Luns, 10 Novembro de 2025

Redondela pon en valor o choco como produto de excelencia nas ‘Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela’

0

O marco incomparable que ofrece sobre a baía de San Simón a Confraría de Pescadores de Redondela, en Cesantes, foi o lugar elixido polo Concello redondelán para presentar as ‘Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela’, unha iniciativa que xurde ante a imposibilidade de celebrar a Festa do Choco polas restricións sanitarias impostas pola pandemia da COVID-19.

Na presentación destas xornadas, que se alongarán durante 10 días, a alcaldesa Digna Rivas estivo acompañada polas concelleiras de Promoción Económica e Eventos, María Castro e Marta Alonso, respectivamente, amais de representantes da Confraría de Pescadores e os establecementos participantes nesta auténtica festa gastronómica.

“Non se podía elixir un sitio mellor para a presentación do noso produto estrela”, afirmou Digna Rivas quen lembrou que Redondela é coñecida como a vila do choco e “nestas xornadas deixaremos ben claro o porque da denominación”.

Rivas, que agradeceu “o enorme traballo que desenvolveron as concellerías de Promoción Económica e Eventos, agradeceu a colaboración e apoio da hostalaría “que non dubidaron nin un só instante en sumarse á iniciativa, achegar ideas e propostas e involucrarse na organización”.

Nas súas palabras a alcaldesa redondelá lembrou que a hostalaría e o sector do mar, “que foron os que peor o pasaron durante todo este tempo e que aínda están a sufrir as consecuencias desta pandemia e por iso esta iniciativa cumpre o dobre obxectivo de, por unha banda, poñer en valor o noso produto estrela: o choco, e por outra dinamizar a hostalaría e restauración”.

78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Outelo, Tapería Patri e Vila Bella, ofrecen ao abeiro destas xornadas gastronómicas menús nos que poñen toda a súa sabiduría culinaria e, respectando o choco, constrúen deliciosos menús que, nalgúns casos, pódense consumir no establecemento coas medidas sanitaria esixidas ou facer a encarga para recoller no local e outros teñen pedido a domicilio totalmente de balde que corre a cargo de Roombo.

Cómpre salientar que a clientela destas Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela poderán participar no sorteo de dous interesantes agasallos. Dunha banda unha Experiencia de Turismo Mariñeiro para dúas persoas e, por outra banda, un Lote de viños Capellán, mencía e godello. Para participar non teñen máis que solicitar os cupóns de participación que estarán á disposición dos clientes dos menús nos establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas.

Ao redor da Gastronomía, o Concello de Redondela a través da Concellería de Eventos, artellou un programa de actividades como concertos ou tres días de showcooking que será retransmitido polas redes sociais do Concello.

O alcalde da Cañiza entrega os diplomas ás doce mulleres participantes no curso de Informática Nivel Básico

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, fixo entrega dos certificados de asistencia ás doce mulleres que participaron no curso de alfabetización informática, unha iniciativa deseñada especificamente para aprender dende cero e sen necesidade de coñecementos previos sobre o uso do ordenador e a navegación por internet.

O curso contou cun total de 40 horas lectivas, gratuitas, impartidas no aula CeMIT da Casa de Cultura da Cañiza, dentro das actividades formativas e da programación anual que organiza o Concello,  no que as alumnas adquiriron paso a paso as nocións básicas para o manexo da informática.

Acender e apagar correctamente  o ordenador, manexar o rato e teclado con soltura, familiarizarse co entorno de traballo e as ventás do Sistema Operativo, aprender a xestionar arquivos e cartafoles (crear, eliminar, copiar, …), copiar un documento nunha unidade extraíble (memoria USB) e crear, editar e/ou imprimir un documento cun editor de textos foron algún dos temas impartidos.

Ribadelouro (Tui) acolle cuarta parada da iniciativa ‘O Museo no Camiño’

‘O Museo en camiño’, unha iniciativa do Museo de Pontevedra e do programa ‘O teu Xacobeo da Xunta de Galicia , realizará a súa cuarta parada no Camiño Portugués en Ribadelouro (Tui) para dar a coñecer as obras máis importantes que ten nas súas coleccións a institución museística pontevedresa e difundir o ‘espírito xacobeo’ na xente máis nova da vila.

A actividade desenvolverase no centro cultural de Ribadelouro de 17 a 19 horas e terá como finalidade que nenos e nenas de 6 a 12 anos coñezan un pouco máis sobre o patrimonio artístico e cultural do Camiño de Santiago.

Este obradoiro de carácter plástico e creativo terá as prazas limitadas para poder cumprir con todas as medidas sanitarias actuais, polo que as persoas insteresadas en que participen as súas crianzas deben formalizar a inscrición previa – de balde- no correo electrónico [email protected] ata completar aforo. Daráselle prioridade á cativada da localidade de destino, neste caso, desta parroquia de Tui. A veciñanza deste concello, en calquera caso, terá unha nova oportunidade de participar nesta iniciativa, xa que se celebrará outro obradoiro tamén no centro urbano de Tui.

O Museo de Pontevedra convértese así nun ‘museo itinerante’ que seguirá o Camiño Portugués durante os meses de abril, maio e xuño e parará en dez poboacións da ruta como son tamén Tui, Ribadelouro, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas, Valga, Pontecesures e Padrón.

Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunha ‘maleta viaxeira’ con réplicas en miniatura de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

Os colectivos creadores do programa e que traballarán coa rapazada serán Taller abierto e Paspallás . A inciativa inclúe tamén unha exposición no Museo de pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido “coa intención de trasladar todo o vivido ao público”.

O Goberno municipal negocia coa Xunta un acordo sobre a Estación de Autobuses que beneficie a Ponteareas

O Concello de Ponteareas valorou positivamente o estado das negociacións coa Xunta de Galicia para abordar a rehabilitación do edificio da Estación de Autobuses e a concesión da explotación do servizo. Na última reunión celebrada, á que asistiron a alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila, o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera e a tenente de alcalde, Chus Garrote, avanzouse “na boa dirección, aínda que quedan bastantes aspectos por clarificar e negociar”, matizou Mera, quen salientou que “só será posíbel un acordo se beneficia aos intereses de Ponteareas”.

Segundo o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, nos últimos meses Concello e Xunta traballaron na definición das obras a executar no edificio. Inicialmente a Xunta contemplaba só acondicionar aspectos básicos do edificio, mellorando o seu illamento e renovando instalacións. A petición do Concello, o proxecto ampliouse para que a Estación sexa tamén un edificio con oficinas que se situarán principalmente na planta alta e onde se localizarían un importante número de servizos municipais.

Mera advertiu que “aínda estamos en proceso de negociación e non se pode dar nada por feito, pois o acordo está supeditado a dous condicionantes económicos que para o Concello son esenciais”. Por unha banda, a Xunta pretende que o Concello achegue 375.000 euros, que representan o 70 % do custo dunha obra a executar nun edificio de titularidade autonómica. Mera lembra que “existe un compromiso da Xunta de compensar os gastos da Estación asumidos polo Concello na última década por un servizo que é autonómico”. O goberno local cifra esa débeda nuns 150.000 euros e estaría disposto a achegar outros 150.000 euros, facendo así unha achega de 300.000 euros, a metade pola vía de compensación. Ademais, lembra que o edificio contará con prestacións en materia enerxética derivadas de investimentos municipais coma a rede de calor ou o proxecto de instalación fotovoltaica, que fará as instalacións máis eficientes e económicas.

Por outra banda, o concelleiro nacionalista explicou que “o Concello só poderá decidir se asume de novo a xestión deste servizo autonómico cando a Xunta nos presente o estudo de viabilidade da explotación da Estación. Só estaremos dispostos a xestionalo se o estudo de viabilidade demostra que non será deficitario. Do contrario, non asumiremos competencias doutras administracións que causen perdas económicas, como xa acontece coa Escola Infantil ou o Conservatorio de Música”.

En todo caso, Mera amosouse optimista e considerou que, se se dan as condicións económicas, o acordo será moi positivo para Ponteareas pois mellorará o servizo da Estación de Autobuses e dotará ao Concello dun novo edificio administrativo para ofrecer servizos á cidadanía.

O Rosal estrea a renovada praza de abastos “cun espazo do século XXI” exemplo de dinamización na provincia

Baixo o mellor acompañamento musical dun grupo de gaitas e un cuarteto da Escola de Música local, e cunha nutrida presencia de veciños e veciñas, así como de representantes municipais de todos os concellos do Baixo Miño, o emblemático edificio do Mercado do Rosal estreou hoxe por todo o alto a súa renovada imaxe. Trátase do primeiro paso dunha reforma impulsada polo Concello que ten como obxecto converter este inmoble nun espazo vivo co que propiciar o comercio de proximidade e o consumo dos produtos da zona e, con eles, a dinamización do núcleo do Rosal económica e socialmente. A obra, que tivo un orzamento de máis de 207.000 euros, contou cunha achega do Plan Concellos da Deputación por 161.261 euros.

Amais da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a inauguración contou coa presencia da presidenta provincial Carmela Silva, do deputado Santos Héctor Rodríguez, da directora xeral de Agader, Inés Santé, así como das alcaldesas de Tomiño, Sandra González, e de Oia, Cristina Correa, e as concelleiras de Tui e A Guarda, Ana María Núñez e Fátima Rodríguez, respectivamente. Un feito que precisamente quixo destacar na súa intervención Carmela Silva, que puxo como exemplo de bo facer o traballo conxunto destes concellos pola transformación do Baixo Miño e a súa unión en cuestións como o peche dos postos fronteirizos ou na solicitude para reclamar fondos europeos.

Carmela Silva: “o Baixo Miño non é que teña futuro, é que vai ter un futuro extraordinario porque hai un modelo de crecemento e un proxecto conxunto para o seu desenvolvemento”

“Nesta comarca –destacou a presidenta- está a ocorrer algo que ocorre en poucos lugares, cunha aposta firme de todos os concellos para construír un espazo de desenvolvemento sostible onde as persoas son o centro de todo. E cun gran compromiso para que as seguintes xeracións poidan seguir a vivir nun lugar tan marabilloso como o Baixo Miño”. Neste senso, Carmela Silva salientou que a reforma do “marabilloso” Mercado do Rosal é un bo exemplo “que fala do ben que o fixemos no pasado e o que temos que seguir a facer hoxe”, polo que colaborar na súa financiación “é unha obriga das administracións, que deben dedicar recursos aos concellos para que poidan crecer, seguir avanzando e para que a xente viva mellor”. “O Baixo Miño –engadiu- non é que teña futuro, é que vai ter un futuro extraordinario porque hai un modelo de crecemento e un proxecto conxunto para o seu desenvolvemento”.

Máis en concreto, afondou na singularidade dos mercados existentes nesta comarca e, concretamente o do Rosal, construído en 1954, “que son o centro da actividade económica e que apostan polo produto de calidade que tamén se cultiva aquí, no Baixo Miño, un dos lugares de Galicia onde hai máis poderío do sector primario e amais moi internacionalizado”. “Apostar –insistiu- porque os mercados se manteñan é facelo por dar vida aos pobos, por ese produto de calidade e noso, por xerar actividade económica e manter a vida dos lugares. E xa sabiamos que tiñamos que apostar polo produto de proximidade, pero a pandemia amosou que vulnerables somos se non temos suficiencia alimentaria, produto de calidade e mercados coma este onde se poida comprar. O mellor produto do sector agrario que hai en Galicia está aquí no Baixo Miño e podemos sentirnos orgullosos do que somos, do que construímos e do estar construíndo un lugar que é unha grande referencia”.

Ánxela Fernández: “Este é un primeiro paso na aposta do Rosal polo comercio de proximidade e o consumo do noso, do propio e da calidade que tanto nos identifica. E xa temos en marcha a segunda fase do mercado no camiño ao ámbito da excelencia”

Como explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández, a remodelación permitiu reformar o interior do Mercado para a creación de cinco postos. Na illa central están os das froitarías e unha ecotenda, como parte “da horta que é parte da nosa identidade e que vai dar cor a entrada cun símbolo identificador que hoxe comezamos a crear”. No lateral, estarán os postos de peixaría e carnicería, así como un posto de comercio xusto “que tanto nos di da sustentabilidade e da importancia da orixe no consumo responsable que queremos ter nesta sociedade”. “En resumo, é unha clara aposta para que desde a veciñanza tomemos as rendas, nos involucremos e conxuntamente, dinamicemos o noso pobo e o noso mercado, rodeado dunha praza practicamente inmellorable”.

Fernández engadiu que a reforma inaugurada “é un primeiro paso da nosa aposta pola proximidade, pola presencial local e tamén pola estratexia do consumo do noso, e da calidade que tanto nos identifica”. Explicou que xa está aprobada a segunda fase do proxecto, cunha ampliación na parcela contigua ao mercado, “que lle vai dar un camiño máis extenso no ámbito da excelencia”, coa especial atención ao ámbito culinario e da gastronomía. “Imos poder desfrutar do produto fresco e dun espazo expositivo e de convivencia”, indicou, amais de poder recuperar para a cidadanía a terraza do edificio, que estaba en desuso pola súa escasa accesibilidade. “Vai ter un acceso directo que nos vai permitir tomar un viño, saír á terraza e poder ver este valor patrimonial que tenos e o espazo da natureza que nos rodea”.

A rexedora municipal agradeceu a colaboración do persoal da praza, que tivo que trasladarse á escola Simón do Mazo durante as obras realizadas, así como a colaboración das administracións implicadas. “A pandemia –explicou- supuxo un cambio de escenario, unha nova forma de ver a vida e unha nova realidade. E nesa nova realidade sacamos unha aprendizaxe, a de que ao final, o que temos máis preto, o noso, e o que debemos potenciar e trasladar aos nosos hábitos do consumo no consumo local”. Lembrou que no Rosal , “somos recoñecidos e recoñecidas pola nosa calidade e distinción no produto, na horta, no viño e en tantas cuestións como a proximidade, a nosa proximidade na relación persoal”.

No acto interveu un dos praceiros que traballan no mercado, Simón Ubeira, que rexerá unha ecotenda, quen agradeceu ao Concello do Rosal todo esforzo feito “para renovar e darlle vida a esta praza, edificios que tanto simbolismo ten nas vilas galegas e que poñen de relevo o que e comercio local, proximidade, e todo o que representa a economía social que sostén unha vila”. E fixo un chamamento “a apostar polo comercio local, polos produtos proximidade e por consumir en comercios da veciñanza, que estean en mans da veciñanza e que manteñan á veciñanza”.

Afectados de Mondariz pola restrición ao tráfico pesado na PO-254 demandan unha reunión urxente coas autoridades da Xunta

0

Veciños e veciñas afectados pola recente restrición ao tráfico pesado que impuxo unilateralmente a Xunta de Galicia na estrada autonómica PO-254 ao seu paso por Mondariz-Balneario reuníronse este luns, 3 de maio, tras ser convocados polo Concello de Mondariz para analizar a situación e buscar vías de solución aos prexuízos causados por esta medida.

Entre a veciñanza representada houbo consenso en reclamarlle ás autoridades competentes a retirada dos sinais. Neste sentido, o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, comprometeuse a solicitar unha entrevista co director da Agencia Galega de Infraestruturas para tratar este asunto canto antes.

Unha medida que afecta ao dinamismo económico do concello e a sua contorna

A nova restrición ao tráfico pesado apareceu nesta vía pública unha vez completadas as obras na ponte situada entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que estivo pechada durante varios meses por mor dunha renovación valorada en 1,4 millón de euros. 

Despois da reapertura da ponte, os sinais provisionais que limitaban a circulación de vehículos de máis de 3,5t continuaron instalados, provocando confusión entre a poboación. A esta sinalización sumouse outra que limita o paso de vehículos de máis de 20t de tara por esta estrada autonómica. O Concello de Mondariz contactou por vía telefónica coas autoridades competentes para exigir información sobre esta medida anteriormente non comunicada e transmitir o malestar existente, pero non recibiu unha explicación convincente sobre a pertinencia das restricións.

“Tanto Mondariz como outros concellos da contorna afectados directa ou indirectamente por estas restriccións na PO-254 veñen padecendo importantes caídas demográficas. Con esta decisión medran as dificultades para o xurdimento de dinámicas económicas que poidan reverter esta situación”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. 

“O gremio de transportistas é o máis afectado, pero esta restrición perxudica a outros servizos da localidade e dificulta o desenvolvemento económico de Mondariz e outros concellos da contorna, incluído Mondariz-Balneario”, sinala Barros.

Gondomar reafirma a súa loita pola igualdade con charlas nos CEIP do municipio

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar que xestiona Nuria Lameiro, vén de organizar –a través do CIM–, obradoiros que se impartiron nos centros escolares do municipio; un dirixido á educación afectivo-sexual e outro á detección dos micromachismos. A iniciativa comezou o pasado 22 de abril no CEP Neira Vilas e finalizan mañá, día 5 de maio, no CEIP Chano Piñeiro, logo e ter pasado tamén polo CEIP Souto Donas.

O Goberno local subliña a necesidade de “sensibilizar á sociedade sobre a importancia da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes” e para acadar ese fin, nada mellor que comezar polas novas xeracións.

A actividade tivo unha moi boa acollida tanto entre o profesorado coma entre o alumnado de 6º de primaria.

Tui organiza dous cursos de Prevención de Riscos Laborais en colaboración coa Fundación Laboral da Construción

0

O Concello de Tui en colaboración coa Fundación Laboral da Construción organiza en Tui dous cursos de Prevención de Riscos Laborais (PRL) na construción.

Trátase dun curso Básico de Prevención en Riscos Laborais cunha duración de 60 horas, e dun curso de Prevención Específico, de 6 horas lectivas. Para a realización do curso específico terán preferencia as persoas que realicen o curso básico, amais aquelas outras interesadas deberán presentar a documentación acreditativa de posuír o curso básico. Estas actividades formativas van dirixidas a maiores de 18 anos, aínda que no caso de quedar prazas vacantes poderían inscribirse maiores de 16 anos.

As persoas interesadas teñen que inscribirse, até o venres, 28 de maio, enviando a ficha de inscrición, accesible en tui.gal, ao correo [email protected]. Deben indicar a preferencia de horario de mañá ou tarde para realizar o curso.  A orde de inscrición para cubrir as prazas será a orde de entrada do correo coa ficha de inscrición.

Pódese ampliar esta información de luns a venres de 9 a 14 h no 986 60 39 49.

O II ciclo “Aida Fernández Ríos” deste xoves tratará sobre as pandemias silenciosas

A resistencia aos antibióticos e a obesidade como pandemias silenciosas serán os eixos temáticos escollidos para protagonizar a segunda xornada do “Ciclo Aída Fernández Ríos” que continúa a súa andaina este xoves 6 de maio. A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias están a impulsar con esta iniciativa dez relatorios que terán lugar ata o mes de xullo, en formato webinario ou semipresencial, para achegar á cidadanía a importancia da ciencia. Ademais, a partir de setembro espallarán esta disciplina nos centros educativos con cinco charlas pensadas para a mocidade.

Esta segunda xornada do ciclo estará centrada nas pandemias silenciosas e desenvolverase ás 19.00 horas de xeito telemático. Bruno González, catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense, tratará na primeira charla a “Resistencia a antibióticos: a pandemia silenciosa”. A continuación terá a quenda de palabra Carlos Diéguez, catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, quen impartirá unha conferencia titulada “É a obesidade a pandemia con maior mortalidade?”.

As conferencias continuarán o xoves 27 de maio con dúas intervencións sobre os impactos económicos do cambio climático e da saúde. Esta xornada terá carácter semipresencial e levarase a cabo na sede que a Deputación ten en Vigo. Todas aquelas persoas que desexen asistir a estas charlas tan só teñen que encher unha solicitude de inscrición no sitio web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal).

O Concello de Nigrán incorporará, de xeito experimental este verán, a Patos á “Rede Galega de Praias sen Fume”

0

O Concello de Nigrán sumará este ano de xeito experimental a Patos á ‘Rede Galega de Praias sen Fume’ nun segundo intento do goberno local de que a iniciativa da Xunta sirva de ferramenta concienciadora tras probar só coa Madorra e As Canas no 2016 sen gran impacto.

O motivo desta elección é que este areal, xunto con Praia América, é o máis senlleiro de Nigrán, coa particularidade de que está totalmente vinculado á cultura surfeira porque aquí se iniciaron nos anos 70 os primeiros surfistas da comunidade atraídos polo seu estilo salvaxe, sendo precisamente o obxectivo do goberno municipal dar un paso máis de cara ao benestar físico e medioambiental que representa prescindir do tabaco. “Temos en marcha o irmandamento con Valdoviño para promover conxuntamente o deporte do surf e a natureza como forma de vida saudable e, por outra banda, nas nosas campañas medioambientais estamos a comprobar a gran cantidade de cabichas que contaminan os areais, por iso agardamos que a iniciativa sirva como ferramenta de concienciación.Patos é o sitio por excelencia para promover hábitos de vida saudables e onde normalizar o non-fumar”, incide o alcalde, Juan González, quen presentou a solicitude formalemente a semana pasada despois de que a nova xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, animara persoalmente ao rexedor a volver a adherir a localidade á rede.

Imaxe da presentación de #PlantalleCaraAosPlásticos na praia de Patos

“O entendemento foi absoluto e puiden trasladarlle o noso certo desencanto do 2016 polo resultado obtido e tamén coa propia Consellería de Sanidade, que naquel tempo presentaba un carácter moi pouco dialogante e estaba máis preocupada polos aspectos técnicos que educativos”, xustifica González, quen segue a apostar “máis por concienciar que por prohibir” ante o éxito probado de campañas municipais como #SanXoanSenLixo ou #PlántalleCaraAosPlásticos. “Regresamos á Rede porque entendemos que este é tamén o seu talante e, en función dos resultados obtidos este verán, tomaremos decisións coherentes nos seguintes”, avanza.

O certo é que desde 2019 o Concello de Nigrán instala cabicheiros artesanais na entrada das principais praias coa mensaxe ‘Area sen Cabichas’ para que alí se depositen e co obxectivo de apelar á responsabilidade da cidadanía. O propio deseño é unha invitación a reciclar e a respectar os dereitos medioambientais porque, según recentes estudos, as cabichas son xa a principal fonte de lixo mundial por diante dos envases, botellas e bolsas de plástico, contaminando unha soa un total de 50 litros de auga. “A adhesión á Rede Galega de Praias Sen Fume incide sobre todo no saudable que é non expornos ao fume do tabaco e quere facer ver entre a mocidade e a infancia que a normalidade é non fumar”, engade González.

Rede Galega de Praias sen Fume

A “Rede Galega de Praias Sen Fume creouse no ano 2016 co obxectivo de avanzar na desnormalización do feito de fumar ao tempo que o entorno é máis saudable. No 2020 a integraron 162 praias en 66 concellos. Nestas praias está prohibido fumar na zona do areal, quedando excluídas da prohibición as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia nin sanción para os incumprimentos dos cidadáns. É unha elección persoal e voluntaria escoller unha praia sen fume como lugar de ocio e, polo tanto, o cumprimento da norma de “non fumar” é unha responsabilidade tamén persoal. Trátase de acadar a participación activa da sociedade neste obxectivo de normalizar o feito de “non fumar”.

As Neves recibirá este ano preto de 550.000€ do Plan Concellos

0

O Concello das Neves recibirá este ano 545.849,96 € do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Da suma total, 387.356,57 € corresponden á liña 1, de obras e subministracións; 35.830,48 € á liña 2, de gastos correntes e actividades; e os 122.662,91 € restantes á liña 3, de contratación de persoas desempregadas para servizos municipais.

Liña 1

Dentro desta liña de financiamento, o Concello das Neves vai levar a cabo os seguintes proxectos: Novo acceso ao Centro de Saúde e ao Centro de Día que mellorará substancialmente a seguridade. Nel, a actual entrada peonil será tamén acceso rodado con sentido único de circulación, deixando a actual entrada/saída quede só como saída.

Crearase ademais unha zona segura de acceso e circulación peonil e a pavimentación e construción de rede de saneamento en Prado (Vide), onde quedará pendente a conexión á rede nun proxecto posterior.

Tamén se reformará o firme da principal vía do barrio do Redondelo (Tortoreos) e acometerase a construción de muros e mellora de vías en diferentes puntos do concello. Nesta mesma liña, seguen as actuacións de mellora accesibilidade, do ‘Plan de accesibilidade 2019-2023’, en Casteliño e Gándaras (Rubiós) con construción de rede de saneamento, e no Mouro (Taboexa).

Así mismo, acometerase a construción dun aparcadoiro paralelo á estrada da circunvalación, nos terreos de dominio público na urbanización sen executar na rúa Cruceiro, que cumprirá unha función disuasoria de tráfico. LEvarase a cabo o mantemento de edificios públicos: Reforma integral do tellado da escola de Santa Eulalia de Batalláns, pequenos arranxos de deficiencias no tellado da escola de San Xosé de Ribarteme, reforma para mellorar a usabilidade dun espazo en servizos sociais e mellora do local empregado para o Banco de Alimentos municipal.

Tamén se realizará a compra e instalación de mobiliario de oficina para o despacho da alcaldía, a aula de formación municipal (situada no edificio de Correos) e un local da Casa da Música destinado a ser usado por diferentes asociacións de Rubiós.

Por último, coa aportación do Concello, está previsto a execución dunha senda peonil dende a rotonda do Conde (Tortoreos) ata o IES Pazo da Mercé.

Esta liña complétase cunha pequena partida destinada a axudas aos sectores máis afectados pola Covid-19 de 16.258,87 € que se sumarán a outros 11.197,31 € procedentes dunha liña adicional extraordinaria específica para este tipo de axudas.

Liña 2

A través da liña 2 do Plan Concellos 2021 desenvolveranse accións do programa de desenvolvemento local #ViveNasNeves 2021, renovarase totalmente a páxina web municipal, financiarase a maquetaxe do libro de historia das Neves e cubrirase unha actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre prevista para o día 12 de outubro.

#ViveNasNeves

Dentro do #ViveNasNeves 2021, atópase a creación dunha plataforma de información para compra/venda/aluguer de vivendas, terreos e locais comerciais e, tamén para ofertas de traballo; ademais da alta na plataforma web ‘Vente A Vivir A Un Pueblo’.

Liña 3

Nesta liña, incluíronse 10 contratacións de persoal: 1 Monitor Servizos Comunidade para a Casa da Xuventude (10 meses); 2 Peóns vías e obras (9 meses); 2 Fontaneiros (6 meses); 1 Condutor de maquinaria (10 meses); 2 Peóns forestais (9 meses) e 2 Peóns de recollida de lixo (10 meses)

Debido a que a contía do Plan Concellos non é suficiente para os 10 contratos detallados, o Concello aporta unha contía de 10.491, 15 € das arcas municipais para completar os custos reais.

Aberto o prazo para presentar o Cartel do Certame “Brais Alonso” en Arbo

0

O Concello de Arbo convoca un novo concurso de carteis con motivo da celebración da XXVI Festa da Lamprea Seca, que se celebrará os días o 7 e 8 de agosto .
Este exitoso concurso denominado “Brais Alonso” vai xa pola súa oitava edición, e ten como obxectivo deseñar o cartel anunciador da festa gastronómica que se celebra no mes de agosto en Arbo.

As propostas serán entregadas no soporte orixinal e electrónico á máxima resolución. Poderán presentarse ata dous carteis por participante. Ademais presenta interesantes premios para os deseños máis orixinais, representativos e creativos.

Outorgaranse dous premios: o primeiro de 400 euros e o segundo de 300 euros. O prazo para presentar as propostas finalizará o próximo 14 de xuño de 2021.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou que “tanto o concurso de carteis Brais Alonso, como o que convocamos para a Festa da Lamprea están a experimentar un gran éxito, recibindo propostas desde diferentes partes de España”, asi o gañador do primeiro premio do Concurso de carteis da LXI Festa da Lamprea é de Navarra e o segundo premio foi para un artista de Sevilla . Asegurou tamén que “estas dúas importantes festas, xunto coa lamprea, son a principal marca identificadora que nos sitúa en Galicia, en España, en Europa e o mundo”.

As alumnas de Atención Sociosanitaria do obradoiro de emprego de Ponteareas conclúen as súas prácticas formativas

O pasado venres, 30 de abril, remataron satisfactoriamente as prácticas formativas as alumnas da especialidade de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en domicilios e institucións sociais, do Obradoiro de Emprego ‘Coidar de Nós II’ que leva a cabo a concellería de Emprego e Formación de Ponteareas que dirixe a socialista Vanesa Fernández.

Este obradoiro, que se desenvolve conxuntamente entre o Concello de Ponteareas e o Concello de As Neves, vén de rematar as prácticas formativas no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo, en horario de 8:00 a 14:00 horas.

Tal e como expón a concelleira Vanesa Fernández “as alumnas tiveron ocasión de poñer en práctica as unidades de competencia do certificado de profesionalidade tales como: preparar e apoiar as intervencións de atención ás persoas e o seu entorno no ámbito institucional, desenvolver intervencións de atención física dirixidas a persoas dependentes, desenvolver intervencións de atención socio sanitaria dirixidas a persoas dependentes e desenvolver intervencións de atención psicosocial dirixidas a persoas dependentes”.

Dende a concellería de Formación e Emprego destacan a importancia de apostar por estes obradoiros que teñen un índice de incorporación ao mercado laboral de máis dun 90 por cento, e que na súa maioría “permiten ao sector feminino, que é o máis interesado neste obradoiro concreto, unha posibilidade real de inserción no mundo laboral e polo tanto axudan na empregabilidade das mulleres que tan necesaria é para a economía familiar e o desenvolvemento persoal”, afirma Vanesa Fernández, concelleira de Emprego e Formación.

Inspección técnica de vehículos lixeiros os días 3 e 4 de xuño en Tomiño

0

A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Turismos estará situada en Tomiño os días 3 e 4 de xuño no lugar de San Benito – Campo de Festas do Alivio.

No día 3 o horario das inspeccións será de 09.00 a 13.30 horas pola mañá e de 15.15 a 18.00 pola tarde.

O día 4 só se atenderá en horario de mañá (09.00 a 13.30h).

É preciso solicitar cita previa no teléfono 902 30 90 00, ou ben, a través da páxina web www.sycitv.com.

Aberto o prazo de inscrición para o curso de guías na rede do Parque Nacional Illas Atlánticas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia volve a ser un ano máis obxecto dos cursos formativos de guías na rede dos parques nacionais. Así, todas as persoas interesadas en participar nesta actividade formativa poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 16 de maio.

O curso, no que colaborará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda –a través do Parque Nacional–, terá unha duración de 70 horas e desenvolverase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. É a primeira fase do mesmo, que se celebrará entre o 21 de xuño e o 6 de agosto de 2021. Tamén se prevé unha parte práctica, presencial e obrigatoria, de 30 horas, que se celebrará nas Illas Atlánticas, a finais de setembro.

Todas as persoas maiores de idade poden inscribirse e participar neste curso, aínda que terán preferencia aquelas que garden relación coa contorna socioeconómica do parque. O obxectivo principal do proxecto é facilitar capacidades aos participantes para poder exercer adecuadamente as funcións de guías de persoas e/ou grupos nos diferentes Parques Nacionais.

Deste xeito, os futuros alumnos recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental na función do guía ambiental.

O curso divídese en varias unidades didácticas sobre a lexislación básica dos espazos naturais protexidos e dos parques nacionais; o marco europeo Rede Natura 2000; o uso público, o turismo e as accións de voluntariado nestes espazos; a importancia de fomentar e divulgar a educación ambiental e as claves para saber valorar o patrimonio natural; e, por último, información específica sobre os itinerarios guiados.

Esta formación é especialmente útil para aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socio-económico dos Parques Nacionais, que pretendan exercer as súas competencias nestes espazos protexidos e necesiten formar e especializar aos técnicos para iniciar, guiar, dar a coñecer os valores dos mesmos, concienciar para garantir a súa conservación e dinamizar un grupo nestes espazos protexidos.

Todas as persoas que desexen participar deberán solicitalo a través da ficha de solicitude de participación, que deben remitir por correo electrónico a [email protected]. Se cumprimentará unha solicitude por persoa e parque para o que se solicita o curso, ata o 16 de maio.

Cómpre destacar que, desde hoxe, se están a celebrar tamén as prácticas dos participantes nesta actividade formativa o pasado ano, xa que a edición de 2020 quedou en suspenso por mor da pandemia da covid-19.

A nenez de Xela Arias protagoniza a mostra itinerante que estes días pódese visitar en Tui

0

Dende hoxe e até o sábado pode visitarse no anexo da Sala Municipal, na Área Panorámica a mostra ‘Aquela nena de Sarria’. No día de onte o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, presentaron a mostra xunto ao presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Precisamente esta exposición –con doce paneis recollen os primeiros anos da vida de Xela Arias, a súa vinculación co rural e co noso idioma– é un proxecto desenvolvido polo Colectivo para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas

[su_image_carousel source=”media: 36011,36010,36012,36013,36014″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O alcalde, Enrique Cabaleiro, agradecía ao colectivo Egeria que a exposición se poida ver en Tui, e convidaba á veciñanza a achegarse “porque é unha exposición sumamente interesante sobre os seis primeiros anos de Xela Arias, que nos identifica e nos traslada a outro territorio coma é o rural lucense”. Engadía que se trata “dunha magnífica ocasión para seguir aprendendo e vivindo a cultura de Galicia”.

O presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, explicana coma os tres anos que Xela Arias viviu en Sarria a marcaron tan fortemente que sempre volvía ao seu pobo, e logo faríao tamén co seu fillo. Unha relación que queda reflectida nas fotografías que forman parte da mostra, parte procedentes do álbum familiar. Unhas fotografías que logo foron o punto de partida dunha serie de debuxos realizados pola pintora lucense Sabela Arias, que “complementan á propia fotografía”. Recolle tamén a traxectoria dende ‘Xeliña fala galego’ até chegar o momento actual “onde un conxunto de mulleres, ‘Elas’, seguidoras ou compañeiras de viaxe de Xela nos ofrecen precisamente poemas na súa honra”.

Máis información: www.aquelanenadesarria.gal

‘Twins expemeriment’ pon en Ponteareas o aceno no fogar como escenario da violencia machista

Un círculo feito con seis botellas de auga foi o ‘espazo protector’ no que Ainhoa Hernández e Laura Ramírez, as artistas que conforman Twins Experiment, dialogaron cos seus corpos nunha nova acción do programa da Deputación de Pontevedra ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’ que tivo lugar no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas.

Xuntas e a través de Conversa: cuarto ou morada crearon o seu propio lugar, un fogar, escenario da maioría dos asasinatos machistas acometidos, onde evidenciaron as diferentes formas de relación das persoas.

Acompañadas de música, con pezas como Total Eclipse of the heart de Bonnie Tayler, deixando de lado a expresión oral e comunicándose a través de xestos e miradas cómplices, Twins Experiment representaron o que pode producirse nun fogar: dende ser espazo de alegría e respecto ata escenario da máis cruel das violencias.

Deste xeito presentouse o fogar como espazo de cariño, respecto, ledicia ou relacións positivas a través dos movementos acompasados e sinérxicos dos seus corpos e xestos e miradas cómplices. Pola contra, amosouse o fogar como o escenario da máis cruel das violencias amosando un corpo sen vida, lembrando aos das oito mulleres que foron asasinadas no que vai de ano por mor da violencia machista.

Tamén houbo lugar para representar o enfrontamento, cunha escena que trouxo á mente do público xestos cotiás de maltrato que poden pasar desapercibidos para a sociedade pero que non deixan de ser parte da violencia machista.

Hernández e Ramírez interactuaron tamén coas/cos máis de 130 alumnas/alumnos do CPR da Inmaculada, IES Val do Tea e IES Pedra da Auga de Ponteareas, lanzándolles preguntas relativas a “ que pasaría se en vez de pesar como queremos vivir cada unha de nós de xeito individual pensáramos en como queremos vivir xuntas”, “como se relaciona a peza coa violencia machista” e “cal foi o papel que xogou a danza” na mesma.

A deputada provincial, Vicky Alonso, e a alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, amosaron a súa repulsa total ante as violencias machistas. Alonso, que aproveitou a ocasión para lanzar “unha mensaxe de ánimo” ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e desexar a súa pronta recuperación, subliñou que con actuacións coma esta “as mulleres do sector da cultura intentan concienciar a toda a veciñanza” da necesidade de acadar a igualdade á vez que se busca acadar o obxectivo da “Violencia Zero”. Na súa intervención tamén puxo o foco nas realidade que viven moitas mulleres que ven como a violencia machista chega tamén as súas fillas e fillos e rematou destacando que “temos igualdade de dereitos, merecemos telos e temos que acadalos e conseguir esa igualdade. Debemos poñerlle fin ás violencias machistas que estamos a sufrir”.

Pola súa banda, Cristina Fernández manifestou que a desigualdade que sofren as mulleres é “un grave problema que temos a nivel social, económico e cultural”. Esta acción, subliñou, tivo “un contido especial con que se puxo de manifesto esta situación, á vez que se sensibiliza e conciencia” sobre a mesma. Para Fernández a peza recordou o sufrimento de moitas mulleres durante o confinamento, cando se “viron obrigadas a convivir co seu maltratador nunha situación que non soamente lle afectou a elas, senón tamén ás fillas e fillos”.

“Conversa: cuarto ou morada” foi a duodécima acción da VI edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Para o que resta de 2021 contará con outras 13 actividades en diferentes concellos da provincia ata os que a Deputación levará performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música para reivindicar, dunha vez por todas, o fin da violencia machista.

Un motorista resultou ferido de consideración en Mos tras chocar cun turismo que continuou a marcha

0

Un motorista resultou ferido na tarde de onte despois de ser alcanzado por un turismo que continuou a marcha.

Segundo a persoa particular que chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica para o ferido, o accidente ocorreu ás 16:30 horas na estrada que une o concello pontevedrés de Mos ao Polígono de Veigadaña, á altura do lugar da Porteliña.

De acordo co seu relato, o outro vehículo implicado no accidente, un turismo, xa non estaba no lugar. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, decontado, informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar.

Malia que, minutos despois, a aeronave tomou terra no mesmo lugar dos feitos, finalmente, o ferido foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Co fin de coñecer as circunstancias do suceso, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Igualmente, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Porriño, do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e dos membros de Protección Civil da localidade.

A Xunta presenta no monte Aloia de Tui a iniciativa de Voluntariado Ambiental en espazos protexidos e esgota todas as prazas dispoñibles

0

A Xunta de Galicia estreará este mes un novo programa de voluntariado ambiental que, a día de hoxe, xa esgotou as 228 prazas ofertadas para poder participar nalgunha das 20 actuacións proxectadas nos próximos meses en diversos espazos naturais. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañadas polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentaron onte o programa no Parque Natural Monte Aloia, un dos lugares que acollerá esta iniciativa, impulsada por ambos departamentos.

Ángeles Vázquez adiantou que están programadas accións nos seis parques naturais da Comunidade; no Parque Nacional das Illas Atlánticas; nas reservas da biosfera Terras do Miño, na do Eo, Oscos e Terras do Burón, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e na do Xurés-Gêres; así como noutros espazos protexidos polo seu valor medioambiental, como os ZEC Ancares-Courel e Canón do Sil ou o Xeoparque Montañas do Courel.

En cada unha delas, o traballo dos participantes consistirá, basicamente, na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Precisamente, o novo programa comezará esta fin de semana no Xeoparque —o único declarado pola Unesco no noroeste de España— e prolongaranse ata o mes de setembro. No caso concreto do Monte Aloia as accións de voluntariado están programadas para os días 13, 14 e 15 de agosto.

Respecto e coidado pola natureza

Pola súa banda, a conselleira de Política Social destacou que a finalidade deste programa é fomentar a cooperación e o traballo desinteresado desde unha perspectiva interxeracional, á par que se impulsa o respecto e o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural.

[su_image_carousel source=”media: 35982,35984,35985,35986″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Neste sentido, Fabiola García resaltou a xenerosidade e entrega que caracteriza aos galegos, un feito que se reflicte en que Galicia é un dos referentes no ámbito do voluntariado en España, pois conta con máis de 1.000 entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria e máis de 9000 voluntarios activos nos programas da Xunta.

Conservación da biodiversidade

Con esta nova acción dáselle continuidade ao proxecto LEWO, o programa de voluntariado ambiental para mozos impulsado por ambas consellerías e a través do cal se acometeron 60 actuacións entre 2018 e 2020. Vázquez Mejuto amosou a súa confianza na resposta que darán os voluntarios galegos ante a oportunidade de volver traballar no mantemento e conservación dalgunha das principais xoias naturais da Comunidade.

De feito, no acto de presentación tamén participou Noelia Rodríguez, unha das rapazas que hai ano e medio formou parte do proxecto LEWO colaborando na reconstrución da Muralla Ciclópea, no Monte Aloia, un espazo do que, dixo, quedou namorada. “A verdade é que non coñecía este parque natural e ter a posibilidade de ir cuns grandes profesionais que nos ían explicando todo é un privilexio. Tiven a sorte de aprender moito”, declarou.

Este tipo de programas son de grande importancia para unha Comunidade que aspira a que o 42 % do seu territorio estea amparada baixo algunha figura de protección. Así, a Xunta opta aos fondos europeos do plan de recuperación estatal cun ambicioso proxecto para a conservación da biodiversidade e do patrimonio na Rede de parques naturais de Galicia. O orzamento total das medidas a executar é de 16 millóns de euros, contía que permitiría actuar sobre máis de 800 hectáreas, apostando pola mellor adaptación ao cambio climático destes espazos protexidos.

Ponteareas modernizará o Mercado Municipal coa súa reforma integral e a humanización da súa contorna

A alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fernández Davila e a concelleira de Promoción Económica, a nacionalista Eva Gil, presentaron o anteproxecto de reforma arquitectónica e rehabilitación integral do Mercado Municipal e humanización do seu entorno, nunha reunión con representantes dos praceiros e praceiras.

O anteproxecto está precedido dun estudo realizado hai máis dun ano no que se analizou a potencialidade do Mercado, os seus problemas e as melloras que se debían introducir para dar viabilidade ao futuro deste centro comercial municipal que precisa modernizarse para adaptarse aos novos tempos.

O estudo concluíu que a Praza de Abastos ten un grandísimo potencial pola súa localización céntrica, amplas instalacións e a tradición de consumo, especialmente do peixe como produto estrela, ao que agora se suman outros negocios que apostan polo produto local. A isto débese engadir a existencia en Ponteareas dun amplo sector de poboación nova, interesada na gastronomía e na saúde alimentaria, que demanda produto de calidade e local que pode ser ofertado na Praza de Abastos. Para converter o Mercado nun espazo comercial moderno e atractivo redactouse o anteproxecto de reforma arquitectónica agora presentado.

Segundo a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, “trátase dunha ambiciosa proposta de reforma integral do edificio, que implica a redistribución e mellora da calidade dos espazos interiores actualizando os seus servizos para transformar a Praza de Abastos nun lugar atractivo e agradábel ao que ir mercar e traballar, habilitando ademais un aparcadoiro na planta baixa da edificación”.

[su_image_carousel source=”media: 35992,35991,35990,35994″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Para iso, prevese a utilización de novos materiais máis cálidos, unha substancial mellora da iluminación natural e a recuperación do edificio orixinal, incluída a súa cuberta, que sofreu deterioro e modificacións importantes e negativas ao longo de décadas.

Para a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “un dos aspectos máis novidosos da proposta é que, ademais da reforma do edificio, se contempla a humanización de todo o seu entorno, abrindo o Mercado Municipal cara o parque da Perillana, para que se converta nun punto de conexión atractivo entre a zona antiga de Ponteareas e a zona máis nova de Avenida de Castelao e arredores”.

Na proposta, os laterais exteriores do Mercado, actualmente degradados e cun aspecto deplorábel, refórmanse para convertelos en lugares agradábeis de estancia das persoas con actividades hostaleiras e comerciais e corredores que se poden empregar como zonas de paso para desprazarse comodamente dende A Perillana cara o centro da vila. Estas actuacións, unidas á humanización da Praza Doutor Fernández Vega executada o pasado ano, converterán o Mercado Municipal nun punto neurálxico do centro urbano como lugar de compras, espallamento e ocio para a veciñanza.

A proposta, que segundo Eva Gil “marcará un antes e un despois para o Mercado e o seu entorno”, encádrase no obxectivo global de mellora da vila de Ponteareas, que contempla obras xa en execución e novos proxectos de humanización para converter a localidade nun exemplo de vila saudábel con elevada calidade de vida.

A Aula CeMIT de Ponteareas ofrece novos cursos totalmente de balde

A concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, que dirixe Benito Márquez, informou hoxe da apertura do prazo de inscrición dos novos cursos que oferta a Aula CEMIT de Ponteareas, situada no Centro Social, na rúa Oriente.

Neste mes de maio, a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos de manexo básico de móbil Android e de ordenador e navegación; cursos que serán presenciais e en grupos reducidos, que teñen o obxectivo de mellorar o seu manexo do teléfono móbil/tableta e das súas aplicacións para a procura de información, para a realización de xestións coas administracións e para facilitar ferramentas dixitais que lle axuden no ámbito social e familiar. Tamén haberá cursos online de iniciación ao WordPress, cursos de deseño gráfico con software libre (Inkscape) e sobre a creación de publicacións na nube (CANVA).

A inscrición nos cursos pode realizarse na ligazón https://cemit.xunta.gal/gl/centro/59

O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención da aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30hrs.

A aula CEMIT ofrece formación informática totalmente de balde, axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía. Por este motivo, o responsable dos cursos recorda que as persoas interesadas poden achegar á aula CEMIT suxestións para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

“O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, explica Benito Márquez. O concelleiro sinala que tamén se busca “fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEMEs as vantaxes da Sociedade da Información”. Márquez animou á veciñanza “a que se anoten nos diversos cursos e aproveiten esta oportunidade”.

Para obter máis información ou trasladar as súas necesidades formativas, as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de whatsapp no número de teléfono 634 238 962 ou de correo electrónico [email protected].

A Guarda expoñerá os poemas de Xela Arias nos comercios da vila

0

A Concellería de Cultura da Guarda ideou unha programación en torno a Xela Arias centrada en divulgar os seus poemas entre os guardeses.

Xela foi docente do Instituto da Sangriña, e tralo seu pasamento, a súa figura seguiu viva a través do certame de poesía “Xela Arias” que  o Instituto da Sangriña mantivo durante case unha década, cunha destacable repercusión e calidade nos poemas concursantes e gañadores. Conscientes de que a poesía é un xénero menos seguido polos lectores e a figura desta singular poeta é pouco coñecida pola gran parte dos nosos veciños, quixemos centrarnos en levar a súa obra á rúa. E por iso propomos encher os escaparates dos  comercios cunha selección de poemas.

Os comercios que queiran adherirse á iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a [email protected] indicando o nome do comercio e a súa localización.

Os poemas estarán impresos sobre unha superficie ríxida nunhas dimensións de 40x70cm. que os comercios acomodarán no seu escaparate como mellor consideren.

Os carteis deberán permanecer colocados durante un mes, comezando na semana do 18 de maio, ata a semana do 18 de xuño.

Ademais desta iniciativa, a Concellería de Cultura organizou outras dúas actividades centradas tamén na divulgación da súa obra: unha lectura conxunta de poemas o sábado 22 de maio, con participación de alumnado do IES A SANGRIÑA e un espectáculo baseado no poemario Intempériome para o sábado 29 de maio no Centro Cultural. 

O alcalde da Cañiza solicita á Xunta a dotación dun camión e equipos de excarceración para o GES

0

Segundo explicou esta mañá o alcalde Luis Piña, no Pleno celebrado o 15 de abril, a Corporación votou a creación dun GES na Cañiza, adheríndose ao Convenio Marco suscrito entre a Xunta, a FEGAMP e a Deputación de Pontevedra en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, polo que A Cañiza pasou a formar parte dos 29 GES de Galicia.

Para poñer en funcionamento este Grupo, o alcalde solicitou oficialmente o pasado 28 de abril á Vicepresidencia 1ª da Xunta, a dotación e achega dos medios necesarios para cumprir co obxectivo de atender á poboación no menor tempo de resposta posible, dun xeito áxil e eficiente considerando que vivimos nun territorio de montaña, cunha complexa orografía, caracterizado pola dispersión poboacional e a existencia de núcleos e zonas con viais estreitos e de difícil acceso.

O anexo III do Convenio Marco, referente aos medios materiais cos que contará cada GES co fin de proporcionar un servizo de calidade, axustado ás tarefas encomendadas, dispón que o Grupo debe contar cun vehículo todoterreo, vehículos de extinción, batelumes, ferramentas e EPIS.

Para solicitar estos vehículos e equipamentos, o alcalde apela ao tratado persoalmente co Vicepresidente 1ª da Xunta e á cláusula oitava do Convenio no referente ao financiamento dos GES en materia de emerxencias e extinción e incendios, que no apartado 2 recolle que tanto a Dirección Xeral de Emerxencias como a Dirección Xeral de Administración Local e a Consellería de Medio Rural achegarán financiación para cubrir os gastos correntes en servizos e bens.

En base ao anterior dende o Concello se solicitou á Xunta a achega  dun  camión de extinción de incendios, 1 vehículo tipo autobomba urbana lixeira para afrontar primeiras intervencións nun lume urbano nas zonas de difícil acceso, equipos de excarcelación e demáis material e efectivos de emerxencias e EPIS e vestiario específico para poder contar con profesionais ben equipados.

O DOG publica a oferta pública de emprego de Sanidade para 2021 cun total de 1.215 prazas

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a oferta pública de emprego do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o presente ano, que inclúe un total de 1.203 prazas. Con esta oferta, a Comunidade Autónoma galega esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 110 por cento.

A nova oferta de prazas do departamento sanitario galego engádese ás aprobadas por este organismo de xeito continuo desde o ano 2012, o que supón, no total do período, de 8.112 prazas.

O obxectivo é dar resposta ás necesidades asistenciais e organizativas identificadas como prioritarias polo Servizo Galego de Saúde, con especial atención aos ámbitos asistenciais cunha maior demanda de efectivos, e de necesario reforzo no actual contexto de crise sanitaria derivada da pandemia da covid, como a medicina de familia e, principalmente, enfermaría e as súas especialidades.

648 prazas para enfermaría e as súas especialidades

O total de prazas ofertadas para o colectivo de persoal licenciado sanitario é de 65, das cales 60 corresponden a médico de familia. Así mesmo, no que atinxe ao colectivo de persoal sanitario diplomado e de formación profesional, o total de prazas que se oferta é de 686. Destas, 604 corresponden á categoría de enfermaría, unha cantidade que sumada ás 466 incluidas nos decretos de 2019 e 2020, permitirán desenvolver un proceso selectivo para a cobertura de 1.070 prazas desta categoría.

Con esta oferta, continúase a impulsar a progresiva dotación de prazas e a incorporación de persoal fixo das especialidades de enfermaría, coa aprobación de 44 novas prazas das especialidades de saúde mental, familiar e comunitaria, pediátrica, e obstétrico-xinecolóxica.

Cómpre remarcar, así mesmo, que se ofertan cinco prazas para a categoría de técnico superior en dietética, categoría recentemente creada polo Servizo Galego de Saúde.

Ademais, reforzarase o emprego fixo nas categorías de persoal de xestión e servizos, cun total de 452 prazas, entre elas, 220 para celador, 155 para o grupo auxiliar da función administrativa, e 18 para traballadores sociais.

Sinalar, así mesmo, que o sistema selectivo será o de concurso-oposición, e respectará os principios de libre concurrencia, igualdade, mérito e capacidade.

Do total de prazas, reservaranse un total de 61 delas para o acceso a persoas con discapacidade xeral, e 25 con discapacidade intelectual, así como as correspondentes para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

Nos mesmos termos que no decreto de oferta do ano anterior, inclúese a previsión expresa de que os baremos de méritos dos procesos selectivos das categorías/especialidades de medicina deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos en hospitais comarcais ou centros de saúde illados.

Esta oferta pública de emprego súmase a outras medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade para dar estabilidade aos profesionais como son, o Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas, aprobado en Mesa Sectorial en marzo de 2017, e o nomeamento de continuidade para médicos de familia e pediatras de atención primaria, aprobado en Mesa Sectorial en xaneiro de 2019.

Oferta para persoal sanitario funcionario

No mesmo Diario Oficial, tamén se publica a oferta de emprego público para o presente ano correspondente a diversas clases de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, que supón un total de 12 prazas que, sumadas ás ofertadas nos anos 2018, 2019 e 2020, permitirán a incorporación de preto de 100 profesionais no ámbito da inspección sanitaria e a saúde pública. Esta oferta esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada polo Estado.

A oferta, que reforzará áreas prioritarias como a inspección sanitaria e a saúde pública, concrétase nas clases de inspector médico (3 prazas); farmacéutico inspector de saúde pública (6 prazas); e subinspector sanitario (3 prazas).

Gondomar súbese ao autobús do Centro Dramático Galego

0

O Concello de Gondomar vén de abrir a inscrición para que cincoenta persoas poidan asistir á representación, en Santiago, do espectáculo ‘Terceiro Acto’ do Centro Dramático Galego (CDG) que terá lugar este vindeiro sábado, 8 de maio ás 18 horas.

A inscrición será por rigorosa orde de chegada das solicitudes e o prazo pecharase o día 7 de maio ás 14:00 horas –ou ata cubrir prazas–. A solicitude pode realizarse no Departamento de Cultura na planta baixa da Casa de Cultura de Gondomar de 9:00 a 14:00 e no email [email protected].

O transporte cortesia do CDG, será gratuito, e a billeteira do espectáculo terá prezo amigo de 6 € persoa que se pagarán o mesmo sábado.

‘Terceiro Acto’

Dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, reúne un elenco de facianas moi coécidas para o público: Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera y Eduardo R. ‘Tatán’ protagonizan esta peza, que ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.

Actores e actrices intégranse nas personaxes, que son eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as suas emocións nunha viaxe apaixoante ao través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia.

Unanimidade en Salceda para pedir a reposición do Acueducto do Pontillón

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda aprobou por unanimidade a moción presentada polos grupos de goberno (MS e PSOE) para a protección do patrimonio natural fluvial existente no río Caselas, pedindo expresamente a reposición do acueducto do Pontillón entre as parroquias de Caldelas e Arantei ,que recentemente foi desmontado durante a execución das obras de “Mellora da permeabilidade no río Caselas”, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A “Mellora da permeabilidade no río Caselas” forma parte do proxecto “Migra-Minho”, desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas portugués. Este proxecto ten unha grande importancia para o medio ambiente e para o biodiversidade dos nosos ríos. O problema chega, cando non se ten en conta a protección do Patrimonio Cultural e Etnográfico e se tratan como meros obstáculos para o remonte das especies migradoras.

O concelleiro de Patrimonio, Alex Rodríguez, defendeu a moción lembrando que os elementos como muíños, peiraos, levadas, pesqueiras, acueductos e batáns son bens patrimoniais que forman e formaron parte da nosa economía de subsistencia a través dos séculos, da nosa historia, da nosa etnografía, da nosa poesía, das nosas cantigas, e como non, da nosa memoria.

A sorpresa neste punto deuna o Partido Popular de Salceda, que decidiu infravalorar a iniciativa, manifestando que esta non era de interese para a veciñanza de Salceda a pesar de estar a falar do río que dá nome ao municipio.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, trasladoulle o seu agradecemento ás promotoras da moción, nomeadamente a Silvia Soutelo, presidenta da Asociación patrimonial e etnográfica Acueducto de Caldelas, pola defensa férrea que están a facer do patrimonio vinculado ao Río Caselas, facendo súas as palabras da Presidenta: “O patrimonio galego será tido en conta e respetado se todos e todas o poñemos en valor e velamos por el”.

Dúas alcoholemias positivas nun control preventivo da Policía Local da Guarda

0

A Policía Local da Guarda, en colaboración da Dirección General de Tráfico(DGT), recibiu en préstamo un aparello para a realización das probas de control de alcohol en aire expirado. Deste xeito, dende a semana pasada iniciouse unha campaña de control da seguridade vial en rúas da vila, que deu coma resultado dúas alcoholemias positivas.

[su_image_carousel source=”media: 35953,35955,35956″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Neste operativo, no que se controlaron un total de 10 vehículos, detectáronse dúas alcoholemias con resultado positivo, cun resultado de dúas sancións administrativas.

Dende a Concellería de Tráfico do Concello da Guarda apelase á responsabilidade dos condutores para evitar, na medida do posible, situacións de risco nas estradas.

O Porriño presenta a programación co motivo do Día das Letras Galegas

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Porriño (OMIX), xunto coa Concellería de Normalización Lingüística, trae o programa “A mocidade coas Letras Galegas 2021”. Mañá martes 4 de maio, na Praza do Cristo, celebrarase o Día das Letras Galegas 2021 dedicado á poeta Xela Arias, en horario de mañá, cunha duración prevista de catro horas, desde as 10:00 horas ata as 14:00 horas.

O remate da actividade será coa instalación das pancartas conemorativas polo Día das Letras Galegas nas fachadas dos edificios do Centro Cultural Municipal e do Concello do Porriño, onde permanecerán expostas durante todo o mes.

Con esta iniciativa, promóvese o uso da lingua galega entre a mocidade a través dun achegamento máis atractivo e usando os seus códigos nas actividades alternativas baseadas na cultura urbana, concretamente no “rap”. Partindo de contidos culturais relacionados coa nosa comunidade e a nosa contorna, motivamos a nosa rapazada a participar en proxectos creativos.

Por outro lado, dignificase a lingua galega, usando como vínculo artístico, musical e plástico, a figura de Xela Arias, aportando o recoñecemento da poeta e toda a súa traxectoria vital.

Con “A mocidade coas Letras Galegas 2021”, no Porriño, tamén contribuímos a promover e dar visibilidade as actividades de carácter artístico e o uso da lingua galega a través deste programa mediante a súa publicación nas redes sociais, páxinas web e noutros medios de comunicación e difusión.

Exposición sobre Xela Arias

Por outra banda, a Concellería de Normalización Lingüística, informa que o vindeiro xoves 6 de maio terá lugar a inauguración da exposición sobre Xela Arias titulada “A poesía do retrato”, que se amosará no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. A mostra permanecerá aberta ata o 30 de maio.

Para asistir á inauguración que comezará ás 19:00 horas é necesaria inscrición previa a través do correo electrónico [email protected].

Aberto o prazo de inscrición no Conservatorio Municipal de Música de Gondomar

0

O Concello de Gondomar informa de que xa está aberto o prazo de inscrición, durante todo o mes de maio, para o acceso ao 1º curso no Conservatorio Elemental de Música de Gondomar para o vindeiro curso 2021/2022.

No momento de realizar a solicitude de acceso, poderase escoller entre varios instrumentos como clarinete, saxofón, violín, viola, guitarra ou piano, e actividades complementarias como orquestra, coro, concertos, conferencias e moito máis.

Toda a información necesaria poderá consultarse a través dos números de teléfono 986369746 (mañás) ou 986389283 (tardes). Tamén estará dispoñible na páxina web: www.edu.xunta.gal/centros/cmuselementalgondomar/; ou enviando un correo electrónico a: [email protected].

O INJUVE recolle na súa guía de exemplo de boas prácticas, dúas realizadas polo Concello de Tomiño

0

O Instituto da Mocidade de España (INJUVE), recolle na súa guía de exemplos de boas prácticas 111 experiencias realizadas nos últimos anos polas distintas oficinas de información xuvenil do país, dúas delas levadas a cabo pola OMIX Tomiño.

Coa colaboración da Rede de Servizos de Información Xuvenil (RedSIJ), o instituto presenta un catálogo en liña de accións, proxectos e programas destinados ás persoas novas no ámbito local e rexional. É o resultado da convocatoria de Experiencias Locais de Mocidade que o INJUVE puxo en marcha este ano para recoñecer o labor das administracións locais e entidades do sector público no seu traballo coa mocidade.

Os dous programas do Concello de Tomiño aparecen recollidos nos apartados de “voluntariado” e “lecer e tempo libre”, cos nomes de “Voluntariado local” e “Pontes de Papel”, respectivamente.

“O noso obxectivo é facilitar o coñecemento de boas prácticas, compartir as metodoloxías empregadas nelas, e pór en valor aspectos de innovación, co ánimo de que poidan ser reproducidas noutros ámbitos territoriais”, explican dende o INJUVE.

O proxecto “Pontes de Papel” ten coma obxectivo o enriquecemento cultural da mocidade tomiñesa, a través do intercambio de cartas manuscritas con mozos e mozas doutros países do mundo coma México, Rusia, Nova Zelanda, Angola, China, etc.

Por outra banda, a creación do grupo de voluntariado remóntase ao ano 2003, constituíndo un

exemplo de innovación na comarca. Coa finalidade de promover a participación real da xuventude no desenvolvemento da sociedade, organízanse numerosas actividades culturais, formativas, de lecer e tempo libre, e un longo etcétera.

As experiencias recibidas foron agrupadas por áreas temáticas para facilitar a súa consulta; arte e cultura; emancipación, emprendemento; igualdade; información xuvenil e participación cidadá; medio ambiente; lecer e tempo libre; saúde e voluntariado.

Outros concellos de Galicia que aparecen tamén na guía de boas prácticas con diferentes programas, son os de Cangas de Morrazo (“Rede de Correspondentes XUVENIS 3.0”), Ribadavia (“Seeds Of Europe / Semente de Europa – SE?”), Coruña (“Nocturnia”), Lugo (“Campaña de Nadal en casa en TIKTOK”), Lugo (“Masterclass online de nutrición”), Narón (“Proxecto de educación para a saúde con adolescente en centros escolares”) e Siero (“Siero Vive, Encuentro Nacional de Arte Urbano”).

O listado completo das experiencias recollidas pola publicación do INJUVE pode consultarse en: http://www.injuve.es/conocenos/noticia/experiencias-locales-redsij-de-trabajo-con-jovenes.

O Trofeo Repsol coroa aos novos reis da Primavera en Baiona

0

A 43ª edición da Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates baixou o pano este domingo en Baiona coa coroación dos seus novos campións e a entrega de premios ás tripulacións que resultaron vencedoras das dúas regatas disputadas esta fin de semana nas Rías Baixas.

Tras unha primeira etapa na que os veleiros tiveron que circunnavegar as Illas Cíes , a segunda e última proba iniciábase este mediodía en Baiona con moita máis expectación que vento. O comité de regata tivo que atrasar a hora de inicio da proba porque o vento era insuficiente pero a situación foi mellorando e conforme avanzou a travesía chegáronse a alcanzar máximas de 15 nós, o que axilizou a navegación dos veleiros.

A ría de Vigo foi o escenario elixido para o percorrido de todas as clases, con máis ou menos millas dependendo da categoría, e pasos obrigados por zonas como Carallones, Toralla ou Subrido, para regresar de novo a Baiona.

CLASE ORC 1-2

Na clase ORC 1-2, o Yess Racing do portugués Rui Ramada, con grímpola do Monte Real Club de Iates consolidou a vitoria que arrastraba desde a primeira xornada, e con dous triunfos nas dúas probas disputadas, fíxose co ouro da competición. A segunda e terceira posición tampouco variaron con respecto ao primeiro día, e a prata e o bronce foron para dous barcos do Real Club Náutico de Vigo: o Aceites Abril liderado por Luís e Jorge Pérez Canle; e o Magical de Julio Rodríguez.

CLASE ORC 3

Onde máis saltos houbo nesta última xornada do Trofeo Repsol foi na clase ORC 3, na que o Bosch Service Solutions de Ramón Follea, do Club Marítimo de Canido, logrou desbancar da primeira posición ao Deep Blue 2.1 de Vicente Cid, do Real Club Náutico de Vigo, que era un dos favoritos para facerse coa vitoria, pero que se tivo que conformar finalmente co segundo posto. A Burla Negra de Juan José Martínez, do Club Náutico Castrelo de Miño, conseguiu escalar unha posición e coouse no terceiro banzo do podio final.

CLASE ORC 4

Na clase ORC 4 houbo sorpresas inesperadas. Un dos favoritos para facerse co título, o Balea Dous de Luís Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira, foi descualificado por un incumprimento do regulamento de cruceiro relacionado co peso da tripulación e quedou sen os ansiados loureiros, que finalmente foron a parar ao Nahela de Víctor Álvarez, do Club Náutico Alagua. O Albarellos de Fernando Rey, do Monte Real Club de Iates; e o Forza Catro de Victor Fernández, ocuparon o segundo e terceiro posto da clasificación final.

CLASE ORC A2

Na competición dos A2, con tripulacións reducidas ao máximo, o Q Talento de Javier Rey e Jorge Xusto, do Monte Real Club de Iates, repetiu o primeiro debido a que lograra na xornada inaugural e fíxose coa vitoria final, converténdose así en firme aspirante ao título de campión galego de A2, que se disputará en apenas unhas semanas en Baiona. O Alalunga de Rodrigo Rodríguez e Carlos Cárdenas, do Club Marítimo de Canido; e o Cinco Illas Albariño de Iñaki Carbajo e Miguel Fins, do Club Náutico de Beluso, quedaron segundo e terceiro.

CLASE J80

O Okofen de Javier da Gándara volveu ser o máis rápido entre os monotipos J80, que competiron en tempo real. Finalizou primeiro a proba e tras facer pleno de vitorias, levou o trofeo de campión da Regata de Primavera. No resto de chanzos do podio houbo intercambio de posicións. .O Marías de Manel Marías, que viña terceiro, subiu ao segundo posto; e o Maija de José Luis Pérez, que ostentaba a prata provisional, acabou co bronce.

CLASE FÍGARO

Na clase Fígaro, na que competían os catro veleiros de mulleres do proxecto Vela en Feminino do Monte Real e outros dous barcos mixtos, o triunfo, tras vencer nas dúas xornadas regateras, foi para o Tutatis de Miguel Montes. O Bouvento de Alejandro Vázquez e o Ladeira de María Teresa Valladares quedaron en segunda e terceira posición.

A xornada regatera deste domingo finalizou en terra coa entrega de premios aos gañadores das diferentes categorías, uns trofeos que se encargaron de entregar o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez; a xefa de Mariña e Pesca de Repsol, Inés González Megido; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o deputado de Deportes de Pontevedra, Gorka Gómez; e o xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

[su_image_carousel source=”media: 35922,35921,35925,35924,35920″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A PRÓXIMA CITA: O CAMPIONATO GALLEGO DE DOUS EN DOUS

Tras a celebración do Trofeo Repsol – 43ª Regata de Primavera, o Monte Real Club de Iates aproxímase xa ao ecuador das súas competicións de cruceiro programadas para este ano 2021, un punto que alcanzará o próximo 5 de xuño coa celebración do Campionato Gallego de dous en dous, para ORCs e J80s. O club baionés organiza a cita por delegación da Real Federación Galega de Vela. Será o décimo ano consecutivo que o Monte Real encárgase desta competición, que este ano é, ademais, VII Memorial Rafael Olmedo, en honra ao que fose o seu presidente durante máis de 40 anos, falecido en 2015.

SmartPeme pon en marcha esta semana catro obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre como comercializar en liña experiencias gastronómicas, editar fotografías co móbil, configurar o PC segundo a actividade e unha introdución ao inbound marketing.

En concreto, este martes 4 impartirase o obradoiro “Comercialización en liña de experiencias gastronómicas”, estará a cargo de Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas, quen falará da importancia de saber promocionar a nosa oferta gastronómica como elemento clave no posicionamento como destino turístico. O mércores, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá “Edita as túas fotografías co teu teléfono móbil: Snapseed, obradoiro práctico onde usarase a aplicación para probar e explorar as súas posibilidades.

Para finalizar a semana, o xoves 6, será a quenda de dous obradoiros, o primeiro leva por título “Configuración óptima dun PC segundo a actividade para realizar I” a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen ensinará ao usuario a elixir correctamente a configuración do seu PC segundo a súa actividade empresarial; por último, Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá o obradoiro “Introdución ao Inbound Márketing II”, dando continuidade ao anterior, onde se fala da metodoloxía non intrusiva da publicidade dixital.

O Concello de Nigrán instala unha pérgola na Escola Infantil As Dunas e esquineiros para o CEIP de Mallón

0

O Concello de Nigrán ven de investir 10.000 € en sendas actuacións demandadas pola comunidade escolar para a Escola Infantil As Dunas (Panxón) e o CEIP Mallón. En concreto, investíu 8.000 € na instalación dunha pérgola fabricada a medida para facilitar a saída das crianzas de Panxón nos días de choiva ou mesmo a espera das familias, así, a armazón cubre o corredor exterior desde a porta de acceso ao cole á de entrada ao recinto.

CEIP de Mallón, Nigrán

Igualmente, o Concello instalou 30 protexe-esquinas de 2 cm de espesor e 1,5 m de altura en 10 columnas do CEIP de Mallón cun custe de 1.500 €.

“No caso da Escola Infantil As Dunas era unha actuación demandada desde hai tempo e que este curso se fixo máis patente ao ser as saídas e entradas ao centro máis escalonadas e, por tanto, menos áxiles. 

Ademais, os nenos agora poderán xogar fora tamén nos días de choiva, algo especialmente recomendable na actual situación sanitaria”, explica o alcalde, Juan González. Igualmente, tamén nesta escola, o Concello instalou recentemente un sistema antipánico na porta de entrada para facilitar a saída en caso de emerxencia (apertura no sentido da evacuación cunha barra de empuxe, un dispositivo de fácil e rápida apertura sen empregar chave e sen precisar máis mecanismos).

A Xunta retoma esta semana as tarefas de limpeza nas vías de alta prestacións na zona de Tomiño e A Guarda

A Xunta ten previsto retomar esta semana os traballos de roza e limpeza nas vías de altas prestacións C.G.-4.2, nos municipios de Tomiño e da Guarda, e V.G.-4.3, en Cambados e Vilagarcía. Ademais, continuará coas tarefas que están en marcha noutras vías da provincia de Pontevedra, así como nas de Ourense e da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, seguirán as actuacións iniciadas hai dúas semanas en máis de 40 estradas de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra.

Tamén continuarán as tarefas na provincia de Ourense, cos traballos de roza na OU-533, na Gudiña e na Rúa, e na estrada OU-636 na Pobra de Trives e Larouco.

Proseguiran, ademais, as tarefas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e Mugardos.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, que se veñen realizando ao longo do ano, céntranse, principalmente, na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

‘Conquistadoras’ chegará a Cesantes mañá 3 de maio para quedar exposta durante todo o mes no paseo marítimo

0

Unha vez rematado o seu tempo de exposición no paseo marítimo de Chapela, a mostra Conquistadoras, poderá ser visitada no paseo marítimo de Cesantes a partir do vindeiro 3 de maio onde quedará instalada durante todo o mes. A mostra continua, deste xeito, o seu percorrido polas parroquias de Redondela e cumprindo un dos seus obxectivos que non é outro que dar a coñecer á cidadanía o valor desas mulleres que deixaron patente a importancia do papel da muller na sociedade ao longo do tempo.

Conquistadoras amosa a historia do esforzo de moitas mulleres que, dende o seus ámbitos de vida persoais e profesionais, “foron quen de ‘conquistar’ o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles”, tal e como dixo a alcaldesa de Redondela e concelleira de Igualdade Digna Rivas na inauguración da mostra na Alameda Castelao.

A intención da exposición é achegar á veciñanza de Redondela un anaco da historia de Galicia e sobre todo “destas mulleres capaces de sobrepoñerse a todo tipo de adversidades para demostrar o que non debera precisar de xustificiación: calquera muller pode realizar os mesmo traballos que un home” asegura a rexedora redondelá.

Rostros e semblanzas biográficas de María Pita ou de María Castaña, –que na época medieval enfrontáronse con armas na man aos abusos do invasor inglés e da igrexa, respectivamente–; símbolos da cultura, coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán; mulleres que abriron o camiño para o acceso á universidade, coma Olimpia Valencia; mulleres conectadas co máis selecto da cultura mundial do seu tempo, coma Maruxa Mallo; pintoras, pianistas, xornalistas… forman parte desta exposición.

Cómpre salientar, con orgullo, que Galicia é berce de mulleres pioneiras en distintos eidos, sendo moitas delas as primeiras de todo o Estado español en chegar a ocupar eses postos “como sucede con María Luz Morales, a primeira muller en ser directora dun periódico de grande alcance (La Vanguardia); ou Irene González, quen foi a primeira porteira de fútbol nun equipo de homes”, lembra a alcaldesa de Redondela.

Nesa loita pola igualdade e polos dereitos da muller, as mulleres de Redondela tamén estiveron presentes por iso nesta mostra hai rostros de veciñas que forman parte da historia redondelá como Paulina Sánchez, Ernestina Otero, Rita Regojo, Rita Otero… pero tamén mulleres que hoxe en día triunfan nos seus ámbitos, como Cristina Codesido (xerente dos vermús Petroni, que etiquetan todo en lingua galega acadando unha proxección internacional), a atleta Ana Peleteiro ou a directora de cine, natural de Cesantes, Diana Toucedo”.

O carácter itinerante de Conquistadoras –ao igual que pasará con Mulleres da Illa actualmente exposta na Alameda Castelao–da cumprimento un dos obxectivo da Concellería de Igualdade: “que a loita pola igualdade, non quede cinguida a un so día, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano porque é o único xeito de acadar unha sociedade xusta, igualitaria e decente”, afirma Digna Rivas.

Nigrán abre o luns a inscrición para o Campamento de Verán que se celebrará entre o 23 de xuño e o 30 de xullo

0

O Concello de Nigrán abre do luns 3 de maio ao xoves 20 de maio o prazo de solicitude para participar no Campamento de Verán 2021 dirixido a crianzas nadas entre 2009 e 2018 (con 3 anos cumpridos ao inicio do mesmo) e que se celebrará nun centro educativo do municipio do 23 de xuño ao 30 de xullo. Como cada ano, está destinado a facilitar a conciliación da vida laboral, persoal e familiaras, estando as bases colgadas na web municipal www.nigran.es.

O campamento desenvolverase de luns a venres en horario de 9:00 h. a 14:00 h. con posibilidade de ampliación de 7:45h. a 15:15h. O prezo é de 75 euros en xornada reducida e 85 euros en ampliada, existindo bonificacións para familias con baixos recurso económicos cun prezo de 18,75 euros no horario reducido e 21,25 euros no segundo caso. As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Nigrán (por cuestións sanitarias, luns, mércores e venres de 9:00 a 14:00 horas). Igualmente, os formularios de inscrición poden recollerse no Rexistro Xeral do Concello, no Centro de Información ás Mulleres (CIM), ou descargalas da páxina www.nigran.org.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao CIM, teléfono: 986 383081, correo electrónico: [email protected].

O Rosal inaugura o seu renovado mercado municipal o vindeiro martes 4 de maio

0

O Rosal estrea o vindeiro martes 4 de maio o seu renovado mercado municipal. Será cun acto inaugural ás 10.30 horas aberto a todo o público no que participarán a alcaldesa, Ánxela Fernández; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a directora xeral de Agader, Inés Santé; membros da Corporación municipal e os propios praceiros e praceiras. Un grupo de gaitas e un cuarteto da Escola de Música do Rosal amenizarán o acto, que rematará coa visita do público asistente ás renovadas instalacións en grupos reducidos para garantir os protocolos de prevención establecidos polas autoridades sanitarias.

“Invitamos a toda a veciñanza a participar nun acto que vai ser histórico para O Rosal, que terá un mercado municipal moderno, dinámico, que funcionará como punto de encontro comercial e social”, salienta a rexedora. As obras desta primeira fase de renovación do mercado municipal tiveron un custo de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio.

O Concello abordou esta reforma integral do mercado municipal co obxectivo de convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente e que funcione como polo de atracción de novas persoas emprendedoras. O novo mercado contará con cinco postos comerciais que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita e horta e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e un novo posto en formato de tenda de conveniencia enfocado á venda e promoción dos produtos locais.

As obras desta primeira fase incluíron a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954, coa reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta no exterior e unha reforma xeral no interior para dar unha nova vida ao mercado, reciclalo e adaptalo ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias.

O mercado contará con horario especial de apertura tras o acto inaugural ata as 14.00 horas e de tarde de 16.00 a 19.00 horas.

O Concello de Redondela inspecciona as instalacións de URBASER

0

A Concellaría de Medio ambiente do Concello de Redondela, que xestiona Roberto Villar, realizou o pasado xoves a primeira inspección nas instalacións da empresa URBASER, concesionaria da recollida de lixo no municipio redondelán.

Dende hai un ano a Concellaría de Medio ambiente ven realizando un seguimento exhaustivo das deficiencias atopadas nos traballos desenvolvidos pola empresa URBASER, que culminou no pasado Pleno de Febreiro coa decisión de comezar un expediente de imposición de penalidades contra a empresa por incumprimento das prestacións do contrato da recollida do lixo, información da que nos facíamos eco neste xornal.

Paralelamente, a Concellaría de Medio Ambiente, “observando que a empresa segue a incumplir puntos do seu contrato”, decidiu executar varios dos puntos que constan no artigo 25 do contrato que, ata agora nunca se pediran á empresa adxudicataria”, sinala a Concellería, entre eles “esixir á empresa a información relativa á limpeza dos contenedores do lixo e por outra parte a información dos partes de traballo: as rutas e o número de camións que as executan durante cada servizo”.

Dependendo do resultado da auditoría e no caso en que os servizos municipais “comprobaran a existencia de diferencias entre os servizo prestados e os contratados esixirase os correspondentes axustes de unidades, sen perxuízo igualmente da imposición de penalidades”, conclúe a Concellería de Medio Ambiente

A comunidade escolar de Mos, concienciada co medio ambiente

0

Este pasado mércores, o alumnado de 5º e 6º cursos de Educación Primaria do CEIP de Atín-Cela –un total de 40 alumnos e alumnas–, fixo unha saída á zona dos Muíños da Salgueira, na parroquia de Pereiras para retirar lixo da zona, acompañados do veciño da zona, Daniel Lago Pérez, e de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Mos.

Segundo explica Daniel Lago “desde a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras viñamos de realizar previamente labores de desbroce na zona descubrindo moitos desperdicios que se atopaban ocultos baixo a masa verde”.

O certo, sinala Lago é que “tanto alumnado como profesorado do CEIP de Atín sensibilizáronse enormemente desde o principio, prestándose voluntarios para retiralo demostrando unha gran concienciación medioambiental”.

[su_image_carousel source=”media: 35860,35862,35861,35859″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Tal e como informan os mestres responsables desta iniciativa, Edu e Fani, “esta visita estivo emarcada dentro do programa presentado á Voz Natura e que, baixo o nome de Refugallo Cero, pretende concienciar ao alumnado sobre a importancia de ser cosumidores responsables, reducir os resudios xerados e reciclar. Así mesmo, procura concienciar ao alumnado sobre a contaminación que produce o noso lixo no entorno”.

Tratouse dunha saída tan medioambientalmente comprometida que ata os escolares non realizaron uso de ningún tipo de transporte, como o autocar, que producise emisións, senón que se dirixiron a pé desde o centro educativo ata a zona dos Muíños da Salgueira, onde ademáis de atoparse con veciños e veciñas do lugar -con algúns ata compartiron charla no lavadoiro- recibiron a visita dos concelleiros de Educación, Julia Loureiro, e de Medio Ambiente, Leo Costas.

Ponteareas ofrece axuda á veciñanza para a tramitación de subvencións

Durante este último mes téñense publicado distintas subvencións por parte das Administracións Públicas, co obxectivo de facilitar diferentes actuacións aos veciños e veciñas. Por ese motivo, dende a concellería de Emprego e Formación, que dirixe a socialista Vanesa Fernández, estase a prestar axuda a todas as persoas que queren informarse ou saber como tramitar ditas subvencións.

As últimas convocatorias que teñen saído son para proxectos de mellora enerxética, axudas dirixidas a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora, así como para o mantemento do autoemprego para as persoas emigrantes retornadas.

Tamén destacan as medidas complementarias de apoio a empresas e persoas autónomas pola pandemia da COVID-19, pola que se aproba un procedemento excepcional e temporal durante os exercicios 2021 e 2022 para a concesión de aprazamentos e/ou fraccionamentos do pago de débedas derivadas do reintegro e/ou reembolso de axudas ou de préstamos concedidos pola Administración Xeral do Estado.

Sen dúbida algunha, afirma Vanesa Fernández, “a subvención que está a despertar máis interese na cidadanía é o Programa Renove de electrodomésticos”, que subvenciona a adquisición de frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavaplatos e encimeiras de indución total. O importe da subvención pode chegar ao 25 % do prezo do electrodoméstico, 50 % ou 75 %, dependendo do tipo de consumidor.

Como esta subvención esixe a presentación por medios electrónicos, dende a Concellería que dirixe Vanesa Fernández estanse a poñer todas as facilidades necesarias para poder optar a esta subvención. “Calquera veciño ou veciña interesada pode poñerse en contacto coa Axente de Emprego e Desenvolvemento Local que lle resolverá cantas dúbidas teña”, afirma a concelleira socialista.