O alcalde de Nigrán, Juan González, reuníuse onte con responsables da UTE concesionaria do novo servizo de transporte no Val Miñor, Lugove, para coñecer de preto todas as novidades ante o comezo do seu funcionamento este mércores 23 de decembro. Así, o rexedor puido corroborar a través deles mesmos que o 100% da flota será accesible a partir do mes de xuño, cando reciban os vehículos recén mercados, e contarán con unha aplicación móbil especialmente pensada para persoas con discapacidade.
“O servizo está en mans de ATSA ata o día 23 e pasada a medianoite xa é de Lugove, todo se resolveu moi rápido e é inmediato, polo que os usuarios poderán apreciar as verdadeiras melloras dentro de 6 meses”, incidiron desde a UTE, onde confirmaron que inicialmente operarán con vehículos de segunda man ata que no mes de xuño reciban os recén mercados, todos accesibles. Asimesmo, destacaron a posta en funcionamento tamén nos vindeiros meses da aplicación móbil Navilens que funcina en cidades como New York, accesible para persoas cegas, e que ofrece información xeolocalizada das paradas. Inicialmente, os usuarios recibirán a información de horarios e percorridos a través de pdf pendurados na web www.lugove.gal.
“Recibimos moi boas noticias con respecto á accesibilidade, que nos preocupaba moito ao non ter resposta da Xunta, e ao mesmo tempo lle ofrecemos toda a colaboración do Concello de Nigrán para que o servizo mellore a calidade da información nas paradas con respecto a ATSA, xa que era deficitario e nada accesible para persoas con discapacidade sensorial”, explicou o rexedor, quen pedíu aos usuarios “un prazo de 6 meses para apreciar as melloras na flota”, finalizou.
Novas liñas
O Concello de Nigrán celebra que coa posta en marcha o día 23 do novo plan de transporte se resolvan certas cuestións que o propio Concello alegara, como son:
- Mellora da comunicación de Chandebrito coa creación dunha liña por Fragoselo pero, sen embargo, o Concello lamenta a oportunidade que este plan supuña para comunicar mellor parroquias do interior como Camos, onde se reducen as frecuencias pese a petición expresa de aumentalas. A conexión con Chandebrito verase mellorada porque se crea por vez primeira unha liña Nigrán-Vigo que vai por Fragoselo, con dúas frecuencias diarias, e ademais tamén se contemplou a alegación do Concello para instaurar unha lanzadeira desde Chandebrito a Nigrán pola rúa dos Pazos (Camos) ás 7:00 e 12:00 horas.
- Respetar todas as ubicacións actuais das paradas (no anteproxecto eliminábase a do Pazo da Touza ou Copena, en Camos, ou Florida, en Vigo) e a creación dunha nova á altura de Povisa, cuestión que desde hai anos reclamaba o Concello ao ser o hospital de referencia para a maioría dos nigraneses.
- Aumentar as frecuencias ao CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro, puntos actualmente incomunicados por transporte metropolitano.
- Unha das principais alegacións do Concello de Nigrán e que fora consensuada tamén cos rexedores de Baiona e Gondomar é a creación dunha liña circular que une os tres municipios e que pasa por Porto do Molle (non contemplado ata realizar alegacións). Este percorrido de 1 hora de duración parte do centro de saúde de Baiona e prosigue cara o mercado de Sabarís, centro da Ramallosa, ambulatorio de A Xunqueira, Panxón, Casa do Concello de Nigrán, Porto do Molle, Vilaza, estación de autobuses de Gondomar e IES Proval. Continúa cara Baredo (Baiona) para regresar polo IES 1º de Marzo ao punto de partida. As saídas serán ás 6:45, 7:30, 13:15, 14:15 e 21:15.