O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas acolleu este pasado xoves unha actividade pioneira na loita olímpica española. A Federación Galega de Loita e D.A. puxo en marcha cos alumnos de 5º e 6º de Primaria deste centro educativo a campaña de promoción da loita sen contacto e contra bonecos: Wrestling Dummie.
As limitacións derivadas da crise sanitaria da Covid-19 obrigaron a reinventarse a este deporte. A loita con dummies resulta unha alternativa segura, limpa e na que se minimiza o risco de contaxio. Tendo a un boneco como adversario, os deportistas poden demostrar o seu repertorio técnico, velocidade, forza e resistencia.
O proxecto piloto de fomentar esta iniciativa arrincou cunha xornada lúdica e formativa celebrada en horario lectivo. Sobre o tapiz de 100 metros cadrados achegado pola Federación Galega de Loita e D.A., as alumnas e os alumnos ponteareáns tiveron a oportunidade de descubrir esta actividade de “oposición directa”, sen adversario.
Os escolares gozaron derrubando aos bonecos das súas mesmas medidas durante unha sesión que contou a presenza de Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra; José Luis Soto, profesor titular de educación física do do CEIP Fermín Bouza Brey; e dos técnicos da Federación Galega de Loita e D.A.
Campaña de promoción
O Wrestling Dummie estreouse, con gran aceptación, a pasada fin de semana na 10ª Copa Deputación de Ourense. O seguinte paso na súa promoción é esta campaña dirixida aos máis novos para achegarlles unha actividade que aplica un modelo centrado na aprendizaxe cun enfoque de competición adaptada. Nas exhibicións en centros educativos efectúanse accións simultáneas con catro alumnos ou alumnas e as cinco tarefas que levan a cabo combinan exercicios de forza, habilidades básicas como os saltos e proxeccións dos bonecos.
Ata o inicio da pandemia, as actividades de promoción de Loitas Olímpicas nos centros educativos centrábanse na práctica adaptada ao currículo escolar de cada grupo, pero o paradigma deportivo cambiou considerablemente. Ante a prohibición do contacto, xurdiu a obrigación de reinventarse para seguir practicando deporte de xeito seguro.
Con ese obxectivo, a Federación Galega de Loita e D.A. realizou durante o último trimestre deste ano o maior investimento da súa historia en material alternativo: dummies, para regalar aos Clubs, e poñer en marcha este novo formato de competición sen contacto. A multinacional SUPLES LTD. financia parte desta iniciativa, poñendo de manifesto a súa adaptación a esta nova situación para os deportes de combate.
A loita galega situouse como pioneira a nivel estatal á hora de poñer en marcha este novo formato de competición sen contacto. “Tratamos de mostrar actividades alternativas que poidan copiar o resto das comunidades. Con todo, as limitacións son moi diferentes dependendo de cada autonomía”, sinalan desde a Federación Galega de Loita e D.A.