13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’, nova exposición no Museo de Pontevedra

    ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’, nova exposición no Museo de Pontevedra

    A mostra, que incluirá tamén obras de Casas, Rusiñol ou Nonell, entre outros, exhibirase ata o 17 de outubro no edificio Castelao

    ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ é o título da exposición que abrirá o xoves o Museo de Pontevedra co fin de amosar a representación do universo feminino, tanto nas súas formas máis tradicionais coma nos novos territorios que a muller comeza paulatinamente a conquistar, no cambio do século XIX ao XX. Artistas coma Renoir, Sorolla, Casas, Rusiñol ou Nonell, protagonizan esta mostra comisariada por Helena Alonso, que poderá visitarse no edificio Castelao ata o 17 de outubro.

    A selección de obras  achegan ao espectador á rica e heteroxénea visión dun dos temas máis tratados polos artistas durante toda a modernidade, nun momento no que a sociedade experimenta unha serie de cambios en cuxa consecución a muller é parte fundamental. Por iso os diferentes eidos nos que ela é xa protagonista ou ben comeza a selo son plasmados de forma natural polos pintores e escultores ao redor de 1900.

    Os óleos, gouaches, debuxos e esculturas en bronce e mármore que conforman o discurso expositivo forman parte na súa totalidade dunha das coleccións privadas máis relevantes de España, a da Fundación Fran  Daurel.

    O relato desta mostra estrutúrase en torno a representación da muller en diferentes ámbitos, entre eles, en facetas de traballo asociado ao campo e ao mar, acompañada mesmo polas súas fillas e fillos, tan frecuente no naturalismo de finais do século XIX. A muller lectora é outro dos aspectos integrados na esfera intelectual, xunto coa práctica do deporte e o desexo por igualarse aos seus compañeiros na aprendizaxe e realización da pintura a plain  air.

    O ámbito privado doméstico contraponse á vontade de conquistar a cidade, onde a figura masculina perde relevancia. A iso súmase a pervivencia dos espidos, co Espido sobre o diván amarelo de Sorolla como peza destacada, ademais da diferente maneira de representar o retrato durante as décadas que anteceden e seguen ao cambio de século por algúns dos mellores  retratistas do momento, como son Francisco Masriera, Sorolla ou Ramón Casas, unido á destacada vontade de  Nonell por reflectir a parte máis desfavorecida da sociedade. O final da Primeira Guerra Mundial marca un punto de inflexión na produción artística europea. Renoir, o pintor das mulleres por antonomasia neste período, sitúa o ideal de beleza feminino xunto á Arcadia soñada. Trátase dun mundo  idílico ao que a muller, segundo promulga o artista, soubo permanecer unida, achegando con iso novos valores. Un paraíso arcádico cuxos valores trata de promover tamén Torres García, outro dos artistas que integran esta mostra.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.