15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaCantos de Reis do alumnado do IES Primeiro de Marzo ás persoas...

    Cantos de Reis do alumnado do IES Primeiro de Marzo ás persoas usuarias do Centro de Día de Baiona

    A recuperación da tradición dos Cantos de Reis, e o interese deste alumnado por achegarse e abrirse á comunidade, uníronse ó seu desexo de alegrar ao colectivo de persoas usuarias de centros e/ou institucións para persoas maiores, tan castigado polos efectos da pandemia

    Este luns, 21 de Decembro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e  Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona, acudiron ao Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís coa intención de alegrar, polo menos durante unha xornada, aos seus usuarios e usuarias, que desfrutaron da  experiencia amosando a súa ledicia e agradecemento por esta iniciativa. 

    Os efectos da pandemia sobre o colectivo das persoas maiores en institucións son múltiples, dende a limitación das posibles visitas a recibir, á redución da tipoloxía das actividades a realizar, sempre co obxectivo de garantir a súa seguridade fronte os perigos da COVID-19. Por esta razón, e ligado ó traballo que están a desenvolver no IES Primeiro de Marzo de recuperación e difusión dos Cantos de Reis, así como no seu empeño por abrir o seu centro á comunidade na que se atopa inmerso, xurdiu a idea de ofrecer un pequeno recital con algúns destes Cantos de Reis que conseguiron reunir.

    Na organización de esta iniciativa tivéronse en conta todas as medidas de seguridade necesarias, polo que a actuación realizouse co alumnado no exterior do Centro de Día, e as persoas usuarias desfrutando dende o interior, a través da gran cristaleira coa que conta o edificio que alberga este servizo. A chuvia non foi quen de impedir que se levase a cabo esta actuación, preparada con moito cariño por parte do alumnado deste ciclo superior.

    A recuperación do patrimonio cultural, a organización e xestión de eventos, así como o traballo, entre outros, co colectivo das persoas maiores, son elementos propios da formación dos profesionais da Animación Sociocultural, polo que a actividade resultou moi enriquecedora para todas as partes implicadas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.