15.5 C
Pontevedra
Luns, 7 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación destaca o protagonismo dos concellos na pegada histórica do Camiño...

    A Deputación destaca o protagonismo dos concellos na pegada histórica do Camiño de Santiago

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, incidiu no papel fundamental dos concellos e do mundo local na pegada histórica e a repercusión que acadou o Camiño de Santiago, ao manifestar que “fixeron dos Camiños un sinal de identidade, xunto a outros, e é preciso valorizar todo o que achegan”. A máxima responsable da institución provincial encargouse de moderar a mesa redonda “Os Concellos no Camiño de Santiago. Presente e futuro”, xunto ás alcaldesas de Meis, Allariz, Vimianzo e Barreiros, no marco da xornada de presentación do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 en Santiago á que asistiu a  ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto e o Secretario de Estado, Fernando Valdés.

    Carmela Silva destacou a “forte pegada cultural, histórica, social, económica e patrimonial do Camiño no territorio”, e puxo en valor o protagonismo dos concellos nun acto ao que asistiron o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro; parlamentarios e parlamentarias, presidentes das Deputacións, e moitos alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra.. “O Xacobeo, dixo a presidenta, son os concellos. O Camiño é un elemento de unión e posta en común duns valores cos que nos sentimos representados, e os concellos convertérono nun dos seus sinais de identidade”.

    Carmela Silva celebrou que a mesa redonda tivera a cinco mulleres como protagonistas e resaltou, tras escoitar as reflexións das rexedoras, que “teñen un modelo claro, baseado na sostibilidade e a creación de riqueza”. Advertiu, neste sentido, de que “os concellos deben ter un modelo de financiamento claro para o Camiño, un modelo de cogobernanza no que participar activamente; e traballar para que a veciñanza se sinta copartícipe e non haxa rexeitamento pola súa parte”. “O Camiño non é patrimonio de ningunha Administración, senón de todos”, anotou.

    Achegas das alcaldesas

    A alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Ermida, remarcou a importancia das rutas xacobeas para o rural e defendeu un modelo de turismo de baixo impacto ambiental. Avisou de que “os concellos temos moito que dicir, pero non podemos facernos cargo de infraestruturas de alto custo”. Mónica Rodríguez, rexedora de Vimianzo, amosou a súa inquedanza polo despoboamento e situou o Camiño como elemento potenciador do territorio. “Temos que coidalo, presumir do rural, cultura, lendas… traballar en equipo e coa veciñanza”, e reclamou que os concellos poidan xesionar “sabendo de antemán os recursos dos que disporán”. Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, tamén insistiu no traballo conxunto e considera necesarias as subvencións para revitalizar a economía. O concello apostou polo turismo cultural. “O noso patrimonio está ben valorado e é un recurso que temos que fomentar”. Finalmente, Marta Giráldez, rexedora de Meis e presidenta da Mancomunidade do Salnés, destacou o “tremendo potencial do Camiño” para a comarca, que traballa para potenciar os recursos vencellados á Variante Espiritual do Salnés. “O Camiño favorece o crecemento económico e esperamos recuperar axiña as cifras anteriores á pandemia”, apuntou.

    A voz dos concellos

    A presidenta da Deputación agradeceu á ministra de Turismo e ao secretario de Estado a celebración das xornadas para presentar o Plan Nacional de apoio ao Xacobeo “escoitando a voz dos concellos”. Agradeceu ao Goberno “a aposta tan importante de financiación e apoio a todo o que ver co Camiño e o patrimonio, a promoción dunha ruta que nos identifica como galegos e tamén identifica a todo Estado”. Neste sentido celebrou que esta aposta “sirva como elemento de modernización ligado á sustentabilidade, a dixitalización e a promoción internacional”. “Nunca se apostara tanto e merece a pena porque este Camiño pode traer moita riqueza e crecemento económico”. Ademais, dirixiuse á directora xeral de Turismo, Nava Castro, e recordou que a Deputación e a Xunta traballan xuntas na Mesa do Camiño. “Quero facer un recoñecemento a que somos capaces de traballar xuntas, e esa é a forma”, indicou.

    Reyes Maroto: “O Plan abrirá as portas de Galicia e España ao Mundo”

    No inicio da xornada a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, destacou que o Camiño de Santiago “é un dos principais produtos turísticos de Galicia, un elemento que vertebra o territorio”, e manifestou que o Plan Nacional Xacobeo “abrirá as portas de Galicia e España ao Mundo”. A titular de Turismo destacou o forte investimento que recolle, do que unha parte importante (23 millóns) vai dedicada á recuperación do patrimonio, e resaltou tamén a aportación á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, da que forma parte, entre outras Administracións, a Deputación de Pontevedra.

    “Vivimos unha semana histórica para Galicia, coa rebaixa de peaxes na AP-9 que significará un aforro de 2.300 millóns de euros, a chegada inminente do AVE, o  mantemento e aumento de porcentaxe das entregas a conta do Estado, e este Plan Xacobeo artellado en torno a un produto singular como é o Camiño de Santiago”, incidiu a ministra, para remarcar “o compromiso do Goberno con Galicia”.

    O secretario de Estado, Fernando Valdés, explicou que o Plan persegue “consolidar os Camiños como referente internacional desde a sustentabilidade, a conservación do patrimonio ou as novas tecnoloxías, con 121 millóns de euros”. Ademais, sinalou que é preciso “diversificar e desestacionalizar” as rutas xacobeas e mostrouse convencido de que o Plan “vai fortalecer a imaxe do noso país”.

    Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, incidiu na transcendencia destes investimentos e melloras “nun ano especialmente difícil” , e manifestou que o Plan Nacional contempla “o investimento máis importante do Estado na historia pensando nos Camiños de Santiago”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.