Xoves, 18 Setembro de 2025

‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’, nova exposición no Museo de Pontevedra

‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ é o título da exposición que abrirá o xoves o Museo de Pontevedra co fin de amosar a representación do universo feminino, tanto nas súas formas máis tradicionais coma nos novos territorios que a muller comeza paulatinamente a conquistar, no cambio do século XIX ao XX. Artistas coma Renoir, Sorolla, Casas, Rusiñol ou Nonell, protagonizan esta mostra comisariada por Helena Alonso, que poderá visitarse no edificio Castelao ata o 17 de outubro.

A selección de obras  achegan ao espectador á rica e heteroxénea visión dun dos temas máis tratados polos artistas durante toda a modernidade, nun momento no que a sociedade experimenta unha serie de cambios en cuxa consecución a muller é parte fundamental. Por iso os diferentes eidos nos que ela é xa protagonista ou ben comeza a selo son plasmados de forma natural polos pintores e escultores ao redor de 1900.

Os óleos, gouaches, debuxos e esculturas en bronce e mármore que conforman o discurso expositivo forman parte na súa totalidade dunha das coleccións privadas máis relevantes de España, a da Fundación Fran  Daurel.

O relato desta mostra estrutúrase en torno a representación da muller en diferentes ámbitos, entre eles, en facetas de traballo asociado ao campo e ao mar, acompañada mesmo polas súas fillas e fillos, tan frecuente no naturalismo de finais do século XIX. A muller lectora é outro dos aspectos integrados na esfera intelectual, xunto coa práctica do deporte e o desexo por igualarse aos seus compañeiros na aprendizaxe e realización da pintura a plain  air.

O ámbito privado doméstico contraponse á vontade de conquistar a cidade, onde a figura masculina perde relevancia. A iso súmase a pervivencia dos espidos, co Espido sobre o diván amarelo de Sorolla como peza destacada, ademais da diferente maneira de representar o retrato durante as décadas que anteceden e seguen ao cambio de século por algúns dos mellores  retratistas do momento, como son Francisco Masriera, Sorolla ou Ramón Casas, unido á destacada vontade de  Nonell por reflectir a parte máis desfavorecida da sociedade. O final da Primeira Guerra Mundial marca un punto de inflexión na produción artística europea. Renoir, o pintor das mulleres por antonomasia neste período, sitúa o ideal de beleza feminino xunto á Arcadia soñada. Trátase dun mundo  idílico ao que a muller, segundo promulga o artista, soubo permanecer unida, achegando con iso novos valores. Un paraíso arcádico cuxos valores trata de promover tamén Torres García, outro dos artistas que integran esta mostra.

A Escola de Ciclismo Avanza galardoada co premio o mellor equipo da Copa Galicia de XCO

A Copa Galicia de BTT-XCO puxo o peche final a tempada 2021 no Concello de Ribadumia, onde tiña lugar a 1º XCO kiwi Atlántico, última proba de Copa Galicia onde xunto os gañadores da proba tamén se fixo entrega dos trofeos os gañadores da copa Galicia XCO 2021.

Unha vez mais, e con pouco mais de dous meses de diferenza, onde a escola recibía o premio o terceiro mellor equipo na proba de Sabiñanigo, proba pertencente a Copa de España de XCO, agora tocaba na Copa Galicia de XCO, onde a escola con sede no Concello de O Porriño recibía o galardón o mellor equipo da presente tempada.

Os riders da escola acudían o corazón da comarca do Salnés para dar as últimas pedaladas da tempada do XCO  en busca dos maiots de campións da Copa Galicia .

Os primeiros podios para da xornada chegaban na categoría cadete masculino onde o Martín Sestelo chegaba como líder da competición que non puido manter o entrar en terceira posición detrás do seu compañeiro de equipo Andre “taka”, que entraba na segunda posición na que o corredor do Club Ciclista Cambre conseguía abrir un pequeno oco que lle permitiu subir o mais alto do podio e proclamarse campión da Copa na categoría, podio que se repetía na xeral da Copa, Andre posición de prata e Martín de bronce.

[su_image_carousel source=”media: 42276,42272,42275,42274″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na categoría Cadete Feminina, onde o maiot estaba en mans da rider da escola Ároa Otero e con escasos puntos de diferenza entre as seguintes riders na clasificación xeral, mantendo a tensión ata o último momento, onde a tamén integrante da escola ciclismo Avanza conseguía subir o mais alto do podio e conseguindo con esta vitoria facerse co liderado da competición acompañada no podio de Ároa Otero na segunda posición e Marta Estévez na terceira posición ambas corredoras integrantes da A.D. Avanza de O Porriño, podio similar na clasificación final da Copa onde Uxía Soto proclamábase campiona da Copa acompañada por Ároa segunda posición e Marta Estévez en terceira posición.

O seguinte podio para o Avanza chegaba das mans de Laura Mira a Junior Femina que viaxaba a Ribadumia na posesión do maiot e  que conseguía manter o gañar a proba. Na categoría Junior masculino Gabriel Conde que defendía a posesión do maior de líder conseguía entra en terceira posición o que lle valía para manter no seu poder o maiot de líder e proclamarse gañador da Copa Galicia XCO.

Tamén conseguín estar presentes no medalleiro da Copa Galicia David Fernández que conseguía a terceira posición da clasificación xeral na categoría Sub23 e  Luís Fernández “Oli” que tamén conseguía a terceiro posto da clasificación xeral na categoría Elite.

Xunto os riders presentes no medalleiro, cabe destacar a participacións tamén dos integrantes da escola que coa súa participación fixeron posible o premio o mellor equipo: Noe, Haritz, Alex Ambrosio e sen esquecernos de Yaiza Fernández que en lugar de bicicleta acompaña a escola con cámara en man, e cos riders galegos no punto de mira do seu teleobxectivo, co que conseguiu inmortalizar moitos momentos deste apaixonante deporte, sendo os ollos de moitos familiares que non puideron desfrutar desde primeira liña deste deporte polas medidas Covid.

Iniciadas as obras para a construción do Centro Social de Quintela

0

O Concello de Redondela iniciaba a semana pasada os traballos para a construción do Centro Social de Quintela, obras que se realizan nos terreos cedidos por ADIF-AV e que foron licitadas cun importe de 423.635,22 € con cargo ao remanente de tesourería. Os traballos, adxudicados á empresa Rocas Graníticas del Condado, S.L., teñen un prazo de execución de 4 meses.

Co inicio desta obra dáse resposta a unha vella aspiración da veciñanza de Quintela que carecía, ata o de agora, dun espazo adecuado para a realización das súas actividades sociais, culturais e veciñais.

Este proxecto, que xa fora adxudicado polo anterior Goberno do PP poucos días antes das eleccións municipais de 2019, non puido realizarse por diversas irregularidades detectadas, que provocaron a renuncia da empresa adxudicataria que advertía da dubidosa execución da mesma “ao detectar deficiencias de redacción do proxecto e a esixencia de adquirir uns módulos de marca concreta en contra do indicado na lei de contratos”, aclara a alcaldesa Digna Rivas.

A todos estes impedimentos para “o inicio inminente” que anunciaba o PP, engadíase a denuncia que Colexio de Arquitectos de Galicia presentaba ao “proxecto estrela do PP que demostraba ser só un engano máis á veciñanza, como outros moitos, ao considerar que infrinxía a Lei de Ordenación da Edificación e estaba asinado por un técnico que –segundo informaba o Colexio– non tiña competencias na materia”, engade a rexedora local.

As circunstancias anteriores obrigaron a que, o actual Goberno, paralizase o procedemento para iniciar outro comezando pola redacción dun novo proxecto que corrixira as deficiencias anteriores, o que supuxo un aumento de máis de 55.000 euros o prezo inicial. Do mesmo xeito foi precisa a solicitude de novos informes técnicos e autorizacións sectoriais o que provocou a dilatación do procedemento máis do esperado.

O Rosal licita a reforma da Praza do Calvario

0

O Concello de O Rosal acaba de licitar a reforma da Praza do Calvario, un proxecto que suporá unha reforma integral deste núcleo urbano. O plan do Goberno local busca recuperar espazos públicos de calidade para a veciñanza, e conta cun orzamento de máis dun millón e medio de euros. Para financiar parte dos traballos, o Concello acaba de solicitar a axuda ReacPon da Deputación de Pontevedra.

A Praza do Calvario representa o centro social e administrativo do Rosal e está baixo afectación e protección da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que calquera actuación debe contar co seu visto e prace. Na reforma conservárase o uso polivalente da praza, pero cun marcado carácter peonil servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantindo o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais.

A reforma da praza vai dotar de identidade a zona, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona. Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, como proxecto paralelo á reforma, o Concello prepara tamén unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.

A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández, explica que, “se non hai ningún imprevisto”, as obras comezarán en novembro deste ano. “A recuperación integral deste espazo tan importante para nós está cada vez máis cerca”, afirmou.

PP e Converxencia Galega votan en contra dunha subvención de 600.000 € para o pavillón da Sangriña na Guarda

0

No pleno celebrado o venres no concello da Guarda un dos puntos da Orde do Día era a aprobación do Proxecto de execución de reforma e ampliación do pavillón polideportivo da Sangriña, cun orzamento de 1.674.024 € e cuxa aprobación plenaria era requisito fundamental para presentalo a liña de subvencións ReacPon (Reacciona Pontevedra Provincia) da Deputación de Pontevedra, na que se financian aqueles proxectos que consigan maior puntuación segundo criterios de madurez do proxecto, contribución a unha economía descarbonizada, calidade do proxecto e consecución dos obxectivos da Axenda 2030.

O proxecto básico, que serviu de base ao que se presentou no pleno, foi redactado por técnicos da Deputación en 2019. Dende aquel momento foi presentado polo alcalde, Antonio Lomba, diante de responsables políticos da Xunta e da propia Deputación co obxectivo de buscar financiamento para o mesmo, argumentando sempre que un equipo como o Atlético Guardés de balonmán feminino necesitaba unhas instalacións máis acordes coa súa categoría, sobre todo despois de gañar a liga da División de Honra do balonmán feminino nacional en 2017. Tanto dende a Xunta como dende Deputación teñen manifestado en distintas ocasións a intención de colaborar na reforma e ampliación do pavillón, ocasión que se presenta na actualidade.

O proxecto aprobouse finalmente no Pleno grazas ao voto de calidade do alcalde ao producirse un empate na votación co posicionamento favorable do equipo de Goberno socialista e dos concelleiros presentes do BNG e en contra do Partido Popular e do concelleiro de Converxencia Galega.

Para o alcalde, Antonio Lomba, resulta “inexplicable” que unha parte da Corporación renuncie a conseguir unha subvención que pode alcanzar os 600.000 € para modernizar unhas instalacións deportivas que necesitan esta renovación. “Este posicionamento non o merece o club Atlético Guardés nin os veciños e veciñas da Guarda, máxime cando dende outras administracións, tanto da Xunta como Deputación, recoñecen que é necesaria esta modernización”, explica o alcalde Antonio Lomba.

Segundo o alcalde, “agora toca volver a falar de novo coa Xunta de Galicia para pedir que cofinancie esta actuación xunto coa Deputación e Concello, cumprindo desta maneira o compromiso que o mesmo presidente Feijoo expresou ás xogadoras e representantes do club en 2017 con motivo da recepción polo campionato de liga”.

Para os que falan dun novo pavillón dicirlles que na actualidade o concello non dispón de terreos coa cualificación adecuada para a construción do mesmo, pero informar tamén que o equipo de goberno, conscientes de que hai que aproveitar as oportunidades como a que se presenta na actualidade, ven traballando dende fai anos nun Plan Especial de Infraestruturas Deportivas na zona da Sangriña, no entorno da piscina, para que no futuro, cando se presente a oportunidade de construír un novo pavillón, teñamos terreos para facelo.

Agora é momento de aproveitar a ocasión que se presenta, a de reformar e ampliar o pavillón para conseguir a renovación total do edificio, cunhas instalacións máis modernas que, entre outras cousas contemplan unha nova fachada, unha nova bancada no fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona para espectadores en cadeira de rodas, catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros, dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un area de prensa, novas zonas de paso inferiores, almacéns etc. Ademais haberá unha importante mellora na accesibilidade e na eficiencia enerxética do edificio. Teremos un pavillón como A Guarda e o Atl Guardés se merece.

A ‘Travesía Vila do Tea’ de natación volve a Ponteareas

A Travesía Vila do Tea presentou hoxe a súa quinta edición no Concello de Ponteareas. Os nadadores volverán ao verán do municipio, despois de que a edición do ano pasado tivera que ser suspendida por mor da COVID. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, destacou o “grande esforzo” do Club de Natación Ponteareas para organizar un evento “moi importante” para o municipio.

O presidente do Club, Andrés Carrera, informou que nesta edición, que se disputará o sábado 14 de agosto, a travesía conta con varias novidades importantes. Ademais das habituais competicións de nadadores e nadadoras profesionais, non profesionais, e de categorías inferiores, este ano será a primeira vez que a travesía conte con deportistas con diversidade. “Un gran paso para facer esta competición máis accesible”, destacou

“A organización desta Travesía foi moi difícil, pero a facemos de forma segura e cun protocolo moi traballado”, afirmou o vicepresidente do Club. A xornada contará con varias medidas de prevención da COVID. Todo o traballo dos organizadores supón para o concelleiro Miguel Bouzó un “orgullo que demostra que o deporte é seguro”, e “ratifica a Ponteareas como unha potencia no aspecto deportivo”.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, reiterou durante a presentación do acto os seus “parabéns” ao Club pola súa gran labor deportiva no municipio. Afirmou que “proxectos como este sempre terán cabida en Ponteareas porque poñen en valor o concello e reactivan a economía”.

A Travesía Vila do Tea será a que abra o Circuíto Galego de Augas Abertas que organiza a Federación Galega de Natación, e que este ano soamente conta con tres probas. “Feito que fai aínda máis destacado a labor do Club de Natación de Ponteareas”, afirmou o representante da Federación, Cristián Fernández.

Xa hai máis de 100 nadadores e nadadoras inscritas, pero aínda quedan prazas. A data límite para poder participar acaba o 11 de agosto. O Club porá en marcha unha retransmisión en “streaming” para que ninguén se quede sen poder desfrutar da Travesía.

Na presentación tamén estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que destacou que a Travesía pon en valor os “grandes contornas” que hai en Galicia para desenvolver estas actividades. Ao tempo, que afirmou que o deporte tamén ten a capacidade de atraer turismo.

Acordo unánime da corporación tudense reclamando ao Goberno do Estado os cartos do desentullo de Paramos

0

O Concello de Tui vai dirixirse ao goberno do Estado para solicitar o reintegro do preto de millón e medio de euros anticipados pola entidade local para facer fronte ao desentullo no barrio da Torre, en Paramos, tras a explosión de material pirotécnico rexistrada o 23 de maio de 2018. Así se acordou onte no pleno ordinario da corporación tudense.

Os seis grupos políticos da corporación, PSOE, PP, Ciudadanos, BNG, C21 e En Marea, apoiaron a moción presentada polo concelleiro de Converxencia 21, José Manuel Palacín, quen por vía de moción de urxencia, propuxo “solicitar por carta oficial ao Estado o montante dos traballos do desamiantado e do desentullo da Zona Cero de Paramos”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro amosouse “moi indignado por como se está xestionando este tema e que nestes momentos por parte do Estado non se teña non só devolto esta reclamación de 1,4 millóns de euros, senón que nestes momento nin sequera está notificado o trámite administrativo sobre esa resolución”. Precisaba Enrique Cabaleiro que “politicamente non vou asumir sobre a miña responsabilidade a xestión dun asunto que en principio atenta sobre os intereses da cidade á que eu represento, e dende ese punto de vista pois tomarei a decisión que teña que tomar no seu momento, pero obviamente, non vou renunciar baixo ningún concepto a que o Concello de Tui reciba esa cantidade que reclama, que foi unha cantidade que adiantou, e adiantou a iniciativa do conxunto dos grupos da corporación para paliar naquel momento un desastre que necesitaba unha reposta urxente, e polo tanto agora ese diñeiro se debe restituír”. Amosábase “moi crítico coa xestión que se está facendo especialmente por parte do goberno central con este asunto”.

Para o rexedor tudense hai que volver á liña de traballo dun convenio entre o Concello de Tui e o goberno do Estado, que ven reflectido na declaración de zona catastrófica, e “ao amparo dese convenio que o Estado cumpra co seu compromiso restituírlle ao concello de Tui os gastos derivados do desamiantado no barrio da Torre en Paramos”.

Pola súa parte o voceiro do Partido Popular, José Ángel Fernández, valora moi positivamente este acordo unánime da corporación. Indicabba que “ao marxe dos problemas xurídicos que se están xerando con esta situación da reclamación dos cartos do desentullo” entende que esta “é unha xusta reivindicación e alabamos a unidade de acción de todos os membros corporativos, porque a devolución dos cartos é unha necesidade, foron adiantados polo Concello, e o Estado non pode mirar para outro lado”. Para José Ángel Fernández “todas as administracións públicas teñen que aportar para a recuperación deste lamentable episodio na nosa cidade, tanto a Xunta coma a Deputación fixeron a súa aportación, e o Estado non pode quedar ao marxe desta circunstancia”.

Manuel González, voceiro de Ciudadanos, explica que tras adiantar o Concello os cartos no seu día “é lóxico e normal que agora se lle reclamen ao Estado, porque xa teñen transcorridos tres anos, é o Concello debe recuperar ese diñeiro”.

A voceira do BNG, Carmen Núñez, entende que “xa non quedan escusas” porque di “pasou tempo máis que suficiente, e se goberno central se comprometeu a pagar o desentullo ten que facelo”. Engadía que “se existen fallos na tramitación do expediente que se aclaren, se corrixan, e se resolvan”. Entende a concelleira nacionalista “que son cartos do concello de Tui, que hai necesidades que hai que resolver, e son tempo economicamente difíciles para todos” por iso indica que “hai que cumprir os compromisos que se acadaron”.

José Manuel Palacín, de C21 que presentou a moción aprobada unanimemente, indicaba que “é de xustiza recuperar estes cartos”. Sobre a presentación da moción indicaba que tiñan a obriga moral de “dar un paso adiante, porque fomos nós quen xestionamos toda a documentación relacionada con este concerto do Estado”. Considera que “até o de agora o papel do goberno central neste asunto é moi desafortunado” indicando que no seu parecer “se está a comportar coma unha compañía de seguros barata que fai trampeos nas súas pólizas para evitar pagar o sinistro”. Apuntaba que xa cando Carlos Vázquez Padín era alcalde se remitiu toda a documentación polo que indica que “isto tiña que estar solucionado”. Amosaba o seu respaldo ao alcalde neste asunto para recuperar unha cantidade que representa o 20% do orzamento anual do concello.

Por último Laureano Alonso, de En Marea, apuntaba que a tramitación deste asunto está a ser máis lenta do agardado, sinalando que “o Concello de Tui asumiu as súas responsabilidades e esperemos que o goberno central cumpra coa súa palabra”. O concelleiro manifestaba que o Concello de Tui, que é a administración máis pequena, “é a que puxo máis cartos enriba da mesa para resolver este problema” cando no seu parecer “restituír os danos tiña que ser competencia doutras administracións”. Agarda que “o goberno central sexa sensible e actúe o antes posible e devolva ese diñeiro aos tudenses”.

A Consellería de Medio Ambiente pon a exposición pública o parque empresarial da Lagoa, en Mondariz

A Modificación puntual núm. 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia xa está en marcha. Esta iniciativa da Xunta de Galicia e do Concello de Mondariz descarta o parque empresarial que o Goberno galego programou no seu día na Chan de Cairón (Gargamala). No seu lugar preténdese crear un novo parque empresarial no Parque Forestal da Lagoa, na parroquia de Mondariz, un espazo de elevado valor ambiental, forestal e deportivo que acolle dous campos de fútbol e unha escola de hípica. O período de información pública da Avaliación Ambiental Estratéxica por parte da veciñanza remata o 25.08.2021 e pódese facer na páxina web da Consellería de Medio Ambiente ou nesta ligazón.

En 2019 a Comunidade de Montes e o Concello de Mondariz decidiron crear no monte da Lagoa un Parque Forestal de 58 hectáreas que, segundo a Deputación de Pontevedra, tiña como obxectivo “desenvolver o potencial do monte para levar a cabo actividades de sendeirismo e paseos en bicicleta e a cabalo, xa que existen elementos suficientes de atracción para crear un lugar de lecer. Así mesmo, apostarase por darlles aos terreos un uso multifuncional con aproveitamento económico baseado na produción de madeira, de leña, cogomelos e froitos”. Na realización destes traballos investíronse 59.625 €, dos que 47.700 € foron achegados pola Deputación de Pontevedra.

Ademais dentro do parque forestal actual existen dous nacentes de auga que se utilizan para consumo humano, unha circunstancia de especial relevancia en Mondariz durante o verán, que ten problemas de abastecemento de auga potable.

Alternativas á Lagoa

Por todo isto o noso grupo apoia a creación dun parque empresarial en Mondariz, pero non no Parque Forestal da Lagoa, senón noutro lugar ben comunicado e carente de valores ambientais, deportivos e sociais. Ao noso xuízo, este parque empresarial debería situarse nas inmediacións da N-120, preferentemente nas parroquias de Meirol (no monte comunal) ou Vilasobroso (no ámbito do antigo serradoiro), ou ben en Faxilde, á beira da PO-262 Mondariz-Vilasobroso.

A concelleira socialista Iria Vilaboa asumirá as competencias de Servizos Sociais, Igualdade e Persoas Maiores

0

Iria Vilaboa Álvarez tomou posesión da súa acta de concelleira do Grupo Municipal Socialista de Redondela no Pleno da Corporación municipal celebrado onte xoves cubrindo, deste xeito, a vacante deixada pola marcha de Marta Alonso.

A nova concelleira asumirá as competencias de case que todos os asuntos que fagan referencia aos servizos sociais municipais, unha área considerada polo Goberno local como “de especial importancia” dado que a súa xestión afecta aos sectores máis vulnerables da veciñanza.

Iria Vilaboa dirixirá, polo tanto, ás áreas de Servizos Sociais e Promoción Social, Asistencia social primaria, coordinación dos servizos relacionados coa Infancia, Axuda no Fogar, Igualdade e Conciliación, e dirección e coordinación do Centro de Información á Muller.

Algunhas destas áreas eran, ata o de agora, competencia da alcaldesa Digna Rivas que trala marcha de Marta Alonso, incrementaba notablemente a súa carga de traballo ao asumir –a maiores das concellerías que agora dirixirá Iria Vilaboa–, as competencias de Seguridade Cidadá e Tráfico, Interior, Emerxencias e Eventos, amais de Normalización Lingüística e as inherentes á Alcaldía de Redondela.

Digna Rivas, subliñou a “capacidade de traballo e compromiso” de Iria Vilaboa ao mesmo tempo que salientaba que “a súa formación e implicación social e co movemento do asociacionismo, a facían idónea para facerse cargo destas áreas”. “Iria será, sen dúbida, un elemento esencial para o desenvolvemento das políticas sociais que propugna este Goberno”, remata alcaldesa redondelá.

O Concello de Ponteareas agrecede o magnífico comportamento dos nenos e nenas participantes nos campus de verán

Onte concluíu unha quincena de activades para os máis de 100 cativos e cativas que asistiron ao aos campus de verán do Concello de Ponterareas. A alcaldesa e a responsable da Concellaría de Ensino de Ponteareas, Cristina Fernández, quixo agradecer aos menores o seu bo comportamento cunha entrega de libros, mochilas, e material de debuxo. “Foron moi responsables coas normas sanitarias e merecen un recoñecemento”, destacou.

Arredor de 111 nenos e nenas gozaron durante esta quincena dun verán cheo de actividades no Campus Tea e no Verán Rural. A través destes campamentos, o Concello promove actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas. Combinando xogo e saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento, estes campamentos teñen por obxectivo espertar a curiosidade das e dos participantes, ampliar o seu coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha pedagoxía de lecer baseada na educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no respecto ao medio ambiente.

Durante o mes de agosto estes xogos continuarán, xa que tanto a primeira como a segunda quincena, teñen máis de 100 menores inscritos, entre o Campus de Tea, que se desenvolve nas instalación do colexio público Nosa Señora dos Remedias e a última quenda do Verán Rural en Angoares.

Carmela Silva invita a Feijóo a que “por unha vez goberne para todas as galegas e galegos”

A Deputación de Pontevedra chegará “ata onde teña que chegar” para defender ao mundo local contra “o atraco” que pretende perpetrar a Xunta de Galicia co anteproxecto da ‘Lei para a mellora da xestión do ciclo integral da Auga de Galicia’ que trata de obrigar aos concellos e deputacións a asumir dous terzos dos custes das grandes infraestruturas hidráulicas en materia de saneamento e abastecemento “en alta”. A presidenta, Carmela Silva, anunciou hoxe batalla xudicial contra “unha tropelía coa que, novamente, a Xunta invita e o municipalismo paga”.

A presidenta contextualizou esta nova ofensiva da Xunta para seguir asfixiando aos concellos xusto nun momento no que o Goberno de España vén de aprobar rebaixas históricas na AP9, de condonar aos concellos a débeda derivada dos anticipos do Estado (que de non terse condonado deberían reintegrar en 2022), de devolver o IVE de decembro de 2017 “que nos birlaron Montoro e Rajoy” e, finalmente, de aprobar un 13 % no financiamento municipal para o ano 2022. Medidas todas elas a prol do mundo local e que van contribuír á reactivación económica.

Carmela Silva fixo un chamamento ao presidente do Goberno galego, Núñez Feijoo, para que no Consello da Xunta do próximo xoves “goberne, dunha vez, para tódalas galegas e galegos facendo política de verdade”. Así esixiulle que aprobe rebaixas para as autoestradas galegas idénticas as postas en marcha polo Goberno central, “e que non veña coa ridiculez esa das rebaixas só para as familias numerosas, senón para toda a veciñanza”.

Ademais, esixiulle que, en liña co incremento no financiamento municipal estatal, a Xunta incremente tamén nun 13 % o Fondo de Cooperación Local. Deseguido reclamou que os máis de 60 millóns de euros que a Xunta recada anualmente polo canon da auga se repartan “con criterios obxectivos e non exclusivamente para obras nos concellos do PP”. Para rematar instouno a asinar convenios para financiar actuacións e non só naqueles con Alcaldía “popular”. Neste senso, referiuse aos recentes convenios para o Auditorio de Marín ou as novas sendas peonís de Vilanova de Arousa. Finalmente, invitou a Núñez Feijoo a repartir as subvencións autonómicas con criterios “moito máis obxectivos” para que cheguen equitativamente a tódolos concellos.

Carmela Silva fixo estas declaracións despois de que a Xunta de Goberno da Deputación aprobase un novo paquete de obras do Plan Concellos e da área de Infraestruturas, que supoñen “nin máis nin menos que outros 733.700 euros” para novas redes de saneamento, desta volta en Valga, Mos, Pazos de Borbén, Vilanova de Arousa e Ribadumia. A presidenta subliñou que nos seis anos deste Goberno provincial lévanse investidos 23 millóns de euros en abastecemento e saneamento en tódolos concellos da provincia, cun total de 284 obras financiadas pola Deputación con criterios obxectivos e atendendo a tódolos concellos.

Á luz destas cifras, amosouse sorprendida de que o grupo provincial do Partido Popular teña presentado unha moción ao Pleno ordinario da Deputación, celebrado hoxe, para reclamar da Deputación un plan extraordinario para financiar este tipo de obras. “O PP provincial é a voz que encubre o comportamento institucional máis intolerable da Xunta. Permítanme que, coa retranca das galegas e galegos, responda a esta moción ridícula e intolerable dicindo que nunca vin unha oposición tan innecesaria como esta”.

Mos insta a Fomento a desbloquear os proxectos da N-550 en Amieirolongo e Louredo

0

Esta semana celebrouse no Multiusos das Pozas unha Xunta de voceiros dos diferentes grupos integrantes da Corporación Municipal, xunto coa alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, e técnicos municipais; reunión na que tamén participaban un representante veciñal dos afectados da parroquia de Louredo, José Couñago, para abordar a problemática local co Ministerio de Fomento do bloqueo das obras das necesarias intersección na zona de O Tablado e pasarela peonil en Amieirolongo (parroquia de Sanguiñeda), ambas na Estrada Nacional 550.

Da xuntanza extraeuse a decisión unánime de remitir a Fomento un escrito de ultimátum para que reanude ambos proxectos e de solicitude de reunión entre representantes municipais e veciñais coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, M. Carmen Larriba García, e a persoa responsable destas obras no Ministerio. A devandita carta foi enviada desde a Secretaría Municipal do Concello de Mos asinada por todos os/as voceiros/as da Corporación.

Trátanse ambas de demandas históricas que levan anos comprometidas polo Ministerio de Fomento, polo que a paciencia da veciñanza esgótase tras tan longa espera para dúas obras de mellora da seguridade viaria que son de vital importancia, por tratarse de puntos extremadamente perigosos tanto para peóns como para conductores.

A desesperación dos veciños afectados deixouna patente o propio José Couñago, representante dos habitantes de Louredo, que interviu ao comezo do pasado Pleno celebrado o 22 de xullo, expresando a impotencia que sinte a veciñanza afectada.

No caso da intersección en Louredo existe un proxecto de remodelación da intersección da N-550 que permita o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio.

O proxecto foi recibido no Concello en 2019, e contou co visto bo e luz verde por parte da parroquia de Louredo, e da administración local mosense; sen embargo o Ministerio de Fomento non chegou a poñer en marcha este proxecto consistente na remodelación da intersección da Estrada N-550 en Louredo, que permitiría o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio en ambos sentidos. Este proxecto, que será financiado e acometido por Fomento, trátase dunha obra crucial para falicitar os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizar a seguridade viaria nesta estrada nacional.

O proxecto constitúe unha importante demanda veciñal. Esta intersección na zona de O Tablado (no punto quilométrico 148+650 da Estrada Nacional 550) permitirá xiros nese punto en beneficio, sobre todo, dos veciños dos barrios de San Gregorio, Pombal e Pantaño. Esta solución ás demandas da veciñanza era de importancia capital. O orzamento a investir polo Ministerio na acometida desta obra que falicitará os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizará a seguridade viaria na N-550 ao seu paso pola parroquia de Louredo ascende a 711.418,47 euros, IVE incluído.

Así mesmo desde o Concello de Mos e desde a Xunta de Voceiros desta administración local ínstase ao Ministerio de Fomento a que se retome o proxecto da pasarela en Amieirolongo, histórica reclamación dunha pasarelapeonil que cruce o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlace o punto quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias superficies comerciais. Cómpre lembrar que foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento, previndo un orzamento de 130.000 euros, contando xa co proxecto aprobado, permiso de Patrimonio e coa cesión dos terreos por parte do Concello de Mos.

Con esta pasarela evitaríase que os peregrinos (así coma calquera outro viandante e/ou veciño) teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no perigoso cruce de Amieirolongo.

Trátase tamén dunha zona, a de Amieirolongo, con moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.

No último informe técnico remitido en 2019 a Fomento, abórdase a situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto quilométrico o Ministerio de Fomento procedeu á construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorno próximo, tales coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á autovía A-52.

Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os viandantes.

A música de dezaoito bandas galegas e portuguesas soarán no MUMI 2021

A Eurocidade Tui-Valença acollerá do 9 ao 11 de setembro o MUMI 2021, un encontro profesional do sector musical e cultural galego e portugués. Na programación prevista figuran os concertos de 18 bandas dos que poderán gozar tanto os profesionais coma o público en xeral. Esta mañá no antigo convento de San Domingos, presentouse esta programación por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do director da Agadic, Jacobo Sutil, da concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, do vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, e dos membros do equipo organizador Emi Candal e José Costa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu orgullo pola presentación dun evento que afirmaba “vai perdurar no tempo, e vai crecer, porque ten todos os compoñentes que debe ter para que poida crecer e se poida consolidar”. Sinalaba nese senso que “nace da unión de dous pobos”, é froito do traballo das dúas cámaras pola divulgación da cultura, e se celebra nun lugar con fortes relacións transfronteirizas, e porque “falamos da posta en valor dunha cultura e dunha sinal de identidade común”.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destacaba que ”estamos todos ilusionados porque que este festival arranque, despois dun traballo arduo e longo”, indicando que “sexa o comezo de algo que vai permanecer durante moito tempo na Eurocidade” xa que dicía “Tui e Valença con os sitios ideais para que esta feira frutifique”.

O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, salientou que o MUMI é un proxecto innovador que brinda unha oferta cultural diferente da que se está a realizar. Auguraba o éxito deste evento que porá en relación tanto aos profesionais coma o público de ambas beiras. 

O director da Agadic da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, puxo en valor a capacidade e profesionalidade dos xestores culturais. Agradeceu ao Concello de Tui e a Cámara de Municipal o seu compromiso coa cultura e .  Destacou este que “este é un proxecto estratéxico que nos debe unir aínda máis, e incrementar todas as nosas relacións que en moitas disciplinas son xa moi fluídas pero que na música temos que ser quen de incrementalas”.

Do 9 ao 11 de setembro terá lugar na Eurocidade Tui-Valença o MUMI 2021,. O público poderá gozar neses tres días tamén da programación prevista cunha serie de concertos que foron hoxe presentados. 

Emi Candal da organización do MUMI destacaba que a presentación de hoxe é un día de celebración e ledicia por “botar a andar un proxecto cultural que pon en comunicación dúas beiras do Miño e dous países”. Avanzaba as 18 bandas, metade galegas e metade portuguesas, que van participar neste encontro, nunha programación musical aberta a profesionais e para a o público. Tamén por parte da organización José Costa explicaba o complicado proceso de selección ante o elevado número de artistas que se presentaron á convocatoria.

O concerto inaugural correrá a cargo da Orquestra Galego Portugesa de Liberación, que precisamente se estrea neste evento. Tamén por parte galega estarán Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto. E por parte portuguesa actuarán Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Kaústika, Ruma e The Guit Kune Do. 

O programa de concertos previstos destaca pola súa cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galego e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica esencial, pasando polo jazz, o funk e o pop de autoría, os dezaoito showcases programados recollen a variada escena de ambas beiras do Miño.

Por outra parte cómpre lembrar que continúa aberta a inscrición profesional para o MUMI 2021 na web mumimusicas.eu.

Este evento forma parte do proxecto Unicidade, co-financiado polo programa Interreg V-A, Espanha-Portugal, 2014-2020.

A Concellería de Seguridade dota á Policía Local dun novo vehículo para atestados con cargo ao Plan Concellos

0

A policía local de Redondela conta xa cun novo vehículo adquirido pola Concellería de Seguridade e financiado a través do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra. A nova unidade, unha Renault Trafic Furgón Energy Blue de 145 CV, foi recepcionada pola alcaldesa Digna Rivas e o xefe da Policía Local.

A dotación deste vehículo forma parte dos plans da Concellería de Seguridade de reforzar os medios, tanto materiais como humanos, da Policía Local redondelá. Nesa liña de reforzo cómpre lembrar que na pasada semana incorporábanse catro novos auxiliares de Policía.

Areeiro lembra que non cese a vixilancia do mildio e se retiren os acios afectados

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que destaca que nas viñas de albariño máis adiantadas xa se pode ver o brillo incipiente nos primeiros acios, aínda que non é unha situación xeralizada. En canto ao mildio, o persoal da EFA non detectou cambios nas parcelas da súa rede, que se manteñen limpas deste fungo a nivel dos acios aínda que non das follas. Mais a recomendación que se fai dende a Estación é continuar coa vixilancia e tratar as viñas máis afectadas, nas que aínda reste tempo para entrar no pintado. Do mesmo xeito, nas viñas máis danadas é convinte retirar os acios afectados para evitar que se instalen sobre eles fungos oportunistas de podremia á vez que se reducen os tempos e os gastos na vendima.

Doutra banda, espérase que o oídio non prospere nos próximos días na provincia e que unicamente poidan aparecer novos danos naqueles predios nos que previamente existen infeccións mal controladas. No que respecta ao black rot non se observaron cambios e lémbrase que é convinte eliminar os acios afectados por este patóxeno co fin de non favorecer ás podres.

Botrite en gran e pedunculo de albariño

Nas viñas visitadas polo persoal da EFA apareceron algúns grans afectados pola botrite, aínda que de xeito moi esporádico. Porén, aconsellan que nas variedades máis sensibles e onde se detecten danos por perforacións de Lobesia ou doutra natureza se extreme a vixilancia. Ademais, segundo informan dende a Estación é preciso non perder de vista as avelaíñas do acio máis polos danos indirectos que se poden producir pola aparición de botrite que polos danos directos que poden causar as perforacións desta praga. Nas viñas tamén se observa un incremento nas capturas de cicadelidos mentres que se manteñen en niveis estables a presenza tanto de plantas afectadas por patoloxías da madeira como por erinose.

O persoal da EFA tamén destaca no seu último aviso de xullo que non se atoparon cambios significativos na afectación do buxo e lembra que a situación pode ser diferente noutras sebes, polo que é necesaria a vixilancia constante e, de notarse maior presenza de danos, a aplicación dun tratamento. Dende a Estación lembran que estamos nunha campaña na que as colonias de pulgón contan cunha presenza moi elevada e na que tamén hai mosca branca, aínda que en menor medida. Aconsellan que se os pés son pequenos se aplique un tratamento contra este estes insectos chupadores, e se son grandes se eliminen os novos gromos como medida de control.

Sogama adquire catro parcelas no Polígodo Industrial de Arbo para instalar unha das novas plantas de transferencia

0

Sogama acaba de adquirir un total de catro parcelas no polígono industrial de Arbo para instalar neste concello unha das novas planta de transferencia. Xestur, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, foi o que adxudicou a superficie, un total de 4.420 m2 polos que Sogama aboará preto de 190.000 euros, tras aplicárselle unha bonificación dun 50 % sobre o prezo de venda.

Coa nova planta de transferencia de Arbo, ademais de ofrecer aos concellos da zona un servizo de valorización da materia orgánica a menos de 50 quilómetros, Sogama consegue unha instalación cunha maior capacidade, prestacións e eficiencia que a que opera actualmente na contorna.

A futura instalación poderá transferir a bolsa amarela —envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo— e, así mesmo, a materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, de cor marrón.

Cómpre recordar que a Xunta se marcou o obxectivo de axudar aos entes locais nesta responsabilidade municipal, polo que impulsou unha rede de infraestruturas industriais para facilitar que máis de 2,2 millóns de galegos conten cun servizo de valorización da materia orgánica.

Coa adxudicación deste solo, avánzanse un paso máis na materialización desta rede que estará integrada por 4 plantas de biorresiduos —unha en funcionamento, a de Cerceda, e tres que construirá a Xunta en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín— e 13 plantas de transferencia, como a que se instalará en Arbo.

‘Descubrindo Gondomar’, unha nova e divertida forma de coñecer o municipio do Val Miñor

A Concellería de Turismo, dirixida por Rocío Goberna, desenvolverá o próximo domingo 22 de agosto esta iniciativa cuxo obxectivo é dar a coñecer os principais atractivos de Gondomar a través dunha divertida caza do tesouro que se realizará por grupos. A actividade, pensada principalmente para familias con nenos e nenas, ten como obxectivo dar a coñecer a contorna do municipio de forma amena e facilitando unha xornada de lecer e encontro familiar neste tempo de verán.

Os equipos deberán ter un mínimo de dous integrantes e un máximo de cinco, establecéndose dúas categorías: a dos ‘Pequenos Castores’, na que polo menos debe haber un menor de 12 anos e, a categoría ‘Exploradores’ onde os seus integrantes son maiores de 12 anos. Unha vez establecidos os grupos só serán necesarias moitas ganas de pasalo ben e que veñan con roupa e calzado cómodo para cubrir o percorrido previsto no que deberán, seguindo as instrucións dun mapa que se lles facilitará na saída, localizar unha serie de puntos de control nos que se ocultan “pequenas recompensas”.

Cada un dos participantes establecerá a súa folla de roteiro e poderá cubrila como lle resulte máis doado para o grupo ou para facerse cos puntos. A proba ten unha duración prevista de dúas horas e media e, segundo a organización, “non deben esquecer o compoñente estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo como claves para finalizar con éxito”.

Inscricións

O prazo de inscrición arrinca hoxe, 29 de xullo, e manterase aberto ata o 10 de agosto. Todos os interesados poderán inscribirse a través do correo electrónico [email protected], ao que deberán remitir o nome do equipo, o número de integrantes, así como o DNI e data de nacemento de cada un deles. Ademais deberán facilitarse un correo e un teléfono de contacto. Para máis información poderán chamar ao teléfono 678 874 985.

A oficina de turismo de Oia acolle unha exposición do artista Armando Castro

0

A oficina de turismo de Oia acolle durante o mes de agosto a exposición de pintura e escultura ‘Paisajes en la mente’, o último traballo do artista Armando Castro. A mostra poderá visitarse na sala de exposicións da oficina de turismo (primeiro andar do edificio situado na Praza Centinela, no barrio histórico do Arrabal) a partir do próximo domingo 1 de agosto e ata final de mes. Os horarios de apertura ao público serán luns e martes de 12.00 a 17.00 horas e o resto de días da semana (de mércores a domingo) de 10.00 a 20.00 horas.

“Paisajes en la mente” é unha serie de pinturas e debuxos en pequeno formato que comeza en 2019 e continúa ata a actualidade. É produto dunha evolución reflexiva do autor e supón un cambio profundo tanto na concepción da súa obra como no xeito de abordala.

Entre outras características, a cor negra toma relevancia e os obxectos e elementos de materia participan na propia obra. Pola súa banda, o proceso creativo baséase na improvisación: non hai estudo nin bosquexo previo.

Armando Castro (Vigo, 1959) é pintor, escultor e deseñador. Artista plástico autodidacta, individualista e introspectivo, na súa obra propón unha realidade descrita pola súa propia conciencia cunha linguaxe visual contemporánea e autónoma.

O Rosal lanza a web da súa Memoria Viva

0

O Concello de O Rosal lanzou a web do proxecto de memoria e patrimonio inmaterial Memoria Viva, un traballo plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda dos bens intanxible do municipio, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

Nesta páxina estarán dispoñibles os vídeos documentais das persoas de idade que participen, nos que se recollen os coñecementos relativos a unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese. Ademais, tamén poderán atoparse os libros de pequeno formato de cada un dos participantes, para ler na páxina ou descargable en formato pdf e epub para libro electrónico. Nesta primeira edición o Concello contou coa inestimable colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación.

Nemesio é un pequeno gran home. Forma parte do legado do Rosal e non só polo seu vínculo especial cun valor patrimonial fundamental para o noso pobo como son os muíños. Moi faladeiro, o dono do último muíño activo do Folón e do Picón, fala sempre da súa terra e dos rosaleiros e rosaleiras con orgullo e paixón.

Marcola é unha muller avanzada aos seus tempos, que sempre foi un paso por diante da realidade que lle tocou vivir, rachando barreiras e teitos de cristal. A súa é unha historia de impoñerse aos tempos, á idade, ás adversidades e a calquera que a considerara unha persoa do montón.

A alcadesa de O Rosal, Ánxela Fernández, destacou que este proxecto “nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”.

A Eurocidade tende unha nova ponte cultural entre Tui e Valença

A maxia de distinta disciplinas artistas conquistou a pasada fin de semana a Eurocidade Tui-Valença co I Festival de Artes de Rúa, co que se tendeu unha nova ponte cultural entre ambos municipio.

Trátase dun evento único pola súa singularidade ao celebrarse simultáneamente en dúas cidades de dous países. Trátase do primeiro evento organizado conxunta e directamente polo Concello de Tui e pola Cámara de Valença, institucións públicas con distinto marco legal, formas distintas de traballar e distintos protocolos,… diferenzas que se souberon superar, e incluso converter en fortaleza e un punto máis de encontro dous pobos que dende hai séculos manteñen unha estreita relación.

O Festival de Artes de Rúa forma parte do proxecto Unicidade, co-financiado polo programa Interreg V-A, Espanha-Portugal, 2014-2020. Grazas a estes fondos europeos foi posible por en marcha un evento, nunhas circunstancias complicadas, coma é esta época de pandemia na que nos atopamos, e superar esas dificultades para convertelas en fortalezas de cara a vindeiras edicións.

Rúas e prazas foron o escenario para diversos artistas de teatro, clown, música… que atoparon a complicidade do público nos seus espectáculos.

Finalmente desenvolvéronse 22 funcións, xa dúas tiveron que se suspendidas, as que se celebraron no Jardim das Amoreiras e no Largo do Governo Municipal na Fortaleza de Valença, e no Paseo da Corredoira, o Paseo Fluvial e a Praza da Misericordia en Tui. Tamén o auditorio da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença xunto ao Teatro Municipal e o pavillón do IES San Paio en Tui acolleron os espectáculos que foi preciso trasladar debido á choiva. O festival contou cun protocolo covid nunha aposta pola cultura segura.

O público familiar foi o gran destinatario da programación prevista nun festival que aúnou distintas artes escénicas. Mamá Cabra e A Gramola Gominola ofreceron os concertos de maior capacidade, mentres a música de Farra Fanfarra e BrassDass soou por rúas e prazas.

Antón Choucheiro, Pajarito, Clown Enano, David Gonçalves, Arsenio Baruffi, Fredi&Cia, e Circo Chosco mesturaron nos seus espectáculo teatro, acrobacias, malabares, … enchendo de animación a fin de semana na Eurocidade.

O Concello de Tui e a Cámara de Valença destacan amais a colaboración prestada para o desenvolvemento ás persoas que colaboraron coma voluntarios en Valença, ao grupo Scouts Alhoia e a Protección Civil de Tui. O esforzo do persoal municipal de ambos concellos e a empresa encargada da produción xunto a boa resposta do público permiten realizar un balance satisfactorio do evento.

Este Festival é o primeiro proxecto que no marco da Eurocidade supón a organización conxunta e directa por parte do Concello de Tui e da Cámara de Valença. Un festival co que suman un atractivo máis a este territorio transfronteirizo, no que se une o patrimonio, a cultura, a natureza e a historia.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destaca a nova ponte tendida entre ambos municipios a través desta primeira experiencia organizada conxuntamente. O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, incide nesta unión do territorio a través das artes de rúa, entre dous pobos que comparten unha historia e unha cultura común. Esta primeira edición senta as bases para afianzar o festival nos vindeiros, e traballar en novos proxectos conxuntos coma Eurocidade.

Tras pechar exitosamente esta primeira edición Tui e Valença comezan xa a traballar no II Festival Internacional de Artes de Rúa para 2022.

Chega a Tomiño a IX edición do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández

0

A novena edición Certame De Pintura Ao Aire Libre Antonio Fernández Eurocidade Cerveira-Tomiño, reunirá unha vez máis a varias decenas de artistas plásticos de Galicia e Portugal.

Organizado pola Eurocidade, o certame terá lugar o 22 de agosto en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira, segundo acordo adoptado pola xunta de goberno do día 26 de xullo de 2021.

Poderán participar todas as persoas maiores de idade e nenos e nenas acompañados por adultos, que serán os seus responsables en todo momento.

O tema será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar da páxina web da Eurocidade O procedemento e a técnica serán libres.

A obra deberá realizarse ao aire libre, do natural (non se permite a utilización de fotografías) e in situ. O incumprimento por parte dos participantes desta norma suporá a descualificación automática do concurso.

A inscrición será gratuíta e farase dende o día de publicación das bases ata o 20 de agosto (incluído) a través da páxina web da Eurocidade por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19 a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online. Non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame.

As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.

Poden consultarse as bases completas na páxina web do Concello de Tomiño (www.tomino.gal).

Mos instala o segundo ‘hotel’ para insectos de Galicia

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Julia Loureiro, visitaron o novo ‘hotel’ de insectos instalado desde o mércores na Veigadaña e que, xunto co que existe na Illa de Sálvora, son os únicos de Galicia. Este peculiar hotel forma parte das actuacións que está a desenvolver o alumnado do Obradoiro Municipal de Emprego Mos Peregrino no tramo do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso por Mos.

Ademais do hotel de insectos, as alumnas e alumnos do Obradoiro realizaron tamén na Veigadaña un muro e un área de descanso que están a piques de rematar. Na contorna do Pazo de Mos, na subida do Camiño da Rúa, recuperaron un lavadorio; e ao longo de todo o trazado do Camiño ao seu paso polo municipio instalaron un total de 10 papeleiras e 5 bancos de madeira coa característica flecha amarela emblema do Camiño. Actuacións que seguirán a ser complementadas por outras que se irán desenvolvendo ata que remate o Obradoiro, como unha mellora prevista na zona dos Cabaleiros, parroquia de Mos.

Hotel para insectos

O hotel de insectos mosense foi realizado e instalado polo alumnado pertencente á especialidade de Carpintería do Obradoiro Mos Peregrino que se encargaron de todo o proceso, desde o deseño e elaboración ata de enchelo co material adecuado para os insectos, e por último, da instalación no lugar elixido no proxecto do Obradoiro.

Click para ampliar

Os hoteis de insectos son estruturas que moitos insectos empregan como refuxio, como as mariquitas, larvas de escaravellos, abellas e vespas solitarias, que os utilizan para construír as celas onde se reproducirán. Estes insectos o que buscan son buracos e galerías, que normalmente realizan en madeira morta, pero ao eliminar esta madeira dos bosques xérase un grave impacto en todas as especies que dependen dela.

Os hoteis de insectos son unha forma de compensar a carencia de ocos naturais achegándoos de forma artificial. O material que se emprega, é material que teña ocos para que poida ser utilizado polas especies, xa que é nos buracos onde se introducen todos os insectos.

No caso do hotel mosense o material usado foron canas, ladrillo, piñas, pico ou arume dos piñeiros, e refugallos reciclados do monte (tronco de piñeiro e ramas). O ladrillo é o material máis utilizado polas abellas, o resto de material utilízase de forma indiferente polo resto de insectos, os buracos non deben ser moi grandes para protexer ás larvas e insectos do interior, dos depredadores naturais.

Cos hoteis de insectos preténdese atraer aos insectos beneficiosos para que desenvolvan as súas funcións como organismos auxiliares contra pragas de plantas, ou como axentes de polinización.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, felicita a Nuria Gesteira polo seu segundo premio no Día do Traxe

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, felicita a veciña de Ponteareas Nuria Gesteira polo seu segundo premio no Día do Traxe de Galicia. A propietaria de AdobiArte foi premiada en Santiago de Compostela polo boa factura do seu traxe tradicional de O Condado-Paradanta.

O traxe que luciu Nuria Gesteira foi confeccionado a man polo tecelán Carlos Díaz. Está inspirado nas pezas orixinais antigas, como a saia de picote riscado de Ribadetea, a beixeira de picote rodo vermello de Fozara, a lera de raias de Santiago de Oliveira… e os requirimentos xudiciais de mediados do século XIX, como o dengue morada das Achas, e o mandil de burel de Arbo.

Ademais o traxe tamén tiña complementos familiares, como o pano de cabeza de Santiago de Oliveira de herdanza paterna, e as arracadas de estampación en ouro de Meirol (Mondariz) que recibiu por vía materna.

A Escola de Música de Xinzo abre o prazo de matriculación

A Escola de Música de Xinzo deu comezo ao período de inscrición para o próximo curso. Dende o pasado 15 de xullo, os novos alumnos xa poden matricularse nas clases de Linguaxe Musical e de Instrumento, ao que se suma a posibilidade de entrar a formar parte da Banda de Música Infantil.

Tamén os máis pequenos, nenos e nenas de entre 5 e 7 anos, teñen a oportunidade de inscribirse no Xardín Musical para aprender música dende unha idade temperá. Farano mediante un método lúdico que os axude a entrar en contacto por primeira vez con instrumentos de vento ou percusión, ademais de recibir clases de Linguaxe Musical.

O prazo para realizar a matrícula conclúe o próximo 31 de agosto. A presentación do novo curso, xunto coa elección de horarios, será o 6 de setembro ás 20:00h no local da Escola, situado no Centro Cultural de Xinzo.

Para máis información, é posible contactar coa Escola de Música a través dos números de teléfono 620 061 434 e 652 174 676, ou ben escribir á dirección de correo electrónico [email protected].

Gondomar despide ou seu campamento urbán “Gondoverán”

0

O campamento de Gondomar cubriu as súas cen prazas aos poucos días de abrirse os prazos de inscrición e desenvolveuse nas dúas quincenas do mes de xullo, con grupos diferenciados como “burbullas” e mantendo en todo momento as normas estipuladas pola normativa Covid-19 vixente no momento.

Unha situación que non impediu aos pequenos e pequenas sacar o maior partido das numerosas actividades que se desenvolveron durante a súa participación en “Gondoverán”, nas que non faltaron as excursións, os xogos, procuras de tesouro ou manualidades de todo tipo.

Baixo o lema “Por arte de maxia” desenvolveuse un programa completo centrado en potenciar valores baseados na empatía, a cooperación e na educación baseada na igualdade e hábitos saudables.

O alcalde agradeceu o traballo realizado polos monitores e monitoras durante todo o mes e recoñeceu o esforzo que supuxo traballar mantendo cada grupo burbulla “pensando sempre no mellor para os nosos pequenos e pequenas, e garantindo en todo momento a seguridade e a súa integridade”.

Unha filosofía que se mantivo ata o último día no que responsables do Sergas, en coordinación co Centro de Información da Muller (CIM), achegáronse ata o colexio Chano Piñeiro -base do Gondoverán- onde se ofreceu a oportunidade de realizar un cribado voluntario aos participantes.

Aprobada a solicitude de asfaltado do firme da N-120 ao seu paso pola Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse o pasado martes 27 de xullo no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana co Secretario General de Infraestruturas, Sergio Vázquez.

Nesta reunión informóuselle de que a Secretaría de Estado da luz verde á solicitude do reasfaltado do firme da N-120, en todo o tramo urbano e noutros especialmente deteriorados da estrada ata o túnel, no termo municipal de Covelo, cun investimento de 800.000€.

Dende a apertura do Tunel de Folgoso, a principios de maio deste ano, dende a alcaldía se estivo traballando para conseguir que se reasfaltara o firme en toda a travesía da N-120 ao seu paso pola Cañiza ademáis doutros tramos xa fora do casco urbano.

O pasado 4 de maio, o alcalde notificou oficialmente á Secretaría de Estado de Transportes,  á Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia e en Pontevedra e a Delegación do Goberno de España en Galicia e Subdelegación de Pontevedra, do estado intransitable en que quedou o firme da estrada Nacional 120 na súa travesía polo casco urbano da Cañiza, con motivo do peche do túnel da A-52 Rías Baixas en sentido Vigo Ourense.

O túnel de O Folgoso estivo pechado durante 3 meses, dende o 21 de xaneiro ao 30 de abril, debido ao accidente dun camión de grandes dimensións  que se incendiou dentro do túnel, provocando graves danos nas súas infraestruturas.

O peche obrigou a desviar todo o tráfico da Autovía pola N-120, ocasionando un importante deterioro na calzada que non estaba preparada para absorber tal volume e densidade de tráfico.  

Esta problemática foi tratada nunha reunión de traballo celebrada o pasado 20 de maio na Subdelegación do Goberno en Pontevedra na que estiveron presentes ademáis do alcalde Luis Piña e a subdelegada Maica Larriba, os máximos responsables de estradas do Estado en Galicia e Pontevedra, Ángel González e Pablo Domínguez.  Na reunión celebrada onte en Madrid tamén participaron pero por videoconferencia. A mesa de traballo completouse coa asistencia dos asesores do Secretario de Estado e o asesor da Ministra.

Despois desta xuntanza o Secretario de Estado reuniuse co alcalde para tratar sobre outros temas de interese para o Concello da Cañiza, relacionados con obras en infraestruturas.

Novas achegas da Deputación para Mondariz-Balneario, Ponteareas, Gondomar, Mos, O Rosal e A Guarda

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe recursos por 7 millóns de euros que chegarán a 23 concellos da provincia. A Xunta de Goberno deu vía libre a proxectos de infraestruturas para Cangas, Sanxenxo, Silleda, Dozón e Ribadumia por tres millóns de euros (2.897.706 €), e aprobou case outros catro millóns (3.936.550 €) no marco do Plan Concellos “para obras de pavimentación, urbanización, saneamento e rehabilitación e ampliación de edificios, entre outras actuacións”, segundo informou a presidenta provincial, Carmela Silva. Das axudas do plan provincial beneficiaranse 19 municipios: Rodeiro, Lalín, Valga, Pontecesures, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Campo Lameiro, A Lama, Ponte Caldelas, Poio, Vilaboa, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Gondomar, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior, O Rosal e A Guarda.

4 concellos do Deza recibirán recursos por 1,3 millóns de euros (1.312.400 €). No marco do plan provincial a Rodeiro irán 389.300 euros paramellorar camiños nas parroquias de Asperelo, Camba, Carboentes, Guillar, Pedroso e Portela. Ademais, Lalín levará a cabo dúas actuacións con 280.000 euros: oproxecto de urbanización de parte do tramo entre a Estrada de Rodeiro e a Rúa Calzada (200.000 €), e subministrará e colocará taboleiros de anuncios nas parroquias (80.000 €). Tamén foi aprobado o expediente de contratación do esperado proxecto de infraestruturas da mellora da intersección mediante rotonda na EP-7201 en Cachafeiro, en Silleda, cun orzamento de 273.100 euros e un prazo de execución de cinco meses, co que xa está listo para saír a adxudicación. Tamén se aprobou o proxecto de reposición do firme na EP-6106 Maceiras-Alvarellos, en Dozón, cun orzamento de 370.000€.

5 concellos do Salnés recibirán achegas por 2,2 millóns de euros(2.234.300 €). Co Plan Concellos Valga contará cun total de 509.200 euros cos que financiará catro actuacións: a pavimentación de estradas municipais (196.000 €), o saneamento (120.700 €), a construción dun parque de xogos infantís no entorno da Mina Mercedes, na parroquia de Campaña (102.300 €) e o acondicionamento do parque Irmáns Dios Mosquera xunto co remate de aseos e substitución dun valo perimetral (90.200€). Pola súa banda, para Pontecesures foi aprobada unha achega de 92.500 euros para acondicionar e mellorar diversas rúas e zonas. Ademais, a Xunta de Goberno aprobou 75.500 euros para o proxecto de valoración da asistencia técnica de expropiacións: mellora do sistema de saneamento en Vilanova de Arousa. As achegas do Plan tamén chegan a Sanxenxo cunha subvención de 337.700 euros, cos que se pavimentará o viario que une Vinquiño e Contumil, en Nantes, ampliando a plataforma e construíndo unha senda peonil.Para este concello foi aprobado tamén o expediente de contratación do proxecto de mellora da seguridade viaria e senda peonil na EP-9212 entre Noalla e a praia da Lanzada, que queda listo para adxudicar. Conta cun orzamento de 910.600 euros e un prazo de execución de cinco meses. Na área de infraestruturas tamén deuse luz verde ao proxecto de mellora e dotación de servicios das rúas 2 e 3 na urbanización Santa Eulalia, en Ribadumia, cuxo orzamento é de 308.800 euros.

Na comarca de Pontevedra ogoberno aprobou máis de medio millón de euros (550.700 €) ao abeiro do Plan Concellos para outros cinco municipios. A Campo Lameiro irán 108.000 euros para actuacións en camiños de Cimadevila, Moraño, Paredes, Calexón e Congostra, Camiño Laxe e Redonde. A Lama contará con 64.800 euros para un centro de interpretación da natureza e o medio ambiente.77.000 euros chegarán a Ponte Caldelas para o acondicionamento dunha zona verde; e 180.900 euros a Poio, cos que recuperará os entornos tradicionais do Camiño Casal. Ademais, Vilaboa reasfaltará viarios municipais en Postemirón, O Costal e O Muíño grazas a unha achega de 120.000 euros

Os recursos do Plan Concellos chegan tamén ás comarcas de Vigo, do Baixo Miño e do Val Miñor por 1,7 millóns de euros (1.701.650 €). Mondariz-Balneario contará con 143.200 euros para rehabilitar a cuberta e a fachada da casa consistorial e Ponteareas 186.850 euros para a rehabilitación enerxética da envolvente térmica e reforma interior da casa do concello. Pola súa banda, a Gondomar 234.350 euros para reformar o cruce da Avenida Conde de Gondomar coa rúa Emigrante (60.750 €) e o cruce da rúa Elduayen coa rúa Ángel Urzaiz (173.600 €).Mos poderá ampliar a rede de saneamento integral nas parroquias de Sanguiñeda e Petelos grazas a unha achega de 137.900 euros. Para Pazos de Borbén 90.800 euros para dotar de saneamento ao lugar de Pazos. Soutomaior realizará cos 348.600 euros que se achegan: a humanización da rúa Peirao-Arcade (183.000 €), habilitará unha edificación para un local multifuncional en Moreira (91.400 €) e mellorará e pavimentará o acceso á Igrexa de Soutomaior (74.200 €).O Rosal 388.600 euros para a ampliación da praza de abastos a través dunha nova construción conectada ao mercado, e A Guarda adecuará a planta baixo cuberta do edificio no que o concello ten a sede cunha achega de 171.350 euros.

Do mesmo xeito, na comarca do Morrazo os recursos provinciais chegan a Cangas coa aprobación do expediente de contratación para a mellora da seguridade peonil na EP-1005 Viso-O Hío, un proxecto que, como sinalou Carmela Silva, era unha demanda histórica no concello” e que ten un orzamento ascende a 1.035.200 euros e un prazo de execución de seis meses. A actuación xa está lista para ser adxudicada.

“Aquí e agora” é a nova campaña da Deputación para apoiar ao comercio local

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe a nova campaña coa que a institución provincial volve amosar unha vez máis o seu constante apoio aos comercios locais e de proximidade, especialmente nuns tempos tan duros para o sector. Carmela Silva asegurou que “incidimos na importancia de incentivar o consumo nos nosos comercios para revitalizar a nosa economía e así xerar riqueza e emprego”. O lema da campaña é “Comercio local aquí e agora”, e con ela a Deputación “anima a veciñanza e persoas que nos visitan a que merquen nas tendas de proximidade, prazas e mercados das nosas vilas e cidades, e a que aposten polo produto e polas marcas locais”. A campaña, ademais, pon en valor a atención próxima e trato afable que ofrecen os nosos establecementos.

A nova acción de apoio ao comercio local está baseada en tres eixos fundamentais: a sostibilidade, a importancia e a seguridade. En canto ao primeiro punto, Carmela Silva lembrou que “apostar polo comercio local é apostar polo consumo responsable e a conservación do noso territorio, xa que mercando nas tendas dos nosos barrios velamos polo medio ambiente ao evitar desprazamentos prexudiciais para o medio ou envíos desde outras zonas do planeta”. No que ten que ver coa importancia destes comercios, a presidenta lembrou a existencia na provincia de “5 denominacións de orixe, unha ducia de indicacións xeográficas protexidas, e tamén a extraordinaria calidade dos nosos produtos do mar e da terra e de industrias como o téxtil”, así como o feito de que na provincia está “o 36% dos pequenos e medianos negocios de toda Galicia, 11.000, polo que teñen un enorme peso. A súa recuperación precisa do compromiso de todas e todos”. Do mesmo xeito, a campaña pon o foco na seguridade dos comercios, “que tomaron todas as medidas para garantila e agora somos nós quen nos poñemos do seu lado”.

Comercio local aquí e agora”, que se difundirá a partir deste venres a través das canles institucionais da Deputación de Pontevedra así como en medios impresos, dixitais e radiofónicos, está composta por unha serie de mensaxes nas que se incide nos conceptos aquí (o que mercas xera riqueza aquí, aquí é onde podes atopar os produtos locais, telo aquí sen necesidade de desprazamentos prexudiciais para o medio, aquí atoparás o trato afable da nosa xente) e agora (agora é o momento de apoiar o noso comercio, o que mercas gózalo agora sen necesidade de esperar envíos, agora podes gozar da experiencia de percorrer os nosos locais e gozar dos produtos de proximidade).

Esta nova iniciativa da Deputación é a continuación doutras accións de apoio ao comercio local, que como valorou a presidenta provincial “vén de lonxe”. Entre elas están as campañas “Pontevedra provincia na túa cesta”,  “Elixe comercio local”, “Agora máis que nunca non perdas a proximidade” ou as accións anuais de apoio ás mulleres que desenvolven traballos no sector primario “Elas son a forza do Nadal”.

Compostaxe en Arbo para os máis cativos

0

As actividades educativas do Revitaliza están, efectivamente, destinadas a nenos de Infantil, Primaria e Secundaria nos campamentos urbanos, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica para facerlles máis alcanzables os conceptos a estes nenos e nenas, que están  a gozar do seu período vacacional.

As actividades amosan como facer para xerar os mínimos residuos posibles e axudar a coidar o medio ambiente. Así aprenden que a reciclaxe dos restos de cociñar e das comidas, das podas dos xardíns e as hortas, faise de forma natural e económica mediante a compostaxe.

Traballarando sempre no campamento con grupos reducidos para garantir a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares, e coa colaboración da monitoras, realizaronse varios grupos no mesmo día.

O Concello de Arbo, xa puxo en practica o coidado do medio ambiente entre a poboación, repartindo un total de 130 composteiros, e espera seguir estendendo esta practica entre os arbenses.

A Concellería de Servizos Sociais lamenta que o PP de Redondela “minta sen ningún tipo de pudor” sobre as axudas ao CIM

0

A Concellería de Servizos Sociais, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, lamentou que o Partido Popular de Redondela “minta sen ningún tipo de pudor” sobre as axudas ao CIM e as cantidades que o Concello deberá reintegrar á Consellería de Emprego por horas non utilizadas “unha circunstancia que, dende o cambio de normativa por parte da Xunta, no 2016, é habitual”.

A redución de horas de prestación por parte da psicóloga e da axente de igualdade, no período subvencionable 2019-2020. fixo que dos 45.000 euros que tiña subvencionados o CIM para ámbolos dous cometidos, tivera que reintegrar 1.631 euros. Do mesmo xeito, no período 2020-2021 houbo menos horas de prestación tanto da psicóloga como da axente de igualdade e da avogada que estivo sen servizo, polo que a devolución para este período foi de 7.057,95 euros.

Para a alcaldesa Digna Rivas, as declaracións da portavoz popular na prensa afirmando textualmente que “non hai precedentes dunha circunstancia como esta en Redondela” son dunha “total e absoluta desvergoña amais dunha falta de respecto á veciñanza á que se quere enganar por calquera medio posible recorrendo, incluso, á mentira máis descarada”.

Esquécese a portavoz do PP, asegura a alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, “que gobernando o seu partido e con ela de responsable de Servizos Sociais, tan só no período 2018-2019, o Goberno popular tivo que reintegrar 9,243,72 euros, que sumados aos realizados no 2016 e 2017, supoñen máis de 10.000 euros”.

“Recorrer ao engano e a falsidade nunca foi unha boa idea e menos cando hai informes, como os propios do CIM, que encárganse por si sos de deixar en evidencia o torpe intento da portavoz popular de desprestixiar ao Goberno local”, afirma Digna Rivas. “Xogar coa falsidade e a mentira nun tema de extrema sensibilidade como é o dos Servizos Sociais, fala ben ás claras da política que fai o PP dende a oposición”.

Doutra banda, a concelleira de Servizos Sociais considera “inadmisible e incualificable” que a portavoz popular fale de “deixadez” con respecto ás mulleres vítimas de violencia machista “cando foi sempre unha prioridade deste Goberno, e así o temos demostrado”. O propio informe do CIM sinala que a subvención que a concelleira popular da como perdida “non ten aínda resolución nin denegatoria nin de espera”.

Podería pensarse, afirma por último Digna Rivas, “que a voceira do PP dispón, sobre este tema, de máis información directa da Xunta de Galicia que o propio Goberno local, algo que sería unha mostra máis da descortesía institucional con que o Goberno galego ven tratando a Redondela e a súa veciñanza”.

Ponteareas abre un proceso participativo para o proxecto de mellora da rúa da Braña

Imaxe de arquivo da rúa da Braña

O Concello de Ponteareas iniciou os traballos de redacción do proxecto de transformación e mellora da rúa da Braña e, con el, un proceso participativo para que residentes, comerciantes e asociacións poidan achegar as súas suxestións e propostas. O proceso de transformación da rúa comezou hai xa un ano, momento no que o Concello realizou melloras na contorna co obxectivo de recuperar espazos públicos para o goce da veciñanza, gañar espazos peonís e reducir o tráfico motorizado, o que supuxo unha melloría da mobilidade a pé e da seguridade viaria e unha redución da contaminación atmosférica e acústica.

Tras estas actuacións previas, o Concello comeza a redacción do proxecto de transformación e mellora da rúa, “que permitirá no futuro inmediato levar a cabo unha remodelación coa que mellorar a calidade de vida da poboación, especialmente de residentes e comerciantes”, como sinala o concelleiro de Mobilidade e Participación Cidadá, Roberto Mera.

Estes traballos de transformación buscan converter a rúa da Braña nunha rúa pensada para as persoas, con amplos espazos de tránsito peonil e de estancia e relación social, dotada de elementos como bancos, nova iluminación ou panel informativo dixital. Unha rúa amábel que garanta a accesibilidade das persoas con diversidade funcional e que conte tamén con pavimentos de calidade, arborado e sombra, axardinamento e papeleiras. Ademais, o proxecto deseñarase pensando na convivencia das persoas co tráfico motorizado de necesidade, como accesos a garaxes, carga e descarga, mensaxería e reparto, servizos, emerxencias… facilitando e potenciando así a actividade comercial e garantido a seguridade das persoas.

Aquelas persoas ou colectivos que queiran achegar as súas ideas, preferencias e opinións poderán facelo ata o vindeiro 8 de agosto a través do correo [email protected] ou no Rexistro Xeral do Concello. Unha vez redactado o proxecto, darase a coñecer á poboación e, se a situación

sanitaria o permite, celebrarase un encontro aberto a toda a veciñanza para a súa presentación e para unha nova recollida de opinións e suxestións.

Continúan abertos os prazos de solicitude de axudas para comedor escolar e libros e material curricular en Redondela

0

O Concello de Redondela vén de lembrar a todas as interesadas e interesados que aínda permanece aberto prazo para solicitar axudas de comedor escolar e para a adquisición de libros e material curricular para o alumnado de educación infantil da segunda etapa (de 3 a 5 anos) para o curso 2021/2022.

No caso das axudas para o comedor escolar, o prazo pecharase o día 23 de agosto e están destinadas ás unidades familiares e de convivencia cuxas menores ou menores estean escolarizadas en centros públicos do concello de Redondela e que cursen o 2º ciclo de Educación Infantil ou Educación Primaria.

As axudas cubrirán o período comprendido dende o comezo do curso escolar en setembro de 2021 e ata o remate do curso escolar, en xuño do 2022, aínda que se teñen en conta as posibles prórrogas por alertas sanitarias ou de outro tipo. As bases, ao completo, poden consultarse no BOPPO (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra) nº 137 do martes, 21 de xullo de 2021.

Adquisición de libros e material escolar

O prazo para as axudas destinadas á adquisición de libros e material curricular para alumnado de Educación Infantil da segunda etapa de (3 a 5 anos), estará aberto ata o día 10 de agosto e están destinadas a colectivos con carencias económicas, co fin de paliar os gastos que supoñen a escolarización dos membros da familia.

Con estas axudas subvenciónanse a adquisición de libros e material escolar de Educación Infantil (segunda etapa) para o alumnado matriculado en centros docentes públicos de Redondela. Outórganse respectando os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade establecendo un procedemento que tenta ser áxil, eficaz e breve no tempo.

As bases poden consultarse no BOPPO nº 138 do mércores 21 de xullo de 2021

A Deputación destaca o protagonismo dos concellos na pegada histórica do Camiño de Santiago

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, incidiu no papel fundamental dos concellos e do mundo local na pegada histórica e a repercusión que acadou o Camiño de Santiago, ao manifestar que “fixeron dos Camiños un sinal de identidade, xunto a outros, e é preciso valorizar todo o que achegan”. A máxima responsable da institución provincial encargouse de moderar a mesa redonda “Os Concellos no Camiño de Santiago. Presente e futuro”, xunto ás alcaldesas de Meis, Allariz, Vimianzo e Barreiros, no marco da xornada de presentación do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 en Santiago á que asistiu a  ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto e o Secretario de Estado, Fernando Valdés.

Carmela Silva destacou a “forte pegada cultural, histórica, social, económica e patrimonial do Camiño no territorio”, e puxo en valor o protagonismo dos concellos nun acto ao que asistiron o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro; parlamentarios e parlamentarias, presidentes das Deputacións, e moitos alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra.. “O Xacobeo, dixo a presidenta, son os concellos. O Camiño é un elemento de unión e posta en común duns valores cos que nos sentimos representados, e os concellos convertérono nun dos seus sinais de identidade”.

Carmela Silva celebrou que a mesa redonda tivera a cinco mulleres como protagonistas e resaltou, tras escoitar as reflexións das rexedoras, que “teñen un modelo claro, baseado na sostibilidade e a creación de riqueza”. Advertiu, neste sentido, de que “os concellos deben ter un modelo de financiamento claro para o Camiño, un modelo de cogobernanza no que participar activamente; e traballar para que a veciñanza se sinta copartícipe e non haxa rexeitamento pola súa parte”. “O Camiño non é patrimonio de ningunha Administración, senón de todos”, anotou.

Achegas das alcaldesas

A alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Ermida, remarcou a importancia das rutas xacobeas para o rural e defendeu un modelo de turismo de baixo impacto ambiental. Avisou de que “os concellos temos moito que dicir, pero non podemos facernos cargo de infraestruturas de alto custo”. Mónica Rodríguez, rexedora de Vimianzo, amosou a súa inquedanza polo despoboamento e situou o Camiño como elemento potenciador do territorio. “Temos que coidalo, presumir do rural, cultura, lendas… traballar en equipo e coa veciñanza”, e reclamou que os concellos poidan xesionar “sabendo de antemán os recursos dos que disporán”. Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, tamén insistiu no traballo conxunto e considera necesarias as subvencións para revitalizar a economía. O concello apostou polo turismo cultural. “O noso patrimonio está ben valorado e é un recurso que temos que fomentar”. Finalmente, Marta Giráldez, rexedora de Meis e presidenta da Mancomunidade do Salnés, destacou o “tremendo potencial do Camiño” para a comarca, que traballa para potenciar os recursos vencellados á Variante Espiritual do Salnés. “O Camiño favorece o crecemento económico e esperamos recuperar axiña as cifras anteriores á pandemia”, apuntou.

A voz dos concellos

A presidenta da Deputación agradeceu á ministra de Turismo e ao secretario de Estado a celebración das xornadas para presentar o Plan Nacional de apoio ao Xacobeo “escoitando a voz dos concellos”. Agradeceu ao Goberno “a aposta tan importante de financiación e apoio a todo o que ver co Camiño e o patrimonio, a promoción dunha ruta que nos identifica como galegos e tamén identifica a todo Estado”. Neste sentido celebrou que esta aposta “sirva como elemento de modernización ligado á sustentabilidade, a dixitalización e a promoción internacional”. “Nunca se apostara tanto e merece a pena porque este Camiño pode traer moita riqueza e crecemento económico”. Ademais, dirixiuse á directora xeral de Turismo, Nava Castro, e recordou que a Deputación e a Xunta traballan xuntas na Mesa do Camiño. “Quero facer un recoñecemento a que somos capaces de traballar xuntas, e esa é a forma”, indicou.

Reyes Maroto: “O Plan abrirá as portas de Galicia e España ao Mundo”

No inicio da xornada a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, destacou que o Camiño de Santiago “é un dos principais produtos turísticos de Galicia, un elemento que vertebra o territorio”, e manifestou que o Plan Nacional Xacobeo “abrirá as portas de Galicia e España ao Mundo”. A titular de Turismo destacou o forte investimento que recolle, do que unha parte importante (23 millóns) vai dedicada á recuperación do patrimonio, e resaltou tamén a aportación á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, da que forma parte, entre outras Administracións, a Deputación de Pontevedra.

“Vivimos unha semana histórica para Galicia, coa rebaixa de peaxes na AP-9 que significará un aforro de 2.300 millóns de euros, a chegada inminente do AVE, o  mantemento e aumento de porcentaxe das entregas a conta do Estado, e este Plan Xacobeo artellado en torno a un produto singular como é o Camiño de Santiago”, incidiu a ministra, para remarcar “o compromiso do Goberno con Galicia”.

O secretario de Estado, Fernando Valdés, explicou que o Plan persegue “consolidar os Camiños como referente internacional desde a sustentabilidade, a conservación do patrimonio ou as novas tecnoloxías, con 121 millóns de euros”. Ademais, sinalou que é preciso “diversificar e desestacionalizar” as rutas xacobeas e mostrouse convencido de que o Plan “vai fortalecer a imaxe do noso país”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, incidiu na transcendencia destes investimentos e melloras “nun ano especialmente difícil” , e manifestou que o Plan Nacional contempla “o investimento máis importante do Estado na historia pensando nos Camiños de Santiago”.

O esteiro de A Foz acolle hoxe e mañá o XV Nigranjazz

0

O festival Nigranjazz, organizado polo Concello de Nigrán e co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, volverá a reunir este venres e sábado na súa décimoquinta edición no esteiro de A Foz (A Ramallosa) aos músicos nacionais e internacionais con maior proxección planetaria nun ano marcado novamente polas limitacións da pandemia. Nesta cita, como novidade, Porto do Molle será o escenario da xa tradicional master-class e das jam-sessions, que por vez primeira serán en sesión vermú e no Espacio Gastronómico Mollo, arrancando este venres 30 ás 13:00 horas co batería Juan Guerrero en formato trío e o sábado co contrabaixista Xurxo Estévez tamén en trío. A entrada, como sempre, é de balde, pero deberá limitarse ao aforo e normas marcadas pola regulación sanitaria dese intre.

“É unha edición marcada todavía pola pandemia, tanto en restricións como en posibilidade de traer a músicos de fora, pero pese a todo conseguimos manter o nivel de excelencia”, explica o director, Felipe Villar. Deste xeito, once músicos galegos entre os que sobresae o aclamado pianista Iago Vázquez, seis nacionais co trompetista canario Natanael Ramos á cabeza e a Focusyear Band suíza formada por oito músicos de todo o mundo lideran a programación.

Ao igual que no 2020, esta nova edición estará especialmente consagrada aos músicos nacionais e galegos, algo xa tradicional porque sempre se mesturaron en formacións ex-profeso con outros artistas internacionais pero que este ano é máis patente todavía ante a dificultade de contratar en EEUU. Así, Ombra de Lúa, cuarteto liderado por Jordi Gaspar ao baixo e Rubén Fernández á voz con Xosé Miguelez ao saxo tenor e Max Gómez á batería, abrirán o festival o venres 30 ás 21:00 horas. Ás 22:30 horas será a actuación estelar do trompetista canario Natanael Ramos, un dos músicos máis versátiles e emerxentes de Europa, que sumará á formación a dous dos máis recoñecidos músicos galegos, Virxilio Da Silva á guitarra e Xan Campos ao piano, adicionalmente contará con Esther Van Hees á voz, Matt Adomeit ao contrabaixo e Pit Dahm á batería. Xa o sábado 31 será o turno da Focus Year Band, formada por oito músicos de todo o mundo becados no programa educativo suízo Focusyear, proxecto anual adicado a acadar a excelencia musical mediante a tutorización dos mellores maestros internacionais. A continuación, ás 22:30 horas, pechará o festival o pianista galego máis internacional, o vigués Iago Vázquez, residente en New York desde que no 2008 fose becado por The New School for Jazz Music graduándose con Honores. Vázquez tocará co xaponés Masa Kamaguchi ao contrabaixo e o italiano Luca Santaniello á batería.

[su_image_carousel source=”media: 42123,42122,42124,42125″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A tradicional master-class para todos os afeccionados ao jazz será tamén no Centro de Negocios de Porto do Molle o sábado 31 ás 11:00 horas a cargo de Focus Year Band.

“Pese a todas as dificultades deste ano, incluso máis grandes que o pasado á hora de contratar,  o Nigranjazz ofrece novamente a oportunidade de gozar de artistas que difícilmente veñen ao noroeste peninsular e de actuacións únicas porque son formacións feitas para esta ocasión”, resume o seu director.

O Nigranjazz,  desenvolvido a través de ACentralFolque,  conta como colaboradores con Cervezas Alhambra, a Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), Mollo, Gadis, a Fundación Mayeusis e Rodosa .

Festival de bandas de música na Alameda de Redondela

0

Hoxe venres 30 de xullo, a Alameda de Castelao de Redondela será escenario de diferentes actuacións musicais, dentro da programación de verán que ofrece o Concello de Redondela.

Ás 20.30 horas, e tras un pasarrúas por Alfonso XII e rúa Ribeira, terá lugar o 25 festival de bandas de música que reunirá as agrupacións de Chapela e de San Miguel de Oia.

Tras o festival, ás 21.30 horas, actuarán os Fabulosos Zebulones, unha banda homenaxe de The Beattles, cun amplo repertorio de versións dos mellores temas da agrupación de Liverpool; e os redondeláns Chaleco Reflectante, agrupación de punk/rock alternativo, con Andrés Núñez, na guitarra e voz; Alberto Cortés na batería e Nicolas Nantes, no baixo.

ActuaciónHoraLugar
Pasarrúas bandas de música20:00 horasRúa Alfonso XII e rúa Ribeira
25º Festival de bandas20:30 horasAlameda de Castelao
Los Fabulosos Zebulones Chaleco Reflectante21:30 horasAlameda de Castelao

A Policía Local de Tui iniciou onte unha campaña especial de control da zona azul

0

A Policía Local de Tui iniciará onte xoves unha campaña de especial atención na zona azul do municipio. Deste xeito búscase garantir a rotación nos vehículos estacionados nestas zonas de aparcamento gratuíto limitado no tempo ante a gran demanda que se produce nos meses de verán.

Tui dispón de máis dun centenar de prazas en Zona Azul, con estacionamento gratuíto durante un máximo de hora e media, nas rúas Augusto González Besada, Foxo e Rosa Bahamonde e as súas travesías, e en Calvo Sotelo dende o cruzamento con Augusto González Besada até o cruzamento coa rúa Maristas.  O horario da zona azul é de 9 a 14 h e de 16 a 21 h salvo domingos e festivos, segundo recolle a Ordenanza Reguladora aprobada en 2008. Neses tramos horarios ao estacionar débese colocar o disco coa hora de chegada en lugar visible no parabrisas. O disco pódese adquirir, por un prezo de 0,60€ na tesourería na casa do concello. Tamén se pode empregar o disco de zonas azuis doutros concellos.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, explica que “nos meses de verán a maior afluencia de visitantes e de veciñanza aumenta a presión sobre as prazas de aparcamento das que dispoñemos, polo que necesitamos que haxa a maior rotación posible”.

Rematadas as obras de ensanche e mellora da vía A Cova-Cañoteira

As obras de ensanche e mellora da vía A Cova Cañoteira, na parroquia das Cortellas en Ponteareas, están rematadas. A alcaldesa, Cristina Fernández, e a concelleira de Vías, Obras, e Alumedado, Chus Garrote, visitaron o tramo para certificar o bo resultado da actuación. A concelleira destacou que coa nova vía “mellórase en gran medida a accesibilidade do lugar, unha prioridade para o Concello”, xa que, ata o de agora, había moitos tramos do camiño no que soamente pasaban vehículos lixeiros e había vivendas ás que non podía chegar nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros.

O ensanche contou cun orzamento de arredor de 143.000 euros financiado con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A obra comezou a executarse tras a obtención dos permisos do Patrimonio da Xunta de Galicia e grazas á colaboración da veciñanza, que cedeu os metros precisos para proceder á ampliación da anchura do camiño. Os traballos executados pola concellaría incluíron o ensanche da estrada, a colocación de muros, a mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito de actuación e o seu posterior asfaltado. Tamén contempla a pavimentación doutro treito do camiño para dar continuidade ás pistas asfaltadas.

A concelleira Chus Garrote destaca que esta obra se suma á “longa lista” de ensanches e asfaltados acometidos polo Concello, como os xa realizados en Santa Cruz, Ribadetea; en Cillarga; A Urcela, Cristiñade; en Guillade; en Duca, Santiago de Oliveira ou Outeiro de Castro, en Fozara, entre outras moitas. “A concellaría fai importantes esforzos para dotar de maior accesibilidade aos fogares do rural e que así teñan máis e mellores servizos”, concluíu Garrote.

Este sábado A Guarda aposta polo talento creativo da comarca

0

A Mostra ten como obxectivos o apoio do talento creador da nosa comarca e o fomento do consumo responsable e de proximidade, ao mesmo tempo que se propicia un lugar de encontro que permita a cooperación e colaboración entre as persoas responsables dos diferentes proxectos que participen na Mostra.

Daniel Macua e Fátima Rodríguez, responsable de Acontravento e Concelleira de Dinamización local respectivamente, mantiveron esta semana unha reunión informativa cas participantes onde incidiron na importancia do evento tanto para os proxectos como para a nosa comarca.

“Moitos proxectos xa son máis coñecidos pero outros acaban de nacer e estas iniciativas son un pulo importante nunha época como na que estamos. Esta primeira edición estará marcada polas medidas anticovid, pero esperamos que moita xente se achegue a coñecer todos estes proxectos.” comentou Daniel Macua.

“Queremos que sexa un evento que se manteña ano tras ano e que axude a visibilizar todo o potencial que temos na nosa contorna. Aproveitamos para agradecer a tódalas participantes a súa presenza e invitar a todas e todos a achegarse este sábado.” declarou Fátima Rodríguez.

As lendas e tradicións galegas protagonistas da “Noite Meiga” de Gondomar

0

A actividade que terá lugar en Gondomar, que se desenvolverá integramente en galego, ten como obxectivo dar a coñecer parte da historia e lendas da nosa comunidade autónoma. As meigas, maruxainas, lobishomes ou a Santa Compaña serán as e os acompañantes dos once grupos -preinscritos previamente- que participarán na procura deste tesouro tan especial.

Todas eles, compostos entre 2 e 5 personas como máximo, serán convocados ás 22.00 horas na Praza da Paradela, punto de partida da aventura, e recibirán nos seus correos electrónicos as instrucións do xogo e as pistas que deben atopar ao longo dun percorrido que lles conducirá por diferentes rúas de Gondomar e a historia que nela ocúltase.

Os equipos deberán enfrontarse a un “escape sonoro” preparado para a ocasión e aqueles dous que logren superar todas as fases enfrontaranse finalmente nunha proba, que do mesmo xeito que o resto do percorrido terá como eixo central o valor do patrimonio inmaterial galego, as súas lendas e mitos ancestrais que conviven coas tradicións e costumes actuais.

A proba desenvolverase mantendo en todo momento as medidas establecidas na normativa covid19 vixente neste momento.

Tomiño pon en marcha cursos para aprender a manexar as app PassCOVID e Sergas Móbil

0

O Concello de Tomiño quere axudar á veciñanza a xestionar de xeito rápido, áxil e cómodo todas aquelas cuestións sanitarias accesibles a través das novas tecnoloxías. Por este motivo, pon a disposición dos tomiñeses a aula CeMIT, que organizará na primeira quincena de agosto varios cursos gratuítos para aprender a manexar as aplicacións PassCOVID e Sergas Móbil. “Queremos que todos os tomiñeses e tomiñesas teñan acceso á sanidade non só de forma presencial ou telefónica, senón tamén dixital, o que ten unha morea de beneficios para a veciñanza”, salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Fomentar o emprego destas aplicacións permitirá ademais axudar a desconxestionar a xestión de trámites cotiás nos centros de saúde, que nestes intres están saturados ante a alta demanda de activacións da ‘Chave 365’, necesaria para cuestións como obter o certificado de vacinación COVID. “Cada proceso leva máis de 15 minutos e aínda que nós ofrecémoslle ao Sergas poder realizar como administración este trámite de momento non é posible. Por iso queremos animar e ensinar á veciñanza a empregar estas aplicacións, que permiten realizar diferentes trámites sen ter que acudir ou chamar ao centro de saúde”, explica a rexedora.

A aula CeMIT organizará varias quendas deste curso de 2 horas de duración na que as persoas participantes poderán adaptar os horarios ás súas necesidades sempre que coincidan co horario de apertura da aula, de luns a venres de 09.30 a 13.30 horas e os martes tamén de tarde de 16.30 a 20.30 horas.

Para inscribirse só é preciso anotarse presencialmente nas instalacións da aula CeMIT, situada no Campo da Feira; chamando ao teléfono 986 62 33 04 ou enviando un correo electrónico a [email protected].