de restrición.

Todos estes factores fan que o Goberno local optara pola suspensión da feira do día 21 de decembro “unha medida difícil xa que supón suspender un mercado en plena campaña de nadal que sempre é un elemento dinamizador do comercio local”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas.

Para o Concello a primeira prioridade é a saúde dos nosos veciños e veciñas e a celebración dun mercado destas características e nas actuais circunstancias sanitarias, suporía un risco para a saúde da veciñanza”. A maiores, o nivel de restrición máxima no que se atopa o concello redondelán, “inclúe un peche perimetral tanto para entrar como para saír do concello, o que suporía unha dificultade engadida”.

O alcalde de Nigrán asina a entrada do Concello no programa ‘Xantar na Casa’ de servizo de comida a domicilio para maiores e dependentes

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou o xoves, na delegación territorial da Xunta, a entrada oficial de Nigrán no programa ‘Xantar na Casa’ do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, sendo o primeiro municipio na comarca do Val Miñor. A firma oficializouse coa delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez.

O servizo de comida a domicilio destinado a garantir unha alimentación saudable a persoas maiores de 60 anos, dependentes ou en risco de exclusión social comezará a funcionar na localidade a inicios de ano con 10 persoas inscritas. O obxectivo final desta iniciativa enmarcada no programa municipal ‘Un Nigrán para todos’ é aumentar o número de usuarios sempre que existan solicitudes.

O obxectivo deste programa é aumentar a calidade de vida das persoas con problemas de automomía, tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €).  Un día á semana os beneficiarios reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro  plato, segundo e postre).

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

“Entréganse menús saudables listos para consumir que aumentan á calidade de vida das persoas dependentes e tamén a das súas familias, xa que facilitan a conciliación”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o caso de moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, e que non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar. “Moitos  desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares e, sen dúbida, este programa é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario.           Ademais, ao comezo do servizo comprobaráse que as persoas beneficiarias  dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares, no caso de carecer de electrodomésticos  poñeráse a súa  disposición un microondas e/ou frigorífico en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.

“En definitiva, damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o rexedor.

Os escolares de Ponteareas descobren o Wrestling Dummie, unha actividade pioneira en España para tempos de pandemia

O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas acolleu este pasado xoves unha actividade pioneira na loita olímpica española. A Federación Galega de Loita e D.A. puxo en marcha cos alumnos de 5º e 6º de Primaria deste centro educativo a campaña de promoción da loita sen contacto e contra bonecos: Wrestling Dummie.

As limitacións derivadas da crise sanitaria da Covid-19 obrigaron a reinventarse a este deporte. A loita con dummies resulta unha alternativa segura, limpa e na que se minimiza o risco de contaxio. Tendo a un boneco como adversario, os deportistas poden demostrar o seu repertorio técnico, velocidade, forza e resistencia.

O proxecto piloto de fomentar esta iniciativa arrincou cunha xornada lúdica e formativa celebrada en horario lectivo. Sobre o tapiz de 100 metros cadrados achegado pola Federación Galega de Loita e D.A., as alumnas e os alumnos ponteareáns tiveron a oportunidade de descubrir esta actividade de “oposición directa”, sen adversario.

Os escolares gozaron derrubando aos bonecos das súas mesmas medidas durante unha sesión que contou a presenza de Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra; José Luis Soto, profesor titular de educación física do do CEIP Fermín Bouza Brey; e dos técnicos da Federación Galega de Loita e D.A.

Campaña de promoción

O Wrestling Dummie estreouse, con gran aceptación, a pasada fin de semana na 10ª Copa  Deputación de Ourense. O seguinte paso na súa promoción é esta campaña dirixida aos máis novos para achegarlles unha actividade que aplica un modelo centrado na aprendizaxe cun enfoque de competición adaptada. Nas exhibicións en centros educativos efectúanse accións simultáneas con catro alumnos ou alumnas e as cinco tarefas que levan a cabo combinan exercicios de forza, habilidades básicas como os saltos e proxeccións dos bonecos.

 Ata o inicio da pandemia, as actividades de promoción de Loitas Olímpicas nos centros educativos centrábanse na práctica adaptada ao currículo escolar de cada grupo, pero o paradigma deportivo cambiou considerablemente. Ante a prohibición do contacto, xurdiu a obrigación de reinventarse para seguir practicando deporte de xeito seguro.

 Con ese obxectivo, a Federación Galega de Loita e D.A. realizou durante o último trimestre deste ano o maior investimento da súa historia en material alternativo:  dummies, para regalar aos Clubs, e poñer en marcha este novo formato de competición sen contacto. A multinacional SUPLES LTD. financia parte desta iniciativa, poñendo de manifesto a súa adaptación a esta nova situación para os deportes de combate.

A loita galega situouse como pioneira a nivel estatal á hora de poñer en marcha este novo formato de competición sen contacto. “Tratamos de mostrar actividades alternativas que poidan copiar o resto das comunidades. Con todo, as limitacións son moi diferentes dependendo de cada autonomía”, sinalan desde a Federación Galega de Loita e D.A.

O Concello de Arbo adxudica o contrato do Servizo de recollida e tratamento de residuos

0

O Concello de Arbo sacaba a concurso, a través da plataforma de contratación do Estado, o contrato do Servizo de recollida e transporte de fluxos recollidos selectivamente de envases lixeiros, papel/cartón e a recollida de residuos especiais e/ou voluminosos, así como o tratamento dos residuos almacenados no Punto Limpo do Concello de Arbo, por un importe de 39.974,24 €  (IVE 10% incluído) por dous anos de duración inicial do contrato.

Pola Xunta de Goberno Local de data 10 de decembro de 2020, e tras a realización de todos os trámites de valoración e informes correspondentes adxudicabase o servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos

Este Concello tiña a necesidade de contratar o Servizo de recollida e transporte de fluxo recollidos selectivamente de envases lixeiros, papel/artón e a recollida de resiudo espeicais e/ou voluminosos, así como o tratamento dos residuos almacendas  no Punto Limpo do Concello de Arbo, tras finalizar o anterior contrato. Sendo o motivo da contratación é lograr unha adecuada, eficaz e eficiente prestación deste servizos, dando así cumprimento ao establecido no artigo 26. 1) a da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de las Bases do Réxime Local, que enumera a recollida de lixo como un servizo que deben prestar todos os concellos, e normativa sectorial tanto estatal como autonómica.