11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAberto o prazo de inscrición para o curso de guías na rede...

    Aberto o prazo de inscrición para o curso de guías na rede do Parque Nacional Illas Atlánticas

    Esta actividade formativa está aberta a 25 persoas, terá unha parte a distancia, que se iniciará o vindeiro 21 de xuño, e varias xornadas presenciais de carácter práctico, a finais de setembro

    O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia volve a ser un ano máis obxecto dos cursos formativos de guías na rede dos parques nacionais. Así, todas as persoas interesadas en participar nesta actividade formativa poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 16 de maio.

    O curso, no que colaborará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda –a través do Parque Nacional–, terá unha duración de 70 horas e desenvolverase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. É a primeira fase do mesmo, que se celebrará entre o 21 de xuño e o 6 de agosto de 2021. Tamén se prevé unha parte práctica, presencial e obrigatoria, de 30 horas, que se celebrará nas Illas Atlánticas, a finais de setembro.

    Todas as persoas maiores de idade poden inscribirse e participar neste curso, aínda que terán preferencia aquelas que garden relación coa contorna socioeconómica do parque. O obxectivo principal do proxecto é facilitar capacidades aos participantes para poder exercer adecuadamente as funcións de guías de persoas e/ou grupos nos diferentes Parques Nacionais.

    Deste xeito, os futuros alumnos recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental na función do guía ambiental.

    O curso divídese en varias unidades didácticas sobre a lexislación básica dos espazos naturais protexidos e dos parques nacionais; o marco europeo Rede Natura 2000; o uso público, o turismo e as accións de voluntariado nestes espazos; a importancia de fomentar e divulgar a educación ambiental e as claves para saber valorar o patrimonio natural; e, por último, información específica sobre os itinerarios guiados.

    Esta formación é especialmente útil para aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socio-económico dos Parques Nacionais, que pretendan exercer as súas competencias nestes espazos protexidos e necesiten formar e especializar aos técnicos para iniciar, guiar, dar a coñecer os valores dos mesmos, concienciar para garantir a súa conservación e dinamizar un grupo nestes espazos protexidos.

    Todas as persoas que desexen participar deberán solicitalo a través da ficha de solicitude de participación, que deben remitir por correo electrónico a for.ceneam@oapn.es. Se cumprimentará unha solicitude por persoa e parque para o que se solicita o curso, ata o 16 de maio.

    Cómpre destacar que, desde hoxe, se están a celebrar tamén as prácticas dos participantes nesta actividade formativa o pasado ano, xa que a edición de 2020 quedou en suspenso por mor da pandemia da covid-19.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.