Os traballos de reparación estruturais do cargadoiro de Coto Wagner, “son técnicamente viables” e a estrutura principal metálica e os elementos de formigón armado “poden rehabilitarse co fin de darlle un uso ao marxe do inicial do cargadoiro”, así o sinala o informe técnico encargado polo Concello de Redondela que busca impedir a destrución “dun elemento importante do patrimonio industrial do municipio”, afirma o Goberno local.
O informe encargado e elaborado por un arquitecto e un enxeñeiro industrial, avala as teses mantidas polo Goberno que preside Digna Rivas de que “o cargadoiro pode ser recuperado e con el recupérase parte importante da memoria industrial de Redondela” e de feito, nas súas conclusións, o informe técnico subliña que “como en calquera intervención sobre o Patrimonio, dende o punto de vista económico, estes traballos están perfectamente xustificados”.
En todo caso, apunta a alcaldesa Digna Rivas, este informe, “minucioso e detallado”, contrasta co presentado no seu momento pola Autoridade Portuaria de Vigo no Consello de Administración deste organismo, “que era simplemente, un dossier dunha empresa de arquitectura” e sobre o que se pretendía votar a necesidade de derrubar a estrutura sen que, en ningún lugar de dito dossier, “fixérase referencia a que era un ben incluído dentro do catálogo patrimonial da Xunta de Galicia”.
A viabilidade da recuperación desta estrutura explica, ao entender do Concello de Redondela, “os continuos atrancos postos polo Porto de Vigo á hora de que os técnicos contratados polo concello puideran acceder á estrutura para realizar un detallado análise da situación”.
O informe encargado polo Concello de Redondela salienta a necesidade de “retirar con urxencia todos os elementos secundarios da instalación que se atopan parcialmente desprendidos ou con posibilidade de desprenderse a urdo prazo” e, segue nesa liña cando subliña que “deberase actuar de xeito urxente na totalidade da estrutura para evitar que continúe a súa degradación por patoloxías de corrosión”.
É dicir, sinala Digna Rivas, “que o Porto de Vigo non pode eludir máis a súa responsabilidade no mantemento deste elemento patrimonial de Redondela”.
Finalmente, a alcaldesa redondelá reafírmase na súa postura, expresada de forma reiterada no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, de non consentir que se destrúa parte da historia industrial do municipio. “Non imos quedar de brazos cruzados nin mirar para outro lado, mentres á veciñanza de Redondela se lles priva de parte da súa historia industrial” e insiste en que a solución ao cargadoiro, “pasou e pasa pola súa rehabilitación, conservación e posta en valor e nunca polo seu derrubo”.