A Concellaría de Medio ambiente do Concello de Redondela, que xestiona Roberto Villar, realizou o pasado xoves a primeira inspección nas instalacións da empresa URBASER, concesionaria da recollida de lixo no municipio redondelán.
Dende hai un ano a Concellaría de Medio ambiente ven realizando un seguimento exhaustivo das deficiencias atopadas nos traballos desenvolvidos pola empresa URBASER, que culminou no pasado Pleno de Febreiro coa decisión de comezar un expediente de imposición de penalidades contra a empresa por incumprimento das prestacións do contrato da recollida do lixo, información da que nos facíamos eco neste xornal.
Paralelamente, a Concellaría de Medio Ambiente, “observando que a empresa segue a incumplir puntos do seu contrato”, decidiu executar varios dos puntos que constan no artigo 25 do contrato que, ata agora nunca se pediran á empresa adxudicataria”, sinala a Concellería, entre eles “esixir á empresa a información relativa á limpeza dos contenedores do lixo e por outra parte a información dos partes de traballo: as rutas e o número de camións que as executan durante cada servizo”.
Dependendo do resultado da auditoría e no caso en que os servizos municipais “comprobaran a existencia de diferencias entre os servizo prestados e os contratados esixirase os correspondentes axustes de unidades, sen perxuízo igualmente da imposición de penalidades”, conclúe a Concellería de Medio Ambiente