O Concello de Redondela presentou unha serie de suxestións ao plan de Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUP) ao considerar que “unha vez máis ignora as demandas de Redondela e a súa realidade patrimonial e medioambiental”.
Tanto a alcaldesa Digna Rivas coma o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, salientaron que o Plan, no que fai referencia á documentación ambiental presentada “ten unha certa simplicidade que non pode responder máis que a unha falta de profundidade dos traballos realizados”.
Así o Concello de Redondela destaca o feito que o DEUP só ten en conta as necesidades propias da actividade comercial do porto “sen ter en consideración os criterios ambientais, paisaxísticos, territoriais, culturais e socioeconómicos do municipio”.
Nesa liña, o Goberno redondelán considera necesario que este Plan recolla temas importantes como “evitar a ocupación innecesaria de solo e os efectos negativos sobre a Rede Natura 2000 e concretamente a enseada de San Simón, favorecer a actividade vinculada aos valores e potencialidades ambientais como garantía para manter a paisaxe e, nesa liña, maximizar a protección de espazos ou elementos de interese natural”, cousa que o actual documento non fai.
Non deixa de ser curioso, apunta o Concello, que o Plan non faga referencia algunha sobre os potenciais efectos sobre a conectividade ecolóxica cando o certo é que “o ámbito portuario é unha extensa barreira entre o ámbito terrestre e o marítimo”.
Nas súas suxestións e no que fai referencia á explanada de Duchess, o informe técnico do Concello é claro ao sinalar que “deberíanse estudar actividades diferentes á terminal de contedores” xa que no análise realizado non da resposta a temas importante como “configurar unha fachada marítima de calidade, mellorar os elementos naturais da costa, ou procurar o ‘esponxamento’ do borde marítimo como lugar de contacto co mar e lugar de encontro e cohesión social” entre outras moitas consideracións.
A falta de rigor no aspecto medioambiental ten a súa continuidade no eido patrimonial e o Plan amosa un absoluto esquecemento do patrimonio do municipio, tanto material como inmaterial. Así, nas alegacións recóllense unha vintena de elementos patrimoniais, recollidos no Plan Básico Autonómico e que se verían afectados polo DEUP.
De feito o Plan de Espazos e Usos Portuarios obvia “pese as reiteradas e insistentes reclamacións do Concello nese sentido” elementos recollidos no Plan Básico Autonómico sendo o máis destacado o BIC Illa de San Simón, que non se atopa dentro da zona de servizo do porto “pero que debe ser tido en conta no análise ambiental e patrimonial en canto aos efectos derivados das futuras actividades no ámbito portuario”.
Do mesmo xeito, obviase o cargadoiro de mineral de Coto Wagner, elemento do patrimonio industrial redondelán que o Concello considera “imprescindible recuperar e poñer en valor” e que o Plan obvia totalmente.
O Concello redondelán considera “inadmisible” que “as demandas de Redondela, debidamente argumentadas, sexan ignoradas sen ningún motivo obxectivo”. Digna Rivas lembra que, dende que chegou á alcaldía, “a protección do noso municipio, globalmente falando, foi unha das miñas prioridades” e amosou a súa intención de “seguir defendendo Redondela, os intereses da veciñanza e o seu patrimonio histórico, industrial e medioambiental por todos os medios posibles”.