Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O Goberno municipal negocia coa Xunta un acordo sobre a Estación de Autobuses que beneficie a Ponteareas

As negociacións "van por bo camiño" pero están supeditadas a un acordo económico equitativo

O Concello de Ponteareas valorou positivamente o estado das negociacións coa Xunta de Galicia para abordar a rehabilitación do edificio da Estación de Autobuses e a concesión da explotación do servizo. Na última reunión celebrada, á que asistiron a alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila, o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera e a tenente de alcalde, Chus Garrote, avanzouse “na boa dirección, aínda que quedan bastantes aspectos por clarificar e negociar”, matizou Mera, quen salientou que “só será posíbel un acordo se beneficia aos intereses de Ponteareas”.

Segundo o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, nos últimos meses Concello e Xunta traballaron na definición das obras a executar no edificio. Inicialmente a Xunta contemplaba só acondicionar aspectos básicos do edificio, mellorando o seu illamento e renovando instalacións. A petición do Concello, o proxecto ampliouse para que a Estación sexa tamén un edificio con oficinas que se situarán principalmente na planta alta e onde se localizarían un importante número de servizos municipais.

Mera advertiu que “aínda estamos en proceso de negociación e non se pode dar nada por feito, pois o acordo está supeditado a dous condicionantes económicos que para o Concello son esenciais”. Por unha banda, a Xunta pretende que o Concello achegue 375.000 euros, que representan o 70 % do custo dunha obra a executar nun edificio de titularidade autonómica. Mera lembra que “existe un compromiso da Xunta de compensar os gastos da Estación asumidos polo Concello na última década por un servizo que é autonómico”. O goberno local cifra esa débeda nuns 150.000 euros e estaría disposto a achegar outros 150.000 euros, facendo así unha achega de 300.000 euros, a metade pola vía de compensación. Ademais, lembra que o edificio contará con prestacións en materia enerxética derivadas de investimentos municipais coma a rede de calor ou o proxecto de instalación fotovoltaica, que fará as instalacións máis eficientes e económicas.

Por outra banda, o concelleiro nacionalista explicou que “o Concello só poderá decidir se asume de novo a xestión deste servizo autonómico cando a Xunta nos presente o estudo de viabilidade da explotación da Estación. Só estaremos dispostos a xestionalo se o estudo de viabilidade demostra que non será deficitario. Do contrario, non asumiremos competencias doutras administracións que causen perdas económicas, como xa acontece coa Escola Infantil ou o Conservatorio de Música”.

En todo caso, Mera amosouse optimista e considerou que, se se dan as condicións económicas, o acordo será moi positivo para Ponteareas pois mellorará o servizo da Estación de Autobuses e dotará ao Concello dun novo edificio administrativo para ofrecer servizos á cidadanía.