O Concello de Nigrán ven de investir 10.000 € en sendas actuacións demandadas pola comunidade escolar para a Escola Infantil As Dunas (Panxón) e o CEIP Mallón. En concreto, investíu 8.000 € na instalación dunha pérgola fabricada a medida para facilitar a saída das crianzas de Panxón nos días de choiva ou mesmo a espera das familias, así, a armazón cubre o corredor exterior desde a porta de acceso ao cole á de entrada ao recinto.
Igualmente, o Concello instalou 30 protexe-esquinas de 2 cm de espesor e 1,5 m de altura en 10 columnas do CEIP de Mallón cun custe de 1.500 €.
“No caso da Escola Infantil As Dunas era unha actuación demandada desde hai tempo e que este curso se fixo máis patente ao ser as saídas e entradas ao centro máis escalonadas e, por tanto, menos áxiles.
Ademais, os nenos agora poderán xogar fora tamén nos días de choiva, algo especialmente recomendable na actual situación sanitaria”, explica o alcalde, Juan González. Igualmente, tamén nesta escola, o Concello instalou recentemente un sistema antipánico na porta de entrada para facilitar a saída en caso de emerxencia (apertura no sentido da evacuación cunha barra de empuxe, un dispositivo de fácil e rápida apertura sen empregar chave e sen precisar máis mecanismos).