O Pleno do Concello de Redondela debate este martes a incoación do procedemento administrativo para acordar a imposición de penalidades a empresa Urbaser “por incumprimento das prestacións do contrato da concesión administrativa da Xestión do servizo de recollida domiciliaria universal dos residuos sólidos urbanos e o seu transporte”.
O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, xa apuntaba no mes de decembro do pasado ano “a apertura dun expediente de penalidades contra a empresa de recollida do lixo por incumprimentos do contrato reiterados”. O proceso continúa e ten que ser agora o Pleno de Redondela quen ten que acordar a imposición de penalidades a empresa de recollida do lixo polos seguinte incumprimentos das cláusulas administrativas do contrato que apuntan os informes técnicos.
1. INCUMPRIMENTO: Que os contedores carecen da impresión necesaria. Xa que ningún contedor contén o horario e días nos que se poderá efectuar o depósito de lixo, a excepción dos que colocou a Concellería de Medio Ambiente. PRECEPTO INFRINXIDO CLÁUSULA 5 DO PREGO DE PRESCRICIÓNS TÉCNICAS: “Os contedores(debidamente homologados) instalaranse rotulados de xeito indelébel co emblema do Concello de Redondela, incluíndo a mención do horario e días nos que se poderá efectuar o depósito de lixo”.
2. INCUMPRIMENTO: Non realización do lavado de contedores, nos meses de xuño, setembro, outubro e novembro do ano 2020. PRECEPTO INFRINXIDO ARTIGO (3.A) DO PREGO DE PRESCRICIÓNS TÉCNICAS: “As operacións de lavado e desinfección da totalidade dos contedores coa seguinte frecuencia: todos os contedores para a recollida dos residuos non incluídos nas recollidas selectivas deberá efectuarse cando menos unha vez ao mes”.
3. INCUMPRIMENTO:Non recollida dos residuos na Zona B (parroquias) pola festividade do 20.04.2020 e o 03.11.2020,debendo realizar tres días de recollida á semana segundo a oferta e modificar un día da recollida cando coincida en festivo. De forma que non se substitúe o día festivo por outro día da semana anterior ao festivo, tal como se lle require. PRECEPTO INFRINXIDO CLÁUSULA 4 DO PREGO DE PRESCRICIÓNS TÉCNICAS:” A recollida dos residuos non incluídos no sistema de recollida selectiva realizarase dúas veces á semana. No caso de que a data de recollida coincida con festivo poderase cambiar o día, sempre mantendo a frecuencia de dous días semanais”En relación ás mellores ofertadas pola empresa adxudicataria que se recollen no documento de formalización do contrato:“a ampliación do servizo de recollida de residuos na zona B un día mais á semana(xoves ou mércores) dependendo do equipo en horario de 06.00 a 13.00 horas”.
As sancións económicas marcaranse no Pleno do mes de marzo unha vez recibidas e estudadas as alegacións da empresa concesionaria que se enfronta a infracións leves e graves por incumprimento reiterado do contrato.