15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO Concello de Nigrán incorporará, de xeito experimental este verán, a Patos...

    O Concello de Nigrán incorporará, de xeito experimental este verán, a Patos á “Rede Galega de Praias sen Fume”

    Desde o ano 2019 o Concello instala cabicheiros artesanais na entrada das principais praias coa mensaxe ‘Area sen Cabichas’; unha soa delas contamina gravemente 50 litros de auga

    O Concello de Nigrán sumará este ano de xeito experimental a Patos á ‘Rede Galega de Praias sen Fume’ nun segundo intento do goberno local de que a iniciativa da Xunta sirva de ferramenta concienciadora tras probar só coa Madorra e As Canas no 2016 sen gran impacto.

    O motivo desta elección é que este areal, xunto con Praia América, é o máis senlleiro de Nigrán, coa particularidade de que está totalmente vinculado á cultura surfeira porque aquí se iniciaron nos anos 70 os primeiros surfistas da comunidade atraídos polo seu estilo salvaxe, sendo precisamente o obxectivo do goberno municipal dar un paso máis de cara ao benestar físico e medioambiental que representa prescindir do tabaco. “Temos en marcha o irmandamento con Valdoviño para promover conxuntamente o deporte do surf e a natureza como forma de vida saudable e, por outra banda, nas nosas campañas medioambientais estamos a comprobar a gran cantidade de cabichas que contaminan os areais, por iso agardamos que a iniciativa sirva como ferramenta de concienciación.Patos é o sitio por excelencia para promover hábitos de vida saudables e onde normalizar o non-fumar”, incide o alcalde, Juan González, quen presentou a solicitude formalemente a semana pasada despois de que a nova xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, animara persoalmente ao rexedor a volver a adherir a localidade á rede.

    Imaxe da presentación de #PlantalleCaraAosPlásticos na praia de Patos

    “O entendemento foi absoluto e puiden trasladarlle o noso certo desencanto do 2016 polo resultado obtido e tamén coa propia Consellería de Sanidade, que naquel tempo presentaba un carácter moi pouco dialogante e estaba máis preocupada polos aspectos técnicos que educativos”, xustifica González, quen segue a apostar “máis por concienciar que por prohibir” ante o éxito probado de campañas municipais como #SanXoanSenLixo ou #PlántalleCaraAosPlásticos. “Regresamos á Rede porque entendemos que este é tamén o seu talante e, en función dos resultados obtidos este verán, tomaremos decisións coherentes nos seguintes”, avanza.

    O certo é que desde 2019 o Concello de Nigrán instala cabicheiros artesanais na entrada das principais praias coa mensaxe ‘Area sen Cabichas’ para que alí se depositen e co obxectivo de apelar á responsabilidade da cidadanía. O propio deseño é unha invitación a reciclar e a respectar os dereitos medioambientais porque, según recentes estudos, as cabichas son xa a principal fonte de lixo mundial por diante dos envases, botellas e bolsas de plástico, contaminando unha soa un total de 50 litros de auga. “A adhesión á Rede Galega de Praias Sen Fume incide sobre todo no saudable que é non expornos ao fume do tabaco e quere facer ver entre a mocidade e a infancia que a normalidade é non fumar”, engade González.

    Rede Galega de Praias sen Fume

    A “Rede Galega de Praias Sen Fume creouse no ano 2016 co obxectivo de avanzar na desnormalización do feito de fumar ao tempo que o entorno é máis saudable. No 2020 a integraron 162 praias en 66 concellos. Nestas praias está prohibido fumar na zona do areal, quedando excluídas da prohibición as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia nin sanción para os incumprimentos dos cidadáns. É unha elección persoal e voluntaria escoller unha praia sen fume como lugar de ocio e, polo tanto, o cumprimento da norma de “non fumar” é unha responsabilidade tamén persoal. Trátase de acadar a participación activa da sociedade neste obxectivo de normalizar o feito de “non fumar”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.