Martes, 10 Decembro de 2024

Ponteareas amplia a máis do dobre o aparcadoiro de Granitos de Galicia

Pasa de 58 a 139 prazas e durante o Nadal disporá temporalmente de máis prazas até superar os 250 lugares de estacionamento

O Concello de Ponteareas anunciou a apertura provisional da ampliación do actual aparcadoiro público de Granitos de Galicia, sobre unha superficie duns 3.000 m2. O novo espazo de estacionamento está dispoñíbel desde hoxe e supón un incremento de 80 prazas de aparcadoiro, pasando das 58 actuais ás 139.

Durante a última semana a empresa adxudicataria do acondicionamento do aparcadoiro traballou intensamente para poder habilitalo provisionalmente antes das datas do Nadal. Os traballos consistiron na pavimentación de amplas superficies e na instalación dun peche perimetral provisional á espera da colocación do definitivo que se realizará no mes de xaneiro. Ese peche definitivo separará a propiedade cedida ao Concello do resto do solar que ocupaban as instalacións industriais da empresa.

Deste xeito, durante as datas do Nadal, e grazas a colaboración da propiedade da parcela, poderase empregar como aparcadoiro non só a zona municipal ampliada, senón tamén outra parte importante do solar, de tal maneira que as prazas dispoñíbeis durante as vindeiras semanas superarán con creces as 250. En consecuencia, durante o Nadal o acceso e saída do aparcadoiro poderase facer tanto desde a Avenida de Galicia como desde a N-120.

A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, xunto ao concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera e á concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, supervisaron as obras antes da súa apertura. Fdez. Davila salientou que “esta actuación é un paso máis que damos na creación de novos aparcadoiros ben pavimentados e acondicionados”. A alcaldesa engadíu que “nas vindeiras semanas se acondicionará o grande aparcadoiro de Sarmiento Rivera, fronte ao cuartel da Garda Civil, que acollerá alomenos uns 250 vehículos”. Pola súa banda Roberto Mera sinalou que “estes novos aparcadoiros dentro do centro urbano axudan a deixar o coche, favorecendo a mobilidade a pé con

percorridos de moi poucos minutos a calquera destino”. A edil de Vías e Obras, Chus Garrote, salientou que “esta actuación contribúe a paliar a redución temporal de prazas por causa das obras e facilita as compras no comercio local”.

Ademais, o Concello sinalou que o colexio La Inmaculada tamén habilita un aparcamento de 120 prazas nas súas instalacións ubicadas na rúa Amado Garra dende o día 23 de decembro ata o 7 de xaneiro todos os días laborábeis e sábados de 9 h a 14:30 horas.