Baixo o mellor acompañamento musical dun grupo de gaitas e un cuarteto da Escola de Música local, e cunha nutrida presencia de veciños e veciñas, así como de representantes municipais de todos os concellos do Baixo Miño, o emblemático edificio do Mercado do Rosal estreou hoxe por todo o alto a súa renovada imaxe. Trátase do primeiro paso dunha reforma impulsada polo Concello que ten como obxecto converter este inmoble nun espazo vivo co que propiciar o comercio de proximidade e o consumo dos produtos da zona e, con eles, a dinamización do núcleo do Rosal económica e socialmente. A obra, que tivo un orzamento de máis de 207.000 euros, contou cunha achega do Plan Concellos da Deputación por 161.261 euros.
Amais da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a inauguración contou coa presencia da presidenta provincial Carmela Silva, do deputado Santos Héctor Rodríguez, da directora xeral de Agader, Inés Santé, así como das alcaldesas de Tomiño, Sandra González, e de Oia, Cristina Correa, e as concelleiras de Tui e A Guarda, Ana María Núñez e Fátima Rodríguez, respectivamente. Un feito que precisamente quixo destacar na súa intervención Carmela Silva, que puxo como exemplo de bo facer o traballo conxunto destes concellos pola transformación do Baixo Miño e a súa unión en cuestións como o peche dos postos fronteirizos ou na solicitude para reclamar fondos europeos.
![](https://www.comarcasnarede.com/wp-content/uploads/2021/05/Inauguracion-Mercado-Municipal-do-Rosal-2-1024x683.jpg)
“
Carmela Silva: “o Baixo Miño non é que teña futuro, é que vai ter un futuro extraordinario porque hai un modelo de crecemento e un proxecto conxunto para o seu desenvolvemento”
“Nesta comarca –destacou a presidenta- está a ocorrer algo que ocorre en poucos lugares, cunha aposta firme de todos os concellos para construír un espazo de desenvolvemento sostible onde as persoas son o centro de todo. E cun gran compromiso para que as seguintes xeracións poidan seguir a vivir nun lugar tan marabilloso como o Baixo Miño”. Neste senso, Carmela Silva salientou que a reforma do “marabilloso” Mercado do Rosal é un bo exemplo “que fala do ben que o fixemos no pasado e o que temos que seguir a facer hoxe”, polo que colaborar na súa financiación “é unha obriga das administracións, que deben dedicar recursos aos concellos para que poidan crecer, seguir avanzando e para que a xente viva mellor”. “O Baixo Miño –engadiu- non é que teña futuro, é que vai ter un futuro extraordinario porque hai un modelo de crecemento e un proxecto conxunto para o seu desenvolvemento”.
Máis en concreto, afondou na singularidade dos mercados existentes nesta comarca e, concretamente o do Rosal, construído en 1954, “que son o centro da actividade económica e que apostan polo produto de calidade que tamén se cultiva aquí, no Baixo Miño, un dos lugares de Galicia onde hai máis poderío do sector primario e amais moi internacionalizado”. “Apostar –insistiu- porque os mercados se manteñan é facelo por dar vida aos pobos, por ese produto de calidade e noso, por xerar actividade económica e manter a vida dos lugares. E xa sabiamos que tiñamos que apostar polo produto de proximidade, pero a pandemia amosou que vulnerables somos se non temos suficiencia alimentaria, produto de calidade e mercados coma este onde se poida comprar. O mellor produto do sector agrario que hai en Galicia está aquí no Baixo Miño e podemos sentirnos orgullosos do que somos, do que construímos e do estar construíndo un lugar que é unha grande referencia”.
![](https://www.comarcasnarede.com/wp-content/uploads/2021/05/Inauguracion-Mercado-Municipal-do-Rosal-9-1024x683.jpg)
“
Ánxela Fernández: “Este é un primeiro paso na aposta do Rosal polo comercio de proximidade e o consumo do noso, do propio e da calidade que tanto nos identifica. E xa temos en marcha a segunda fase do mercado no camiño ao ámbito da excelencia”
Como explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández, a remodelación permitiu reformar o interior do Mercado para a creación de cinco postos. Na illa central están os das froitarías e unha ecotenda, como parte “da horta que é parte da nosa identidade e que vai dar cor a entrada cun símbolo identificador que hoxe comezamos a crear”. No lateral, estarán os postos de peixaría e carnicería, así como un posto de comercio xusto “que tanto nos di da sustentabilidade e da importancia da orixe no consumo responsable que queremos ter nesta sociedade”. “En resumo, é unha clara aposta para que desde a veciñanza tomemos as rendas, nos involucremos e conxuntamente, dinamicemos o noso pobo e o noso mercado, rodeado dunha praza practicamente inmellorable”.
![](https://www.comarcasnarede.com/wp-content/uploads/2021/05/Inauguracion-Mercado-Municipal-do-Rosal-1-1024x683.jpg)
Fernández engadiu que a reforma inaugurada “é un primeiro paso da nosa aposta pola proximidade, pola presencial local e tamén pola estratexia do consumo do noso, e da calidade que tanto nos identifica”. Explicou que xa está aprobada a segunda fase do proxecto, cunha ampliación na parcela contigua ao mercado, “que lle vai dar un camiño máis extenso no ámbito da excelencia”, coa especial atención ao ámbito culinario e da gastronomía. “Imos poder desfrutar do produto fresco e dun espazo expositivo e de convivencia”, indicou, amais de poder recuperar para a cidadanía a terraza do edificio, que estaba en desuso pola súa escasa accesibilidade. “Vai ter un acceso directo que nos vai permitir tomar un viño, saír á terraza e poder ver este valor patrimonial que tenos e o espazo da natureza que nos rodea”.
A rexedora municipal agradeceu a colaboración do persoal da praza, que tivo que trasladarse á escola Simón do Mazo durante as obras realizadas, así como a colaboración das administracións implicadas. “A pandemia –explicou- supuxo un cambio de escenario, unha nova forma de ver a vida e unha nova realidade. E nesa nova realidade sacamos unha aprendizaxe, a de que ao final, o que temos máis preto, o noso, e o que debemos potenciar e trasladar aos nosos hábitos do consumo no consumo local”. Lembrou que no Rosal , “somos recoñecidos e recoñecidas pola nosa calidade e distinción no produto, na horta, no viño e en tantas cuestións como a proximidade, a nosa proximidade na relación persoal”.
![](https://www.comarcasnarede.com/wp-content/uploads/2021/05/Inauguracion-Mercado-Municipal-do-Rosal-6-1024x683.jpg)
No acto interveu un dos praceiros que traballan no mercado, Simón Ubeira, que rexerá unha ecotenda, quen agradeceu ao Concello do Rosal todo esforzo feito “para renovar e darlle vida a esta praza, edificios que tanto simbolismo ten nas vilas galegas e que poñen de relevo o que e comercio local, proximidade, e todo o que representa a economía social que sostén unha vila”. E fixo un chamamento “a apostar polo comercio local, polos produtos proximidade e por consumir en comercios da veciñanza, que estean en mans da veciñanza e que manteñan á veciñanza”.