A Concellería de Servizos Sociais, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, lamentou que o Partido Popular de Redondela “minta sen ningún tipo de pudor” sobre as axudas ao CIM e as cantidades que o Concello deberá reintegrar á Consellería de Emprego por horas non utilizadas “unha circunstancia que, dende o cambio de normativa por parte da Xunta, no 2016, é habitual”.
A redución de horas de prestación por parte da psicóloga e da axente de igualdade, no período subvencionable 2019-2020. fixo que dos 45.000 euros que tiña subvencionados o CIM para ámbolos dous cometidos, tivera que reintegrar 1.631 euros. Do mesmo xeito, no período 2020-2021 houbo menos horas de prestación tanto da psicóloga como da axente de igualdade e da avogada que estivo sen servizo, polo que a devolución para este período foi de 7.057,95 euros.
Para a alcaldesa Digna Rivas, as declaracións da portavoz popular na prensa afirmando textualmente que “non hai precedentes dunha circunstancia como esta en Redondela” son dunha “total e absoluta desvergoña amais dunha falta de respecto á veciñanza á que se quere enganar por calquera medio posible recorrendo, incluso, á mentira máis descarada”.
Esquécese a portavoz do PP, asegura a alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, “que gobernando o seu partido e con ela de responsable de Servizos Sociais, tan só no período 2018-2019, o Goberno popular tivo que reintegrar 9,243,72 euros, que sumados aos realizados no 2016 e 2017, supoñen máis de 10.000 euros”.
“Recorrer ao engano e a falsidade nunca foi unha boa idea e menos cando hai informes, como os propios do CIM, que encárganse por si sos de deixar en evidencia o torpe intento da portavoz popular de desprestixiar ao Goberno local”, afirma Digna Rivas. “Xogar coa falsidade e a mentira nun tema de extrema sensibilidade como é o dos Servizos Sociais, fala ben ás claras da política que fai o PP dende a oposición”.
Doutra banda, a concelleira de Servizos Sociais considera “inadmisible e incualificable” que a portavoz popular fale de “deixadez” con respecto ás mulleres vítimas de violencia machista “cando foi sempre unha prioridade deste Goberno, e así o temos demostrado”. O propio informe do CIM sinala que a subvención que a concelleira popular da como perdida “non ten aínda resolución nin denegatoria nin de espera”.
Podería pensarse, afirma por último Digna Rivas, “que a voceira do PP dispón, sobre este tema, de máis información directa da Xunta de Galicia que o propio Goberno local, algo que sería unha mostra máis da descortesía institucional con que o Goberno galego ven tratando a Redondela e a súa veciñanza”.