O campamento de Gondomar cubriu as súas cen prazas aos poucos días de abrirse os prazos de inscrición e desenvolveuse nas dúas quincenas do mes de xullo, con grupos diferenciados como “burbullas” e mantendo en todo momento as normas estipuladas pola normativa Covid-19 vixente no momento.
Unha situación que non impediu aos pequenos e pequenas sacar o maior partido das numerosas actividades que se desenvolveron durante a súa participación en “Gondoverán”, nas que non faltaron as excursións, os xogos, procuras de tesouro ou manualidades de todo tipo.
Baixo o lema “Por arte de maxia” desenvolveuse un programa completo centrado en potenciar valores baseados na empatía, a cooperación e na educación baseada na igualdade e hábitos saudables.
O alcalde agradeceu o traballo realizado polos monitores e monitoras durante todo o mes e recoñeceu o esforzo que supuxo traballar mantendo cada grupo burbulla “pensando sempre no mellor para os nosos pequenos e pequenas, e garantindo en todo momento a seguridade e a súa integridade”.
Unha filosofía que se mantivo ata o último día no que responsables do Sergas, en coordinación co Centro de Información da Muller (CIM), achegáronse ata o colexio Chano Piñeiro -base do Gondoverán- onde se ofreceu a oportunidade de realizar un cribado voluntario aos participantes.