Un motorista resultou ferido na tarde de onte despois de ser alcanzado por un turismo que continuou a marcha.
Segundo a persoa particular que chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica para o ferido, o accidente ocorreu ás 16:30 horas na estrada que une o concello pontevedrés de Mos ao Polígono de Veigadaña, á altura do lugar da Porteliña.
De acordo co seu relato, o outro vehículo implicado no accidente, un turismo, xa non estaba no lugar. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, decontado, informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar.
Malia que, minutos despois, a aeronave tomou terra no mesmo lugar dos feitos, finalmente, o ferido foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
Co fin de coñecer as circunstancias do suceso, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Igualmente, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Porriño, do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e dos membros de Protección Civil da localidade.